Sentencia Civil Nº 179/20...il de 2013

Última revisión
01/07/2013

Sentencia Civil Nº 179/2013, Audiencia Provincial de Lugo, Sección 1, Rec 84/2013 de 24 de Abril de 2013

Relacionados:

Tiempo de lectura: 11 min

Orden: Civil

Fecha: 24 de Abril de 2013

Tribunal: AP - Lugo

Nº de sentencia: 179/2013

Núm. Cendoj: 27028370012013100209

Resumen:
CUMPLIMIENTO OBLIGACIONES

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 1

LUGO

SENTENCIA: 00179/2013

ILMOS. SRES.:

D. JOSÉ ANTONIO VARELA AGRELO

D. JOSÉ RAFAEL PEDROSA LÓPEZ

D. XULIO XOSÉ FERREIRO BAAMONDE (suplente)

Lugo, vinte e catro de abril de dos mil trece.

A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Lugo viu, en grao de apelación, o rolo de sala n.º 84/2012 , dimanante dos autos de Xuizo Ordinario nº 545/2.012, seguido no Xulgado de Primeira Instancia nº 3 de Lugo, sobre reclamación de cantidade. Foron partes no recurso, como apelante D. Jose María , representado pola procuradora Sra. Arias Regueira e baixo a dirección do letrado Sr. Viño Prieto, e apelada ' HELVETIA CÍA. AUIXA S.A.', representada polo procurador Sr. Corral Álvarez e asistida da letrada Sra. García Romero. Actúa como maxistrado-relator o Iltmo. Sr. D. XULIO XOSÉ FERREIRO BAAMONDE.

Antecedentes

PRIMEIRO.- Con data 5 de novembro de 2012, o Xulgado de Primeria Instancia dictou unha sentencia que na súa parte dispositiva di: 'FALLO: Que debo desestimar y desestimo la demanda planteada por Don Jose María , representado por la Procuradora Sra. Arias Regueira, contra, la entidad 'Helvetia Cía. Suiza S.A.', sin hacer un especial pronunciamiento respecto de las costas'.

SEGUNDO.- A parte demandante D. Jose María interpuxo un recurso de apelación contra a devandita sentencia, téndose por preparado o mesmo e cumpridos os trámites do art. 458 e seguintes da L.A.C. 1/2000 eleváronse as actuacións a esta Sección Primeira da Audiencia Provincial para a resolución procedente.

TERCEIRO.- Na tramitación do presente recurso observáronse, en ámbalas dúas instancias, tódalas formalidades legais.


Fundamentos

Acéptanse os da resolución recorrida no que non contradigan aos seguintes.

PRIMEIRO.-A recorrente impugna a sentencia de instancia entendendo que a mesma incorre en erro na valoración da proba, ao ter por acreditada a existencia de dolo ou culpa grave na ocultación da existencia de doenzas previas - discopatía e protusión discal - e dunha situación de incapacidade permanente recoñecida pola Seguridade Social, cando cubriu o cuestionario de saúde previo á contratación do seguro que o recorrente pretendía facer valer na pretensión incorporada á demanda que deu inicio a este procedemento.

A sentencia de instancia fundamenta a súa apreciación probatoria no feito de que o actor omitiu no cuestionario de saúde circunstancias de indubidábel relevancia, que a aseguradora tiña dereito a coñecer para decidir con total coñecemento se quería ou non subscribir o seguro e, de querer, a prima que habería de satisfacer o asegurado. Estas circunstancias consistían no recoñecemento dunha incapacidade permanente dende o ano 1998 por protusión discal e discopatía, ocultadas polo recorrente ao responder negativamente ás preguntas 2 e 9 do sinalado cuestionario, concretamente a ' indicar se sofre ou sufriu calquera tipo de enfermidade ou accidente que afecte ao seu actual estado de saúde con anterioridade á data de efecto da póliza que se contrata ou se ten algún estudo diagnóstico pendente ou previsto' e ' Solicitou da SS ou ten previsto solicitar algunha indemnización ou pensión por enfermidade ou accidente' (fl. 76). Por outra banda, o xulgador a quoconsidera, á vista da resolución do INSS pola que se declara a existencia dunha situación de incapacidade permanente en grao de absoluta, que a preexistencia das sinaladas lesións foron tidas en conta para realizarse tal declaración.

A recorrente sinala que a resposta positiva a outras preguntas, como a relativa á existencia de baixas prolongadas ou dunha operación por hernia inguinal acreditaría a inexistencia de dolo ou culpa grave na mencionada ocultación. Por outra banda, e baseándose na proba pericial practicada, entende que a incapacidade absoluta agora concedida non ten relación ningunha coas lesións preexistentes, senón unicamente co cancro de recto padecido trala sinatura da póliza e do que ningún síntoma existía con anterioridade á formalización do contrato de seguro.

SEGUNDO.-O art. 10 LCS establece que ' O tomador do seguro ten o deber, antes da conclusión do contrato, de declarar ao asegurador, de acordo co cuestionario que este lle someta, todas as circunstancias por el coñecidas que podan influír na valoración do risco (...). O asegurador poderá rescindir o contrato mediante declaración dirixida ao tomador do seguro no prazo dun mes, a contar do coñecemento da reserva ou inexactitude do tomador do seguro (...). Se o sinistro sobreviñese antes de que o asegurador faga a declaración a que se refire o parágrafo anterior, a prestación deste reducirase proporcionalmente á diferenza entre a prima convida e a que se tería aplicado de coñecerse a verdadeira entidade do risco. Se mediou dolo ou culpa grave do tomador do seguro, quedará o asegurador liberado no pagamento da prestación'.

A xurisprudencia en supostos como o que nos ocupa define o dolo como a reticencia á expresión das circunstancias influentes na valoración do risco e que de ter sido coñecidas pola outra parte contratante influirían decisivamente na vontade de celebralo, debendo considerarse como dolo non só a insidia directa ou indutora senón tamén a reticencia dolosa do que cala ou non advirte debidamente ( SSTS de 12 de novembro de 1987 , 4 de abril de 1988 , 9 de febreiro de 1989 , 31 de maio de 1997 ou 31 de decembro de 1998 , e SS AA PP de Cádiz de 23 de outubro de 2012 , Lugo de 26 de outubro de 2012 ). Como sinala a citada sentencia da AP de Cádiz, a existencia de tal actitude por parte do tomador do seguro 'c onstitúe un elemento cuxa proba corresponde á aseguradora, tendo sempre en conta que se en determinados casos tales circunstancias poden ser deducidas e acreditadas a través da proba de presuncións, noutras faise preciso un acreditamento cumprido por parte do asegurador, pois deben cohonestarse o deber de veracidade do asegurado cun certo deber de dilixencia, traducido ben no recoñecemento médico do asegurado, ou o que se ten esixido con maior rigor, na presentación a dito asegurado dun cuestionario relativo aos antecedentes médicos-sanitarios e ao seu actual estado de saúde, de tal xeito que só poderá considerarse que unha declaración é falsa alí onde exista unha auténtica discordancia entre o declarado polo asegurado nese formulario e a realidade'. Mais como se sinalou anteriormente, a mera existencia de discordancia entre declaración e realidade non abonda para determinar a exoneración da aseguradora de facerse cargo da prestación contratada, senón que debe probarse a existencia de dolo ou culpa. Como sinal ao TS, ' a precisión de se un determinado suposto é meramente culposo por parte do tomador, ou ben se debeu a culpa grave non é tarefa doada, en que a liña divisoria entre a culpa leve e a grave é sutil. Só á vista de cada caso concreto poderá determinarse se nos atopamos diante dun suposto de culpa grave ou non. Todo isto é de libre apreciación do Tribunal sentenciador, en canto, sendo conceptos xurídicos, han de resultar do actuado como feitos, condutas e circunstancias que o órgano xudicial interpreta e valora, para decretar a súa concorrencia' ( SSTS de 12 de agosto de 1993 e 24 de xuño de 1999). En canto ao dolo, pode considerarse probado cando o tomador, ao cumprimentar o cuestionario presentado polo asegurador oculta, inventa ou deforma datos coa fin de transmitir unha aparencia de mínimo risco e conseguir a conclusión do contrato e/ou unhas primas de seguro moi inferiores á cobertura do risco real que asume o asegurador, de acordo co que establece o art. 1269 CC . Tal concepción de dolo permite abranguer non só o engano directo, senón tamén toda actitude pasiva ou de silencio que teña como finalidade producir no outro o engano e, en consecuencia, a celebración do contrato. É por isto que as declaracións de saúde incompletas ou inexactas deben ter a consideración de dolosas civilmente, de acordo coa doutrina xurisprudencial recollida, entre outras, na citada STS de 31 de decembro de 1998 , que precisa que o concepto de dolo que dá o art. 1269 CC non só comprende a insidia directa e indutora senón tamén a reticencia dolosa do que cala ou non advirte deliberadamente, sendo este xeito ou modalidade de dolo a que se refire polo art. 10.3 LCS , como salienta a STS de 12 de xullo de 1993 , ao dicir que ' o dolo que se aprecia é, evidentemente, de natureza negativa, en canto supón reticencia na obrigada que silenciou os feitos e circunstancias influentes e determinantes na conclusión do contrato, que de telos sabido a outra parte influirían decididamente na súa vontade de celebrar o contrato e que atopa encaixe no art. 1269 CC '.

Neste caso, o xulgador de instancia, de acordo coas regras da sana crítica, valorou a proba que diante del se produciu chegando á conclusión de que existía culpa grave senón dolo, debido a que a ausencia de declaración do tomador do seguro sobre as doenzas previas levou a que a aseguradora demandada non esixira información ou exame médico complementario nin a avaliar se era procedente o aseguramento que se facía, como tampouco fixar no caso concreto a prima a satisfacer atendendo a aqueles resultados, se isto era posíbel, ou negarse o aseguramento. Tal conclusión probatoria non pode considerarse arbitraria, nin a recorrente demostra a existencia de ningún erro grave ou manifesto na mesma, senón que, lexitimamente, pretende substituír a valoración probatoria do xuíz de instancia pola súa propia, máis favorábel, naturalmente, aos seus intereses, mais que, en aplicación da postura constante desta Sala, non pode ser acollida, dado que o ámbito de control que na apelación se debe realizar das facultades de valoración probatoria non pode ir máis alá dos estremos sinalados de arbitrariedade ou erro grave ou manifesto, xa que que así se garante o pleno xogo do principio de inmediación que preside o sistema probatorio da LAC.

Neste caso, a ocultación consciente das doenzas previas por D. Jose María semella obvia, posto que non é pensábel que esquecese ou non considerase relevantes as súas patoloxías discais nin a existencia dunha situación declarada de incapacidade, máis cando se lle preguntou expresamente por ela no cuestionario facilitado pola aseguradora. A existencia de relación entre tales padecementos previos e a declaración de incapacidade absoluta que pretende se lle indemnice pola aseguradora dáse por acreditada na sentencia sobre a base da mencionada resolución do INSS, nunha apreciación probatoria que debe terse novamente por razoábel e non arbitraria, xa que tal resolución non diferenza entre os diferentes secuelas que describe para xustificar a concesión da incapacidade. En todo caso, tal como sinala a sentencia de instancia e, segundo a xurisprudencia anteriormente citada, non sería preciso para apreciar a facultade de exoneración do pago que establece o art. 10.3 LCS unha relación de causalidade directa entre a información ocultada e a continxencia que dá lugar á reclamación fronte á aseguradora, senón a mera ocultación de circunstancias relevantes para a valoración do risco, como ocorre no caso presente. Por todo o anteriormente exposto, o recurso de apelación debe ser desestimado.

TERCEIRO.-Tal e como facía a sentencia de instancia, esta Sala entende que existen dúbidas fácticas e xurídicas en canto á caracterización da conduta do demandante de dolosa ou gravosa, abondo para non facer unha expresa declaración dos custes procesuais desta segunda instancia, segundo o disposto nos arts. 394 e 398 LAC.

En consecuencia, vistos os preceptos sinalados de demais de pertinente aplicación ao caso,

Fallo

Desestimar o recurso de apelación presentado pola representación procesual de D. Jose María fronte á Setencia 249/2012, de 5 de novembro, ditada en autos de xuízo ordinario 545/2012 polo Xulgado de Primeira Instancia nº 3 de Lugo, confirmando a mesma en todos os seus pronunciamentos e sen realizar expresa imposición dos custes procesuais.

Devólvase ó consignante o depósito constituido para recorrer.

Contra a devandita resolución no cabe recurso ordinario ningún, sen prexuizo de que poida interponerse o recurso extraordinario de casación ou por infracción procesual, se concorre algún dos supostos previstos nos artigos 469 e 477 da Lei de Axuizamento Civil, caso no que o prazo para a interposición do recurso será o de vinte días, debendo interpoñerse o recurso ante este mesmo Tribunal.

Así, por esta nosa sentencia, da que se unirá certificación ó rolo de sala, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.