Última revisión
14/04/2000
Sentencia Civil Nº 138, Audiencia Provincial de Pontevedra, Rec 153 de 14 de Abril de 2000
Relacionados:
Tiempo de lectura: 8 min
Orden: Civil
Fecha: 14 de Abril de 2000
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: BARREIRO PRADO, JOSE JUAN RAMON
Nº de sentencia: 138
Fundamentos
AUDIENCIA PROVINCIAL
SECCION SEGUNDA
PONTEVEDRA
APELACION CIVIL
Rolo: 0153/99
Asunto: SEPARACION C
Número: 1235/98
Oríxe: XDO. 1ª INST. N°. 5 DE VIGO
A SECCION SEGUNDA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, composta por DON JOSÉ JUÁN RAMÓN BARREIRO PRADO, Presidente, DONA ÁNGELA IRENE DOMÍNGUEZ-VIGUERA FERNÁNDEZ e DONA Mª JESUS GONZÁLEZ REBOLO, Maxistrados pronunciou
NO NOME DE-EL REI
a seguinte
SENTENCIA N. 138
Pontevedra, o catorce de Abril de dos mil.
O recurso de apelación interposto fronte á sentencia dictada nos autos do proceso civil número 1235/98, vindo do JDO. 1ª. INST. N°. 5 DE VIGO, foi movido entre as partes, dunha banda como apelante e demandante, dona MARIA LUISA representada nesta instancia pola procuradora dona MARIA BELEN ALVAREZ SÁNCHEZ baixo a dirección do letrado don FERNANDO PRIETO BUJAN e da outra como apelado e demandado don MANUEL ANTONIO, non personado nesta instancia, sendo parte o M. Fiscal no xuízo de separación conxugal.
I.-ANTECEDENTES DE FEITO
Aceptanse os da sentencia de primeira instancia e, alén diso:
PRIMEIRO. Nos actos a que este rolo atinxe na data, 6 abril de 1999, o XDO. 1ª. INST. N°. 5 DE VIGO, pronunciou sentencia, a resolución da cal, rigorosamente, di.
DECISIÓN: "Que debo declarar y declaro la separación del matrimonio contraído por D. MANUEL ANTONIO y Dª Mª LUISA el día 30 de mayo de 1.981 y que consta inscrito en el tomo 10-U, página 447 de la Sección 2ª del Registro Civil de Vigo, con todos los efectos legales que dicha declaración conlleva.
Los hijos del matrimonio quedarán bajo la guarda y custodi del padre, pudiendo la madre visitarlos y tenerlos en su compañía a las dos mayores cuando estas y aquella libremente lo decidan; y al pequeño al menos los fines de semana alternos desde las 6 de la tarde del viernes a las 8 de la tarde del domingo y mitad de las vacaciones escolares, períodos a elegir por la madre en años pares y por el padre los impares.
En concepto de alimentos para los hijos la esposa abonará al esposo la cantidad que se fije en ejecución de sentencia. No se hace expresa imposición de costas".
Fronte á devandita sentencia, a parte demandante interpuxo recurso de apelación e personadas, previo emprazamento, en tempo e forma a apelante perante desta Audiencia e, logo de transcorrido o prazo de instrucción, sin que formularan proposición de proba ningunha alegación, e instruido dos autos o Maxistrado Relator do recurso, foi fixado día e hora para a celebración da vista.
A vista da apelación tivo lugar o día 10.04.2000 coa asistencia da procuradora Dª. Mª. Belén Alvarez Sanchez, que fixo entrega da correspondente nota de vista unida a la dilixencia.
SEGUNDO. Na tramitación desta instancia, cumpríronse as prescricións e termos legais sendo Relator o Maxistrado JOSE JUAN RAMON, quen expresa o criterio da Sala.
II.-FUNDAMENTOS XURÍDICOS
PRIMEIRO.- Cando don Manuel Antonio constestou á demanda de separación formulada pola súa esposa dona María Luisa non se limitou, efectivamente, a interesa-la desestimación daquela e a súa consecuente libre separación, senón que, amosou a súa conformidade coa separación instada, e deducía outras pretensións. Isto é, o demandado semella que deduciu unha reconvención da que, no seu caso, e a teor do diposto na disposición adicional quinta apartado d) da Lei 30/1981 do 7 de xullo, se lle debera dar traslado á parte orixinariamente actora polo prazo de dez días por se tiña a ben contestala.
E como queira que así non se verificou na instancia agora, nesta alzada, a demandante-apelante dona María Luisa non comenza senón interesando a nulidade de actuacións dende a providencia do recibimento do preito a proba, para poder constestar ás pretensións deducidas polo seu marido.
Á anterior petición non se debe acceder por canto que o feito de que a demandante non tivo ocasión de específicamente contestar ó interesado polo demdandado non lle ten causado a máis mínima indefensión material, á marxe da preterición daquela formalidade legal. Así, o sr. F... non interesaba senón a mesma medida que a sra. E..., isto é, a separación conxugal; e o feito de que alegase outras circunstancias para a suspensión do vínculo en nada afectaba á resolución a tal respecto a adoptar entre outras causas, polos mesmos motivos que con corrección se expresan no primeiro dos fundamentos de dereito da sentencia apelada, amais de que querer combater ó que na contestación se expresaba sequera puido propoñer algún medio de proba ó respecto, e ben que se abstivo. A segunda medida instada polo apelado (a disolución da sociedade de gananciais) tamén a interesaba a recorrente, e non cosntitúe máis que unha redundancia do que vén a ser un auténtico efecto ope legis xa previsto polo lexislador no artigo 95 do Código Civil, polo que a esposa nada podería opoñer. A medida consistente na garda e custodia dos fillos, o réxime de visitas correspondente, e a pensión de alimentos que tería que aboar a esposa, non se amosa senón como o reverso das que esta última tiña solicitado, polo que ningunha sorpresa tampouco debería alegar a agora recorrente canto máis que á vista da súa petición ningunha proba ó respecto artellou agás, a petición de exploración dos menores que, polo demais, á Xuíz lle viña imposta no caso de María e aconsellada no caso de Víctor, por mor do disposto no artigo 92 do Código Civil, a parte de que tales concretas medidas á forza terían que ser obxecto de pronunciamento xudicial para o caso de que os cónxuxes non se puxesen de acordo ( artigos 91 e seguintes do Código Civil). Por último, a expresa petición realizada polo demandado de que se declarase que a actora non tiña dereito a pensión compensatoria fóra de todo lugar se amosaba por canto que esta última non a tiña solicitado na demanda rectora de litis.
Por tódolos anteriores motivos e porque ademais a agora apelante cumprido e cabal coñecemento tivo das medidas que de contrario pedía o seu marido ( folio 39 ), porque coa providencia á que agora pretendía retrotraer as actuacións se aquietou no seu día, porque ningunha proba artellou aínda a sabendas do que o seu marido instaba, e porque nin tan sequera aproveitou a vista celebrada na instancia (folio 107) para por de relevo o que agora constitúe o seu primeiro alegado impugnatorio, procede rexeitar este último por incluso amosarse ben contrario cos máis elementais principios da boa fe procesual.
SEGUNDO.- A atribución da custodia do fillo menor Víctor á apelante en troques de, como se efectuou na sentencia apelada, ó apelado, tampouco debe prosperar dada a actual situación dos tres fillos que xa data de xullo de 1998 (viven co pai), o manifestado polos fillos do matrimonio na exploración xudicial, e o designio legal expresado no artigo 92 do Código Civil, no sentido de que se procurará non separar ós irmáns.
Agora ben, e tal e como non con menos tino se expresa a sentencia apelada, debérase formentar polos pais a correcta formación actual e posterior do fillo menor mediante criterios de ampla e común aceptación mutua que extensivos se fagan ó réxime de visitas establecido a prol da nai nuns termos que, como de mínimos, se teñen expresado na resolución impugnada.
Para rematar e no atinxente á pensión alimenticia, tamén se debe confirmar a previsión xudicial da súa fixación no trámite de execución de sentencia ó carecerse, polo de agora, de elementos probatorios en consideración ós cales poder fixar a súa contía.
TERCEIRO.- Dada a natureza deste tipo de procedementos, e as concretar cuestións discutidas nesta alzada, non se fai especial pronunciamento verbo das custas que se puidesen ter ocasionado.
Cómpre atérmonos a todo o que levamos dito, e desenvolvendo a potestade xurisdiccional que a Constitución española nos outorga,
DECIDIMOS
Que, desestimando o recurso de apelación interposto pola representación de dona MARIA LUISA, fronte á sentencia dictada polo JDO. 1ª. INST. N°. 5 DE VIGO na data de 6 de abril de 1999, debemos confirmar e confirmamos, a devandita sentencia recorrida, sen expresa declaración en canto ás custas.
Achéguese testemuño desta sentencia ó seu rolo de Sala, notifíquese de xeito legal ás partes e devólvanse as actuacións ó Xulgado de oríxe con testemuño da resolución dictada, por quen se acusará recibo.
Deste xeito, por esta sentencia nosa, á fin xulgando, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.

