Sentencia Civil Nº 1/2008...ro de 2008

Última revisión
03/01/2008

Sentencia Civil Nº 1/2008, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 3347/2006 de 03 de Enero de 2008

Relacionados:

Tiempo de lectura: 14 min

Orden: Civil

Fecha: 03 de Enero de 2008

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL

Nº de sentencia: 1/2008

Núm. Cendoj: 36057370062008100001

Resumen:
MATERIAS NO ESPECIFICADAS

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6

PONTEVEDRA

SENTENCIA: 00001/2008

CIVIL

Rolo: 3347/06

Procedemento de orixe: Ordinario 1056/04

Órgano de procedencia: Instancia núm. 10 de Vigo

A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, composta polos

maxistrados, D. Jaime Carrera Ibarzabal, D.Juan Manuel Alfaya Ocampo, E D. Julio Picatoste Bobillo pronunciou

NO NOME DO REI

a seguinte

SENTENZA Nº 1/08

Vigo, tres de xaneiro de dous mil oito.

VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os

autos do xuízo Ordinario 1056/04 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 10 de Vigo ós que

correspondeu o rolo 3347/06, nos que aparece como parte apelantes - demandados D. Carlos Jesús , representada polo/a procurador/a D./D.ª Elena García Calvo e asistida

do/da letrado/a D./D.ª Tomás Santodomingo Harguindey e JAICAR VIGO QUALITY AND QUICKY

SERVICE, representado polo procurador Dña Mercedes Pérez Crespo y asistida del Letrado D.

Lorenzo Velayos Real e como parte contra da que se apela e demandante D. Manuel representada polo/a procurador/a D./D.ª Javier Toucedo Rey e asistida do/da letrado/a D./D.ª

Idelfonso Falcones de Sierra. É o maxistrado relator D. Juan Manuel Alfaya Ocampo, quen

expresa o parecer da Sala.

Antecedentes

Primeiro: O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 10 de Vigo de Vigo, con data do 27/03/2006, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:

"Que estimando la demanda interpuesta por el procurador D. Francisco Javier Toucedo Rey, en nombre y representación de D. Manuel , contra los demandados D. Carlos Jesús y la entidad Jaycar Vigo Quality an Quicky Service, S.A. debo declarar y declaro rescindido el contrato suscrito entre las partes, por incumplimiento del convenio por el que los socios se obligaban a aportar a la sociedad de quinientos mil euros ( 500.000 euros), y en consecuencia debo condenar y condeno a la Sociedad Jaycar Vigo Quality and Quicky Service, S.A. a que abone al demandante la cantidad de cuatrocientos diecinueve mil quinientos once euros con cuarenta y siete céntimos ( 419.511,47 euros), al ser la cantidad que aportó el demandante a la sociedad en concepto de ampliación de capital, sin que dicho acuerda fuese aprobado, ni lo cumpliese el otro socio, cantidad que se verá incrementada con el interés legal. Finalmente respecto de las costas se impondrán a los demandados al haberse estimado totalmente las pretensiones del actor.""

Segundo: Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª Dña Elena Garcia Calvo e Dña Mercedes Pérez Crespo, en representación de D./D.ª D. Carlos Jesús e de Jaicar Vigo Quality and Quicky Service, presentaron recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).

Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 29/11/07.

Terceiro: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.

Fundamentos

Primeiro: As partes demandadas reproducen nesta alzada, amparándose na facultade concedida polo artº 66. 2. da L. A. C ., a declinatoria por falta de competencia obxetiva, estimando que o coñecemento do asunto corresponde, non ao Xulgado de Primeira Instancia, senón ao Xulgado do Mercantil, instituto que fai loxicamente obrigado facer referencia ás pretensións deducidas polo actor neste proceso, para así poder determinar se estamos ou non no suposto competencial, a prol destes segundos órganos xudiciais, previsto no artº 86 ter da L. O. P. X ., precepto que no nº 2-a ) atribúe a estes últimos todas aquelas cuestións que se promovan " ao abeiro da normativa reguladora das sociedades mercantís ".

Pois ben, as pretensións do demandante, en fonda e inevitábel posta en relación cos feitos e fundamentos de dereito citados na sua demanda, en apoio daquelas, quedan á marxe da lexislación societaria. E para chegar a esta conclusión debemos facer alusión ao suposto de lite, que se pode resumir nas premisas fácticas seguintes, premisas de feito, que ademais de aparecer acreditadas polos diversos instrumentos de proba existentes nos autos, aparecen admitidas, en último termo, polos contendentes: A ) No ano 2.002, actor e, segundo el, o demandado, Carlos Jesús , acordan fundar unha sociedade para a explotación na cidade de Vigo de catro franquicias da entidade Tele Pizza, S. A., con un capital inicial de 140.000 euros, participado ao cincuenta por cento, sociedade que se constitúe a través da escritura notarial de data 24 de setembro daquel ano baixo a denominación social de " Jaicar Vigo Quality and Quicky Service, S. A. ". B ) Ao tempo desa constitución societaria aqueles dous pactan en firme ampliar o capital inicial ata un millón de euros, repartidos igualmente entre os dous por mitade. C ) En cumprimento do acordado, o agora demandante fai a correspondente transferencia de numerario á sociedade o día 20 de novembro de 2.002. D ) En ningún momento postreiro a esa aportación procedeuse a realizala pertinente ampliación de capital, nin se alcanzou dende logo ningún acordo en tal sentido pola Xunta Xeral de accionistas, de conformidade cos artºs. 152 e demais concordantes da L. S. A.. E ) E como, a xuizo do demandante, o demandado, o Sr, Carlos Jesús , non aportou á sociedade os outros cincocentos mil euros, promove contra do mesmo , e contra daquela sociedade, a presente demanda, coas duas peticións que procedemos examinar de seguido.

Primeiramente, non pode ofrecer dúbida ningunha que a primeira desas peticións, de que se declare resolto por incumprimento - suposto- o convenio entre él e o codemandado, Carlos Jesús , queda fora do xogo da normativa mercantil, e mais ainda da normativa das sociedades, e atopa o seu acubillo legal no artº 1.124 do C. C ., precepto expresamete citado, polo demais, polo demandante en apoio deste pedimento.

O actor interesa, en segundo lugar, e en íntima conexión coa formulación precedente, que se condene á sociedade constituida, e demandada, a que lle pague ou devolva a suma que lle entregou. Segunda pretensión que, ao igual que a quela primeira, está alonxada da normativa reguladora das sociedades, non só porque así o quiso o demandante, invocando a tal efecto feitos e fundamentos xurídicos alleos a esa normativa, senón amén porque era moi difícil, cando non imposibel que atopase unha norma que lexitimara a sua pretensión. En efecto, o suposto de lite proposto polo demandante é moi sinxelo: como el e o outro socio comprometéronse a facer unha ampliación de capital ata un millón de euros, e este último incumpriu o pactado, ten dereito, non soamente a resolver esa relación contractual, senón tamén, e conseguintemente, a que a sociedade lle devolva a suma aportada pois, por decilo de xeito sintético, o actor ostentaba un dereito de crédito contra da sociedade, que se tiña enriquecido con aquela aportación, sen contraprestación ningunha por parte dela a prol do aportante, quen seguía sendo socio ao cincuenta por cento, a pesar de tal aportación, non seguida pola aportación igual do outro socio. En definitiva, o actor ostentaría un crédito contra da sociedade por mor daquel acordo entre el e o demandado, Sr. Carlos Jesús , crédito que como alleo e anterior á constitución daquela, se rexiría , non pola normativa reguladora das sociedades, senón pola correspondente norma civil ( en esencia, artº 1.255 do C. C., en relación co artº 1.274, e doctrina do enriquecimento sen causa, ex artº 10. 9 do mesmo código ). Sen que a esa conclusión se opoña o feito,invocado interesadamente polos demandados, e hoxe apelantes, de que o actor teña citado na sua demanda o artº 156 da L. S. A ., pois esta invocación faise para excluilo xogo, precisamente, desa normativa mercantil, ou o que é o mesmo, e en liña argumental desa demanda, como non se levou a cabo a ampliación do capital social da sociedade demandada coas formalidades establecidas imperativamente por dito artigo, e demais concordantes, reguladores deste instituto da ampliación, non pode entenderse, por conseguinte, que se consumase ese proceso, de tal xeito que o actor pasa a ostentar entón, pura e simplemente, un dereito de crédito fronte da sociedade, como calesquera outro acredor común dado que, en último termo, e xa opara rematar, non houbo, xuridicamente falando, aumento de capital social.

O motivo da apelación que que ser entón rexeitado.

Segundo.- A sentenza de primeira instancia estima a demanda formulada contra do demandado, Carlos Jesús , ao recoñecer a sua lexitimación pasiva, declarando resolto, por incumprimento deste último, o convenio entre ambos, polo que obrigábase a aportar á sociedade, tamén demandada, a suma de 500.000 euros, como fixo pola sua parte o demandante. Pois ben, esta Sala, revisado todo o acervo probatorio existente nas actuacións, rexeita esa lexitimación, ao estimar que aquel convenio acadouse, non co Sr. Carlos Jesús , individualmente ou como persoa física, senón coa sociedade " Pulgar Pizza, S. L. ", con persoalidade xurídica obviamente distinta que a daquel.

Diversos elementos de proba avalan esa conclusión.

Así, e por unha banda, o propio actor na sua demanda ven admitir esta última lexitimación, ao falar nela de que constituise a sociedade Jaycar Vigo Quality and Quicky Service, S. A. " xunto á sociedade Pulgar Piza, S. L. " ( feito primeiro ). E esa mesma lexitimación pasiva ven recoñecerse implicitamente, por outra, na ampliación por el interesada ao informe pericial contable rendido polo Profesor Mercantil e Auditor de contas, Jose Manuel , facendo nesa solicitude de ampliación continuas e únicas referencias ás aportacións e restantes movimentos contables entre a sociedade accionada e Pulgar Pizza, S. L., silenciando a Carlos Jesús ( folios 455 e 456 ). Pero é, derradeiramente, a escritura notarial de constitución da entidade demandada a que nos sacará, por lóxica e definitivamente, de dúbidas.

En efecto, nesa escritura pública de constitución da sociedade, de data 24 de setembro de 2.002 ( folios 33 e seguintes ), ainda que se fala inicialmente de que o Sr. Carlos Jesús intervén no seu propio nome e dereito, se engade, seguidamente, que o fai, ademais, en representación da sociedade " Pulgar Pizza, S. L. " ( folio 34 volto ), carecendo xa entón de sentido que se cite a esta última, se fora allea ao pacto constitutivo da sociedade Jaycar Vigo Quality and Quicky Service, S. A., e con unha referencia á persoa física, de actuar en nome e dereito propios, que podería considerarse como unha simple cláusula de estilo, se tomamos en consideración, loxicamente, outras paraxes daquela escritura fundacional. Así, e na sua cláusula primeira, relativa aos socios, se reseña expresa e literalmente que " a sociedade Pulgar Pizza, S. L., dedidamente representada ", e o actor constitúen a sociedade ( folio 35 ). E na sua cláusula segunda, referida á subscripción e desembolso do capital social, se menciona, con igual literalidade, que " a socidade Pulgar Pizza, S. A., subscribe 70.000 accións ... desembolsando o seu valor " ( folios 35 volto, e 36 ). A claridade e inequivocidade dese clausulado excusa de mais comentarios. Máxime se a todo iso engadimos que a tese do actor gravita, única e exclusivamente, sobre a premisa de que a sociedade a constituiu co Sr. Carlos Jesús , como persoa física, non alegando, contrariamente, unha posible coincidencia de persoas e intereses, entre el e a sociedade Pulgar Pizza, S. L., que podería conducirnos a acodir entón á doctrina do levantamento do velo, que a parte actora non invoca.

En conclusión, carece de lexitimación o demandado, Carlos Jesús , para soportala acción resolutoria contra del promovida. O recurso plantexado polo mesmo ten que ser conseguintemente acollido.

Terceiro.- A argumentación da sociedade demandada, Jaycar Vigo Quality and Quicky Service, S. A., e hoxe apelante, fronte á pretensión de devolución da suma de 419.511,47 euros, interesada polo actor, radica en que ao seu xuizo a outra cantidade, de cincocentos mil euros, que Pulgar Pizza, S. L. comprometíase a aportar a aquela primeira, foi efectivamente ingresada do patrimonio social da demandada. En definitiva, se afirma ao unísono polos dous demandados, dunha parte, que Pulgar Pizza, S. L. ingresou nas arcas da sociedade demandada unha cantidade incluso superior á que lle correspondía entregar, e doutra, que a mesma destinou parte dos beneficios xerados pola sua propia actividade a facer fronte ao pagamento da débeda contraida coa entidade Tele Pizza, S. A., como precio pola transmisión por parte desta das catro franquicias. E en apoio desta afirmación aporta aos autos o ditame do perito, Jose Manuel ( folios 357 e seguintes, ampliación do mesmo, aos folios 487 e seguintes, e aclaracións orais ). Mais este informe non avala, precisamente, a tese da parte demandada, tal como infírese da ampliación do informe, e das suas declaracións finais a xeito de conclusión ou resumo, viñendo a recoñecelo perito que á data 31 de decembro de 2.003, é decir, mais dun ano despois da constitución da sociedade Jaycar Vigo Quality and Quicky Service, S. A., e da aportación do numerario por parte do actor, que Pulgar Pizza, S. L., non só non aportara os 500.000 euros a que se tiña comprometido, como o demandante, senón que incluso retirou 29.752,55 euros, co que a aportación de Pulgar Pizza, S. L. á sociedade demandada limitouse a 40.247,45 euros tan só.

Conseguintemente, o recurso plantexado pola demandada non pode prosperar.

Cuarto.- A acollida da demanda contra da sociedade demandada, e o rexeitamento do recurso formulado por esta úlima contra da sentenza dictada en primeira instancia, lévanos a impoñer a devandita demandada as custas procesuais desta alzada, orixinadas polo seu recurso, e as da primeira instancia, derivadas da demanda contra dela promovida, pois non atopamos circunstancia ningunha de excepción que nos aconselle non aplicalo criterio xeral do vencimento obxetivo, disposto polos artºs. 394 e 398 da L. A. C..

Non obstante o rexeitamento da demanda contra do demandado, Carlos Jesús , as dúbidas de feito e xurídicas, xeradas sobre a sua lexitimación para soportala acción resolutoria contra del axercitada, dúbidas que arrincan en grande medida da propia escritura pública de constitución da sociedade, de data 24 de setembro de 2.002, o falarse nela, nun dos seus parágrafos, de que aquel demandado actuaba no seu propio nome e dereito, conducen fundadamente a non facer unha especial declaración sobre as custas procesuais da primeira intancia, xurdidas da demanda contra de mentado demandado formulada.

A acollida da apelación dese demandado non leva igualmente a non facer unha declaración especial sobre as custas procesuais desta segunda instancia, derivadas da sua apelación.

Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,

Fallo

Primeiro, que ao acollelo recurso de apelación formulado por Carlos Jesús contra da sentenza dictada polo Xulgado de Primeira Instancia núm. 10 de Vigo o día 27/03/06, rexeitamola demanda contra del promovida.

E segundo, que rexeitamolo recurso de apelación plantexado por Jaycar Vigo Quality and Quicky Service, S. A. contra da devandita sentenza.

Todo iso, con expresa imposición das custas procesuais das duas instancias á sociedade demandada, derivadas, tanto da demanda contra dela promovida, como do seu recurso de apelación. E sen facermos unha especial declaración sobre as restantes custas procesuais nacidas das duas instancias.

Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia , de normalización lingüística.

Notifíqueselles ás partes a presente resolución, facéndolles saber que contra ela non cabe recurso ordinario ningún.

Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.

PUBLICACIÓN: En la misma fecha fue leída y publicada la anterior resolución por el Ilmo. Sr/a. Magistrado que la dictó, celebrando Audiencia Pública. Doy fe.

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.