Última revisión
24/04/2000
Sentencia Civil Nº 188, Audiencia Provincial de Pontevedra, Rec 1073 de 24 de Abril de 2000
Relacionados:
Tiempo de lectura: 10 min
Orden: Civil
Fecha: 24 de Abril de 2000
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: VARELA CASTRO, LUCIANO
Nº de sentencia: 188
Fundamentos
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 1
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00188/2000
AUDIENCIA PROVINCIAL
SECCIÓN PRIMEIRA
PONTEVEDRA
Rolo civil: 1073/99
P. civil: 0499/98
Orixe: XDO. 1ª INSTANCIA DE VIGO-6
Tipo asunto: COGNICIÓN
A SECCIÓN PRIMEIRA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, compostosta por D. LUCIANO VARELA CASTRO, presidente, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO e D. JULIO CÉSAR PICATOSTE BOBILLO, maxistrados, pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENCIA NÚM.188
Pontevedra, o vintecatro de abril do año dous mil.
O recurso de apelación interposto fronte á sentencia deitada nos actos do proceso civil núm. 499/98, vindo do Xulgado de 1ª Instancia de Vigo-6, foi movido entre as partes: dunha beira, como apelante e demandante, C. PROPIETARIOS EDIFI. AVDA. G...; e da outra, como apelado, demandado e adherido, don JOSÉ MARTA, en xuízo de cognición.
ANTECEDENTES DE FEITO
Acéptanse os da sentencia de primeira instancia e, alén diso,
PRIMEIRO. Nos actos a que este rolo atinxe, na data de 23 de marzo de 1999, o Sr maxistrado-xuíz do Xulgado de 1ª Instancia de Vigo-6 pronunciou sentencia, a resolución da cal, rigorosamente, di:
DECISIÓN: "Que desestimando la demanda interpuesta por Comunidad de Propietarios de Avda. G..., contra don José María, debo absolver y absuelvo a dicho demandado de los pedimentos, con imposición de las costas del procedimiento a la actora".
E fronte á devandita sentencia, a parte demandante interpuxo recurso de apelación que foi admitido en ámbolos dous efectos. Tras térenselle elevadas as actuacións a este tribunal, sinalouse a data do vintedous de marzo do año que andamos para deliberaren e deitaren sentencia no presente recurso.
SEGUNDO. Na tramitación desta instancia, cumpríronse as prescricións e termos legais.
Foi relator o maxistrado don LUCIANO VARELA CASTRO, quen expresa o criterio da Sala.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
PRIMEIRO. Motivo de recurso.
A demanda viña reclamando o pagamento da derrama de gastos comúns da comunidade de Propietarios da que o demandado forma parte -como dono dun apartamento e dunha praza de garaxe- derrama que fora calculada cun criterio que era distinto do previsto nos Estatutos, motivo este de oposición, entre outros alegados polo demandado.
Ocorre que a sentencia rexeita a demanda por considerar que a distribución de custos entre comuneiros non foi aprobada por unanimidade dos copropietarios, tendo o acordo por non producido nin de feito nin xuridicamente.
A parte apelante considera que o acordo que non acada unanimidade pode ser convalidado de no ser impugnado no prazo do artigo 16.4 da derrogada Lei de propiedade horizontal, entón vixente.
A segunda liña argumental é que o demandado coñecía o acordo e non o impugnou.
Finalmente engade o apelante que, asemade, o demandado coñecia o acordo aprobando a liquidación en 28 de xaneiro de 1998. Non téndose movido impugnación fronte a este acordo, a débeda viría a ser validada como esixibel.
SEGUNDO. Inexistencia que non invalidez da modificación da cota de participación dos comuneiros nos custos da comunidade de propietarios.
Unha advertencia previa resulta oportuna. A de que no artigo 16 da Lei de propiedade horizontal se establece un requisito para muda-la norma estatutaria da comunidade de propietarios. Ese requisito é o da unanimidade dos comuneiros. Pode discutirse se a falta de unanimidade dé lugar a unha falta de validez convalidábel ou non. Pero o que non pode discutirse é que namentres non se teña dado o acto de exteriorización da vontade de tódolos comuneiros, o acordo non será executivo. Daquela, que con razón puido a sentencia apelada dicir que non tendo sido emitida tal manifestación de vontade de tódolos comuneiros non se trata de que o acordo non sexa válido. O que resulta en tal caso é a inexistencia mesma de asordo efectivo.
Doutra beira, non pode esquecerse tampouco a clara diferencia entre o réxime de un acto contrario a unha norma estatutaria, pero que non postula a derrogación desta, e un acto que ten por contido precisamente a derrogación dunha norma estautaria para substituíla por outra. Este é o caso do artigo 16.1 da amentada lei cando esixe a unanimidade para que o acordo sexa válido.
De tal xeito que, cando non existe esa unanimidade na substitución de norma, non é que a impugnación preclúa, senón que resulta superflua. Porque aquel acordo, nese caso, resulta contrario á orde pública. Este concepto inclúe o inderrogábel principio de que os pactos non poden ser denunciados arbitraria e unilateralmente de xeito que o contido das obrigas e dereito quede á vontade dunha das partes que pactan, bilateral ou colectivamente, de non ser nos casos e formas previstos na lei.
Cando existe un título constitutivo do réxime de propiedade horizontal, do que se dá publicidade no Rexistro da Propiedade, os adquirentes entran na comunidade na confianza de que a definición de dereitos e deberes descritos naquel título non van ser mudados senón contando co seu consentimento.
Pouco aturábel resulta que unha maioría de propietarios, por séreno, poidan imporlle á minoría a carga de impugnación xurisdiccional do seu acordo polo que fan recaer na minoría cargas que non tiñan cando pactaron entrar na comunidade. Non é sb que o acordo maioritario sexa ilícito, e que esa ilicitude é tal que os que viron descoñecidos os seus dereitos poden limitarse a descoñecer tal decisión facendo recae-la carga de acudir ao proceso enriba dos que actuaron con menosprezo de tan esencial principio xurídico.
Velaí senón a doutrina que xa tiña reiterado a sentencia do TS de 22-12-1993, núm. 1241/1993, rec. 1049/1991. Pte: santos, Jaime: "... si bien el sistema de distribución de los gastos generales, que en principio ha de tener por base la cuota de participación fijada en el título de constitución en régimen de propiedad horizontal, puede ser modificado por medio de los estatutos con observancia de los requisitos legales establecidos en la norma 1ª, art. 16 LPH, se exige el acuerdo unánime de todos los propietarios que integran la comunidad para poder modificar las reglas contenidas en la escritura fundacional o en los estatutos .".
Completando a doutrina que deixamos exposta na sentencia s 04-10-1999, núm. 797/1999, rec. 310/1995. Pte:, Xavier: "... Igualmente debe desestimarse el motivo decimoséptimo que mantiene la infracción del artículo 16 de la Ley de Propiedad Horizontal y de la doctrina jurisprudencial sobre los artículos 5, 15 y 16 de la misma ley y artículo 6.3 del Código civil: emplea el argumento de que acuerdos que modificaron el titulo constitutivo y que son nulos por no ser adoptados por unanimidad, son válidos por no haber sido impugnados: el acuerdo que modifica el título constitutivo debe ser adoptado por unanimidad, tal como prevé el articulo 16, norma primera, de la Ley de Propiedad Horizontal, siendo nula de pleno derecho los que carezcan de tal unanimidad, nulidad no convalidable por su no impugnación... .
TERCEIRO. Feitos acreditados.
Na xunta de propietarios efectuada o 3 de outubro de 1996 os asistentes, que non eran tódolos compoñentes da comunidade, consideraron que os coeficientes de participación nos custos comúns que foran pactados no título constitutivo non eran "xustos". Daquela decidiron que algúns tiñan que pagar máis. Entre eles, o demandado. A este iaselle esixi-lo coeficiente máis do duplo do que viña pagando: 0,35 por ciento polo apartamento cando o pactado era o 0,12 por cento, e 0,0635 por cento polo garaxe cando o pactado era 0,03 por cento.
Tan xusticeiro como inabeirábel en Dereito acordo non consta que lle fose notificado ao demandado do xeito que mandaba o artigo 16.1 da Lei de propiedade horizontal: non só porque non consta que fose citado a tal xuntanza, o que de seu abondaba para aborta-lo sistema de conformación de vontades por consentimento tácito, a seguir de notificación que faga fe de seu, tamén porque esta notificación con tales características non consta feita con posterioridade. Desde logo, non ten tal natureza a notificación no buzón do apartamento que é o xeito que, segundo a demanda, foi seguido para tal notificación. Certamente en outubro de 1997 o demandado tivo ao seu dispor os libros de actas. O que ocorre a pedimento del. Pero o máis salientábel é que, con tal ocasión, o demandado amosou o sentido da súa vontade na carta que a demandante admite ter recibida: absoluta oposición.
Estes son feitos que se admiten na mesma demanda.
Canto ao acordo adoptado na xunta de propietarios de 28 de xaneiro de 1997, compre advertirmos, no primeiro lugar, que nel fixase unha cantidade ben inferior á reclamada.
Con todo, o salientábel é que tal acordo, mesmo sen por en discusión a súa validez ou nulidade por fundarse no previo nulo, non ten outro alcance que o de lextima-la reclamación fronte ao demandado, pero sen que poida considerarse determinador incontrovertíbel das obrigas, función que só pode recoñecerse ao poder xurisdiccional diante do que o demandado poderá defender cal sexa o seu contido de dereito e obrigas fronte á pretensión da maioria de comuneiros que aquel acordo reflicte. Compre non confundí-la validez da adopción do acordo coa xustificación en Dereito do acordado.
Asemade, compre subliñarmos que, doutra beira, o reclamado acada case que o duplo da cantidade imputada a débeda do demandado en tal acordo, segundo deriva da mesma demanda. E non se explica nesta a orixe da cantidade reclamada como allea á liquidada en tal acordo.
Certamente, cómpre non confundirmo-la inesixibilidade dun coeficiente de participación como criterio determinador da débeda, e a inexistencia da débeda. Pero o certo é que a demanda suplica a condena ao pagamento das cotas, da suma das cotas, fixadas con abeiramento no criterio que temos desbotado por inexistente como acordo dos copropietarios. Xa que logo, non tendo alegado a demanda cal sexa o custo común a repercutir, este feito resulta alleo ao obxecto do litixio. Isto impide que poidamos declara-la existencia da débeda, doutra beira, non posta en cuestión nin polo demandado, como base para fixa-lo importe en execución, porque nesta só pode concretarse o importe do pedido e discutido. E aquí o único en cuestión é a esixibilidade dun determinado coeficiente de participación, non cal sexa o custo a repercutir e a existencia ou non da obriga de contribuir.
Daquela que o rexeitamento total da demanda da sentencia apelada debe ser confirmada, coa deriva imposición de custas ao apelante.
Cómpre atérmonos a todo o que levamos dito e, desenvolvendo a potestade xurisdiccional que a Constitución española nos outorga,
DECIDIMOS
Que é mester nós rexeitarmos, e de feito rexeitámolo, o recurso de apelación movido pola Comunidade de Propietarios do edificio Avda. G..., fronte á sentencia pronunciada polo Xulgado de 1ª Instancia de Vigo-6, no xuízo de cognición núm. 499/98, confirmando a devandita sentencia con imposición das custas á parte apelante.
Devólvanselle os actos orixinais ao xulgado de procedencia, con testemuño desta resolución para a súa execución e cumprimento.
Deste xeito, por esta a nosa sentencia, cabeiramente xulgando, pronunciámolo, mandámolo e, asemade, asinámolo.

