Sentencia Civil Nº 169/20...io de 2015

Última revisión
01/02/2016

Sentencia Civil Nº 169/2015, Audiencia Provincial de A Coruña, Sección 6, Rec 62/2014 de 15 de Junio de 2015

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico

Relacionados:

Tiempo de lectura: 10 min

Orden: Civil

Fecha: 15 de Junio de 2015

Tribunal: AP - A Coruña

Ponente: TALLON GARCIA, LORENA

Nº de sentencia: 169/2015

Núm. Cendoj: 15078370062015100344

Resumen:
MATERIAS NO ESPECIFICADAS

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6 (DESPL)

A CORUÑA

SENTENCIA: 00169/2015

Rolo: RECURSO DE APELACION (LECN) 62/2014

Ilmos. Sres. Maxistrados:

D. JOSÉ GÓMEZ REY -PRESIDENTE-

D. JORGE CID CARBALLO

Dª LORENA TALLÓN GARCIA

SENTENZA

NÚM. 169/15

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2015.

Vistos en grao de apelación ante esta Sección 6ª da Audiencia Provincial de A Coruña, con Sede en Santiago de Compostela, os autos do procedemento ordinario núm. 378/2012, procedentes do Xulgado de Primeira instancia e instrución núm. 1 de Ribeira, aos que correspondeu o rolo recurso de apelación núm. 62/2014, nos que aparece como parte apelante a Comunidade de propietarios do edificio sito na RUA000 núm. NUM000 de Ribeira, representada pola procuradora dona Elena Ramos Picallo, e como parte apelada a entidade Restaura Galicia SL, representada polo procurador don Antonio Arca Soler, sendo Xuíz Relator dona LORENA TALLÓN GARCIA, quen expresa o parecer da Sala, formulando os seguintes antecedentes de feito, fundamentos xurídicos e parte dispositiva.

Antecedentes

PRIMEIRO.- Acéptanse e danse por reproducidos os antecedentes de feito contidos na Resolución apelada, ditada polo Xulgado de primeira instancia e instrución núm. 1 de Ribeira en cuxa parte dispositiva se estableceu: 'Que desestimo la petición presentada por la actora la comunidad de propeitarios del edifico de la RUA000 nº NUM000 contra la demandada Restaura Galicia SL.

En materia de costas es de aplicación el art. 394. Que debo desestimar y desestimo la demanda interpuesta por Dª Noemi contra Dª Adoracion , con imposición de costas a la parte demandante.'

SEGUNDO.-Notificada dita resolución ás partes a representación procesual da Comunidade de propietarios do edificio sito na RUA000 núm. NUM000 de Ribeira presentou recurso de apelación que foi admitido e, cumpridos os trámites correspondentes, eleváronse as actuacións a este Tribunal, sinalándose para a súa deliberación, votación e dispoño, o 3 de xuño de 2015, en que tivo lugar o acordado.

TERCEIRO.-Na tramitación deste procedemento observáronse as prescricións legais.


Fundamentos

Acéptanse os da Sentenza apelada en canto non se opoñan aos que se exporán.

PRIMEIRO.-A demandante no escrito inicial que encabezou este procedemento exercitou unha acción por incumprimento contractual fronte á demandada interesando a condena desta o abono da contía de 41.744,27€ ou, subsidiariamente, a condena a executar as obras de reparación indicadas no informe

pericial achegado coa demanda.

Segundo argumentou a actora en xuño de 2003 concertou un contrato de execución de obra coa mercantil demandada co fin de levar a cabo a rehabilitación das fachadas do inmoble sito no núm. NUM000 da RUA000 de Ribeira. Sendo isto así a referida edificación presenta na actualidade unha serie de vicios ou lesións derivadas ben da deficiente execución das actuacións levadas a cabo pola demandada ben da inadecuación das mesmas.

A demandada opúxose as pretensións da actora argumentando que a situación que presenta o inmoble na actualidade non trae causa dunha deficiente execución das actuacións contratadas pola demandante no ano 2003.

A Sentenza apelada desestimou integramente as pretensións da demandante ao entender que '...del resultado de la prueba practicada no puede considerarse acreditado el incumplimento contractual de la demandada en cuanto a la incorrecta ejecución de las obras...'

Fronte a dita Resolución alzouse en apelación a demandante quen, invocando erro na valoración da proba, reiterou os argumentos deducidos en primeira instancia, e interesou a revogación da Sentenza apelada.

Pola súa banda a apelada interesou a confirmación da Resolución impugnada.

SEGUNDO.-Un novo exame dos elementos de proba debe levar a desestimar o recurso de apelación e, consecuentemente, confirmar as conclusións recollidas na Sentenza de instancia.

Considerando as posicións asumidas polas partes, no seus escritos iniciais, debe considerarse como circunstancia non controvertida as deficiencias que presenta o inmoble sito no núm. NUM000 da RUA000 de Ribeira descritas pola demandante no seu escrito de demanda; deficiencias que non foron cuestionadas na súa realidade pola demandada. Consecuentemente a controversia quedou limitada, xa en primeira instancia, a existencia de nexo causal entre ditas deficiencias e a actuación que sobre o inmoble realizou a demandada en 2003 a requirimento da Comunidade demandante.

Partindo do anterior compre sinalar en primeiro extremo que a proba achegada a estas actuacións non permite ter por acreditado que a actora solicitase da demandada unha proposta de actuación ordenada a rehabilitación do inmoble e que fose a demandada a que concretase as actuacións que resultaban adecuadas tendo o estado do inmoble, sendo as partidas que se recollen no contrato de execución de obra froito desas recomendacións ou asesoramento. As declaracións das testemuñas adocen de alto grado de vaguidade e imprecisión, trasladando en ocasións consideracións das que non tiveron coñecemento directo senón simplemente referencial. Esta circunstancia determina a imposibilidade de que con apoio nas mesmas se poida ter por desvirtuada a tese da demandada -que conta co referendo do contido do contrato subscrito polas partes- conforme á que esta non realizou ningún tipo de asesoramento técnico senón que se limitou a executar as actuacións contratadas que determinou a Comunidade actora.

En segundo lugar tampouco cabe ter por probado que as deficiencias detectadas deriven dun cumprimento defectuoso do contrato de execución de obra. Así non se achegou proba que permita soster que as gretas e humidades que presentan as fachadas sexan as mesmas que existían na data en que a demandada realizou a súa intervención nin que as mesmas traían causa dunha deficiente execución do revestimento da fachada con pintura acrílica, actuación encomendada a demandada.

O informe pericial achegado pola demandante, no que esta apoia as súas pretensións, establece como causa das lesións identificadas cos números 1, 3 e 4 a carencia de 'goterón en el voladizo que provoca la escorrentía en el voladizo' así como a defectos no material ou na execución do revestimento.

Pois ben a ausencia do goterón non pode imputarse á demandada xa que non se trata dunha actuación comprendida no contrato subscrito polas partes nin, como xa se indicou, se pode ter por acreditado que a entidade demandada asumise funcións de asesoramento técnico ou similares fronte á demandante. Do mesmo xeito debe descartarse a inadecuación do revestimento empregado tendo en conta as características técnicas do produto e das fachadas do inmoble(documento número 1 dos achegados coa contestación). Finalmente non se chegou a concretar que deficiencias de execución serían as que poderían ser causa das lesións anteriormente mencionadas.

Así mesmo no referido informe pericial recolleuse como causa das lesións identificadas no mesmo cos números 2, 6 e 8 'durante las obras no se respetó la junta de dilatación del edificio'. O perito da demandada coincidiu co perito da actora ao indicar que as referidas lesión poderían ter a súa causa na actuación da demandada indicada ou ben na ausencia orixinaria de dita xunta. A proba practicada deixa aberto a interrogante en torno a preexistencia de dita xunta o que inevitablemente determina a imposibilidade de ter certa a imprescindible relación de causalidade entre as referidas deficiencias e a actuación da demandada.

En relación coa lesión número 5 das recollidas na pericial actora establécese como causa os movementos da estrutura, que tamén recoñeceu o perito da actora, que a fábrica do cerramento non soporta. Dita causa, tal e como subliñou o perito da demandada non garda relación coa actuación levada a cabo pola demandada no inmoble, configurándose como unha deficiencia preexistente.

Polo que atinxe á lesión 7 a relación de causalidade non pode afirmarse tendo en conta: a)dunha parte que a pericial da actora estableceu como causa ben a mala adherencia do revestimento ben un impacto, sen superar dita dicotomía con rotundidade; e b)doutra parte que o perito da demandada explicou as lesións considerando as solucións construtivas aplicadas sobre a fachada e as fisuras existente na mesma, é dicir, expoñendo un criterio máis razoado que o perito da actora, sinalou como orixe de dita lesión a filtración de auga polas fisuras e gretas.

Respecto ás lesións identificadas cos números 9 e 10 o perito da demandante sostivo que tiña a súa orixe nas filtracións de auga que se producen a través do recubrimento das armaduras e á falta de flexibilidade do revestimento. Fronte a dita consideración o perito da demandada situou a causa das lesións en deficiencias da construción; concretamente derivadas do feito de que non se respectaron, durante a construción do inmoble os recubrimentos mínimos que establece a normativa e da insuficiencia da armadura dos dinteis o que determina que se agrete o ladrillo e tras del o revestimento. A disparidade de criterios técnicos sostidos polos peritos non pode resolverse acollendo o recollido na pericial actora por canto a tese do perito da demandada conta cunha fundamentación máis sólida e razoada.

Finalmente, polo que se refire as humidades interiores, indentificándose como causa das mesmas a filtración de auga dende o exterior e non podendo ter por acreditada a relación de causalidade entre as deficiencias do exterior (gretas) e a actuación da demandada, debe tamén excluírse a posibilidade de ter por acreditado que ditas humidades traian a súa causa da actuación da demandada.

TERCEIRO.-En materia de custas o art. 394 da LAC consagra o criterio do vencemento obxectivo, recoñecendo a posibilidade da excepción de dito principio atendendo ás concretas circunstancias de cada caso en atención a existencia de serias dúbidas de feito ou de dereito.

Sendo isto así no caso axuizado apreciamos a concorrencia de circunstancias de feito de difícil e dubidosa delimitación que permiten a excepción do referido principio. Consecuentemente non procede a imposición das costas xeradas na primeira instancia debendo revogar o pronunciamento de condena contido na Sentenza apelada.

CUARTO.-A tenor do disposto no art. 398 en relación co art. 394, ambos da LAC, estimando parcialmente o recurso de apelación interposto pola demandante, non procede a imposición das custas derivadas desta segunda instancia á mesma.

Por todo o exposto, vistos os preceptos legais citados, os seus concordantes e demais de xeral e pertinente aplicación,

Fallo

A Sala acorda estimar o recurso de apelación interposto pola representación procesual da Comunidade de propietarios do edificio sito no núm. NUM000 da RUA000 de Ribeira e, en consecuencia, revoga a Sentenza de 18 de novembro de 2013 ditada polo Xulgado de primeira instancia e instrución núm. 1 de Ribeira no procedemento ordinario núm. 378/2012 no sentido de non efectuar pronunciamento de condena en custas. Todo elo sen imposición das custas procesuais xeradas nesta alzada.

Notifíquese esta resolución, en legal forma, ás partes e fágaselles saber que, conforme preceptúa o artigo 248-4º da Lei Orgánica do Poder Xudicial , contra ela cabe recurso de casación por interese casacional que deberá ser interposto ante esta Sección, no prazo de 20 días a contar dende o seguinte a notificación da mesma.

Dentro do prazo legal, devólvanse as actuacións orixinais con testemuño desta resolución ao Xulgado de procedencia, para a súa execución e cumprimento.

Así por esta resolución da que se porá certificación literal no Rolo de Sala da súa razón, incluíndose o orixinal no Libro correspondente, o pronunciamos, mandamos e asinamos.

PUBLICACIÓN.- Dada, lida e publicada foi a anterior Sentenza pola Xuíz que a ditou, estando celebrando audiencia pública nomesmo día da súa data, do que eu, o Secretario Xudicial, dou fe.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.