Última revisión
18/03/2008
Sentencia Civil Nº 168/2008, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 3477/2006 de 18 de Marzo de 2008
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 8 min
Orden: Civil
Fecha: 18 de Marzo de 2008
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 168/2008
Núm. Cendoj: 36057370062008100164
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00168/2008
CIVIL
Rolo: 3477/06
Procedemento de orixe: ORDINARIO 1146/05
Órgano de procedencia: Instancia núm 10 de Vigo
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, composta polos maxistrados D. Jaime Carrera Ibarzábal, D. Juan Manuel Alfaya Ocampo e D. Julio Picatoste Bobillo pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENZA Nº 168/08
Vigo, dezaoito de marzo de dous mil oito.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordinario 1146/05
procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 10 de Vigo ós que correspondeu o rolo 3477/06, nos que aparece como parte
apelante- demandante D. Jose Pablo y Dª Estefanía representada polo/a procurador/a
D./D.ª Paula Llordén Fernández-Cervera e asistida do/da letrado/a D./D.ª Ricardo Martinez Geijo e como parte contra da que se
apela e demandado Genesis representada polo/a procurador/a D./D.ª José Curbera Fernández e asistida do/da letrado/a D./D.ª
Carlos Borrás Díaz de Rábago. En rebeldía procesal Dña Melisa y Rosario . É o maxistrado relator D.
Juan Manuel Alfaya Ocampo, quen expresa o parecer da Sala.
Antecedentes
Primeiro: O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 10 de Vigo de Vigo, con data do 14/6/2006, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:
"Que estimando parcialmente la demanda interpuesta por la Procuradora Dª Paula Llordén Fernández-Cervera, en nombre y representación de D. Jose Pablo y Dª Estefanía, contra los demandados Dª Melisa, Dª Rosario y la entidad aseguradora Genesis, debo condenar y condeno a Dª Melisa, Dª Rosario y la entidad aseguroada Génesus a indemnizar a D. Jose Pablo, en la cantidad de doce mil setencientos treinta y tres euros con once céntimos ( 12.733,11 euros), por los días que tardó en curar sus lesiones, secuelas y gastos farmacéuticos y a Dª Estefanía en la suma de siete mil novecientos treinta y un euros con cincuenta y ocho céntimos (7.931,58 euros) por los días que tardó en curar sus lesiones y los gastos de transporte y farmacéuticos; cantidades que no se verán incrementadas con el interés legal desde la fecha de la reclamación judicial hasta esta resolución con respecto a la demandada ni, en el interés previsto en el art. 20 de la Ley del Contrato de Seguro respecto a la compañía aseguradora, al no haber incurrido en mora, por intentar abonar la posible indemnización que le correspondería a los demandantes; procediendo a imponer a cada parte las costas causadas a su instancia y las comunes por la mitad, al haber sido estimadas parcialmente las pretensiones de los demandantes."
Segundo: Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª Paula Llorden Fernández-Cervera, en representación de D./D.ª D.Jose Pablo y Dª Estefanía, presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).
Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 13/3/08.
Terceiro: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.
Fundamentos
Primeiro: Partindo do postulado, disposto polo artº 217 da L. A. C ., de que corresponde á parte actora acreditalo alcance exacto dos danos persoais que reclama, a mesma non acatou ese mandato normativo, non superando co ditame que acompaña coa sua demanda o emitido anteriormente pola Médico Forense.
En efecto, os demandantes, e agora recurrentes, acompañan coa demanda o informe pericial rendido polo Médico, Dr. Jesús Luis ( folios 44 e seguintes ), logo aclarado e completado no acto do xuizo. E ainda que dese ditame podería inferirse inicialmente, ademais da secuela apreciada pola Médico Forense, da hernia discal L4-L5 no lesionado, Jose Pablo, a outra, da protusión discal C4-C5, así como os 208 días de curación impeditivos, e na outra lesionada, Estefanía, 84 días impeditivos para o traballo, o certo é que tales conclusións se contradín co ditame forense, e non atopamos datos nin explicacións suficientes por parte daquel perito que nos podan levar racionalmente a dar maior peso probatorio a ese ditame fronte ao outro pois: A ) A Médico Forense fixo un seguimento lesional dos actores persoal e reiterado dende practicamente o intre mesmo do sinistro, na causa penal oportunamente aberta pola denuncia dos mesmos, fronte ao Dr. Jesús Luis, que agás dunha entrevista persoal, e non a fondo, segundo as suas propias manifestacións, rinde o seu informe sobre tres anos despois. B ) Que este perito non observa as resonancias magnéticas, senón que parte dos informes que sobre as mesmas prestan outros profesionais, tamén segundo as suas declaracións. C ) Que o ditame do Dr. Jesús Luis refírese tan sóa ao lesionado, Jose Pablo. D ) Que acepta a apreciación da Médico Forense, no senso de que a curación definitiva se acada coa estabilidade lesional como norma ou concepto xeral. E ) Que non responde afirmativamente á pregunta de se entre os cen días sinalados pola Forense como de curación do lesionado, Jose Pablo, e os doscentos oito días por el establecidos como de sanidade, houbo unha melloría das lesións, contestación afirmativa e segura que se revelaba como crucial, loxicamente, para acoller esta segunda tese en lugar da primeira. Ou por decilo doutro xeito, ao non demostrarse que eses cento oito días a mais dos reseñados pola Médico Forense foran necesarios, ou simplemente útiles para mellorala saúde do paciente, e superar mais satisfactoriamente os resultados desfavorables das lesións padecidas, ese período suplementario non pode tomarse en consideración. O que temos que facer extensivo, por idénticas razóns, á outra lesionada. Estefanía. F ) Finalmente, o que se ven razoando non se pode ver desvirtuado nin superado pola certificación emitida pola Universidade respecto desta última lesionada, nin polos partes de baixa da Seguridade Social relativos ao outro, pois estes coceptos de baixa laboral non son exactamente coincidentes cos dos dias impeditivos para o traballo, nos que debemos movernos neste proceso.
As precedentes consideracións lévannos a rexeitalo motivo do recurso dos demandantes sobre o alcance das suas lesións.
Segundo.- Tampouco pode coller mellor sorte o outro motivo do recurso, relativo aos xuros sancionadores establecidos polo artº 20 da L. C. S ., que a sentenza de primeira instancia atinadamente non aplica, dado que en poucos casos como o presente hai causas razoables para que entre en xogo a excepción de non impoñelos, prevista no parágrafo oitavo dese precepto. Os reiterados ofrecimentos de pagamento e consignacións xudiciais efectivamente realizados pola compañía de seguros, tanto na causa penal precedente, como con posterioridade, para culminar coa achantamento parcial á presente denmanda, actos dispostivos da aseguradora nunca aceptados polos actores, nin ainda como pagamento parcial e a conta, engadido iso á renuncia - inxustificada- á acción penal dos lesionados no intre final do acto do xuizo oral, con reserva de accións civís, cando xa tiñan transcurridos mais de dous anos dende a data do sinistro, son feitos que demostran, certo e elocuentemente, tanto a vontade solutoria da aseguradora, como a negativa sen causa dos lesionados de aceptalo pagamento, circunstancias que xustifican que non se impoñan os xuros pretendidos.
Terceiro.- Non atopamos circunstancia ningunha de excepción que nos leve a non aplicalo criterio xeral do vencimento obxetivo, disposto en materia de custas procesuais polos artºs. 394 e 398 da L. A. C ..
Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que rexeitamolo recurso de apelación formulado por D. Jose Pablo e Estefanía, representados pola procuradora Paula Llorden Fernández-Cervera contra da sentenza dictada polo Xulgado de Primeira Instancia núm. 10 de Vigo o día 14/7/06, con expresa imposición das custas procesuais desta alzada aos recurrentes.
Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia , de normalización lingüística.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución, facéndolles saber que contra ela non cabe recurso ordinario ningún.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.
PUBLICACIÓN: En la misma fecha fue leída y publicada la anterior resolución por el Ilmo. Sr/a. Magistrado que la dictó, celebrando Audiencia Pública. Doy fe.
