Sentencia Civil Nº 167, A...yo de 2000

Última revisión
15/05/2000

Sentencia Civil Nº 167, Audiencia Provincial de Pontevedra, Rec 199 de 15 de Mayo de 2000

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 12 min

Orden: Civil

Fecha: 15 de Mayo de 2000

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: BARREIRO PRADO, JOSE JUAN RAMON

Nº de sentencia: 167

Resumen:
O concello procedera á ocupación do local tras consignar na propia Caixa do concello a suma de 370.800 pts.O primeiro dos fundamentos legais da contestación a referida demanda interdictal realizada polo interpelado concello de Tomiño contratase á alegación da improcedencia dos interdictos fronte á Administración que, finalmente, polo Xulgador da instancia foi acollida ó, en esencia, estimar que toda posible irregularidade municipal, así como o axuizamento desta última, correspondíanlle á xurisdicción contencioso-administrativa e non a esta escollida xurisdicción civil.Na parte posterior ca casa na que se atopa o concello de Tomiño, dende o año 1948, existía un local alugado a un particular. A folla de aprecio por aquel deducida polo concello foi rexeitada, que efectuou a propia, que a súa vez polo particular foi desbotada.Tamén merece subliñarse que, efectivamente, o artigo 125 da Lei de Expropiación Forzosa prevé a posibilidade da formulación de interdictos de reter e recobrar contra a Administración, sempre e cando esta ocupase ou intentase ocupar un ben obxecto de expropiación sen que, previamente, se cumprisen os requisitos substanciais de declaración ou utilidade pública ou interese social, necesidade de ocupación, ou previo pago ou depósito.Cómpre atérmonos a todo o que levamos dito, e desenvolvendo a potestade xurisdiccional que a Constitución española nos outorga.Se desestima o recurso.Achéguese testemuño desta sentencia ó seu rolo de Sala, notifíquese de xeito legal ás partes e devólvanse as actuacións ó Xulgado de oríxe con testemuño da resolución dictada, por quen se acusará recibo.    

Fundamentos

AUDIENCIA PROVINCIAL

SECCION SEGUNDA

PONTEVEDRA

 

APELACION CIVIL

 

Rolo   : 0199/99

Asunto   : INTERDICTO DE RECOBRAR

Número   : 0094/98

Oríxe   : JDO.1 INSTE INSTR TUI-2

 

            A SECCION SEGUNDA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, composta por DON JOSÉ JUÁN RAMÓN BARREIRO PRADO, Presidente, DONA ÁNGELA IRENE DOMÍNGUEZ-VIGUERA FERNÁNDEZ e DON JAIME ESAÍN MANRESA, Maxistrados pronunciou

 

NO NOME DE-EL REI

 

a seguinte

 

SENTENCIA N. 167

 

 

Pontevedra, o quince de Mayo de dos mil.

            O recurso de apelación interposto fronte á sentencia dictada nos autos do proceso civil número 0094/98, vindo do JDO.1 INSTE INSTR TUI-2, foi movido entre as partes, dunha banda como apelante e demandante, don ...............representado nesta instancia polo procurador don SENEN baixo a dirección do letrado don JUAN GRIÑO e da outra como apelado e demandado AYUNTAMIENTO DE TOMIÑO a quen representa o procurador don PATRICIA CABIDO VALLADAR e dirixe o letrado don ROMANA SAN LUIS COSTAS, no xuízo de INTERDICTO DE RECOBRAR.

 

I.-ANTECEDENTES DE FEITO

 

 

            PRIMEIRO. Nos actos a que este rolo atinxe na data, 27 de maio de 1999, o JDO.1 INSTE INSTR TUI-2, pronunciou sentencia, a resolución da cal, rigorosamente, di: "Que desestimando la demanda de interdicto de recobrar formulada por la Procuradora Sra. Cela Rivas, en nombre y representación de D. ..............., contra EXCMO. AYUNTAMIENTO DE TOMIÑO, representado por la Procuradora Sra. Bugarin Saracho, debo absolver y absuelvo a la demandada de la demanda planteada, dejando a salvo el derecho de las partes sobre la posesión o propiedad, a dilucidar en el juicio  correspondiente, y sin perjuicio de tercero; con imposición de costas a la parte actora".

 

            Fronte á devandita sentencia, a parte demandante interpuxo recurso de apelación e personadas, previo emprazamento, en tempo e forma ámbalas dúas partes perante desta Audiencia e, logo de transcorrido o prazo de instrucción, sin que as mesmas formularan proposición de proba ningunha alegación, e instruido dos autos o Maxistrado Relator do recurso, foi fixado día e hora para a celebración da vista.

            A vista da apelación tivo lugar o día 9 de maio de 1999 coa asistencia dos seus respectivos letrados e coas incidencias que se recolleron na correspondente dilixencia.

 

            SEGUNDO. Na tramitación desta instancia, cumpríronse as prescricións e termos legais sendo Relator o Maxistrado DON JOSE JUAN RAMON BARREIRO PRADO, quen expresa o criterio da Sala.

 

II.-FUNDAMENTOS XURÍDICOS

 

            PRIMEIRO: O actor don ..............................formulou demanda de interdicto de recobrar a posesión contra o concello de Tomiño alegando a tal efecto o seguinte: que o 6 de maio de 1997 o concello lanzárao do local de negocio que viña ocupando en calidade de arrendatario na rúa .........................n° …, daquela mesma vila; que o lanzamento se producira como consecuencia da expropiación do dereito arrendaticio do que era titular o demandante, segundo o expediente de determinación de xustiprezo resolto polo Xurado Provincial de Expropiación de Pontevedra na data 15 outubro 1996, que fixara un xustiprezo de 7.182.000 pts. que o concello procedera á ocupación do local tras consignar na propia Caixa do concello a suma de 370.800 pts., circunstancia que no seu día lle fora notificada ó agora interdictante e fronte á que formulara as correspondentes alegacións; e que á data de presentación da demanda, tras a realización de obras por parte do concello, existía un local no mesmo lugar que se correspondía co expropiado, que se atopaba completamente desocupado e no estado que reflectían as fotografías que se achegaban.

            De seguido, na demanda rectora de litis, traíase a colación unha ampla e exhaustiva cita e transcrición de múltiples disposicións legais e mesmo da doutrina xurisprudencial que se reputaba atínxente ó caso sometido a axuizamento.

            O primeiro dos fundamentos legais da contestación a referida demanda interdictal realizada polo interpelado concello de Tomiño contratase á alegación da improcedencia dos interdictos fronte á Administración que, finalmente, polo Xulgador da instancia foi acollida ó, en esencia, estimar que toda posible irregularidade municipal, así como o axuizamento desta última, correspondíanlle á xurisdicción contencioso-administrativa e non a esta escollida xurisdicción civil.

 

            SEGUNDO: Cando a Administración pública (sexa a do Estado, sexa a dalgunha entidade local o municipal) adoptaba contra un particular algunha medida ou resolución, sen observar o procedemento legalmente establecido ó efecto, é dicir, cando acudía ás chamadas e coñecidas como vías de feito" (acto material allego a unha actuación administrativa e sen forza lexitimadora do acto administrativo, sen cobertura procedimental algunha, ou con tan graves vicios ou defectos que impoñan a súa nulidade radical ou de pleno dereito; ou cando o acto fose dictado por autoridade incompetente; ou en palabras do propio Tribunal Constitucional cando nos atopamos en presencia de actos faltos de cobertura legal e da cobertura concreta dun titulo xurídico, que se amosan como unha pura actuación maerial non protexida sequera de xeito aparente por unha cobertura xurídica -SSTC 14/12/90, 22/1984 e 160/1991-) cabía contra a devandita resolución ou medida meramente fáctica o correspondente interdicto ante a Xurisdicción civil, tal cal así o ten lembrado, entre outras, a Sentencia do Tribunal Supremo do 1 de abril de 1995, con citas dos vixentes (para o caso que axuizaba) artigos 38 da Lei de Procedemento Administrativo do 17 de xullo de 1958, e 403 da Lei de Réxime Local do 24 de xuño de 1955.

            Deste xeito, se o acto dictado pola Administración se tiña producido polo órgano competente e tras o procedemento no que se tiña observado a imprescindible garantía de audiencia previa ó interesado, a vía para a impugnación daquel semellaba que extramuros quedaba das canles do proceso interdictal; e se o acto adoecía de defectos que puidesen afectar a súa ilicitude ou que causase prexuízos ós particulares que estimasen que non procedía soportar, quedaba nas mans destes a posibilidade de exercer na vía administrativa cantas accións ou recursos estimasen convintes o seu dereito e, en definitiva, acudir á vía contencioso-administrativa como amparo xurisdiccional, consonte ó disposto nos artigos 106 a Constitución española e 9.4. da Lei Orgánica do Poder Xudicial.

            O panorama lexislativo, sen embargo, semella que se ten clarificado coa promulgación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, cando no seu artigo 101 taxativamente dispón que non se admitirán a trámite interdictos contra as actuacións dos órganos administrativos realizadas en materia da súa competencia e de acordo co procedemento legalmente establecido. E atopándose o referido texto lexislativo en vigor cando a demanda rectora de litis se presentou a trámite, entón, haberá que, como requisito previo para determinar se procede ou non o interdicto prantexado, examinar se o órgano administrativo que adoptou a resolución ou presunto acto pertubador-expoliador da posesión resulta competente para isto, e se para a súa adopción se teñen seguido, alomenos en aparencia, os canles procedimentais previstos legalmente, pois só no suposto de que o anterior non fose así procedería a competencia deste escollado eido civil pola incidencia das amentadas "vías de feito" e, do contrario, aínda que nos atopásemos ante unha hipotética infracción legal, a análise do posible incumprimento dos requisitos a seguir polo expediente administrativo ou mesmo a determinación e alcance da normativa que pretendidamente puidese servirlle de cobertura á Administración, abofé que se residenciaría nos Xulgados e Tribunais da orde contencioso-administrativa.

 

            TERCEIRO: Na parte posterior ca casa na que se atopa o concello de Tomiño, dende o año 1948, existía un local alugado a un particular. Como queira que se tiña a intención de reformar e ampliar as instalacións das que se dispoñia, o pleno da devandita corporación, na data 30 de marzo de 1996, e con expresa cita do artigo 133 do Regulamento de Bens das Comunidades Locais, declarou resolto o contrato de arrendamento do amentado local que viña sendo ocupado polo agora interdictante don ..............., asemade que se requiría a este último para que desocupase o local, e formulase proposición sobre a contía da indemnización, de todo o cal cumpridamente tomou coñecemento o demandante de litis o 12 de abril daquel mesmo año.

            Non reaccionou a tal comunicación o sr. ...............e o 8 de maio recaeu Decreto da Alcaldía polo cal se tiña por extinguida a relación arrendaticia con aquel, asemade que, consonte o previsto no artigo 127 do Regulamento de Bens das CC.LL. efectuouse novo requerimento (practicado ó seguinte día) ó ata entón arrendatario ós efectos de que presentase folla de aprecio, seguíndose o expedinete a teor do disposto nos artigos 29 e seguintes da Lei de Expropiación Forzosa. E neste caso se que o Sr. ...............deduciu a súa pretensión (a folla de aprecio) que non remataba xenón solicitando que ó expediente expropiatorio se lle conferise o trámite legalmente procedente. A folla de aprecio por aquel deducida polo concello foi rexeitada, que efectuou a propia, que a súa vez polo particular foi desbotada.

            O Xurado de Expropiación Forzosa de Pontevedra, na súa sesión do 15 de outubro de 1996, fixou como xustiprezo da expropiación tramitada o de 7.182.000 pts. No seguinte mes o concello obtivo do Xulgado de Instrucción de Tul n° 1 a correspondente autorización para entrar no local do que o aquí demandante fora arrendatario e, xa o 11 de febreiro de 1997, recaeu novo Decreto da Alcaldía de Tomiño a medio do cal se daba conta da consignación, ó abeiro do artigo 128.2 do Regulamento de Bens das CC.LL., a prol daquel e na tesourería do concello, do importe de 370.800 pts., requiríndoo de desaloxo. Ante isto, o sr. ...............formulou escrito a teor do cal quixo deixar constancia de que o importe de xustiprezo fixado polo Xurado Provincial de Expropiación, malia terse recorrido perante a Sala do Contencioso-Administrativo de Galicia polo concello de Tomiño e non ser firme, debía consignarse na súa integridade para que validamente se puidese levar a cabo a ocupación do local, sendo estes argumentos rexeitados por outro Decreto da Alcaldía (datado o 23 de abril 1997 e notificado no seguinte día).

            Chegado o día do lanzamento, consta na correspondente acta como agora interdictante estaba a levar a cabo a retirada dos materiais que tiña dentro do local obxecto de desafiuzamento, manifestando en tal momento que era a súa vontade deixar libre e expedito o amentado local con entrega das chaves, vontade colaboradora que mesmo semella que foi ratificada polo avogado do Sr. ...............a teor do manifestado pola secretaría do concello, consumándose en tales de colaboración o definitivo desaloxo.

            Pois ben, de todo o que ata aquí antecede por ningures se olla que o concello de Tomiño puidese ter incorrido nalgunha das manifestacións de "vías de feito" anteriormente expresadas dada a existencia dun procedemento en aparencia correctamente tramitado, con intervención, ou alomenos posibilidades de intervir, do agora interdictante, e adopción das resolucións por quen a isto estaba chamado competencialmente, ben entendido que estas consideracións efectúanse ós sós efectos da resolución da cuestión de feito que os interdictos levan consigo e, polo tanto, á marxe de toda cuestión atínxente ós definitivos dereitos dunha e outra parte que notoriamente sobordan non só este proceso sumario e cautelar senón incluso esta forzada vía civil. Velaí polo que o relativo a circunstancias tales como se a suma fixada polo Xurado de Expropiación se podía ter por firma ou non ós efectos da previa consignación do seu concreto importe para o concello proceder ó desafiuzamento, ou se a este se podía acceder co depósito dunha suma inferior a aquela por atoparse pendente de recurso tal acordo do Xurado perante a vía contencioso-administrativa, pertence á recta interpretación duns preceptos (v gr os artigos 123, 127, 128, 129 e 133 do Real Decreto 1.372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Bens das Entidades Locais) que, igualmente, se debe levar a cabo na xurisdicción contencioso-administrativa.

            Tamén merece subliñarse que, efectivamente, o artigo 125 da Lei de Expropiación Forzosa prevé a posibilidade da formulación de interdictos de reter e recobrar contra a Administración, sempre e cando esta ocupase ou intentase ocupar un ben obxecto de expropiación sen que, previamente, se cumprisen os requisitos substanciais de declaración ou utilidade pública ou interese social, necesidade de ocupación, ou previo pago ou depósito. Mais, o marco permitido polo devandito artigo 125 da LEF resulta ben limitado pola súa propia dicción e, por isto, si se constata, como é o caso, a existencia dun procedemento expropiatorio, calesquera defectos procedimentais que non impliquen unha flagrante e groseira conculcación daqueles límites ou barreiras, poderá dar lugar á pertinente reclamación do particular perante a orde contenciosa-administrativa, pero non poderá obter o amparo da vía interdictal.

 

            CUARTO: Ao abeiro do disposto no artigo 896 a Lei de Axuizamento Civil, o rexeitamento da apelación conleva a imposición das custas á parte recorrente perante esta alzada.

 

            Cómpre atérmonos a todo o que levamos dito, e desenvolvendo a potestade xurisdiccional que a Constitución española nos outorga,

 

DECIDIMOS

 

            Que, desestimando o recurso de apelación interposto pola representación de don ..............., fronte á sentencia dictada polo JDO.1 INST E INSTR TUI-2 na data 27 de maio de 1999 debemos confirmar e confirmamos, a devandita sentencia recorrida, impoñéndolle as custas desta instancia á parte apelante.

 

            Achéguese testemuño desta sentencia ó seu rolo de Sala, notifíquese de xeito legal ás partes e devólvanse as actuacións ó Xulgado de oríxe con testemuño da resolución dictada, por quen se acusará recibo.

 

Deste xeito,  por esta sentencia nosa, á  fin xulgando, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.

 

 

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.