Sentencia Civil Nº 275/20...re de 2015

Última revisión
01/02/2016

Sentencia Civil Nº 275/2015, Audiencia Provincial de A Coruña, Sección 6, Rec 338/2014 de 01 de Septiembre de 2015

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 19 min

Orden: Civil

Fecha: 01 de Septiembre de 2015

Tribunal: AP - A Coruña

Ponente: TALLON GARCIA, LORENA

Nº de sentencia: 275/2015

Núm. Cendoj: 15078370062015100609

Resumen:
MATERIAS NO ESPECIFICADAS

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6 (DESPL)

A CORUÑA

SENTENCIA: 00275/2015

RECURSO DE APELACIÓN 338/2014

ILMOS. SRES. MAGISTRADOS

ANGEL PANTÍN REIGADA, PRESIDENTE

JORGE CID CARBALLO

LORENA TALLÓN GARCIA

SENTENZA nº 275/15

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2015.

Vistos en grao de apelación ante esta Sección 6ª da Audiencia Provincial de A Coruña, con Sede en Santiago de Compostela, os autos do Procedemento matrimonial de modificación de medidas definitivas seguido co núm. 157/2013, procedentes do Xulgado de primeira instancia e isntrución núm. 1 de Padrón, aos que correspondeu o rolo recurso de apelación núm. 338/2014, nos que aparece como parte apelante don Javier , representado polo procurador don Victorino Regueiro Muñoz, e como parte apelada e impugnante dona Adolfina , representado pola procuradora dona Silvia Villar Brun, con intervención do Ministerio Fiscal e sendo Xuíz relator dona LORENA TALLÓN GARCIA, quen expresa o parecer da Sala, formulando os seguintes antecedentes de feito, fundamentos xurídicos e dispoño.

Antecedentes

PRIMEIRO.-Acéptanse e danse por reproducidos os antecedentes de feito recollidos na Sentenza impugnada ditada no Procedemento de modificación de medidas seguido con núm. 157/2013 ante o Xulgado de primeira instancia e instrución núm. 1 de Padrón en cuxa parte dispositiva se estableceu: 'Se estima parcialmente la demanda formulada por el procurador sr. Reguerio Muñoz, en representación de D. Javier , frente a Dª Adolfina , representada por la procuradora sra. Villar Brun, acordando reducir el importe de la pensión de alimentos establecida a favor de las dos hijas menores de edad del matrimonio y a cargo del padre a la cantidad de 400€ mensuales (200€ mensuales para cada una), manteniéndose invariables todos los demás pronunciamientos efectuados en la sentencia de divorcio de fecha 16 de septiembre de 2011 , dictada en los autos de divorcio de mutuo acuerdo nº 274/11.'

Dita Resolución por aclarada por auto de 24 de xaneiro de 2014 en cuxa parte dispostiva se estableceu: 'Acuerdo aclarar la sentencia dictada en los presentes autos de Modificación de medidas definitivas 157/13, en el sentido de que se amntiene invariable el pronunciamiento contenido en la Sentencia de divorcio relativo a la obligación del padre de sumar un extra de 150 euros a cada pensión mensual en el mes de septiembre, con el inicio del curso escolar.'

SEGUNDO.-Notificada dita resolución ás partes, a representación procesual de don Javier interpuxo recurso de apelación que foi admitido e, a apelada formulou escrito de oposición e impugnación. Tras isto, cumpridos os trámites correspondentes, eleváronse as actuacións a este Tribunal, sinalándose para a deliberación e votación, o 30 de xullo de 2015, en que tivo lugar o acordado.

TERCEIRO.-Na tramitación deste procedemento observáronse as prescricións legais.


Fundamentos

PRIMEIRO.-A representación procesual de don Javier interpuxo recurso de apelación contra a Sentenza ditada no Procedemento matrimonial de modificación de medidas seguido co núm. 157/2013 ante o Xulgado de primeira instancia e instrución núm. 1 de Padrón, impugnando os pronunciamentos contidos na Sentenza de instancia relativos ao réxime de visitas e a pensión de alimentos.

Pola súa parte a apelada opúxose ás pretensións deducidas de contrario e impugnou o pronunciamento referido á pensión de alimentos.

SEGUNDO.- Modificación de medidas definitivas

Para resolver adecuadamente as cuestións plantexadas en primeira instancia e reproducidas en apelación, compre lembrar que, segundo o criterio reiteradamente exposto pola xurisprudencia menor a modificación de medidas acordada por sentenza firme nos procesos matrimoniais e de menores unicamente pode ter lugar cando, por causas alleas ao propósito ou a deliberada vontade do solicitante, se produza unha alteración obxectiva e substancial das circunstancias persoais ou materiais relativas aos pais e aos fillos menores, que supoñan a aparición de feitos ou situacións novas e de algún modo imprevistas, máis alá das variacións que puideran considerarse ordinarias ou habituais, de acordo coa posición socioeconómica da familia e a realidade social do momento, respecto da situación fáctica que se tivo en conta no convenio extraxudicial ou, no seu caso, na sentenza e sobrevida con posterioridade a súa adopción, con un certo carácter de permanencia ( artigos 90 parágrafo terceiro , 91 inciso final, 93 e 100, en relación co artigo 174, todos eles do Código civil (CC ), e 775.1 da Lei e axuizamento civil (LAC).

Neste sentido, debe entenderse que non terán virtualidade para xustificar dita modificación os acontecementos que, aínda sobrevidos, foran previstos ou contemplados, sequera implicitamente, na sentenza que acordou a medida sen consideración a unha futura modificación, nin aqueles que, aínda supoñendo unha alteración das circunstancias, non inciden de maneira esencial e básica nas condicións de feito que se examinaron na resolución xudicial, podendo deducirse racionalmente que, de terse previsto, non determinarían un cambio no seu contido. Tampouco cabe utilizar a canle procesual da modificación de medias definitivas do artigo 775 da LAC para revisar os fundamentos e o sentido da decisión adoptada ao respecto nunha sentenza anterior, cando non se produciu un cambio real das circunstancias que lle serviron de presuposto fáctico.

Do exposto derívase, así mesmo, que o exame das pretensións de modificacións de medidas pasa necesariamente por facer un exercicio de ponderación comparativa entre o estado de cousas tomado en consideración o tempo de fixarse a medida ou medidas cuxa modificación se pretende e as circunstancias de feito concorrentes no momento en que dita modificación se interesa.

TERCEIRO.- Réxime de comunicación e estancia.

A Sentenza de instancia, non apreciando alteración substancial das circunstancias, mantivo os pronunciamentos contidos na Sentenza de divorcio de mutuo acordo de setembro 2011 en materia de garda e custodia e réxime de visitas. Concretamente, confirmou tanto a atribución da garda e custodia das menores, Marisa e María Rosa , a nai como o réxime de comunicación e estancia das menores co proxenitor non conforme ao que:

1)As menores estaría na compaña do proxenitor non custodio fins de semana alternos dende o venres a saída do colexio, ou dende as 20:00 horas nos periodos non lectivos, ata as 20:00 horas do domingo, así como a tarde dos mércores, dende a saída do colexio, ou dende as 16:00 horas, ata as 10:00 horas do día seguinte nos periodos non lectivos, debendo o pai entregar ás menores no domicilio das mesmas.

2)As vacacións Semana Santa dividiránse por metades de xeito que dende o venres ata o mércores (víspera de xoves santo) nos anos pares as menores estarán en compaña do proxenitor non custodio, e dende o xoves ata o luns de pascua incluído coa nai; a inversa nos anos impares.

3)As vacacións de Nadal dividiránse en dous periodos: dende o 24 ata o 31 de decembro e dende o 31 de decembro ata o 6 de xaniero. A nai desfrutará do primeiro periodo nos anos impares e do segundo nos anos pares e o pai do primeiro periodo nos anos pares e do segundo nos impares. O día de reis se o pai non tivese ás menores na súa compaña poderá visitalas e recollelas no seu domicilio, dende 17:00 horas ata as 20:00 , e se o pai xa as tivese na súa compaña levaraas con súa nai as 17:00 horas.

4)O periodo vacacional de verán comprenderá os meses de xullo e agosto. Os anos pares as menores estarán en compaña da súa nai a primeira quincena de xullo e agosto e do pai a segunda quincena de xullo e agosto e a inversa nos anos impares. Durante este periodo estival rexerá o réxime de visitas de fin de semana co proxenitor que non as teña na súa compaña, salvo viaxe que impida o mesmo.

Contra dita resolución, impugnando o pronunciamento relativo ao réxime de comunicación e estancia se ben no o referente a atribución da garda e custodia, alzouse o recorrente invocando erro na valoración da proba e infracción dos arts. 217 , 316 , 319 , 326 e 376 da LAC, e dos arts. 90 , 91 , 94 , 100 , 101 , 158.4 e 161 do CC e interesando, tal e como fixera con carácter ssubsidiaro en primeira instancia, a fixación dun réxime máis amplo en virtude do que:

1)As menores estean en compaña do proxenitor non custodio as fins de semana alternas dende o venres a saída do colexio ata a entrada no centro escolar o luns, ou ata as 11:00 horas no suposto de que o día fose festivo ou non lectivo, suposto no que o pai reintegrará ás menores no domicilio materno. Se os venres ou os luns fosen festivos ou non lectivos dito día unirase a fin de semana que corresponda ao pai e será disfrutado por este unido a fin de semana.

2)Durante a semana, as menores estarán en compaña do seu pai os mércores dende a saída do colexio, pernoctando no domicilio paterno, ata o día seguinte en que as reintegrará o centro escolar, ou no suposto de que festivo ou non lectivo reintegrándoas ao domicilio materno as 10:00 horas.

Se o mércores fose festivo ou non lectivo corresponderá ao pai ter consigo as fillas dende as 9:00 horas de dito día ata a entrada no colexio o día seguinte, ou no caso de ser este tamén festivo ata as 22:00 horas nas que reintegrará as menores no domiclio materno.

Así mesmo terá as menores na súa compaña todas as restantes tardes da semana, dende a saída do colexio ou o remate das clases extraescolares ata as 20:30 horas, exceptuándose os venres que coincidan coas fins de semana que as menores teñan que pasar coa nai, así como os periodos vacacionais que a esta lle correspondan, debendo o pai recoller as menores do centro escolar e entregalas no domicilio familiar.

3)Nas vacacións de Nadal e Semana Santa as menores estarán en compaña do pai a metade de ditos periodos vacacionais. Se do cómputo de ditos días resultase que estes son impares entederase que o perido se subdivide en dous idénticos sendo o día impar o que divide cada un deles, correspondendo o primeiro periodo ata a unha da tarde. O pai deberá recoller e reintegrar ás menores no domicilio da nai as 20:00 horas. En defecto de acordo corresponderá á nai a primeira metade das vacacións dos anos pares e a segunda metade nos impares.

4)Nas vacacións de verán o pai desfrutará da metade do periodo vacacional que se entende integrado polos meses de xullo e agosto e os días non lectivos de xuño e setembro. Nos anos pares o pais desfrutará da compaña das menores dende o primeiro día non lectivo do mes de xuño ata o 30 de xuño, así como o mes de agosto completo, correspondéndolle á nai o mes de xullo completo e os días non lectivos do mes de setembro, sendo nos anos impares a inversa. As entregas e recollidas das menores para pasar os periodos referidos serán no domiclio do outro proxenitor segundo corresponda.

5) Os días festivos non compredidos nos apartados anteriores corresponderán metade ao pai e metade a nai. A elección dos festivo corresponderá ao pai nos anos pares e a nai nos impares, debendo comuniar por escrito ao outro proxenitor a elección dos festivos con al menos 15 días de antelación a data de disfrute. Os horarios de desfrute dos días festivos serán de 10:00 horas ata as 20:00 horas, debendo o pai recoller e entregar ás menores no domicilio materno.

Un novo exame dos elementos de proba, considerando a documental achegada nesta segunda instancia, non respalda, a xuízo desta Sala, unha modificación do réxime de comunicación e estancia intersemanal e para as fins de semana establecido na Sentenza de instancia. As circunstancias tanto persoais como profesionais de dona Adolfina , acreditadas no acto do xuízo (tratamento psicolóxico e ampliación da xornada laboral) non respaldan as pretensións do recorrente, en canto ao réxime previsto para os periodos anteriormente referidos por canto ningunha situación de desamparo ou risco para as menores resultou acreditada.

Pola contra, este Tribunal estima procedente a modificación do réxime de comunicación e estancia previsto para o periodo de vacacións estivais tendo en conta a idade coa que contan as menores, María Rosa e Marisa , 12 e 9 anos de idade, na actualidade e a idade que tiñan no momento en que se fixaron as medidas impugnadas, 8 e 2 anos, respectivamente. A idade das menores fai presupoñer unha maior suficiencia e autonomía das mesmas polo que co fin de procurar que poidan desenvolver e profundizar na relación cos seus proxenitores, compartindo periodos de tempos máis longos entendemos que procede:

- Delimitar o periodo de vacacións estivais dende o primeiro día de xuño non lectivo ata o último día non lectivo do mes de setembro.

- Os días non lectivos dos meses de xuño e setembro dividiranse por metade, correspondendo nos anos pares a primeira metade a nai e a segunda ao pai, e a inversa nos anos impares, isto é, a primeira metade ao pai e a segunda a nai.

- Así mesmo nos anos pares as menores estarán no mes de xullo en compaña da súa nai e no mes de agosto en compaña do seu pai; nos anos impares será a inversa.

- Durante o periodo de vacacións estivais suspenderase o réxime de comunicación e instancia ordinario previsto.

En todo o restante deben entenderse que continúan a rexer as previsións establecidas na Sentenza de 16 de setembro de 2012 .

CUARTO.-Pensión de alimentos.

A pensión alimenticia dos fillos menores de idade, como reiteradamente, dende hai décadas, veñen sinalando o Tribunal Supremo ( STS de 2 de decembro de 1987 ) e o Tribunal Constitucional (STC de 12 de de decembro de 1984) é una medida de ius cogens; o art. 93 do CC sinala de modo imperativo ao xulgador de instancia a obrigación de determinar a contribución dos proxenitores aos alimentos dos fillos menores de idade.

A mencionada obrigación alimenticia, respecto dos fillos menores, conforme ao disposto nos arts. 110 e 154 do CC , deriva da patria potestade, configurándose como una obrigación ex lege que existe incondicionalmente. Dita incondicionalidade implica, dunha parte, que será indiferente para o nacemento da obrigación alimenticia que o proxenitor obteña ou non algún tipo de ingresos, xa que os alimentos que un pai lle debe a o seu fillo é una obrigación que xorde dende o seu nacemento, sen que a mesma poida quedar valeira de contido pola alegación de que carece de bens. Doutra parte implica que, se ben a pensión alimenticia será proporcional ao caudal e medios do que os da e ás necesidades de quen os recibe, sempre debe ter un contido mínimo e indispensable para atender ás necesidades básicas de subsistencia do menor. Nesta liña o Tribunal Supremo ten sinalado que 'lo dispuesto en los arts. 146 y 147 del CC sólo es aplicable a alimentos debidos a consecuencia de la patria potestad con carácter indicativo y con las matizaciones necesarias'.

Polo tanto, a fixación da pensión alimenticia dos fillos menores de idade debe aterse, coas matizacións expostas, aos medios económicos da persoa obrigada ao seu cumprimento e ás necesidades ordinarias do alimentista( arts. 93 e 146 en relación co art. 142 do CC ), así como, no seu caso, ao caudal respectivo dos proxenitores ( art.145 parágrafo primeiro do CC ), aínda que sen esquecer que a dedicación persoal aos fillos por parte do cónxuxe que teña confiada a súa garda se valorará tamén como prestación alimenticia ( art. 103.3 do CC ).

Incidindo no exposto esta Sección ten sinalado,entre outras en Sentenza de 28 de maio de 2014 , que '...No es, por tanto, argumento decisivo pra eximir de la obligación asistencia o minorar su cuantía, a uno de los progenitores respecto de sus hijos, afirmar que se carece de ocupación laboral estable o permanente, que es irregular, atípica o que proviene de la economía sumergida, pues ello no... exime de la prestación asistencia que la Constitución le impone ( SAP Baleares de 24 de enero de 2014 ). En ese sentido, tal obligación no desaparece ni puede ser objeto de exención (SAP Barcelona 17 de nero de 2014) y a lo sumo ( SAP Alicante 19 de diciembre de 2013 ) solo 'queda difuminada', no obstante cualquier circunstancia, cuando se trata de un mínimo de subsitencia. Es una obligación ínsita en la propia naturaleza, no obstante su consagración legal. Surge por el simple hecho del nacimiento de los hijos y desde entonces ha de entenderse como incondicional, de forma que situados en el parámetro del mínimo vital, necesariamente han de ceder otros criterios como el de proporcionalidad... en suma, dice la SAP Baleares mencionada, en criterio que admite esta Sección, salvo constancia en autos fidedigna y probada sin resquicio de duda, de que el alimentista carece total y absolutamente de recursos, la solución civil no puede ser otra que la de imponer la obligación constitucional, aunque sea en los mínimos cuantitativos que el caso concreto requiera y la realidad social imponga.'

No suposto que nos ocupa, un novo exame e valoración por esta Sala das actuacións practicadas que obran en autos e da proba documental achegada nesta alzada leva, necesariamente, a modificar a decisión adoptada en primeira instancia. Comparte a Sala tanto as valoracións como as conclusión recollidas na Sentenza de instancia. Sen embargo, para resolver a cuestión non cabe obviar un feito novo que se recolle na averiguación patrimonial recabada polo Xulgado de primeira instancia e instrución núm. 1 de Padrón no procedemento de execución xudicial por impago de pensións de alimentos núm. 133/2012 seguido entre as partes neste procedemento. De dita documental derívase que o sr. Javier atópase traballando, dende o 24 de outubro de 2014, para a empresa 'Excavaciones y construcciones José Pose Noya SL'; sociedade pertencente aos seus pais e para a que estaba a traballar no momento no que se fixaron as pensións de alimentos cuxa modificou se pretende. Sendo isto así, non constando a contía do salario que percibe, non hai indicios que permitan presupoñer nin que o traballo que realiza na actualidade sexa distinto ao que realizaba na data en que se fixou a pensión de alimentos nin que o salario que percibe difira do que percibía naquel momento, isto é, 1.300€ mensuais. Consecuemente, ao amparo desta nova circustancia obxectiva, de entidade notable e que se presenta como permanente ou indefinida, por canto ao tempo do ditado desta Resolución non consta que o sr. Javier deixara de traballar na devandita empresa familiar, procede a modificación do pronunciamento contido na Sentenza de instancia en relación coa pensión de alimentos no senso de fixar a mesma nos termos en que se estableceu na Sentenza de divorcio de mutuo acordo de data 16 de setembro de 2011 , isto é, 600€ mensuais (300€ mensuais para cada unha das fillas menores de idade), máis o complemento, a abonar no mes de setembro, coincindo co inicio do curso escolar, de 150€ para cada unha das fillas.

A referida previsión despregará a súa eficacia dende a data do ditado desta Resolución.

CUARTO.- Custas.

Non procede a imposición das custas desta instancia, atendida a natureza da materia obxecto de controversia.

Vistos os artigos citados e os demais de xeral pertinente aplicación,

Fallo

estimar parcialmente o recurso de apelación e a impugnación promovidas, respectivamente, polas representacións procesuais de don Javier e dona Adolfina fronte a Sentenza ditada en data 21 de xaneiro de 2014 e aclarada por auto de 24 de xaneiro de 2014 no Procedemento matrimonial de modificación de medidas seguido co núm. 157/2013 ante o Xulgado de primeira instancia e instrución núm. 1 de Padrón e, en consecuencia, revoga a devandita Resolución, nos seguintes termos:

- Fíxase a pensión de alimentos en 300€ mensuais para cada unha das dúas fillas menores de idade así como un complemento de dita pensión a abonar no mes de setembro por importe de 150€ para cada unha das menores. A referida previsións despregará eficacia dende a data desta Resolución.

- O período de vacacións estivais comprenderá dende o primeiro día de xuño non lectivo ata o último día non lectivo do mes de setembro. Os días non lectivos dos meses de xuño e setembro dividiranse por metade, correspondendo nos anos pares a primeira metade a nai e a segunda ao pai, e a inversa nos anos impares, isto é, a primeira metade ao pai e a segunda a nai. Así mesmo nos anos pares as menores estarán no mes de xullo en compaña da súa nai e no mes de agosto en compaña do seu pai; nos anos impares será a inversa. Durante o periodo de vacacións estivais suspenderase o réxime de comunicación e instancia ordinario previsto. En todo o restante deben entenderse que continúan a rexer as previsións establecidas na Sentenza de instancia.

Todo o anterior sen expreso pronunciamento de condena en custas.

Notifíquese esta resolución, en legal forma, ás partes e fágaselles saber que, conforme preceptúa o artigo 248-4º da Lei Orgánica do Poder Xudicial , contra ela cabe recurso de casación por interese casacional que deberá ser interposto ante esta Sección, no prazo de 20 días a contar dende o seguinte a notificación da mesma.

Dentro do prazo legal, devólvanse as actuacións orixinais con testemuño desta resolución ao Xulgado de procedencia, para a súa execución e cumprimento.

Así por esta resolución da que se porá certificación literal no Rolo de Sala da súa razón, incluíndose o orixinal no Libro correspondente, o pronunciamos, mandamos e asinamos.

PUBLICACION.-Dada y pronunciada fué la anterior Sentencia por los Ilmos. Sres. Magistrados que la firman y leída por el Ilmo. Magistrado Ponente en el mismo día de su fecha, de lo que yo el/la Secretario certifico.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.