Sentencia Civil Nº 37/201...zo de 2015

Última revisión
14/07/2015

Sentencia Civil Nº 37/2015, Audiencia Provincial de A Coruña, Sección 6, Rec 434/2014 de 06 de Marzo de 2015

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 12 min

Orden: Civil

Fecha: 06 de Marzo de 2015

Tribunal: AP - A Coruña

Ponente: TALLON GARCIA, LORENA

Nº de sentencia: 37/2015

Núm. Cendoj: 15078370062015100102

Resumen:
MATERIAS NO ESPECIFICADAS

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6 (DESPL)

A CORUÑA

SENTENCIA: 00037/2015

Rollo de apelación civil nº 434/14

Ilmos. Sres Magistrados:

D. ÁNGEL PANTÍN REIGADA, PRESIDENTE

D. JOSÉ GÓMEZ REY

Dª LORENA TALLÓN GARCÍA

SENTENZA

Núm. 37/15

Santiago de Compostela, 6 de marzal de 2015.

Vistas en grao de apelación ante esta Sección 6ª, da Audiencia Provincial de A Coruña, con sede en Santiago de Compostela, as actuacións correspondentes ao procedemento de división de herdanza núm. 293/2012, procedentes do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución núm. 1 de Ribeira, aos que lle correspondeu o rolo de apelación civil núm. 434/2014, nos que aparece como parte apelante dona Santiaga , dona Ana e don Carlos José , representados pola procuradora dona Tamara Paisal Outeiral, como parte apelada don Alvaro , representado polo procurador don Juan Ángel Pena Abeijón, como apelado-adherido dona Flor , representada polo procurador don Antonio Fernández Villaverde, e como demandados don Efrain ; don Justiniano , don Porfirio e don Jose Carlos ; dona Marí Luz e dona Carmen ; e dona Lorenza e don Bernabe ; sendo Xuíz relator dona LORENA TALLÓN GARCÍA, quen expresa o parecer da Sala, procede formular os seguintes Antecedentes de Feito, Fundamentos Xurídicos e Dispoño.

Antecedentes

PRIMEIRO.-Seguido o litixio en cuestión polos seus trámites legais ante o Xulgado de Instancia e Instrución de referencia, con data 7 de marzal de 2014, ditouse sentenza en cuxa parte dispositiva se estableceu: 'Que estimando las causas de impugnación alegadas por Don Alvaro , Dª Marí Luz y Dª Carmen debo declarar y declaro dejar sin efecto el cuaderno particional presentado debiéndose rehacer de nuevo de forma que D. Efrain participe en toda la herencia de los causantes.'

A devandita resolución foi aclarada por auto de data 11 de setembro de 2014 en cuxa parte dispositiva se estableceu: 'Acuerdo: La aclaración solicitada de la sentencia y por lo tanto:

-D. Carlos José ha de entrar con todos los herederos a partes iguales y por lo tanto no ha de recibir ni el tercio de mejora ni el tercio de libre disposición.

-El contador-partidor al rehacer el cuaderno particional ha de tener por abierta la sucesión intestada.'

SEGUNDO.-Notificada ás partes a devandita resolución contra a mesma, a representación procesual de dona Santiaga , dona Ana e don Carlos José , interpuxo recurso de apelación e, consecuentemente, previos os trámites oportunos, remitíronse os autos a este Tribunal ante o que compareceron os litigantes na forma expresada, substanciándose o recurso na forma legalmente establecida, e realizándose a correspondente deliberación, votación e dispoño o pasado día 20 de febreiro de 2015.


Fundamentos

PRIMEIRO.-A parte recorrente impugnou en apelación, sometendo a consideración xudicial en alzada, a Sentenza de data 7 de marzal de 2014, aclarada por autor de 11 de setembro de 2014, ditada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución núm. 1 de Ribeira , no procedemento de división de herdanza núm. 293/2012 na que se acordou deixar sen efecto o caderno particional presentado debéndose refacer de novo de forma que o contador teña por aberta a sucesión intestada, D. Efrain participe en toda a herdanza dos causantes e D. Carlos José participe na herdanza con todos os demais coherdeiros sen percibir o terzo de mellora e o terzo de libre disposición.

A parte recorrente apoiou a súa apelación argumentando, dunha parte, que a Xulgadora a quo interpretou de xeito erróneo a Sentenza 8/2007 ao cualificar a preterición declarada na mesma como errónea cando na mencionada resolución non se recolle dita precisión, vulnerando con dito pronunciamento o principio rogatorio. Doutra banda aduciu unha incorrecta aplicación dos efectos previstos no art. 814 do CC para os supostos de preterición errónea. Sobre estas bases os apelantes interesaron, que revogada a resolución impugnada se acordase que a partición se realizase: 1) no caso da división da herdanza de don Virgilio conforme ao establecido para a sucesión intestada unicamente respecto do terzo de lexítima, debendo respectarse as cláusulas primeira e segunda do seu testamento outorgado en data 9 de xaneiro de 1982. Subsidiariamente, que se distribúan de acordo cos criterios da sucesión intestada os terzos de lexítima e libre disposición, debendo respectarse a mellora efectuada en favor de don Carlos José ; 2) no caso da división da herdanza de dona Mariola conforme ao establecido para a sucesión intestada respectando o legado recollido na cláusula primeira do seu testamento.

SEGUNDO.-A sentenza apelada e o auto de aclaración acordaron deixar sen efecto o caderno polo que se efectuou a partición das herdanzas de don Virgilio e dona Mariola ao considerar que o mesmo non acolle o pronunciamento contido na Sentenza 8/2007, de data 23 de xaneiro de 2007 , en cuxa parte dispositiva se estableceu: '...se declara que ha existido una preterición de D. Efrain en los testamentos de sus abuelos paternos don Virgilio y doña Mariola , otorgados el 09/01/1981 y 15/11/2002 respectivamente, y, en consecuencia, se anula la institución de herederos contenida en los mismos a favor de los demandados, con la consiguiente apertura de la sucesión intestada, condenando a los demandados a estar y pasar por tal declaración.'

Tendo en conta a literalidade da resolución que declara a preterición, contra o sostido pola apelante, ningunha incongruencia extra petitum ou vulneración do principio rogatorio se pode inferir da cualificación da preterición como non intencional e parcial que se recolle na resolución apelada. A referida consideración imponse toda vez que, aínda que a Sentenza que declarou a preterición omitiu a súa expresa cualificación, os efectos que se fixaron na mesma non son outros que os que o art. 814 do CC prevé para os supostos de preterición non intencional parcial.

Sentado o anterior esta Sala, tras un novo exame das actuacións, comparte a procedencia de deixar sen efecto a partición que consta nas actuacións por canto a mesma non toma en consideración os efectos que, sobre a división das herdanzas de don don Virgilio e dona Mariola , debe ter a declaración de preterición do herdeiro forzoso dos mesmos don Efrain contida na devandita Sentenza 8/2007 de 23 de xaneiro de 2007 . Sen embargo, este Tribunal, compartindo o punto de partida, discrepa dos efectos que, segundo a resolución apelada, dita preterición debe ter na partición da herdanza que nos ocupa.

O art. 814 no núm. 2º do seu parágrafo segundo dispón que a preterición non intencional dun fillo ou descendente dará lugar a anulación da institución de herdeiros valendo as mandas e melloras ordenadas por calquera título, en tanto unhas e outras non sexan inoficiosas. A consecuencia desta modalidade de preterición é, polo tanto, a anulación da institución de herdeiros o que determina a apertura da sucesión intestada no que respecta ao contido da institución, permitindo atribuír ao lexitimario preterido un título apto na sucesión do causante.

A aplicación do art. 814 parágrafo segundo núm.2 do CC non plantexa especiais problemas cando o testador manifestou a súa vontade de non desigualar aos seus lexitimarios e atribuíu o caudal hereditario a todos eles, salvo o preterido, por partes iguais e a título de herdeiros. Neste suposto a solución é idéntica a que se chega ao abeiro do art. 814 parágrafo segundo núm.1 do CC , pois anúlase totalmente a institución de herdeiro ordenada en favor dos instituídos e ábrese a sucesión ab intestato a que concorrerán todos os lexitimarios, incluído o preterido, en igualdade de dereitos. O plantexamento e o mesmo incluso se existisen legados a favor de terceiros, tanto oficiosos como inoficiosos (suposto no que se reducirán se no que prexudicasen á lexítima) xa que todos os lexitimarios obterán na sucesión intestada unha mesma participación. Sen embargo, a cuestión complícase cando o testador, pese a non ter vontade de desigualar aos lexitimarios aos que atribuíu o caudal relicto en partes iguais, instituíu herdeiro a algún ou algúns de eles ordenando legados en favor dos demais, dado que neste caso a aparición do lexitimario preterido proporciona a todos o dereito a participar por partes iguais na sucesión ab intestato aberta como consecuencia da anulación da institución de herdeiro, a cal se proxectará unicamente sobre a parte do caudal da que o testador dispuxo a título de herdanza. Elo daría lugar a que o lexitimario instituído herdeiro vexa notablemente reducida a súa participación no caudal relicto fronte aos lexitimarios legatarios, que manterían os seus legados en tanto non fosen inoficiosos e ademais participarían na sucesión intestada obtendo unha maior cota hereditaria da prevista polo testador.

Nos supostos nos que o testador non repartiu en partes iguais o seu caudal hereditario e mellorou a algún ou algúns dos seus lexitimarios, establecendo un trato desigual entre eles, o xogo da regra do art. 814 parágrafo segundo 2º do CC resultaría abertamente contraria a vontade testamentaria se o mellorado o foi baixo título de herdeiro. Por elo o propio precepto citado salva expresamente da anulación da institución de herdeiros as melloras, en tanto non sexan inoficiosas, e con independencia do título co que se realicen. En consecuencia non decaerán as denominadas melloras de cota, isto é, aquelas nas que o obxecto da mellora sexa o terzo deste nome ou unha parte alícota do mesmo- atribuídas a título de herdanza; e ademais pervivirán as melloras embebidas na institución de herdeiro, a non ser que resulte evidente, a vista da interpretación testamentaria con suxeición aos criterios do art. 675 parágrafo 1º do CC , que o testador non as tería outorgado en prexuízo do lexitimario ou lexitimarios preteridos non intencionalmente. Así mesmo, non debe ser considerada mellora que deba pervivir ao amparo do art. 814 parágrafo segundo núm. 2 do CC aquela disposición ordenada en testamento e que desiguala aos lexitimarios en favor de algún ou algúns dos fillos ou descendentes do testador cando a mesma se proxecte, non unicamente sobre o segundo terzo que conforma a chamada lexítima larga senón ademais sobre todo ou parte do terzo de libre disposición. Finalmente compre destacar que non se deben ver afectados as mandas ou legados xa se efectuaran a favor de terceiros ou de lexitimarios na medida en que non resulten inoficiosas.

Trasladadas as referidas consideracións ao suposto que nos ocupa, tendo en conta o tenor literal dos testamentos outorgados polos causantes don Virgilio e dona Mariola , a partición do caudal hereditario do primeiro deberá efectuarse de acordo co disposto para a sucesión intestada sen máis límite que o respecto á mellora e ao legado do terzo de libre disposición constituídas a favor de don Carlos José (cláusula segunda do testamento), sempre que, mellora e legado, non resulten inoficiosas; consecuentemente, procederá a división do terzo de libre disposición, en partes iguais, entre os herdeiros forzosos de don Virgilio . Pola súa parte a partición do caudal hereditario de dona Mariola realizarase de acordo co disposto para a sucesión intestada, concorrendo todos os lexitimarios en partes iguais no total do caudal hereditarios da causante; neste caso posto que a lexítima curta atribuída na cláusula primeira do testamento a favor de dona Marí Luz non recae sobre o terzo de mellora ampla senón no terzo de lexítima dita disposición perde a súa razón de ser.

TERCEIRO.- Estimada a apelación, conforme ao disposto nos arts. 398 e 394 da LAC, non procede efectuar pronunciamento de condena en custas.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de xeral e pertinente aplicación,

Fallo

A Sala estima o recurso de apelación interposto pola representación de dona Santiaga , dona Ana e don Carlos José , fronte á Sentenza de data 7 de marzal de 2014, aclarada por auto de data 11 de setembro de 2014, e, en consecuencia, revoga a devandita resolución acordando que se realice polo contador partidor un novo caderno particional tendo en conta: a) a partición do caudal hereditario de don Virgilio deberá efectuarse de acordo co disposto para a sucesión intestada sen máis límite que o respecto á mellora e ao legado do terzo de libre disposición constituídas a favor de don Carlos José (cláusula segunda do testamento), sempre que, mellora e legado, non resulten inoficiosas; consecuentemente, procederá a división do terzo de libre disposición, en partes iguais, entre os seus herdeiros forzosos; e b) a partición do caudal hereditario de dona Mariola deberá realizarse de acordo co disposto para a sucesión intestada, concorrendo todos os lexitimarios en partes iguais no total do caudal hereditarios da causante.

Todo elo sen imposición das custas xeradas na segunda instancia á parte recorrente.

Procédase á devolución do depósito consignado.

Notifíquese esta resolución, en legal forma, ás partes e fágaselles saber que, conforme preceptúa o artigo 248-4º da Lei Orgánica do Poder Xudicial , contra ela cabe recurso de casación por interese casacional que deberá ser interposto ante esta Sección, no prazo de 20 días a contar dende o seguinte a notificación da mesma.

Dentro do prazo legal, devólvanse as actuacións orixinais con testemuño desta resolución ao Xulgado de procedencia, para a súa execución e cumprimento.

Así por esta resolución da que se porá certificación literal no Rolo de Sala da súa razón, incluíndose o orixinal no Libro correspondente, o pronunciamos, mandamos e asinamos.

PUBLICACIÓN.- Dada, lida e publicada foi a anterior Sentenza pola Xuíz relator que a ditou, estando celebrando audiencia pública nomesmo día da súa data, do que eu, o Secretario Xudicial, dou fe.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.