Sentencia Civil Nº 303/20...re de 2015

Última revisión
01/02/2016

Sentencia Civil Nº 303/2015, Audiencia Provincial de A Coruña, Sección 6, Rec 54/2014 de 14 de Septiembre de 2015

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico

Relacionados:

Tiempo de lectura: 24 min

Orden: Civil

Fecha: 14 de Septiembre de 2015

Tribunal: AP - A Coruña

Ponente: TALLON GARCIA, LORENA

Nº de sentencia: 303/2015

Núm. Cendoj: 15078370062015100645

Resumen:
MATERIAS NO ESPECIFICADAS

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6 (DESPL)

A CORUÑA

SENTENCIA: 00303/2015

AUDIENCIA PROVINCIAL DE A CORUÑA

SECCIÓN SEXTA

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Rollo de apelación civil nº 54/2014

Ilmos. Sres. Magistrados:

D. JOSÉ GÓMEZ REY, PRESIDENTE

D. JORGE CID CARBALLO

Dª LORENA TALLÓN GARCÍA

SENTENZA

Núm. 303/15

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2015.

Vistos en grao de apelación ante esta Sección 6ª da Audiencia Provincial de A Coruña, con Sede en Santiago de Compostela, os autos do procedemento ordinario núm. 288/2013, procedentes do Xulgado de Primeira instancia núm. 1 de Santiago de Compostela, aos que correspondeu o rolo recurso de apelación núm. 54/2014, nos que aparece como parte apelante Praza Roxa Unión temporal de empresas, representada pola procuradora dona Marta Delgado Fontáns, e como parte apelada a entidade Mapfre Seguros de Empresas SA, representada polo procurador don José Paz Montero, sendo Xuíz relator dona LORENA TALLÓN GARCÍA, quen expresa o parecer da Sala, formulando os seguintes antecedentes de feito, fundamentos xurídicos e parte dispositiva.

Antecedentes

PRIMEIRO.- Acéptanse e danse por reproducidos os antecedentes de feito contidos na Resolución apelada, ditada polo Xulgado de primeira instancia núm. 1 de Santiago de Compostela o 22 de novembro de 2013 , en cuxa parte dispositiva se estableceu: 'Que desestimando como desestimo la demanda interpuesta por Comsa SA Continental Parking SL Unión Temporal del Empresas, con procurador Sra. Delgado Fontáns, frente a Mapfre Industrial SA de seguros con procurador Sr. Paz Montero debo absolver y absuelvo a está de todos los pedimentos deducidos en su contra con expresa imposición de costas a la parte actora.'

SEGUNDO.-Notificada dita resolución ás partes a representación procesual de Praza Roza UTE presentou recurso de apelación que foi admitido e, cumpridos os trámites correspondentes, eleváronse as actuacións a este Tribunal, sinalándose para a súa deliberación, votación e dispoño, o 28 de maio de 2015, en que tivo lugar o acordado.

TERCEIRO.-Na tramitación deste procedemento observáronse as prescricións legais.


Fundamentos

PRIMEIRO.-A demandante no escrito inicial que encabezou estas actuacións exercitou unha acción de cumprimento contractual invocando, en apoio das súas pretensións, as seguintes circunstancias de feito:

- A demandante, tras se lle ser adxudicada a obra, promovida polo Concello se Santiago de Compostela, para a construción e explotación do aparcamento subterráneo da Praza Roxa en Santiago de Compostela, concertou coa demandada, asumindo a condición de tomador e asegurado, un contrato de seguro de responsabilidade civil xeral e un contrato de seguro a todo risco construción.

- Como consecuencia das obras realizadas producíronse durante a fase de escavación e construción danos no edificio sito na rúa RUA000 núm. NUM000 e NUM001 , constituíndo o importe da reparación de ditos danos, asumida pola actora, o obxecto de reclamación nestas actuacións. Concretamente a reclamación ascende ás seguintes contías:

- 8.297,41€ (IVE incluído) por reparacións efectuadas nas vivendas do cita inmoble.

- 81.814,92€ (IVE incluído) por reparacións efectuadas en elementos comúns.

As devanditas actuacións de reparación foron realizadas pola empresa 2000 Joscon construcciones SL no contexto dunha actuación máis ampla na mencionada edificación cuxo custe

total ascendeu a suma de 244.643,65€.

A demandada opúxose ás pretensións da actora alegando, en primeiro extremo a prescrición da acción exercitada ao considerar expirado o prazo de dous anos que establece o art. 23 da Lei de contrato de seguro para o exercicio da acción de reclamación de danos materiais deriva de contrato de seguro. Segundo expuxo, entre a primeira reclamación extraxudicial de data 20 de xullo de 2007 e a seguinte de data 22/07/2009 trascurriron máis de dous anos polo que, o tempo no que se interpuxo a demanda, a acción atopábase prescrita. En relación co fondo da cuestión litixiosa a demandada opúxose as pretensións da actora aducindo:

1º.- O estado do edificio xa era lamentable con fisuras, gretas e desprendementos xeneralizados.

2º.- A factura por importe de 8.297,71€, cantidade reclamada polas reparacións de danos nas vivendas do inmoble, non aclara onde se realizaron as obras nin en que consistiron.

3º.- O importe total que a actora manifestou ter abonado polas obras 244.643,65€ supera en case o triplo o presupostado polos técnicos municipais para as mesmas (78.889,01 €), correspondendo á instalación do ascensor o 71,62%. Ademais nas facturas achegadas tan so se mencionan gastos correspondentes a a reforma de escaleira e instalación do ascensor. Por outro lado, na factura inclúense gastos correspondentes a aluguer de vivendas para os residentes do inmoble afectado non xustificados.

4º.- En ningún caso procedería o abono do IVE reclamado por canto a actora como sociedade mercantil descóntao e desgrávao nas súas declaracións tributarias.

A Xulgadora de primeira instancia, apreciando a excepción de prescrición desestimou a demanda, con imposición de custas a parte demandante.

Fronte a dita Resolución, a demandante interpuxo recurso de apelación impugnando o pronunciamento relativo á prescrición e interesando un pronunciamento sobre o fondo nos termos recollidos no seu escrito de demanda.

A demandada formulou escrito de oposición interesando a confirmación da resolución impugnada, reiterando a tal fin os argumentos en torno á prescrición deducidos en primeira instancia.

SEGUNDO.-Tras un novo exame das actuacións esta Sala comparte a valoración da proba documental e aplicación do marco normativo e da doutrina xurisprudencial relativa ao instituto da prescrición efectuada pola Xulgadora a quo en relación coa acción orientada á reclamación da cantidade de 8.297,71€ - cantidade que na tese da agora apelante tería sido abonada por esta en concepto de reparación de danos sufridos no interior das vivendas dos edificios sitos nos núms. NUM000 e NUM001 da RUA000 -.

No marco deste procedemento a agora a apelante exercitou unha acción de responsabilidade contractual ex art. 73 da Lei de contrato de seguro , suxeita a un prazo de prescrición de 2 anos, conforme ao establecido no art. 23 da citada Lei. A pretensión actora fundamentouse nunha factura expedida en data 29 de xaneiro de 2005 e abonada pola apelante en data 22 de abril de 2005 polo que, ao abeiro do art. 1969 do CC debe reputarse como dies a quo do citado prazo de prescrición ben o citado 29 de xaneiro de 2005 ben o 22 de abril de 2005. Sendo isto así, e ao abeiro da documental que consta nas actuacións o primeiro acto interruptivo da prescrición ten lugar o 20 de xullo de 2007, data na que se ten constancia de que a apelante efectuou a reclamación extraxudicial por medio de burofax (documento nº 23 dos achegados coa demanda). Consecuentemente, no momento en que tivo lugar o feito con eficacia interruptiva da prescrición transcorreran máis de 2 anos, polo tanto debe reputarse que no momento en que se exercitou a acción por medio de demanda, 2 de maio de 2013, esta estaba prescrita.

Distinta conclusión se impón en relación coa acción ordenada a reclamar o importe dos danos en elementos comúns do citado inmoble ao entender esta Sala que a Sentenza recorrida non aplica de xeito correcto a doutrina relativa ao instituto da prescrición extintiva.

Tal e como se sinalou no parágrafo anterior a prescrición do tipo de accións exercitadas neste procedemento, conforme ao art. 23 da LAC, é de dous anos . O art. 1973 do CC establece a interrupción da prescrición polo exercicio ante os tribunais, por reclamación extraxudicial do acredor e por calquera outra acto de recoñecemento da débeda polo debedor. No caso axuizado a interrupción da prescrición preténdese mediante as comunicacións vía burofax remitidas pola agora apelante á apelada, esixindo o cumprimento de dita responsabilidade, en datas 20 de xullo de 2007, 22 de xullo de 2009 e 4 de xullo de 2011.

A parte apelada, reiterando o exposto en primeira instancia argumentou que a segunda das comunicacións vía burofax foi remitida transcorrido o prazo de dous anos, dende a comunicación anterior, polo tanto debe reputarse prescrita a acción.

A parte apelante argumentou que a devandita reclamación extraxudicial fora emitida en tempo por canto a primeira das comunicacións vía burofax se ben foi emitida en data 20 de xullo de 2007 non foi recepcionada pola apelada ata o día 23 de xullo de 2007. Polo tanto, considerando este última data e tendo en conta que a segunda comunicación se remitiu en data 22 de xullo de 2009 debería recoñecerse a á segunda comunicación eficacia interruptiva.

Como ten establecido con reiteración a xurisprudencia o instituto da prescrición extintiva supón unha limitación fronte ao uso tardío dos dereitos, en prol da certidume e da seguridade xurídica, fundada non en razóns de intrínseca xustiza senón na idea de sancionar as condutas de abandono ou falta de dilixencia no exercicio dos propios dereitos. Así pois a prescrición extintiva en tanto representa unha maneira anormal e excepcional de extinción dos dereitos ou accións debe ser obxecto dunha interpretación restritiva ( SSTS de 20 de xuño de 1994, 26 de decembro de 1995 ou 22 de novembro de 1999 ), tanto no relativo a aplicación e interpretación das súas normas reguladores como no tocante a proba dos seus requisitos, que incumbe a quen alega a excepción. Así mesmo a doutrina xurisprudencial ven conceptuando a reclamación extraxudicial como un acto recepticio que desprega a súa eficacia dende a data da emisión da declaración de vontade.

No presente suposto debe terse por acreditado que a apelante tivo coñecemento, aos efectos de determinar o dies a quo do prazo de prescrición da acción de responsabilidade contractual, ao abeiro do art. 1969 do CC , fronte a aseguradora codemandada, o 23 de marzal de 2006, data na que se emite o informe descritivo de danos don Clemente (documento número catro dos achegados coa demanda). Así mesmo cabe ter por probado que dirixiu reclamacións extraxudiciais a agora apelada, por medio de burofax en datas 20 de xullo de 2007, 22 de xullo de 2009 e 4 de xullo de 2011, interpoñendo a demanda que deu orixe a estas actuacións o 2 de maio de 2013. Do anterior derívase que entre a primeira e a segunda reclamación extraxudicial con eficacia interruptiva da prescrición mediou un ano e dous días. Sen embargo, dito extremo non pode conducirnos, no suposto que nos ocupa, a apreciar a prescrición da acción exercitada por canto para tal fin aínda que de xeito preeminente se deba atender ao feito obxectivo do transcurso do prazo legalmente previsto debe considerarse a vontade do titular da acción ou do dereito manifestada a través da súa propia actuación. Partindo do anterior, tendo en conta a interpretación cautelosa, restritiva que debe facerse do instituto que nos ocupa e tendo en conta a vontade manifestada de xeito reiterado no tempo pola agora apelante, mediante o envío de burofaxes, non cabe soster a extinción por vía de prescrición da acción exercitada pola agora apelante.

TERCEIRO.-Desestimada a excepción de prescrición procede entrar no fondo da cuestión litixiosa en relación coa pretensión de indemnización dos danos causados nas zonas comúns, portal e escaleira, dos inmobles sitos nos núms. NUM000 e NUM001 da RUA000 de Santiago de Compostela.

Na tese da recorrente como consecuencia das actuacións que levou a cabo para a construción do aparcadoiro subterráneo da Praza Rosa producíronse danos en elementos comúns do inmoble citado, concretamente no portal e na escaleira cuxo importe de reparación foi asumido pola agora apelante, UTE Praza Roxa.

A aseguradora opúxose a dita pretensión cuestionando: a) O nexo causal entre os danos cuxo importe se reclamou e a actuación da apelante por canto o inmoble, antes do inicio das obras xa se atopaba nun estado moi deficitario; b) A contía dos referidos danos. As facturas achegadas de contrario refírense a actuacións que exceden das necesarias para a reparación dos danos referidos de contrario e que constitúen auténticas obras de mellora. Entre os conceptos facturados recóllese a instalación de ascensor ou o cambio de trazado da escaleira. Así mesmo a apelante pretendeu o abono de gastos de aluguer de vivendas para os veciños do inmoble durante o período de reparación, o denominado beneficio industrial ou o IVE; c) A falta de xustificación do abono pola apelante dos gastos cuxa indemnización pretende.

Tendo en conta as posicións asumidas polas partes deben reputarse como feitos non controvertidos tanto a cobertura do sinistro polo seguro concertado entre as partes como a realidade dos danos referidos pola actora, centrándose as discrepancias na relación de causalidade entre estes e a actuación da apelante, na valoración dos danos e na efectiva asunción dos mesmos pola UTE Praza Roxa.

En apoio das súas pretensións a parte apelante achegou un acta notarial de presenza de data 18 de febreiro de 2003 que incorpora un informe técnico elaborado por don Miguel sobre o estado do inmoble antes do inicio das obras así como un acta notarial de presenza, de data 20 de abril de 2006, elaborada ao remate de ditas obras que incorpora un informe técnico sobre o estado do inmoble por don Clemente con data 23 de marzal de 2006, un anexo a dito informe elaborado polo devandito técnico así como un informe de valoración pericial dos danos referidos nos informes previos elaborado por don Clemente .

O informe técnico elaborado por don Miguel , antes do inicio das obras, describe nas zonas comúns, portal e escaleiras, toda unha serie de gretas e fisuras, acompañando unha boa parte das mesmas con fotografías ilustrativas.

O informe emitido por don Clemente , en

data 23 de marzal de 2006 e o anexo ao mesmo, describen a situación dos citados elementos comúns trala conclusión das obras. Nos citados documentos, que se acompañan de fotografías ilustrativas indícase 'La escalera y el portal de acceso presentan numerosas grietas y fisuras en todas las plantas que lo integran, con presencia de humedades en varios tramos de escalera, siendo la valoración global de deficiente debido al elevado gardo de deterioro que manifiesta... se observa que tanto el numero de grietas como la dimensión de las mismas afectan a los cerramientos y a la propia estructura de la escalera, tanto a la losa sobre la que se desarrolla el peldañeado como a los apoyos de la misma a nivel de los rellanos exsitentes que sirven de acceso a las viviendas.'Así mesmo no citado informe fíxose constar ' Respecto a las causas que originaron los daños descritos, y considerando que existen documentos previos que permiten conocer cual era el estado del edificio en el año 2003, se observa que el deterioro de los elementos comunes (portal y escaleras) se ha visto incrementado notablemente, existiendo por toda la superficie de los mismos muestras significativas de ello. Por este motivo, así como por la dimensión y geometría de las grietas existentes en el inmueble, se deduce que el motivo por el que se originaron los danos en el mismo es debido a un asiento del edifico sobre el terreno o cualquier acción similar que permitió que una parte del mismo se desplazase verticalmente provocando las grietas ya descritas en el presente documento.'

Ao anterior engadiu o técnico, no anexo de 30 de abril de 2006, 'De la conclusión expuesta en el informe, se desprende la evidencia de que los daños existentes se produjeron en el tiempo transcurrido entre 2003 y la fecha del mismo informe. Durante ese período de tiempo, y en concreto entre las fechas de febrero de 2003 y diciembre de 2004, la empresa Comsa SA llevó a cabo la ejecución del aparcamiento subterráneo de la Plaza Roja de Santiago de Compostela, ubicado en las inmediaciones de los edificios inspeccionados, y cuyo vial de salida discurre precisamente por la RUA000 , por delante de los inmuebles inspeccionados.

Para ejecutar una obra de las características del aparcameinto subterráneo citado es necesario practicar una excavación a cielo abierto, y existe el riesgo de que las edificaciones próximas sufran daños por los movimientos de tierra efectuados en zonas afectadas por sus cimentaciones.

Los edificios de RUA000 NUM000 y NUM001 no cuentan con plantas de sótano, por lo que disponen con toda probabilidad de una cimentación a cota próxima al rasante de viario. Ello los hace susceptibles de sufrir asientos por leves desplazamientos del terreno al ser estos excavados.

Como conclusión, se puede estimar con seguridad que las obras realizadas pra la construcción del aparcamiento subterráneo de la Plaza Roja han tenido una notable incidencia y causualidad en los daños observados en las edificaciones inspeccionadas y que se han reflejado en el informe redactado.'

No acto do xuízo depuxo o Don. Miguel quen manifestou que elaborara o informe de 2003, que consta nas actuacións, co fin de deixar exhaustiva constancia da situación dos inmobles e precisou que, se ben se trataba de edificación vellas, as gretas e fisuras que se recolleron constituían danos estéticos que non afectaban a estabilidade nin a estrutura dos inmobles. Así mesmo, mostradas as fotografías que constan na acta de presenza estendida no ano 2006 manifestou que no momento en que realizou a inspección dos inmobles, no ano 2003, 'no vio nada de este tipo', precisando que as fisuras que recollía no seu informe tiñan o alcance 'de un hilo, de un pelo' e insistindo en que non apreciou lesións que afectasen a estrutura do edificio, descartando que a existencia de fisuras nas viguetas permitise afirmar que os inmobles presentasen afectacións estruturais. Así mesmo o técnico indicou que a situación que mostran as fotografías exhibidas, correspondentes a acta de presenza de 2006, que non parece unha afección menor, perfectamente podería ser consecuencia das obras do aparcamento subterráneo da Praza Roxa que incidiron sobre o terreo propiciando un novo proceso de estabilización.

Pola súa parte, o arquitecto don Clemente , o declarar no acto do xuízo, indicou que elaborara os informes que constan nas actuación considerando a descrición do estado do inmoble recollida no informe do ano 2003 e os resultados da inspección que realizara aos inmobles na que apreciou tanto fisuras simplemente estéticas como gretas que reflectían unha afectación estrutural, precisando que estas últimas se concentraban no portal e na escaleira zonas especialmente débiles da edificación por estar articulados como un corpo único anexo aos inmobles NUM000 e NUM001 , establecido para o acceso a ambos. Segundo o sr. Clemente a situación que presentaban os inmobles no ano 2006 resulta evidente consecuencia das obras do aparcadoiro da Praza Roxa por canto responden aos parámetros nos que normalmente se ven afectados os inmobles lindeiros con terreos onde se realizan actuacións do tipo das levadas a cabo neste caso.

Sobre a base dos referidos elementos de proba cabe concluír:

1º.- Tralo remate das obras do aparcadoiro do Praza Roxa os inmobles sitos nos núms. NUM000 e NUM001 da RUA000 presentaban deficiencias estruturais coas que non contaban antes do inicio de tales obras; ditas deficiencias que afectaban ao portal e á escaleira que permiten o acceso a ambos inmobles teñen a súa orixe nas actuacións levadas a cabo pola apelante para a construción do aparcadoiro do Praza Roxa. Os dous técnicos que compareceron no acto do xuízo coincidiron ao afirmar os referidos extremos. Non podendo reputarse argumento de entidade suficiente para desbotar o referido nexo causal o aducido pola apelada conforme de se ter producido danos nos inmobles sitos nos núms. NUM000 e NUM001 da RUA000 estes tiveron que afectar non so ao conxunto que conforman o portal e as escaleiras senón tamén a outros elementos comúns como as fachadas. O proceso civil articúlase sobre a base do principio dispositivo polo que son as partes as que están chamadas a delimitar o seu obxecto de maneira que da delimitación efectuada polo actora non cabe inferir, tal e como parece pretender a apelada, que non se produciron danos noutros elementos comúns e, por derivación, que os danos que presentaban a zona de portal e escaleiras non teñen relación causal coas obras do aparcadoiro da Praza Roxa.

2º.- Non se pode ter por acreditado que a situación que presentaba non xa o inmoble no seu conxunto senón os elementos que a actora identificou como danados, portal e escaleira, coadxuvase a provocar o estado no que ditos elementos se atopaban no momento en que remataron as obras. Nin as declaracións dos dous técnicos que depuxeron no acto do xuízo nin as fotografías achegadas permiten soster o referido extremo afirmado como feito extintivo ou limitativo da súa responsabilidade pola apelada, quen, sen embargo, non presentou proba ningunha ordenada a acreditar dita aseveración.

Sentada a relación de causalidade entre a actuación da UTE Praza Roxa e o estado dos elementos comúns, portal e escaleira dos inmobles NUM000 e NUM001 da RUA000 procede entrar a determinar a contía da indemnización.

A parte apelante fixou o importe de dita indemnización en 81.814,92€ (70.530,11 € máis IVE) tomando como referencia o custe de reparación dos danos e achegando para acreditar os mesmos un informe de valoración elaborado polo arquitecto don Clemente . En dito informe prescríbese como actuación axeitada para dita reparación a realización dunha actuación global sobre o conxunto que conforman portal e escaleira con demolición e reconstrución desta última. Segundo manifestou no acto do xuízo o citado técnico, tendo en conta o estado no que se atopaba a escaleira, a súa reparación non era viable tecnicamente, por canto separáranse elementos estruturais da mesma, resultando a substitución o máis eficaz para garantir a estabilidade.

A aseguradora apelada, sen impugnar a idoneidade e oportunidade técnica da solución construtiva acollida no informe achegado de contrario, cuestionou o importe fixado no mesmo para dita actuación argumentando: a) O importe total que a actora manifestou ter abonado polas obras 244.643,65€ supera en case o triplo o presupostado polos técnicos municipais para as mesmas (78.889,01 €), correspondendo á instalación do ascensor o 71,62%; b) Na valoración pericial acóllense conceptos que non debe asumir a apelada tales como gastos xerais, beneficio industrial e IVE e o outros non xustificados como os de aluguer da vivendas para os ocupantes dos inmobles durante o tempo necesario para a realización das obras de reparación.

O primeiro dos argumentos esgrimidos pola aseguradora apelada en nada desvirtúa a pretensión da agora apelante por canto parte da confusión entre os elementos de proba achegados por esta para acreditar o importe da indemnización que asumiu (informe de valoración emitido polo sr. Clemente ) e aqueles outros nos que fundamentou o efectivo pago da indemnización (as facturas e certificación de pago das mesmas pola apelante a 2000 Joscón cosntrucciones SL). A apelante con independencia do conxunto de actuacións que encomendase a 2000 Joscón construcciones SL -que tal e como ela mesma recoñeceu excedían da reconstrución da zona de portal e escaleira incluíndo a instalación dun ascensor- tan so pretendeu no marco deste procedemento o abono das sumas correspondentes á reparación do conxunto portal e escaleira, segundo a valoración acollida no informe técnico que presentou. En dito informe técnico segundo manifestou o seu autor, sr. Clemente , valorouse a actuación que se considerou como mínima imprescindible para superar as deficiencias que afectaban ao conxunto do portal-escaleira, descoñecendo o perito, segundo indicou, tanto que se fora a instalar un ascensor como a necesidade de alterar o percorrido das escaleiras polo que non ponderou ditos extremos na súa valoración. Así pois, non apreciando circunstancias que cuestionen a verosimilitude do testemuñado polo sr. Clemente , non cabe reputar que a valoración contida no seu informe comprenda actuacións que excedan das estritamente necesarias para a reparación dos danos.

En canto a procedencia de excluír do quantum indemnizatorio os conceptos de IVE, beneficio industrial e gastos xerais este Tribunal entende que a 'restitutio in integrum' implica que se resarza á apelante do custe real da reparación dos defectos construtivos apreciados o que non acontecería se se descontaran as partidas de gastos xerais, beneficio industrial e IVE que necesariamente deberá abonar ao contratista encargado de executar as reparacións. Considera esta Sala que se trata de custes inherentes a esas obras de reparación polo que deben ser recoñecidos. Nesta liña a SAP de Madrid, Sección 10, de data 25 de setembro de 2013 veu a indicar: 'Cuando se reconoce un crédito resarcitorio representado por el equivalente pecuniario de la obligación de reparar no se puede omitir la inclusión de conceptos necesarios para la realización de esta última, como lo son, de modo incuestionable, los importes que la parte condenada recurrente se propone excluir. Ninguna duda puede albergarse acerca de que al tiempo de establecer el «quantum» de la indemnización en la resolución jurisdiccional ciertamente se desconoce si las obras de reparación se van a acometer y, en caso afirmativo, si se van a llevar a cabo en todo o únicamente en parte. Sin embargo, se calcula sobre la base de los costes de reparación estimados a partir de los informes periciales practicados en las actuaciones. Desde esta perspectiva, no merece favorable acogida el argumento de que su reconocimiento depara un «enriquecimiento no justificado ...'

Finalmente compre entender que a asunción pola agora apelante dos gastos cuxa indemnización pretende están perfectamente xustificados coas facturas e certificacións de pago achegadas como documentos núms. 13 a 20 coa demanda. O feito de que as facturas estean emitidas a favor de Comsa SA e non a nome da UTE Praza Roxa nun cuestiona o referido extremo por canto debe entenderse que Comsa SA actuou en nome e representación da UTE, tal vez non con poderes expresos pero si cunha situación de apoio ou aquiescencia dos demais membros da Unión temporal de empresas tal e como evidencia o documento núm. 19 da demanda onde a UTE recoñece que as devanditas facturas foron abonas por Comsa Sa por autorización da primeira. Polo tanto, debe concluírse que Comsa SA actuaba como o representante ou apoderado da UTE Praza Roxa da que formaba parte. Criterio distinto compre manter en relación cos gastos de aluguer de vivendas que se recollen na valoración pericial aportada pola demandante por canto ningún elemento de proba permite ter por acreditado que os referidos gastos foron efectivamente asumidos pola demandante agora apelante. Por conseguinte procede deducir da cantidade reclamada o importe de 10.800€ correspondente a dito concepto segundo a valoración do importe das actuacións de reparación realizada polo sr. Clemente .

Tendo en conta o exposto nos parágrafos precedentes procede a estimación parcial da demandada condenando a demandada agora apelada ao pagamento da suma de 69.286,92€ (59.730,11€ máis o 16% de IVE), que xerará xuros conforme ao disposto no art. 20 da LCS .

QUINTO.-Estimada parcialmente a demandada non procede efectuar pronunciamento de condena ao pagamento das custas xeradas en primeira instancia ao abeiro do disposto no art. 394 da LAC. Así mesmo estimado parcialmente o recurso de apelación, a tenor do disposto no art. 398.2 da LAC, tampouco procede a imposición das custas derivadas desta segunda instancia.

Por todo o exposto, vistos os preceptos legais citados, os seus concordantes e demais de xeral e pertinente aplicación,

Fallo

estimar parcialmente o recurso de apelación interposto pola representación procesual de UTE Praza Roxa e, en consecuencia, revogar a Sentenza de 22 de novembro de 2013 ditada polo Xulgado de primeira instancia núm. 1 de Santiago de Compostela no procedemento ordinario núm. 288/2013 condenando a demandada a abonar á demandante a suma de 69.286,92€, máis os xuros xerados por dita contía conforme ao disposto no art.20 da LCS . Todo elo sen imposición das custas xeradas tanto en primeira como en segunda instancia.

Notifíquese esta resolución, en legal forma, ás partes e fágaselles saber que, conforme preceptúa o artigo 248-4º da Lei Orgánica do Poder Xudicial , contra ela cabe recurso de casación por interese casacional que deberá ser interposto ante esta Sección, no prazo de 20 días a contar dende o seguinte a notificación da mesma.

Dentro do prazo legal, devólvanse as actuacións orixinais con testemuño desta resolución ao Xulgado de procedencia, para a súa execución e cumprimento.

Así por esta resolución da que se porá certificación literal no Rolo de Sala da súa razón, incluíndose o orixinal no Libro correspondente, o pronunciamos, mandamos e asinamos.

PUBLICACIÓN.- Dada, lida e publicada foi a anterior Sentenza pola Xuíz relator que a ditou, estando celebrando audiencia pública nomesmo día da súa data, do que eu, o Secretario Xudicial, dou fe.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.