Última revisión
09/07/2009
Sentencia Civil Nº 362/2009, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 3473/2007 de 09 de Julio de 2009
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 16 min
Orden: Civil
Fecha: 09 de Julio de 2009
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 362/2009
Núm. Cendoj: 36057370062009100355
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00362/2009
AUDIENCIA PROVINCIAL
SECCIÓN SEXTA
SEDE EN VIGO
CIVIL
Rolo: 3473/07
Procedemento de orixe: ORDINARIO 175/06
Órgano de procedencia: 1ª INSTANCIA Nº 4 DE VIGO
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, composta polos maxistrados D. Jaime Carrera Ibarzábal, D. Juan Manuel Alfaya Ocampo e D. Julio Picatoste Bobillo pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENZA Nº 362/09
Vigo, nove de xullo de dous mil nove.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordianrio 175/06 procedentes do Xulgado de 1ª
Instancia Núm. 4 de Vigo ós que correspondeu o rolo 3473/07, nos que aparece como parte apelante-apelado-demandante D. Pablo Jesús , Dª Estrella representada polo/a procurador/a D./D.ª AUXILIADORA RUIZ SÁNCHEZ e asistida do/da letrado/a D./D.ª JOSÉ
E. SANTOS-SANTÓRUM SALGADO e como parte contra da que se apelante-apelado-demandado D. Cirilo representada polo/a procurador/a
D./D.ª NATALIA ESCRIG REY e asistida do/da letrado/a D./D.ª LUIS LORENZO CUERVO.
É o maxistrado relator D. Juan Manuel Alfaya Ocampo, quen expresa o parecer da Sala.
Antecedentes
PRIMEIRO: O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 4 de Vigo, con data do 5 de setembro de 2007, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:
"Que estimando la demanda presentada por el procurador de los Tribunales DOÑA MARÍA AUXILIADORA RUIZ SÁNCHEZ, en nombre y representación de Don Pablo Jesús y de Doña Estrella , contra Don Cirilo representado por la procuradora de los Tribunales DOÑA NATALIA ESCRIG REY, debo declarar y declaro resuelto el contrato de ejecución de obra suscrito por ambos litigantes de fecha 20 de mayo de 1993;
Y debo condenar y condeno a Don Cirilo representado por la procuradora de los Tribunales DOÑA NATALIA ESCRIG REY a abonar al actor la cantidad de 84.141,69 ? por los daños y perjuicios sufridos por la actora, con el interés legal del dinero desde la fecha en que fue emplazado el demandado.
Las costas se imponen a la parte demandada."
SEGUNDO: Contra a dita sentenza os procuradores D.ª AUXILIADORA RUIZ SÁNCHEZ e Dª NATALIA ESCRIG REY, en representación de D. Pablo Jesús , Dª Estrella a primeira e D. Cirilo a segunda, presentaron uns recursos de apelación, que foron admitidos en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).
Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día doce de maio de dous mil nove.
TERCEIRO: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.
Fundamentos
PRIMEIRO: Tres puntualizacións previas debemos realizar para unha ordeada resolución da controversia. As duas primeiras gardan relación co auto ditado polo xulgado de primeira instancia o día 16 de febreiro de 2.007. E a terceira ven referida á pretensión -unha delas- formulada polos demandantes na sua demanda. Pois ben, a primeira desas puntualización é a intanxibilidade, polo aquietamento dos contendentes, do devandito auto. A segunda, e en correspondencia coa anterior, que a decisión desa resolución foi a de estimar que o que estaban interesar realmente os actores era a execución do contrato de permuta, ou o que é igual, o cumprimento dese contrato. E a terceira e última, que os demandantes peticionan na sua demanda unha indemnización pola execución -ou mellor dito, quizais, pola inexecución ou execución parcial- do contrato de permuta, ante o incumprimento do mesmo polo demandado, ou se se está preferir, e por expresalo doutro xeito mais claro, aqueles primeiros, partindo da premisa fáctica dese incumprimento contrario, ao que deseguido aludiremos, piden na demanda 40.199,79 euros (ademais dos 144.007,38 euros polo outro concepto), suma aquela na que cuantifican, en definitiva, "as obras pendentes de realización con respecto o contrato de permuta", tal como reza a propia demanda.
Pois ben, esta última advertencia impide, por elementais postulados dispositivo e de congruencia, que a parte actora poda solicitar agora no seu escrito de recurso de apelación, como pedimento principal, "que se condene ao demandado a executalo contrato de permuta parcialmente executado na forma establecida tanto no informe pericial como no fundamento de dereito terceiro da sentenza", pois esta solicitude, do cumprimento da permuta en forma específica, que se está últimamente a postular, era inédita na demanda, na que se interesaba -insistimos- o cumprimento por equivalencia en metálico, concretamente polos 40.199,79 euros.
SEGUNDO: Coas anteriores aclaracións atopámonos xa en condicións de decidir sobre a cerne do asunto, que non é outra que a de determinar se o demandado deu debido cumprimento á contraprestación á que viña obrigado en virtude do contrato de permuta de 20 de maio de 2.003, do que destacamos a correspondente cláusula (2ª), consonte á cal aquel entregaría aos actores "a extructura de duas vivendas unifamiliares unidas, cos tellados e cerramentos de ambas rematados" (folio 18).
Para resolver este extremo temos que acudir ás duas pericias, rendidas a instancia dunha e outra parte litigante, e certamente contradictorias entre elas, non tanto en canto ás obras efectuadas e deixadas de efectuar, senón mais ben sobre se as que non se fixeron estaban comprendidas ou non dentro do pactado no contrato de permuta, e a cargo do contratista demandado, cuestión esta última que polo seu carácter xurídico, ou de interpretación do contrato mesmo, excede en realidade daqueles informes, deixando entón reducida a eficacia de devanditos ditames aos aspectos puramente cuantitativos, do valor das obras efectivamente realizadas e, especialmente, das que estarían pendentes de realizar.
As expresións utilizadas no contrato, de "extructura", de "tellado", de "pechamentos", de "rematados" e de "vivendas" nos levan ás seguintes conclusións: A) Nin o pechamento de bloques do exterior do fundo, nin a porta seccional teñen loxicamente cabida nas anteriores palabras. B) A carpintería exterior non semella que poda incluirse tampouco nas expresións extructura e pechamentos. Por outra banda, a importancia económica da partida de carpintería, de arredor de quince mil euros, en unión coa circunstancia de que este elemento non supón en sentido estricto pechamento, induce e pensar que se non se sinalou expresamente no contrato é que non se quería comprender no mesmo. Este capítulo debe por conseguinte rexeitarse. C) O tabicado interior tampouco ten propiamente cabida baixo as expresións extructura e pechamentos, pois nin pechan as vivendas, nin supoñen a extructura das mesmas no concepto arquitectónico deste último vocablo, de armadura do edificio, segundo o Diccionario da Real Academia da Lingua Española. CH) A medianeira separadora das duas vivendas está comprendida no contrato pois sen esa parede as vivendas non estarían naturalmente pechadas en todolos seus paramentos. D) Inclúe o contrato, por idéntica razón a anterior, a parede medianeira separadora da edificación lindeira. E a realización da mesma en parte corrobora esta apreciación. E) A contraprestación do demandado abarcaba tamén a folla interior dos paramentos das fachadas -para formalas cámaras de aire- dado que, por unha banda, sen ese elemento os "pechamentos" non se atoparían "rematados", tal como se pactou explícitamente, e por outra, a fileira inferior de ladrillo realizada refrenda esa deducción. F) Se estima comprendido no contrato o canalón e baixantes de aluminio para a recollida de augas pluviais en canto elemento natural que remata a cuberta. G) En resumo, o importe das cámaras e do illamento extrusionado supón 7.993 euros, e o do canalón e baixante de aluminio 1.106 euros, importes aos que deben engadirse o valor das duas partidas, a primeira, do trasdosado interior, na parte non realizada, separador da vivenda 1 do inmoble confinante, e a segunda, do tabicado interior separador das duas vivendas, cuxos importes respectivos se calcularán en faxe de execución de sentenza tendo en conta os metros lineais, e partindo dos prezos sinalados no ditame rendido polo perito, Sr. Maximiliano . Aplicaranse a todos estes valores a actualización de prezos na porcentaxe do dezasete por cento, establecida por devandito perito.
Se estima, conseguintemente, o motivo do recurso subsidiariemente formulado polos demandantes.
TERCEIRO: Actores e demandado discrepan das pronuncias da sentenza de primeira instancia relativas ao contrato de execución de obra. Este último, por estimar que non houbo propiamente un contrato, senón meros tratos previos sen forza contractual entón ningunha. E as duas partes sobre o montante das obras que estarían comprendidas nesa relación contractual. E é aquela primeira cuestión a que debemos loxicamente resolver en primeiro lugar como determinante da segunda.
Considera o demandado, e utilizamos as suas propias expresións verquidas no escrito de contestación á demanda, que estamos ante un puro "pacto preliminar de un postreiro contrato de execución de obra que non chegou a celebrarse", o que engadido a que non resultan nel determinados, en tese desa parte, nin o prezo das obras, nin as obras mesmas, "carecería dos requisitos básicos necesarios para ser considerado como un contrato de obra".
O pacto cuestionado, despois de establecer que as partes teñen a capacidade necesaria para formalizalo que califican de "acordo", proclama, no que aquí ten agora ineterese, que "D. Cirilo vai levar a cabo o resto da construcción das devanditas extructuras, por orde dos outros comparecentes, no prazo máximo de dous anos da concesión da Licencia Municipal de Obras, por un prezo inferior a catorce millóns de pesetas, cuxo pagamento realizarase no prazo máximo de tres meses, despois do remate das obras" (folio 20).
Pois ben, a Sala, polas razón que pasamos expoñer, considera que nos atopamos ante un verdadeiro contrato de obra, e non ante meras negociacións previas sen acordo, ou ante un puro pacto preliminar, en expresión empregada polo demandado, minimizando aquel contrato: A) Primeiramente, se fala no documento de acordo, e non de tratos ou negociacións preliminares, e non semella, por outra banda, nin usual nin lóxico que se nos atopáramos ante esta segunda hipótese, a mesma se plasmara por escrito, e menos ainda coa indicación dun prezo e ata do prazo máximo para o seu pagamento. B) En segundo lugar, a expresión de que o demandado "vai levar a cabo o resto da construcción... por orde dos outros comparecentes", engadida a que, dunha parte, se establece un prazo para a realización das obras, e doutra, se estipula un prezo -máximo-, e un prazo tamén para o seu pagamento, se compadecen mal coas meras negociacios previas, e encaixan nun contrato de arrendamento de obra, con expresión dos seus dous elementos esenciais, como son as obras e o prezo (en esencia, artº 1.544 do Código Civil ). C) Abundando na consideración anterior, estimamos que o prezo é certo, e está determinado polo importe de catorce millóns de pesetas -máximo que os actores non protestan, propugnando un prezo menor-. CH) Finalmente, a indefinición inicial das obras, que se podería observar no documento privado de 20 de maio de 1.993, non é tampouco obstáculo para mantela tese da eficacia contractual, pois esa indeterminación se pode suplir perfectamente sen necesidade dun novo convenio entre os litigantes, se temos en conta que esa indeterminanción se aprecia de xeito idéntico no contrato de permuta da mesma data, no que tampouco se especifican, efectivamente, as características da extructura, tellado e pechamentos das vivenda, indeterminación inicial esta segunda que se non foi óbice para a realización efectiva das obras de extructura, cuberta e pechamentos, tampouco o debe ser para o remate das obras comprendidas no segundo dos contratos. Ou por decilo doutra maneira, a indefinición constructiva que se observa documentalmente nos dous documentos, de permuta e de execución de obra, engadido ao feito da realización da extructura, tellado e pechamenos das vivendas, poñen de relevo que existían forzosamente, xa ao tempo do outorgamento deses contratos, proxectos técnicos que servían de referencia para a construcción sen necesidade doutras prostreiras concrecións, máxime nun contexto constructivo de vivendas xuntadas, e como tales, de idéntica construcción, agás de casos excepcionais, que a parte demandada non acredita, cando doado lle sería facelo traindo á causa os proxectos contructivos diferenciados para algunha das vivendas.
En conclusión, estamos en presenza dun contrato de arrendamento de obra, e como o demandado non a realizou -feito que ninguén discute-, debemos agora decidir sobre a procedenza ou non da pretensión indemnizatoria formulada polos demandantes por mor dese incumprimento, xerador en última instancia da resolución contractual, que semellando obvia, interesan estes últimos. E todo iso, partindo da premisa de que corresponde á parte actora acreditar, ao abeiro das regras sobre a carga da proba extraibles do artº 217 da L. A. C ., tanto a existencia deses danos e prexuizos, pois non de todo incumprimento contractual derívanse os mesmos, segundo reiterada doctrina xurisprudencial, como a cuantía dos prexuizos.
CUARTO: O prexuizo, segundo os actores, consistiría na diferenza entre o prezo actualizado das obras ao ano 2.006, da formulación da demanda, de 228.149,07 euros, e os 84.141,69 euros (14.000.000 de pesetas), establecido como prezo no contrato de execución de obra de 20 de maio de 1.993, o que nos leva á cifra de 144.007,38 euros, nos que se cuantifica definitivamente o prexuizo.
Pois ben, primeiramente, e nunha inicial e superficial ollada da cuestión, podía cuestionarse seriamente a xustiza desa petición pois se a parte actora está actualizalo prezo das obras ao ano 2.006, o mesmo criterio actualizador tería que aplicarse ao prezo escriturado, dos 84.141,69 euros, so pena de que, de non facerse esta segunda operación correctora, se produxera unha ruptura na equivalencia das prestacións e, en definitiva, un enriquecimento sen causa dos actores. Mais esta inicial e xenérica conclusión atopa unha excepción no eido do arrendamento de obra a prezo alzado -como é do caso, no que para as obras establceuse un prezo máximo de 84.141,69 euros-, obstáculo representado polo artº 1.593 do Código Civil , a teor do cal o contratista non poderá pedir un aumento do prezo ainda que se aumentara ou dos xornais ou materiais, precepto que pola sua especificidade debe ser de aplicación preferente. Esta norma obriga a partir daquel prezo, como lóxica contraprestación -inmodificábel- dos demandantes, que debe substraerse da indemnización postulada. Ou o que é o mesmo, a actualización dos 84.141,69 euros non é procedente.
E en segundo lugar, e partindo do incumprimento do demandado -sobre este feito volveremos-, os demandantes tiñan a alternativa outorgada polo artº 1.124 do Código Civil , do cumprimento ou da resolución do contrato, e como optan por esta segunda, no trance de cuantificalos prexuizos temos que considerar como axustada a dereito a pretensión formulada polos demandantes, os que, xunto a sua obriga de aboar aquel prezo -inamovíbel, reiteramos-, teñen dereito a realizala obra, e como a mesma alcanza hoxe o valor de 228.149,07 euros, de conformidade co ditame pericial prestado polo perito, Don. Maximiliano , informe non devirtuado por outras probanzas, o prexuizo á postre padecido polos actores estriba entón na diferenza entre este prezo actualizado e aquel prezo inicial. Ou por expresalo de xeito mais diáfano, calquera que fora a data da realización definitiva das obras, as mesmas comportarían para os demandantes 84.141,69 euros tan só, e como estes teñen que pagar agora por elas aqueles 228.149,07 euros, a diferenza entre esta e aquela cifra constitúe exactamente o importe do prexuizo.
Finalmente, outorgada Licencia definitiva de Obras o día 20 de novembro de 2.003, é obvio que o demandado non cumpriu o contrato de obra do prazo pactado, nin ningún intre postreiro, pois nega -inconsistentemente, de conformidade co anteriormente razoado- a existencia mesma dese contrato, sen que podan servir de excusa e xustificación a ese incumprimento as suas alegacións incumpridoras, achacadas á contraparte, relativas á negativa desta última á recepción das obras de extructura, tellado e pechamentos das duas vivendas, e ao pagamento do I. V. E., pois estas exixencias, dos donos da obra, requirían naturalmente como presuposto antecedente o cumprimento do demandado, o que non é do caso. En efecto, e con independencia de que non hai constancia suficiente do devengo do I.V.E., nin da sua reclamación aos actores, o certo é que como as obras de extructura, e demais obxeto do contrato de permuta, non estaban en absoluto rematadas, por pura omisión incumpridora por parte do demandado, tal como se analizou anteriormente, e este incumprimento do contratista, tanto lexitimaba a actuación do demandantes, de non facerse cargo das obras inacabadas, como impedía obviamente por puras razóns físicas ou constructivas a continuación das obras, obxeto do arrendamento de obra, que o demandado nega inverazmente -insistimos- tivera asumido.
Conseguintemente, o motivo do recurso dos demandantes debe acollerse, e o do demandado debe rexeitarse.
QUINTO: A parcial acollida da demanda, e do recurso da parte actora non conduce a non facermos unha especial declaración sobre as custas procesuais da primeira instancia, nin sobre as desta alzada, derivadas esta últimas dese recurso de apelación. E como a sentenza de primeira instancia condena ao demandado ao pagamento das custas procesuais da primeira instancia, e esta pronuncia, contra da que se alza igualmente en apelación o demandado, debe deixarse se efecto, pois a acollida da demanda é parcial, tampouco debemos facer unha especial declaración sobre as custas procesuais desta segunda instancia, ocasionadas polo recurso de apelación formulado por devandito demandado.
Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que con acollida parcial dos recursos de apelación promovidos polo demandantes, Pablo Jesús e Estrella , e polo demandado Cirilo , contra da sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia nº 4 de Vigo o día 5 de setembro de 2007 , condenamos ao demandado a satisfacer aos actores a suma de 144.007,38 euros, mailas sumas que se establecen no fundamento de dereito segundo desta sentenza, coas actualizacións e na forma que se dispoñen nese razoamento xurídico, sen facermos unha especial declaración sobre as custas procesuais de ningunha das duas instancias.
Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia , de normalización lingüística.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución, facéndolles saber que contra ela non cabe recurso ordinario ningún.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.
PUBLICACIÓN: En la misma fecha fue leída y publicada la anterior resolución por el Ilmo. Sr/a. Magistrado que la dictó, celebrando Audiencia Pública. Doy fe.
DILIGENCIA: Seguidamente se procede a cumplimentar la notificación de la anterior resolución. Doy fe.
