Última revisión
01/02/2016
Sentencia Civil Nº 181/2015, Audiencia Provincial de A Coruña, Sección 6, Rec 79/2015 de 15 de Junio de 2015
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 9 min
Orden: Civil
Fecha: 15 de Junio de 2015
Tribunal: AP - A Coruña
Ponente: TALLON GARCIA, LORENA
Nº de sentencia: 181/2015
Núm. Cendoj: 15078370062015100360
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6 (DESPL)
A CORUÑA
SENTENCIA: 00181/2015
AUDIENCIA PROVINCIAL DE A CORUÑA
SECCIÓN SEXTA
SANTIAGO DE COMPOSTELA
ROLO: RECURSO DE APELACIÓN (LECN) 79/2015
Ilmo/s. Sr/es. Maxistrado/s:
D. JORGE CID CARBALLO -PRESIDENTE-
Dª LORENA TALLÓN GARCÍA
Dª Mª DEL CARMEN VILARIÑO LÓPEZ
SENTENZA
NÚM. 181/15
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2015.
Vistos en grao de apelación ante esta Sección 6ª da Audiencia Provincial de A Coruña, con Sede en Santiago de Compostela, os autos do Procedemento matrimonial de modificación de medidas definitivas seguido co núm. 1603/2013, procedentes do Xulgado de Primeira instancia núm. 6 de Santiago de Compostela, aos que correspondeu o rolo recurso de apelación núm. 79/2015, nos que aparece como parte apelante don Hugo , representado pola procuradora dona Marta Delgado Fontáns, e como parte apelada dona Estefanía , representada pola procuradora dona Natividad Alfonsín Somoza, sendo Xuíz relator dona LORENA TALLÓN GARCÍA, quen expresa o parecer da Sala, formulando os seguintes antecedentes de feito, fundamentos xurídicos e dispoño.
Antecedentes
PRIMEIRO.-Acéptanse e danse por reproducidos os antecedentes de feito recollidos na Sentenza impugnada ditada no procedemento de modificación de medidas seguido con núm. 160/2013 ante o Xulgado de Primeira instancia núm. 6 de Santiago de Compostela en cuxa parte dispositiva se estableceu: 'Que debo desestimar y desestimo la demanda interpuesta por Don Hugo , representado por el procurador sra. Caamaño Castiñeira y asistido de letrado contra Doña Estefanía representada por la procuradora sra. Alfonsín Somoza y asistida de letrado sin intervención de la representación del Ministerio Fiscal y en consecuencia procede desestimar la pretensión de extinción de la pensión de alimentos establecida a favor del hijo común en sentencia de divorcio de mutuo acuerdo de fecha de 19 de marzo de 2009. Todo ello sin expresa imposición en cuanta a las costas procesales causadas'.
SEGUNDO.-Notificada dita resolución ás partes, a representación procesual de don Hugo interpuxo recurso de apelación que foi admitido e, cumpridos os trámites correspondentes, eleváronse as actuacións a este Tribunal, sinalándose para a deliberación e votación, o 10 de xuño de 2015, en que tivo lugar o acordado.
TERCEIRO.-Na tramitación deste procedemento observáronse as prescricións legais.
Fundamentos
PRIMEIRO.-A representación procesual de don Hugo interpuxo recurso de apelación contra a Sentenza ditada no Procedemento matrimonial de modificación de medidas seguido co núm. 1603/2013 ante o Xulgado de Primeira Instancia núm. 6 de Santiago de Compostela, interesando a revogación de dita resolución e que no seu lugar se ditase outra pola que, estimando a demanda interposta polo agora apelante, se tivese por extinguida a pensión de alimentos de 200€ mensuais establecida a favor do seu fillo don Romulo .
A parte apelante fundamentou o seu recurso invocando o erro na valoración da proba no que, segundo expuxo, tería incorrido a resolución impugnada ao non apreciar que cambio de circunstancias consistente na diminución da capacidade económica do apelante teña entidade para determinar a extinción da pensión de alimentos.
Pola súa parte a apelada opúxose ás pretensións deducidas de contrario e interesou a confirmación da resolución impugnada.
SEGUNDO.-Para resolver adecuadamente a cuestión plantexada en primeira instancia e reproducida en apelación, compre lembrar que, segundo o criterio reiteradamente exposto pola xurisprudencia menor a modificación de medidas acordada por sentenza firme nos procesos matrimoniais e de menores unicamente pode ter lugar cando, por causas alleas ao propósito ou a deliberada vontade do solicitante, se produza unha alteración obxectiva e substancial das circunstancias persoais ou materiais relativas aos pais e aos fillos menores, que supoñan a aparición de feitos ou situacións novas e de algún modo imprevistas, máis alá das variacións que puideran considerarse ordinarias ou habituais, de acordo coa posición socioeconómica da familia e a realidade social do momento, respecto da situación fáctica que se tivo en conta no convenio extraxudicial ou no seu caso na sentenza e sobrevida con posterioridade a súa adopción, con un certo carácter de permanencia ( artigos 90 parágrafo terceiro , 91 inciso final, 93 e 100, en relación co artigo 174, todos eles do Código civil (CC ), e 775.1 da Lei e axuizamento civil (LAC).
Neste sentido, debe entenderse que non terán virtualidade para xustificar dita modificación os acontecementos que, aínda sobrevidos, foran previstos ou contemplados, sequera implicitamente, na sentenza que acordou a medida sen consideración a unha futura modificación, nin aqueles que, aínda supoñendo unha alteración das circunstancias, non inciden de maneira esencial e básica nas condicións de feito que se examinaron na resolución xudicial, podendo deducirse racionalmente que, de terse previsto, non determinarían un cambio no seu contido. Tampouco cabe utilizar a canle procesual da modificación de medias definitivas do artigo 775 da LAC para revisar os fundamentos e o sentido da decisión adoptada ao respecto nunha sentenza anterior, cando non se produciu un cambio real das circunstancias que lle serviron de presuposto fáctico.
Do exposto derívase, así mesmo, que o exame das pretensións de modificacións de medidas pasa necesariamente por facer un exercicio de ponderación comparativa entre o estado de cousas tomado en consideración o tempo de fixarse a medida ou medidas cuxa modificación se pretende e as circunstancias de feito concorrentes no momento en que dita modificación se interesa. Así mesmo compre lembrar que as obrigacións alimenticias dos pais respecto dos fillos non cesa cando estes acadan a maioría de idade, sen embargo, o réxime xurídico destes alimentos ( artigos 142 e seguintes do Código civil ) é distinto ao dos fillos menores de idade: 1) o dereito de alimentos dos fillos maiores de idade non é incondicional; 2)para a concesión de alimentos a favor dos fillos maiores de idade tense que acreditar a necesidade destes, sen que exista ningunha presunción legal de dita necesidade como acontece cos fillos menores de idade; 3) pode ter un contido menor que os alimentos dos menores, contido que en ocasións pode reducirse ao mínimo imprescindible e incluso extinguirse; 4)os alimentos dos fillos maiores de idade vese afectados polas limitacións propias do réxime legal de alimentos entre parentes, se ben faise necesario puntualizar que a causa de cesación de alimentos do art. 152.3º do CC pode non se aplicable aos alimentos dos fillos maiores de idade se estes aínda non deixaron de pertencer ao que se chama a 'familia reducida', isto é, cando aínda continúan vivindo no domicilio familiar; aínda que isto non é unha cuestión pacífica na doutrina e na xurisprudencia; 5) a obrigación alimenticia dos fillos maiores de idade será proporcionada ao caudal e medios de quen os da e as necesidades de quen os recibe; 6) a obrigación alimenticia dos fillos maiores de idade non ten necesariamente que ser actualizada periodicamente conforme a un índice previamente fixado, senón que debe atenderse ao establecido no art. 147 do CC , isto é, aumentaranse ou diminuiranse proporcionalmente segundo o aumento ou diminución que sufran as necesidades do alimentista e a fortuna do alimentante.
TERCEIRO.-No suposto que nos ocupa, un novo exame e valoración por esta Sala das actuacións practicadas que obran en autos leva necesariamente a concluír que o recurso de apelación interposto debe ser desestimado e que, por conseguinte, procede a confirmación da resolución recorrida ao ser a mesma axustada a dereito e resultado dunha axeitada e ponderada valoración da proba, así como dunha correcta aplicación ao suposto axuizado dos preceptos legais pertinentes e da doutrina xurisprudencial que os desenvolve.
Comparte este Tribunal a análise dos elementos de proba relativos as capacidades económicas actuais de ambos proxenitores así como a conclusión conforme a que debe terse por acreditado que o agora apelante sufriu unha diminución significativa dos seus recursos económicos. Sen embargo, sendo isto así non cabe obviar dúas circunstancias que, a xuízo desta Sala determinan a oportunidade de manter a pensión de alimentos establecida a favor de don Romulo : 1) O empeoramento tanto da situación económica como persoal deste. No momento en que se ditou a Sentenza de divorcio, 19 de marzal de 2009, na que se aprobou o convenio matrimonial no que as partes conviñeron o establecemento a cargo do apelante e en favor do fillo, este xa non convivía no domicilio familiar e tiña un traballo de media xornada. Na actualidade Romulo convive coa súa nai, carece de emprego e a enfermidade que xa padecía no momento en que se aprobou o convenio (esclerose múltiple), presenta síntomas de evolución que limitan as súas capacidades físicas; 2) Pese a diminución de ingresos o agora apelante percibe un subsidio de desemprego de 998€ mensuais de xeito que a pensión de alimentos establecida a favor do fillo representaría un 20% dos seus ingresos, porcentaxe que non se estima excesiva ou desproporcionada.
CUARTO.-Non procede a imposición das custas desta instancia, atendida a natureza da materia obxecto de controversia.
Vistos os artigos citados e os demais de xeral pertinente aplicación,
Fallo
desestimar o recurso de apelación interposto pola representación procesual de don Hugo contra a Sentenza ditada en data 31 de xuño de 2014 no Procedemento matrimonial de modificación de medidas seguido co núm. 1.603/2013 ante o Xulgado de Primeira Instancia núm. 6 de Santiago de Compostela e, en consecuencia, confirma a devandita resolución, todo elo sen pronunciamento de condena en custas.
Notifíquese esta resolución, en legal forma, ás partes e fágaselles saber que, conforme preceptúa o artigo 248-4º da Lei Orgánica do Poder Xudicial , contra ela cabe recurso de casación por interese casacional que deberá ser interposto ante esta Sección, no prazo de 20 días a contar dende o seguinte a notificación da mesma.
Dentro do prazo legal, devólvanse as actuacións orixinais con testemuño desta resolución ao Xulgado de procedencia, para a súa execución e cumprimento.
Así por esta resolución da que se porá certificación literal no Rolo de Sala da súa razón, incluíndose o orixinal no Libro correspondente, o pronunciamos, mandamos e asinamos.
PUBLICACIÓN.- Dada, lida e publicada foi a anterior Sentenza pola Xuíz que a ditou, estando celebrando audiencia pública nomesmo día da súa data, do que eu, o Secretario Xudicial, dou fe.

