Última revisión
30/03/2012
Sentencia Civil Nº 246/2012, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 6173/2010 de 30 de Marzo de 2012
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 8 min
Orden: Civil
Fecha: 30 de Marzo de 2012
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 246/2012
Núm. Cendoj: 36057370062012100191
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00246/2012
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6 de PONTEVEDRA
N18910
C/LALÍN, NÚM. 4 - PRIMERA PLANTA - VIGO
Tfno.: 986817388-986817389 Fax: 986817387
N.I.G. 36038 37 1 2010 0600949
ROLLO: RECURSO DE APELACION (LECN) 0006173 /2010
Juzgado de procedencia: JDO. PRIMERA INSTANCIA N. 2 de VIGO
Procedimiento de origen: JUICIO VERBAL 0000672 /2010
De: Millán
Procurador: MARIA JESUS NOGUEIRA FOS
Abogado: ANTONIO PEREZ-BELLO FONTAIÑA
Contra: OBRAS PROYECTOS Y REFORMAS, Serafin , LINEA DIRECTA ASEGURADORA
Procurador: JOSE FERNANDEZ GONZALEZ
Abogado: FRANCISCO JAVIER CABO CIBEIRA
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, o Ilmo. Maxistrado-Xuiz D. Juan Manuel Alfaya Ocampo, pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENZA Nº 246/12
Vigo, trinta de marzo de dous mil doce.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Verbal 672/10 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 2 de Vigo ós que correspondeu o rolo 6173/10, nos que aparece como parte apelante e demandante D./D.ª Millán , representada polo/a procurador/a D./D.ª Mª JESUS NOGUEIRA FOS e asistida do/da letrado/a D./D.ª ANTONIO PÉREZ-BELLO FONTAIÑA, e como parte contra da que se apela e demandada D./D.ª LINEA DIRECTA ASEGURADORA, representada polo/a procurador/a D./D.ª JOSÉ FERNÁNDEZ GONZÁLEZ e asistida do/da letrado/a D./D.ª FCO. JAVIER CABO CIBEIRA e como apelados-demandados non persoados D. Serafin e OBRAS, PROYECTOS Y REFORMAS, representada polo/a procurador/a D./D.ª JOSÉ FERNÁNDEZ GONZÁLEZ e asistida do/da letrado/a D./D.ª FCO. JAVIER CABO CIBEIRA.
É o maxistrado D. Juan Manuel Alfaya Ocampo.
Antecedentes
Primeiro: O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 2 de Vigo, con data do 2 de setembro de 2010, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:
"Que DESESTIMANDO la demanda formulada por la Procuradora Dª María Jesús Nogueira Fos en nombre y representación de D. Millán contra D. Serafin, la entidad mercantil OBRA, PROYECTOS Y REFORMAS, S.L. y la cía. Aseguradora LINE DIRECTA ASEGURADORA, les debo absolver y absuelvo de los pedimentos contenidos en la demanda, con imposición al demandante de las costas del procedimiento."
Segundo: Contra a dita sentenza o/a Procurador/a D./D.ª Mª Jesús Nogueira Fos , en representación de D./D.ª Millán, presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).
Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta sección Sexta con sede en Vigo.
Terceiro: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.
Fundamentos
Primeiro : A problemática suscitada neste preito fica circunscrita a un punto concreto, como é o da preferencia de paso entre vehículos , concretamente se debe ceder o paso o vehículo conducido polo actor, ao proceder o vehículo do demandado da dereita, ou, pola contra, e por circular este último por unha rúa en forma de te, que morría na outra , e sen continuidade hacia a outra banda, debía de ser este último o que tiña que dexar pasar ao demandante. Pois ben, a Sala xa tivo ocasión de manifestarse sobre esa cuestión, e o fai no senso de, sen prexuizo do relativismo derivado dos múltiplos casos que se presentan diariamente no eido circulatorio , establecer como secundaria a rúa en forma de te, restrinxindo entón a aplicación da regra da prioridade dos que veñen pola esquerda aos cruces propiamente ditos de vías, é decir, aos supostos de continuidade por ambos lados de unha e outra.
En efecto, o artº 21 da Lei sobre Tráfico e Seguridade Vial establece a obriga de ceder o paso aos vehículos que se aproximan pola súa dereita, porén, tal precepto está pensado para vías de circulación en réxime de igualdade, iso é , con igual entidade e significación viarias, pero non cando difiren real e substancialmente unha da outra, de xeito que razoablemente se impón a calificación de vía principal fronte á secundaria. Dito de outra maneira, na coxuntura de confluencias de vías en forma de T se debe prescindir daquela norma de preferencia de paso e acodir para solucionar o accidente , do que aquí se trata, ás normas de incorporación de vehículos á circulación , recollidas no artº. 26 da Lei e 72 do Regulamento de Circulación . E dita normativa establece que o condutor de un vehículo procedente de unha vía de acceso que pretenda incorporarse á circulación, deberá cerciorarse previamente de que poda facelo sen perigo para os demáis usuarios, cedendo o paso aos vehículos que circulan por ela e tendo en conta a posición, traxectoria e velocidade de estes. En consecuencia, debe entenderse que non nos atopamos ante unha intersección ou cruce viario cuxa preferencia determinarase polas normas de prioridade de paso -insisto- do artº. 21 da Lei e o artº. 57 do Regulamento Xeral de Circulación, senón ante un caso de incorporación á circulación dende outra vía de acceso á mesma, a regular por preceptos distintos, os xa mencionados.
Segundo : A procedencia da aplicación das pautas anteriores ao caso axuizado é ainda máis palpable, se cabe , no caso axuizado, no que o mesmo demandado ven admitir no seu interrogatorio, alomenos de xeito implícito, a preferencia contraria , se se ten en conta que recoñece ter parado na rúa Casa Vella, o que non ten máis explicación -pois o demandado non a da- que unha prioridade dos vehículos que marchan pola rúa Saa, pola que circulaba efectivamente o demandante. Igualmente, os calificativos de "estrada xeral", en alusión á pola que circulaba o vehículo do actor, e de "camiño" ao que tan só acceden os donos das casas existentes nese lugar, en referencia á rúa Casa Vella, calificativos admitidos polo demandado , apoiarían a tese que estase manter. Por último, se estamos ante un lugar de moi reducida visibilidade, tanto pola existencia de edificacións inmediatas, como porque a rúa Casa Vella chega absolutamente perpendicular á rúa Saa, como porque esta última rua forma un treito moi curvo inmediatamente antes de atoparse coa outra, como pola cortísima distancia entre esa curva da rúa Saa ata a rúa Casa Vella, como, en fin, polo tráfico moito máis intenso por aquela que por esta , a manobra emprendida polo demandado, de saída a rúa Saa, resultaba sumamente arriscada , e ata antirregulamentaria xa que, tal como declaramos probado, e a teor do que se ven razoando, ostentaban preferencia os usuarios de esta última vía. Circunstancias adversas todas elas obradamente coñecidas , derradeiramente, polo demandado, como usuario habitual do lugar, segundo as súas propias manifestacións.
A causa fundamental do sinistro é imputábel entón ao demandado. Pero tampouco o demandante agotou toda a dilixencia que exixía a conxuntura difícil descrita, coxuntura que igualmente coñecía de antes. E esa indilixencia e falta de atención a coleximos dun feito palmario e inequívoco, como é a falta de o oportuno accionamento dos órgaos de freada. E como esta culpa é menor, apreciamos unha compensación de culpas -subsidiariamente invocada pola parte demandada-, atribuindo a esta parte un setenta e cinco por cento e ao demandante o vinte e cinco por cento restante.
Terceiro : Non se discuten os danos materiais, que se elevaron a 1.664 ,08 euros. E dos 91 días -que tampouco se combaten- que tardou en curar o demandante, a parte demandada nega que algún deles fora impeditivo para o traballo. Pois ben, como a orfandade probatoria observada sobre este extremo é absoluta , e non dispón o tribunal dun criterio mínimamente fiable para reseñar un mínimo de días impeditivos, non queda máis alternativa xurídicamente viable que considerar todos eles como non impeditivos, o que a razón de 28,88 euros por día de curación, nos da a cifra de 2.628,08 euros. Suman as dúas cantidades 4.292,16 euros, dos que , ao corresponder aos demandados pagar o setenta e cinco por cento , obtemos a cifra definitiva de 3.219,12 euros , aos que limitamos a condena.
Cuarto : Non procede aplicar a cláusula sancionadora de xuros disposta polo artº 20 da L. C. S .,. Había causa razoable para non facer fronte, inicialmente, á indemnización, pois estaba e discusión a etioloxía do sinistro e posibles responsabilidades, que á postre rematan por alcanzar tamén , ainda que en ton menor, ao demandante.
Quinto : A acollida parcial do recurso e da demanda conleva non facer unha especial declaración sobre as custas procesuais de ningunha das dúas instancias ( artºs. 394 e 398 da L. A. C .).
Por todo o exposto, e pola autoridade que este Tribunal lle outorga a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que con estimación parcial do recurso e da demanda formulados por D. Millán representado pola Procuradora Sra. Nogueira Fos, condeno aos demandados LINEA DIRECTA ASEGURAODRA, D. Serafin e OBRAS, PROYECTOS Y REFORMAS a que de xeito conxunto e solidario indemnicen ao demandante na suma de 3.219,12 euros , cos xuros legais dende a data da interpelación xudicial ata a data da sentenza de primeira instancia ,, que serán os legais incrementados en dous puntos dende esta última data ata a do completo pagamento. Non fago unha especial declaración sobre as custas procesuais de ningunha das dúas instancias.
Esta é a miña sentenza, que asino, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1, 2 , 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución, facéndolles saber que contra a mesma non cabe recurso algún.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.
