Sentencia Civil Nº 25/200...ro de 2009

Última revisión
22/01/2009

Sentencia Civil Nº 25/2009, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 3287/2007 de 22 de Enero de 2009

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico

Relacionados:

Tiempo de lectura: 12 min

Orden: Civil

Fecha: 22 de Enero de 2009

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL

Nº de sentencia: 25/2009

Núm. Cendoj: 36057370062009100096

Resumen:
MATERIAS NO ESPECIFICADAS

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6

PONTEVEDRA

SENTENCIA: 00025/2009

CIVIL

Rolo: 3287/07

Procedemento de orixe: Ordinario 279/05

Órgano de procedencia: Instancia núm. 9 de Vigo

A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, composta polos maxistrados D. Jaime Carrera Ibarzábal, D. Juan Manuel Alfaya Ocampo e D. Julio Picatoste Bobillo pronunciou

NO NOME DO REI

a seguinte

SENTENZA Nº 25/08

Vigo, vinte e dous de xaneiro de dous mil nove

VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordinario 279/05 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 9 de Vigo ós que correspondeu o rolo 3287/07, nos que aparece como parte

apelante- demandante- reconviniente Promoción y Construcción Novoa Lar, S.L. representada polo/a procurador/a D./D.ª Ricardo

Estévez Cernadas e asistida do/da letrado/a D./D.ª José Luis Piñeiro Vidal e como parte contra da que se apela e demandado-

reconvenido D. Valentín representada polo/a procurador/a D./D.ª Carmen Vazquez Cueto e asistida do/da letrado/a

D./D.ª José Ramón Vázquez Cueto. No personados en esta instancia los demandados D. Cesar , Comunidad

Hereditaria de D. Gaspar . É o maxistrado relator D. Juan Manuel Alfaya Ocampo, quen expresa o

parecer da Sala.

Antecedentes

Primeiro: O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 9 de Vigo de Vigo, con data do 8/01/2007 ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva: " Que desestimando íntegramente las pretensiones de la parte actora debo absolver y absuelvo a Valentín , Cesar y a la Comunidad Hederitaria de Gaspar ; con expresa condena en costas de Promoción y Construcción Novo-Lar,S.L.

Estimando íntegramente la reconvención formulada por Valentín debo declarar y declaro la nulidad del contrato privado de fecha 29 de abril de 2003, debiendo Promoción y Construcción Novo-Lar SL restituir la posesión de la finca litigiosa; con expresa condena en costas del mismo y sin que proceda especial pronunciamiento en cuanto las causas por Cesar y la Comunidad Hereditaria de Gaspar ."

Segundo: Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª Ricardo Estévez Cernadas, en representación de Promoción y Construcción Novo Lar, S.L., presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).

Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 13/01/09.

Terceiro: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.

Fundamentos

Primeiro.- Polo elemental postulado dispositivo temos que partir forzosamente, para resolver adecuadamente sobre a controversia, dos pedimentos formulados pola actora inicial, Promoción y Construcción Novo-Lar, S. L., e que non son outros que, primeiro, se declare que a través do documento privado de data 28 de abril de 2.003 adquiriu da parte demandada "a cesión do dereito de superficie con reversión parcial do edificado, nos termos referidos en devandito contrato"; e segundo, que "se eleve a escritura pública" o contrato. Obviamente, ambas peticións exixen da concorrencia dun presuposto previo, que non é outro que a validez e eficacia dese contrato, presuposto que é cuestionado e negado pola parte demandada por estimar que estamos -e aquí radica o no gordio da problemática de lite- ante un obxeto contractual imposible, polas razóns que de seguido exporanse (en esencia, a imposibilidade de segregar do fundo matriz unha parte del, a prol do demandado, Valentín ), o que acarrearía, en tese deste último, a nulidade do contrato, de conformidade co artº 1.272, en relación co artº 1.261, nº 2, ambos do código civil . Por último, facemos aquelas duas concrecións sobre as peticións da demandante para sair ao paso de que non son admisibles, por vedalo o principio de preclusividade, as solucións alternativas de natureza económica, que a parte actora postula no seu escrito de recurso de apelación como compensación para aquel demandado, ante a suposta imposibilidade, efectivamente, da segregación da parte do predio a prol deste último, compensación económica que, por outra banda, e pola sua absoluta indeterminación, tanto na sua cuantía como nas bases para fixala (as declaracións prestadas neste senso pola testemuña, o Sr. Jesús Ángel , sobre o valor do terreo serían insatisfactorias e insuficientes en canto puramente tanxenciais, e realizadas por unha simple testemuña), levaría, ainda máis, a declarala improcedencia, por extemporanea, desa alternativa indemnizatoria. A cuestión queda entón centrada en determinar se o obxeto contractual é posíbel ou non, non dende un punto de vista físico, pois a división e segregación, neste senso, evidentemente o era, senón xuridicamente, ou o que é o mesmo, se as disposicións administrativas permitirían ou non esa segregación.

Pois ben, que ese terreo era inedificábel, como que a vontade do demandado era, conseguintemente, a de non edificar nel, senón de disfrutalo simplemente para outras fins ou como terreo rústico - na sua expresión, como xardín- como que, finalmente, non era posible urbanisticamente a segregación, son feitos recoñecidos en realidade polas partes contendentes, tamén pola actora inicial, ainda que esta última puntualice que non sería necesaria esa segregación, senón unha pura "reversión" do terreo, tal como, en último termo, declara a cláusula segunda do documento privado de 29 de abril de 2.003.

En todo caso, e con independencia da postura dos litigantes, admitindo ou negando eses feitos, a realidade é que a normativa urbanística vixente ó tempo do contrato, representada polas Normas Subsidiarias Provinciais, publicadas no B. O. P., de data 4- 9-78, non permitía a segregación do cacho de terreo para formar unha nova parcela (estaríamos ante un solo non urbanizábel ou rústico, sen o mínimo superficial exixíbel, e sen saída directa á vía pública). E esa parcelación, agora, e segundo o P. X. O. M., en fase de tramitación, sería ainda mais imposíbel, non só tanto dende un punto de vista xurídico, senón incluso fisicamente, pois se observamos o correspondente plan, e como consecuencia da apertura da nova rua, e como a nova edificación tería un fondo de ata vinte metros a contar dende esta rua, non habería espazo restante suficiente para ubicala parcela de lite (folio 306).

Fronte a esa incuestionable realidade, da insegregabilidade do terreo, fai a actora, e agora apelante, duas invocacións defensivas, dunha parte, que o pactado non era unha segregación, senón unha mera "reversión", sen a trascedencia xurídica daquela; e doutra, que admitindo, aos efectos puramente polémicos, que o estipulado fora unha segregación ou parcelación, e que iso non fora viable xuridicamente, esa carencia, pola sua escasa relevancia económica, comparativamente cos restantes prestacións e contraprestacións contractuais, non constituiría un elemento esencial do obxeto do contrato nin, por conseguinte, conlevaría a sanción de nulidade prevista nos artºs. 1.261, nº 2, e 1.272 do código civil senón, en todo caso, unha simple compensación económica a prol do demandado orixinario, privado á postre daquel terreo. Doble argumentación que carece de consistencia polas razóns que pasamos expoñer.

A primeira, porque a reversión leva inseparable a segregación, e esta é imposíbel, tal como deixamos sentado. En efecto, o vocablo reversión, ou o verbo revertir, ademais do significado xenérico, dacordo co Diccionario da Real Academia da Lingua Española, de volver unha cousa ao estado ou condición que tiña antes, equivale máis especificamente, a volver unha cousa "á propiedade que tiña antes, ou pasar a un novo dono", significación esta, mais específica, que a propia do caso dado que, en definitiva, o que pretenden as partes é que, operada a transmisión da propiedade do predio total a prol da promotora, unha vez realizada por esta a edificación proxectada, revertira a prol da contraparte, dona inicial daquel fundo, unha serie de partes de devandita edificación, así como tamén, no caso de Valentín , o predio de lite, de cento noventa metros cadrados de superficie. Pois ben, esta última transmisión dominical da promotora ao demandado tan só podía operar, dacordo coa normativa administrativa, mediante a oportuna segregación, tan inutilmente negada pola demandante, pois, en último termo, esa segregación se predica e preve no propio documento privado, na sua cláusula segunda, in fine, ao facerse explicitamente nela a mención de que "todolos gastos que ocasione devandita segregación serán de conta de Valentín " (folio 21 volto). Por decilo doutro xeito, para a reversión ou transmisión, a este último, da propiedade daquel cacho de terreo, en canto que formaba parte dun todo indiviso, requeríase indefeciblemente da sua segregación, e esta operación non estaba permitida pola normativa urbanística, facendo xuridicamente inviable entón a contraprestación, o que acarrea a a nulidade absoluta por - insistimos- imposibilidade xurídica -cando non física, no seu caso, tal como quedou exposto- do obxeto do contrato, de conformidade co aforismo "impossibilium nulla obligatio est"(Dixesto 50, 17, 1185), co artº 1.272 do código civil , e coa xurisprudencia interpretadora deste precepto, segundo a cal debe tratarse dunha imposibilidade obxetiva, absoluta, duradera e non imputábel ao debedor, podendo ser unha imposibilidade física ou legal ( ss. de 14-2 e 21-3-94 ), abarcando esta última tanto a derivada dun texto legal, como de preceptos regulamentarios, mandatos de autoridade competente, ou outra causa xurídica ( ss. de 15-12-87, 21-11-58, 29-10-70, 11-5-91 e 26-7-2000 ).

En segundo lugar, e fronte á postura minimizadora mantida pola parte recorrente, a transmisión da propiedade do cacho de terreo se establecía no contrato como unha prestación indiferenciada mais das pactadas polas partes contratantes, sen que existan razóns de peso nin probas para estimar que estábamos ante unha prestación puramente accesoria, tal como interesadamente pregona a promotora apelante, condición accesoria da segregación que nin se califica de tal no propio contrato, nin semella que así sexa realmente, tanto dende unha vertente económica, cuxo montante ignoramos -estamos, en todo caso, ante un predio de cento noventa metros cadrados de superficie, nunha zona urbán, para cuxo acceso se pacta expresamente unha servidume de paso de tres metros de ancho polo baixo do edificio proxectado-, como para outras finalidades, ou dende outras prespectivas, tan lexítimas como alonxadas dos valores puramente economicistas.

Finalmente, e ainda que admitíramos - que non se admite- esa accesoriedade, e a conseguinte validez do contrato, a falta de formulación por parte da promotora de solucións ou concretas propostas compensatorias alternativas, silenciadas na sua demanda, impediría acoller, en todo caso, a sua pretensión, da validez e cumprimento do contrato.

O recurso desta parte debe ser conseguintemente rexeitado.

Segundo.- Non mellor sorte faise merecente correlo segundo motivo do recurso, este referido a que se rexeite a pretensión de nulidade, que o demandado inicial interesou na sua demanda reconvencional, por considerala promotora reconvida que habería unha falta de lexitimación activa deste reconvinte, ao pedila nulidade do contrato por sí só cando, en tese da apelante, tiña que facelo, utilizando a sua expresión, "co resto dos permutantes".

O motivo da apelación, sen necesidade de amplas e complexas reflexións de orde xurídica, non pode acollerse pois: A) A petición de nulidade dun contrato pode interesarse por calquera dos obrigados principal ou subsidiariamente en virtude deles, a teor do artº 1.302 do código civil , sen que para o exercicio da oportuna acción sexa preciso e indefectibel a actuación conxunta de todos eles, o que sería obviamente un absurdo pois, por decilo dalgunha maneira, non todos poden estar interesados ou dacordo con ela. E se o o que está soster propiamente a parte é que a relación procesual derivada da reconvención estaría mal constituida por unha especie de falta de litisconsorcio activo, a lei non obriga -reiteramos- a que litiguen todolos interesados principal ou subsidiariamente no contrato. B) Dado os termos da controversia, as pretensións, de validez e nulidade do contrato, supoñen as duas facianas dunha mesma moeda, o que implicaría a perda de razón de ser da excepción invocada. C) Porque, en conxunción coas anteriores reflexións, se na demanda inicial se postula pola promotora a validez do contrato fronte a un único demandado, Valentín , e non fronte aos demais, dado que aquela afirma que estes últimos non se opoñen a sua pretensión de validez, sería unha contradicción, derivada desa aseveración da promotora, e carecería en definitiva de sentido, que para a promoción da acción de nulidade tivera que contarse co consenso dos demais permutantes, os que, pola contra, e pola sua conformidade coa validez contractual, deberían ser, precisamente, suxetos pasivos da acción de nulidade, que o que acabou sucedendo no caso axuizado, no que o reconvinte amplia a sua acción contra deses outros permutantes, por seren os pasiva, e non activamente, lexitimados, con independencia de que logo estes últimos se teñan por achantados con esa pretensión de nulidade.

Terceiro.- As dúbidas de feito e xurídicas que se nos presentaron para resolvela controversia nos conducen a non facermos unha especial declaración sobre as custas proceuais de ningunha das duas instancias ( artºs. 294 e 398 da L. A. C .).

Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,

Fallo

Que rexeitámolo recurso de apelación formulado por Promoción y Construcción Novo Lar, S.L., representada polo procurador D. Ricardo Estévez Cernadas contra da sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia núm. 9 de Vigo o día... 8/01/07 , sen facermos unha especial declaración sobre as custas procesuais de ningunha das duas instancias.

Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística .

Notifíqueselles ás partes a presente resolución, facéndolles saber que contra ela non cabe recurso ordinario ningún.

Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.