Sentencia Civil Nº 188/20...zo de 2012

Última revisión
08/03/2012

Sentencia Civil Nº 188/2012, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 3329/2010 de 08 de Marzo de 2012

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 16 min

Orden: Civil

Fecha: 08 de Marzo de 2012

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL

Nº de sentencia: 188/2012

Núm. Cendoj: 36057370062012100142

Resumen:
MATERIAS NO ESPECIFICADAS Idioma: Gallego

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6

PONTEVEDRA

SENTENCIA: 00188/2012

CIVIL

Rolo:3329/2010

Procedemento de orixe: Ordinario 609/09

Órgano de procedencia: Instancia núm. 3 de Vigo

A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, composta polos maxistrados D. Juan Manuel Alfaya Ocampo, Presidente, D. Eugenio Francisco Míguez Tabarés,e

Dª Matilde Etheldreda García Brea pronunciou

NO NOME DO REI

a seguinte

SENTENZA NUM. 188/2012

Vigo, oito de marzo de dous mil doce.

VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordinario 609/2009 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 3 de Vigo ós que correspondeu o rolo 3329/2010 nos que aparece como parte apelante e demandante D./D.ª Concepción e D. Gumersindo , representados polo/a procurador/a D./D.ªPurificación Rodríguez González e asistida do/da letrado/a D./D.ª Jaime Carrera Rafael, e como parte contra da que se apela e demandada RESIDENCIA PLAYA PANJON,S.L., representada polo/a procurador/a D./D.ªGisela Alvarez Vázquez e asistida do/da letrado/a D./D.ª Beatríz Senra González.

É o maxistrado relator D. Juan Manuel Alfaya Ocampo, quen expresa o parecer da Sala.

Antecedentes

Primeiro: O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 3 de Vigo de Vigo, con data do 18/5/2010, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:

"Que debo desestimar y desestimo la demanda formulada por la Procuradora de los Tribunales Sra. Rodríguez González en nombre y representación de Concepción y Gumersindo frentea Residencial Playa Panjón, represnetada por la Procuradora Sra. Alvarez Vázquez, a los que debo absolver de los pedimentos deducidos contra ellos. Condenando en costas a la parte actora...."

Segundo: Contra a dita sentenza o/a Procurador/a D./D.ª Purificación Rodríguez González , en representación de D./D.ª Concepción e de D. Gumersindo, presentou un recurso de apelación , que foi admitido en ámbolos efectos , consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC ).

Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 2/2/2012.

Terceiro: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.

Fundamentos

Primeiro : Celebran os actores e a entidade demandada contrato de "permuta de solar por obra futura" , que plasman na escritura notarial de data 2 de xuño de 2006, contrato do que destacamos, no que agora ten interese: A) A clausula segunda, a teor da cal "os fundos -estáse referir ás vivendas e demais elementos a entregar aos demandantes- serán entregados no prazo de vinte e catro meses, a contar dende a concesión da licenza municipal de construcción". B) A cláusula quinta, que dispón que a demandada "comprométese obter no prazo máximo de catro meses a contar do día de hoxe, a licenza de construcción do edificio..."; así como que, no suposto de incumprimento do anterior compromiso , a demandada "aboará" aos actores ", en concepto de cláusula penal, a suma de mil euros por cada un dos meses de retraso". C) A cláusula sexta , que proclama que no caso de que a demandada non entregue aos demandantes os bens obxecto de contraprestación no referido prazo de vinte e catro meses "aboará, en concepto de cláusula penal, a suma de tres mil euros por cada mes de retraso". Pois ben, con fundamento nese clausulado, e estimando os actores que a demandada non cumrpíu co pactado, da entrega da contraprestación nos prazos sinalados, formula demanda con dous pedimentos, que expresados resumidamente son , o primeiro, que se condene á demandada á entrega das vivendas, o local, as prazas de garaxe e trasteiros convidos, e o segundo, que se condene igualmente á demandada a pagarlles a suma de 21.000 euros pola demora observada na entrega ata a data da presentación da demanda, máis tres mil euros mensuais ata que teña lugar a entrega definitiva. E a esas peticións se opón a demandada alegando , por unha banda , que outorgada a licenza o día 4 de xaneiro de 2008, non tería transcorrido ao tempo da presentación da demanda (o 24 de xuño de 2009) o termo pactado para a entrega, termo que califica de extraordinario e inusualmente breve, e por outra, que os retrasos na obtención da licenza non lle eran imputables, non existindo entón o incumprimento contractual que xustificaría as pretensións dos demandantes.

Segundo: Expostas as premisas anteriores, a lite ven xirar entón realmente sobre dúas cuestións fondamente vencelladas entre si. A primeira, se rebasáronse os prazos convidos para a entrega das contraprestacións a favor dos actores. E a segunda , se esa demora trae a súa orixe da incuria e indilixencia observadas pola demandada, tanto na tramitación do expedente para obter a preceptiva licenza municipal, como no remate de todo o proceso construtivo ata a entrega final da propiedade e posesión das vivendas e demáis elementos nas condicións pactadas.

A revisión exhaustiva, crítica e coherente das diversas probas achegadas aos autos, e moi especialmente do expedente administrativo seguido para a obtención da licenza municipal de construcción do edificio litixioso -e non tomamos en consideracións as declaracións da testemuña, Sr. Héctor, non só pola súa relación e interese no preito , en canto Arquitecto Superiror autor do proxecto e encargado da dirección da obra, senón tamén polo confusionismo numerosas carencias observadas no seu relato- , lévanos estimar, tanto que a demandada non respectou os prazos dispostos no contrato, como que este incumprimento é imputable á mesma. Ou por decilo doutro xeito, a demora na obtención da licenza municipal deriva, non dunha desidia administrativa ou de terceiros alleos á parte demandada, senón das numerosas carencias observadas nos proxectos básico e de execución -este ainda non achegado completamente ao Concello ao tempo da demanda nin durante o presente proceso-, e na restante documentación precisa para a consecución,en fin , da licenza.

En efecto, e sen un ánimo exhaustivo, reseñamos as máis importantes e chamativas deficiencias habidas nese expedente, advertidas insistentemente nos correspondentes informes técnicos do Concello, e polo propio Concello: A) En primeiro lugar, debemos destacar que celebrado o contrato de permuta litixioso o día 2 de xuño de 20006, xa antes , e concretamente o día 14 de marzo de ese ano, se emite informe polo Arquitecto Municipal , poñendo de relevo as deficiencias e carencias do proxecto básico, tales como -salientamos só algunhas delas- desaxustes de alineación, exceso no número de andares na parte central do edificio, que a vivenda do andar baixo non é autorizable, e outros incumprimentos urbanísticos en terrazas , ventás, pendente na rampa do portal e ventilación dos sotos, así como a falta de autorización dos organos Administrativos que se citan , dada a singular ubicación da edificación (folios 10 e seguintes do Tomo II, ao que sempre imos referirnos). Informe que va seguido do correspondente acordo municipal, requerindo á demandada para que subsane os defectos e carencias , que se lle notifica o día 20 do mesmo mes. B) O día 4 de setembro de 2006 o Arquitecto Municipal emite novo informe, no que, malia a nova documenatción presentada pola demandada, se observan, ademáis da falta das autorizacións daquels órganos, carencias nos capítulos de ventilación de sotos, escaleiras e cuberta do edificio, o que va seguido da oportuna resolución do Concello para que se complete a documentación , Resolución que se notifica á demandada o día 19 de aquel mes (folios 28 e seguintes). C) O día 3 de outubro de 2006 informa o Arquitecto Municipal de defectos tales como a prohibición de vós sobre a alineación , que deberán eliminarse, ou afectantes ás escaleiras e ascensor, debendo aportarse determinada documentación, como a referida ás autorizacións administrativas, á titularidade do fundo, á cesión de terreos ao Concello, ou ao estudio básico de seguridade e saúde. E novamente existe o oportuno acordo municipal e o requerimento en tal sentido, notificados á demandada o día 10 de ese mes (folios 46 e seguintes). D) O requerimento municipal anterior se reitera o día 24 de novembro, notificándose efectivamente á demandada o día 1 de decembro (folios 53 e seguintes). E) Malia documentación que se presenta pola demandada nas datas de 14 de decembro de 2006 e 16 e 26 de febreiro de 2007 , se emite novo informe polo Arquitecto Municipal , de 25 de maio de ese ano, no que se reseñan as carencias dunha preceptiva autorización administrativa, da titularidade dos terreos, e da escritura de cesión obrigatoria de terreos, así como incumprimento da prohibición dos vós sobre a alineación.. O acordo municipal para que se subsanen as anteriores anomalías se notifica á demandada o día 6 de xuño, e se reitera o 1 de outubro (folios 127 e seguintes). F) Un novo informe do Arquitecto, de data 23 de novembro de 2007, advirte que , previo ao inicio das obras, deberá achegarse oficio da dirección técnica, o proxecto de execución e o proxecto ICT, informe seguido do oportuno acordo municipal, notificado á demandada o día 3 de decembro de aquel ano (folios 138 e seguintes). G) Os días 12 , 20 e 28 de decembro de 2008 a demandada presenta no Concello diversa documentación, como a relativa ao proxecto básico reformado e refundido, ao pagamento de impostos e taxas, aos avais bancarios esixidos e á escritura de agrupamento de fundos debidamente rexistrada. H) A licenza municipal se outorga o día 4 de xaneiro de 2008. I) O día 26 de febreiro de 2008 a Alcaldía require á demandada coa finalidade de que achegue o proxecto de execución, o que se fai pero tan só deferido ás obras de extructura. I) Con basamento no informe do Arquitecto Municipal, o día 17 de marzo de 2008 o Concello require á demandada para que achegue o oficio da dirección técnica e o proxecto de ICT, o que se cumprimenta pola demandada no mes de abril (folios 255 e seguintes). K) Ante a carencia do proxecto de execución completo e as deficiencias apreciadas na seguridade da obra o día 1 de xullo de 2009 se pronuncia un decreto pola Alcaldía, incoando expedente de reposición da legalidade e acordando a suspensión inmedita das obras. L) O día 16 do mes e ano anteriormente indicados a demandada aporta a escritura pública de cesión gratuita de de terreos a prol do Concello (folios 287 e seguintes), e exemplar do proxecto de execución da faxe de instalacións (folios 296 e 297). LL) Nos meses de agosto e setembro de 2008 se emiten sendos informes polo Arquitecto Municipal , pondo de relevo certas deficiencias, das que salientamos o exceso nas pendentes do portal e garaxes, o exceso de altura da edificación e a falta do estudio de seguridade e do novo proxecto de ICT (folios 299 e seguintes).

Pois ben , as incidencias reseñadas excusan de especiais e complexos comentarios para dar por demostrado que a tardanza na concesión da licenza municipal trae a súa causa, única e exclusivamente , das múltiplas e graves omisións , indefinicións e vulneracións urbanísticas apreciadas na actuación da demandada, oportuna e machaconamente advertidas a esta última polos servizos técnicos do Concello, e polo propio Concello a través dos correspondentes e prontos acordos e requerimentos a ela dirixidos, a pesar do cal persistiu inexplicablemente na súa postura de desidia e esquiva da normativa urbanística sobre a concesión de licenzas municipais de obras.

Terceiro: Non queremos pechar o círculo argumental sen as tres reflexións que de seguido facemos.

En primeiro termo , e fronte á invocación da parte demandada -e á postre acollida pola sentenza de primeira instancia- , para estimar que non houbo nin demora nin incumprimento contractual , de que o prazo pactado para a obtención da licenza era "inusual e extremadamente breve", nin tal invocación pode ter o efecto excusante e liberador, defendido pola demandada, nin se axusta, en último termo, á realidade dos acontecimentos. Efectivamente: A) O termo de catro meses para a obtención da licenza foi o explícita e oportunamente acordado entre as partes e non cabe descoñecer a condición de profesional da construcción da demandada. B) Que a postura defendida por esta última levaría a deixarse ao seu arbitrio o tempo do cumprimento do contrato, o que é inconciliable coa prohibición proclamada polo artº 1256 do Código Civil . C) Que o espazo temporal debuxado pola parte demandada, e referido ás negociacións entre os litigantes e á tramitación da licenza de obra , é moi diverso do realmente habido, xa que remóntase a meses e incluso a anos anteriores. Bastaría para iso con lembrar que celebrado o contrato de permuta o día 2 de xuño de 2006: Primeiro, a licenza municipal interesouse xa moi anteriormente a esa data, e máis concretamente o día 26 de agosto do ano anterior, acompañando coa solicitude o proxecto básico, que xa estaba visado o día 23 dese mes e ano (folios 8 e 9 do Tomo II). Segundo , o Decreto da Alcaldía, de licenza de obras para a demolición das edificacións preexistentes, é de data 9 de novembro de 2005 (folio227). Terceiro, xa existe un informe do Arquitecto Municipal e un acordo do Concello, de 14 de marzo de 2006, é decir, novamente antes do contrato de permuta , pondo de relevo defectos na tramitación da licenza e requerindo entón á demandada a que os subsane mediante ao achegamento da precisa documentación (folios 11 e seguintes). E cuarto, que a propia demandada xa viña a celebrar convenios con terceiros, de reserva de propiedade no edificio a construir, como o que obra aos folios 263 e 264 dos autos, da lonxana data de 19 de xaneiro de 2004, convenio no que se alude, por outra banda, ao proxecto de obra realizado polos Arquitectos que menciona. En definitiva, se a parte demandada xa tiña emprendido todas esas e outras actuacións -inclusive a solicitude da licenza- con anterioridade ao contrato de permuta , mal pode sosterse a súa tese , do prazo extraordinariamente breve.

En segundo lugar, non pode existir dúbida ningunha de que os dous prazos pactados, de catro e vinte e catro meses para, respectivamente, a obtención da licenza municipal e a entrega das contraprestacións aos actores, se teñen sobrepasado, co conseguinte xogo das cláusulas penais previstas. O prazo para a entrega das vivendas comenzaba correr, efectivamente , dende a obtención da licenza municipal, pero como a licenza debía obterse no termo máximo de catro meses, é unha obviedade reseñar que aquel primeiro termo iniciaríase forzosamente , e como moi tarde, catro meses despois da data do contrato. Ou por expresalo de outra maneira, unha interpretación, á par sistemática e finalista do contrato de permuta de solar por construcción, conduce naturalmente ao entendimento de que o prazo máximo para a entrega das vivendas e do demáis pactado era de vinte e oito meses, a contar dende a data do contrato o 2 de xuño de 2006, prazo máximo superado entón ao tempo da formulación da demanda o 24 de abril de 2009.

E, en terceiro e último lugar , a pretensión subsidiaria, de moderación das cláusulas penais, defendida pola demandada, non se acepta pois: A) A demandada, lonxe de cumprir a obriga de obter a licenza no prazo estipulado, non o fixo, superando ese termo de xeito tan groseiro como inxustificado. Non hai , en definitiva , razóns de equidade que aconsellen a suavización. B) Tampouco acatou ao tempo da demanda -nin mesmamente durante este proceso- a obriga da entrega da prestación no termo igualmente convido, por causas a ela tan só imputables, tal como deixouse sentado. C) A moderación pregonada é incompatíbel con unha cláusula, como é a do prazo de vinte e catro meses, que estipula unha indemnización, precisamente, segundo os concretos períodos de tempo de demora que vaian transcorrindo a partir dese prazo. D) Derradeiramente, a facultade moderadora non é predicable en aqueles supostos nos que as partes contratantes xa reseñan e contifican de antemán os prexuizos que se podan derivar para cada un deles polas actitudes incumpridoras do outro.

Cuarto: A estimación do recurso e da demanda conleva non facermos unha especial declaración sobre s custas procesuais de esta alzada , e impoñer á demandada as custas da primeira instancia, ao non apreciar o tribunal dúbida ningunha, nin fáctica nin de dereito ( artºs. 394 e 398 da L. A. C .).

Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,

Fallo

Que con acollida do recurso de apelación e da demanda formulados por Dña Concepción e D. Gumersindo, representados pola Procuradora Dña Purificación Rodríguez Gonzalez, condenamos á demandada: A) A facer entrega aos actores das vivendas , o local, as prazas de garexe e trasteiros reseñanos no contrato de 2 de xuño de 2006 , nas condicións dispostas nese contrato. B) A aboar aos demandantes as sumas, por unha banda, de vinte e un mil euros, e por outra, de tres mil euros por cada mes de retraso na entrega dende a data da presentación da demanda, cos xuros legais incrementados en dous puntos para aquela primeira cantidade , a contar dende a data da sentenza de primeira instancia ata a do completo pagamento. Impoñemos á demandada as custas procesuais da primeira instancia e non facemos un especial pronunciamento sobre as de esta alzada.

Contra a presente senteza cabe interponer recurso de casación por presentar interese casacional e extraordinario por infracción procesual,sobre a base do establecido no art. 477 da LAC,debendo interponer dentro dos vinte días seguintes a súa notificación na forma establecido no art. 479 da LAC .

Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981 , do 6 de abril ; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia , de normalización lingüística.

Notifíqueselles ás partes a presente resolución.

Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.

PUBLICACION.- Dada y pronunciada fue la anterior sentencia por los Ilmos. Sres. Magistrado/s que la firman y leída por el/la Ilmo. Magistrado ponente en el mismo día de su fecha, de lo que yo el/la Secretario doy fe.

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.