Última revisión
11/10/2013
Sentencia Civil Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 83/2012 de 06 de Junio de 2013
nuevo
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Texto
Relacionados:
Voces
Jurisprudencia
Prácticos
Formularios
Resoluciones
Temas
Legislación
Tiempo de lectura: 10 min
Orden: Civil
Fecha: 06 de Junio de 2013
Tribunal: AP - Pontevedra
Núm. Cendoj: 36057370062013100408
Resumen:
RESPONSABILIDAD EXTRACONTRACTUAL
Encabezamiento
Resumen:
RESPONSABILIDAD EXTRACONTRACTUAL
Idioma:
Gallego
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00416/2013
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6 de PONTEVEDRA
S40040
C/LALÍN, NÚM. 4 - PRIMERA PLANTA - VIGO
L25618F4
Tfno.: 986817388-986817389 Fax: 986817387
N.I.G. 36057 42 1 2010 0019352
ROLLO: RECURSO DE APELACION (LECN) 0000083 /2012 b
Juzgado de procedencia: JDO. PRIMERA INSTANCIA N. 1 de VIGO
Procedimiento de origen: JUICIO VERBAL 0001355 /2010
Apelante: Elena
Procurador: MARIA VICTORIA SOÑORA ALVAREZ
Abogado: Mª BEATRIZ DE CACERES DIAZ
Apelado: BANCO SANTANDER S.A. BANCO SANTANDER S.A.
Procurador: MARIA DEL CARMEN LOPEZ DE CASTRO
Abogado: GINES FERNANDEZ SANCHEZ
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, sendo o Maxistrado relator constituido en Tribunal unipersoal, ILMO. SR.D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, PRONUNCIOU
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENZA Nº 416/13
Vigo, seis de xuño de dous mil trece.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Verbal 1355/10 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 1 de Vigo ós que correspondeu o rolo 83/12, nos que aparece como parte apelante e demandada D./D.ª Elena , representada polo/a procurador/a D./D.ª VICTORIA SOÑORA ÁLVAREZ e asistida do/da letrado/a D./D.ª Mª BEATRIZ DE CÁCERES DÍAZ, e como parte contra da que se apela e demandante BANCO SANTANDER S.A., representada polo/a procurador/a D./D.ª Mª CARMEN LÓPEZ DE CASTRO e asistida do/da letrado/a D./D.ª GINÉS FERNÁNDEZ SÁNCHEZ .
Antecedentes
Primeiro: O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 1 de Vigo, con data do 3 de novembro de 2011, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva: 'Estimando sustancialmente la demanda promovida por la representación de Banco Santander S.A. contra Elena , debo condenar y condeno al demandado a abonar a la actora la cantidad de 4.543,69 euros, más intereses moratorios al tipo pactado sobre la cantidad de 4.513,83 desde la fecha 2 de septiembre de 2009, y al pago de las costas procesales xausadas en ésta instancia.' Segundo: Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª Victoria Soñora Álvarez, en representación de D./D.ª Elena , presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo.
Terceiro: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.
Fundamentos
Primeiro: A través do contrato de data 20 de xullo de 2007 o Banco demandante outorga ao demandado un préstamo personal de 6.000 euros, ao xuro nominal anual do 8,50 % (TAE 9,78 %), a devolver en cinco anos en sesenta cuotas mensuais, de 123,10 euros cada unha, co que o importe total e devolver eran 7.505,95 euros. Se pactan igualmente uns xuros de demora do 18,50 %. En caso de impagamento dalgunha desas cuotas, se preveía na cláusula séptima do contrato, baixo o rótulo de 'Vencimento anticipado', a facultade do Banco de dar por vencida a operación e de reclamar o ata ese intre adebedado. Ante o impagamento de cuotas polo prestatario -que este non discute- o Banco fai uso desa facultade, reclamando a débeda, e se opoñe a esa pretensión o demandado, e hoxe apelante, invocando que o contrato de préstamo, ou alomenos algunha das súas cláusulas (ademáis da séptima mencionada, a primeira e terceira, referidas aos xuros), son nulas por abusivas e usurarias, debendo por iso rexeitarse a demanda totalmente ou, de xeito subsidiario, proceder a unha reducción dos xuros moderadamente dacordo co artº. 1154 do Código Civil . Pois ben, centrados neses termos o debate, faise preciso realizar, antes entrar na cerna propiamente dita do asunto, as seguintes reflexións: A) Que a alegación da parte, da Directiva comunitaria de 5 de abril de 1993, referida -por decilo en síntese- á polibilidade -ou obriga- do tribunal de entrar de oficio, e de apreciar, no seu caso, tamén de oficio o carácter abusivo dunha cláusula dun contrato celebrado cos consumidores, carece de toda utilidade dado que o propio demandado xa fixo esa invocación. B) Que fronte ao sostido pola parte recorrente, a clásula de vencimento anticipado é lícita, tanto porque atopa o seu apoio no postulado de liberdade de contratación do artº. 1255 do Código Civil , como, e moi especialmente, porque esa estipulación non ven ser, en realidade, máis que unha previsión e concreción da facultade xeral de resolver as obligacións, sancionada polo artº. 1124 do mesmo código , para o caso de que unha das partes contratantes non cumprir o que lle incumbe segundo o contrato, incumprimento que neste caso está representado pola insatisfacción das cuotas de amortización nas que fraccionouse a cantidade prestada e comprensiva do capital e xuros. C) Finalmente, e igualmente en contra do sostido polo recorrente, invocada a condición abusiva ou usuraria dunha cláusula, corresponde ao mesmo a proba desa condición, xa que é a que a alega, de conformidade co artº. 217 da L. A. C., sen prexuixo -claro é- de que esa carga probatoria, que recae esencialmente sobre ese litigante -se insiste-, se vexa modulada a atemperada polas outras pautas nesta materia, de dispoñibilidade e facilidade probatorias, recollidas no mesmo precepto. O reproche que neste extremo fai o apelante á sentenza de primeira instancia, resulta absolutamente inconsistente e carecente de total cobertura normativa, que non se cita.Segundo : Este tribunal de apelación acepta ou comparte a liña argumental, así como a decisión da xulgadora de primeiro grao, rexeitando a natureza abusiva e usuraria dos xuros, remuneratorios e moratorios (lembremos, do 9,78 % TAE, e do 18,50 %, respectivamente), pactados, dado que, por anticipalo, e por respostar aos reproches do apelante, nin estamos ante xuros superiores ao normais do mercado ao tempo do contrato, nin eses xuros resultan desproporcionados en atención á súa porcentaxe e as demáis circunstancias da operación de préstamo.
En efecto, e en primeiro termo, non cabe descoñecer que un dos factores -realmente o máis determinante- na toma en consideración da porcentaxe dos xuros se atopa no risco asumido polo Banco. Neste senso, non é igual, evidentemente, un préstamo personal, para cuxa efectividade de devolución o acredor tan só goza da protección xenérica e universal do artº. 1911 do Código Civil , que unha operación de prestamo, para o cumprimento se ofrecen garantáis adicionais polo prestatario, ora personais (fianza), ora reais (hipoteca, prenda...). Non resulta tampouco indiferente que esteamos ante un cliente con solvencia coñecida para a entidade bancaria, e que teña otras operacións concertadas simultaneamente con ela, ou que, pola contra, nos atopemos ante un cliente novo e sen referencias coñecidas. As experiencias financieiras anteriores entre Banco e cliente poden resultar orientadoras e decisivas. Ao igual que a duración do contrato, pois a maior duración máis risco de que cambien tanto a coxuntura económica xeral do pais e do eido das finanzas, como a situación particular do cliente. En fin, e por expresalo dalgún xeito, a maior risco de impagamento para o prestamista, maior a marxe sobre a contía dos xuros, tanto remuneratorios como moratorios. E partindo deses criterios, resulta, por unha banda, que estamos ante un préstamo personal, ou sen garantías ad hoc. E por outra, que o propio prestatario recoñece no seu escrito de contestación á demanda, e agora no propio escrito de apelación contra a sentenza de primeira instancia, que estaba atravesar por dificultades económicas, ou en propia expresión da parte, que 'tiña necesidades económicas'. Nese dobre contexto, o perigo de incumprimento era patente, ata o punto de que ese perigo actualizouse en incumprimento efectivo, deixando o demandado de facer fronte ás cuotas mensuais de amortización aos dous anos aproximadamente da celebración do contrato, nunha relación pactada de cinco anos, e con unha débeda que representa en torno ao sesenta por cento do prestado. Non hai desproporción entre a contía dos xuros pactados e os riscos asumidos polo prestamista.
E, en segundo lugar, e en fonda relación coa anterior reflexión, non temos constancia ningunha de o importe dos xuros, nin moratorios nin remuneratorios, excedan dos xuros normais ou habituais do diñeiro ao tempo do contrato, debendo neste extremo puntualizarse que o punto referencial hai que atopalo no mercado e non, como defende o recorrente, nos tipos legais de xuros establecidos pola correspondente normativa orzamentaria, sen prexuizo de que as normas desa natureza, ao igual que outras, como o artº 19. 4 da Lei de crédito ao consumo de 23 de marzo de 1995, traída a colación pola parte apelante no escrito de apelación, sírvannos de punto de atención, menor, para a comparativa. E concertado o préstamo no ano 2007, haberá que acodir á Lei de orzamentos xerais do Estado para ese ano, de data 28 de decembro de 2006, que establece como xuro legal o 5%, e como xuro de demora o 6,25%. E lembremos que a Lei de crédito ao consumo prohibe 'para os créditos que se concedan, en forma de descubertos en contas correntes', un tipo de xuro que dea lugar a unha taxa anual equivalente superiror a 2,5 veces o xuro legal do diñeiro. Xa que logo, e ainda aplicando estes preceptos aos xuros remuneratorios pactados (TAE 9,78%), estes nin exceden nin alcanzan remotamente ou en ningún caso esta porcentaxe aplicable ao xuro legal do 5%. E polo que fai aos xuros de mora, igualmente estipulados, do 18,50%, malia que exceden do 15,625%, que se obtería aplicando a porcentaxe a ese tipo de xuros, do 6,25%, tampouco pode falarse de xuros abusivos nin usurarios, xa que: A) Non resultan en absoluto equiparables os contratos de préstamo e de crédito en forma de descubertos en conta corrente, suposto este último ao que queda propiamente circunscrita a Lei de crédito ao consumo. B) Estamos ante un préstamo sen máis garantías que a personal do prestatario. C) E era desfavorable a súa situación económica. Circunstancias estas dúas últimas que agravaban considerablemente o risco de perda para o prestamista. Sen que, derradeiramente, e xa para rematar, aqueles xuros previstos no contrato se revelen en absoluto como dispares e maiores que para operación da mesma nautureza outorgasen á sazón outras entidades bancarias.
Terceiro : Non se atopa circunstacia ningunha de excepción para prescindir do criterio xeral do vencimento obxectivo, disposto para as custas procesuais desta alzada polo artº. 398, en relación co artº. 394, ambos da L. A. C..
Por todo o exposto, e pola autoridade que a me outorgan a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que rexeito o recurso de apelación promovido por Elena reprentado pola Procuradora Sra. Soñora Álvarez contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia nº 1 de Vigo o día 3 de novembro de 2011, con expresa imposición das custas procesuais desta alzada á parte apelante.Esta é a miña sentenza, que asino, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1 , 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1 , 2 , 6.3 , e 7.2 e 3 da Lei 3/1983 , do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución, facéndolles saber que contra a mesma non cabe recurso algún.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.
