Sentencia Civil Nº 184, A...il de 2000

Última revisión
24/04/2000

Sentencia Civil Nº 184, Audiencia Provincial de Pontevedra, Rec 256 de 24 de Abril de 2000

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 5 min

Orden: Civil

Fecha: 24 de Abril de 2000

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: VARELA CASTRO, LUCIANO

Nº de sentencia: 184

Resumen:
E fronte á devandita sentencia, a parte demandante interpuxo recurso de apelación que foi admitido en ámbolos dous efectos, polo que as actuacións foron elevadas a esta Sala, tras as partes seren emprazadas. Na tramitación desta instancia, cumpríronse as prescricións e termos legais.Teima o apelante nesta instancia na súa pretensión de que sexa diminuído o importe da súa obriga alimentaria a prol do fillo que tivo coa demandada. E nesa pretensión movida na demanda rectora, o apelante omitía algún dato esencial que cómpre agora subliñarmos: Que a obriga alimentaria que foi imposta inicialmente na sentencia, que deu lugar á separación persoal, foi logo ratificada na sentencia que puxo fin ao preito de divorcio do que o demandante non di unha palabra na súa demanda.Tal pretensión de muda da obriga por mor do cambio de circunstancia representado pola nova paternidade, foi rexeitada en dúas instancias. Este procedemento incidental non pode correxi-lo validamente decidido noutro porque non pode revisar criterios que fundan sentencia con efecto de cousa xulgada.Desbotada esta muda, calquera consideración verbo da equidade doutra sentencia resulta imposíbel.    

Fundamentos

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 1

PONTEVEDRA

 

SENTENCIA: 00184/2000

AUDIENCIA PROVINCIAL

 SECCIÓN PRIMEIRA

  PONTEVEDRA

 

Rolo civil: 0256/99

P. civil: 0125/98

Orixe: XDO DE 1ª INSTANCIA DA ESTRADA

Tipo asunto: MODIFICACIÓN DE MEDIDAS

 

      A SECCIÓN PRIMEIRA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, composta por D. JAIME CARRERA IBARZÁBAL, presidente, D. LUCIANO VÁRELA CASTRO e D. JULIO CÉSAR PICATOSTE BOBILLO, maxistrados, pronunciou

 

NO NOME DO REI

 

a seguinte

 

SENTENCIA NÚM.184

 

      Pontevedra, o vintecatro de abril do año dous mil.

 

      O recurso de apelación interposto fronte á sentencia deitada nos actos do proceso civil núm. 125/98, vindo do Xulgado de 1ª Instancia da Estrada, foi movido entre as partes: dunha beira, como apelante e demandante, representado nesta instancia polo procurador dos tribunais Sr. Sanjuán Fernández, baixo a dirección do letrado Sr. Canabal Fandiño (asistindo á vista a letrada Sra. Marta Carballo); doutra, como apelada e demandada, dona CELIA, a quen representa o procurador Sr. Soto Santiago e dirixe o letrado Sr. Pardal Sánchez (asistindo á vista o letrado Sr. Cesáro Pardal); e, amais, dunha outra, como apelado e demandado, O MINISTERIO FISCAL, en xuízo de modificación de medidas.

 

ANTECEDENTES DE FEITO

 

      Acéptanse os da sentencia de primeira instancia e, alén diso.

 

PRIMEIRO.- Nos actos a que este rolo atinxe, na data de 29 de maio de 1999, o Sr Maxistrado-Xuíz do Xulgado de 1ª Instancia da Estrada pronunciou sentencia, a resolución da cal, rigorosamente, di:

 

      DECISIÓN: "Que desestimando la demanda formulada por el procurador Sr. Fdez. Somoza en nombre y representación de don Miguel Angel contra doña Celia,   debo declarar y declaro mantener la pensión por alimentos en favor de hijo de ambos Raúl, en los términos acordados en la sentencia de divorcio de 4 de octubre de 1997, condenando al demandante al pago de las costas causadas en el procedimiento".

 

      E fronte á devandita sentencia, a parte demandante interpuxo recurso de apelación que foi admitido en ámbolos dous efectos, polo que as actuacións foron elevadas a esta Sala, tras as partes seren emprazadas. Por estas se teren constituido parte perante ela no tempo e do xeito que acae, tívoselles por comparecidas, entregóuselles aquelas para instrucción por termo de dez días a cada unha e, despois de aviaren o devandito trámite, pasáronselle por igual termo e co mesmo obxecto ao maxistrado relator. A seguir, sinalouse día para a vista do recurso, que tivo lugar na data de sete de abril do año que andamos, coa asistencia dos letrados das partes.

 

      SEGUNDO. Na tramitación desta instancia, cumpríronse as prescricións e termos legais.

      Foi relator o maxistrado don LUCIANO VÁRELA CASTRO, quen expresa o criterio da Sala.

 

FUNDAMENTOS XURÍDICOS

 

ÚNICO. Teima o apelante nesta instancia na súa pretensión de que sexa diminuído o importe da súa obriga alimentaria a prol do fillo que tivo coa demandada. E nesa pretensión movida na demanda rectora, o apelante omitía algún dato esencial que cómpre agora subliñarmos:

 

      a) Que a obriga alimentaria que foi imposta inicialmente na sentencia, que deu lugar á separación persoal, foi logo ratificada na sentencia que puxo fin ao preito de divorcio do que o demandante non di unha palabra na súa demanda.

 

b) Que o demandante non dubidou en outorgar acta notarial, recoñecendo a paternidade do fillo en xestación con outra muller en xaneiro de 1997 para, a seguir, presentar demanda de divorcio en marzo dese año, e, precisamente, facendo daquel dato feito fundamental, instou que na sentencia de divorcio fose minorada a pensión alimentaria a prol do fillo habido no matrimonio que instaba que fose disolto. Tal pretensión de muda da obriga por mor do cambio de circunstancia representado pola nova paternidade, foi rexeitada en dúas instancias.

 

      c) A obriga alimentaria a prol do novo fillo, nado en 27 de maio de 1997, denantes incluso de ser presentada contestación á demanda de divorcio pola esposa agora apelada, non estaba en función de que se movese ou non movese demanda pola nai do segundo fillo, senón que era obriga nada ex lege, e a considerar cando foi decidida a pretensión de muda no preito de divorcio.

 

Xa   que logo, podemos concluír que desde que  foi establecida a obriga que agora se quere mudar, na sentencia de divorcio indicada -datada en 4 de outubro de 1997 en 1ª instancia e en 17 de marzo de 1998 en 2ª instancia- ata o 20 de maio de 1998 en que se presenta a demanda incidental de que procede este rolo, non ten ocorrido o cambio de circunstancias a que atinxe o artigo 91 in fine do Código civil.

 

      Este procedemento incidental non pode correxi-lo validamente decidido noutro porque non pode revisar criterios que fundan sentencia con efecto de cousa xulgada.

O que autoriza é a revisar se os feitos considerados naqueles fundamentos teñen ou non teñen mudado. Desbotada esta muda, calquera consideración verbo da equidade doutra sentencia resulta imposíbel.

 

      Cómpre atérmonos a todo o que levamos dito e, desenvolvendo a potestade xurisdiccional que a Constitución española nos outorga,

 

DECIDIMOS

 

      Que é mester nós rexeitarmos, e de feito rexeitámolo, o recurso de apelación movido por don Miguel Angel fronte á sentencia pronunciada polo Xulgado de 1ª Instancia da Estrada, no xuízo de modificación de medidas núm. 125/98, confirmando a devandita sentencia con imposición das custas á parte apelante.

 

      Devólvanselle os actos orixinais ao xulgado de procedencia, con testemuño desta resolución para a súa execución e cumprimento.

 

      Deste xeito, por esta a nosa sentencia, cabeiramente xulgando, pronunciámolo, mandámolo e, asemade, asinámolo.

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.