Última revisión
02/03/2015
Sentencia Civil Nº 374/2014, Audiencia Provincial de Lugo, Sección 1, Rec 241/2014 de 30 de Octubre de 2014
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 10 min
Orden: Civil
Fecha: 30 de Octubre de 2014
Tribunal: AP - Lugo
Ponente: FERREIRO BAAMONDE, XULIO XOSE
Nº de sentencia: 374/2014
Núm. Cendoj: 27028370012014100423
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 1
LUGO
SENTENZA: nº 00374/2014
ILMOS. SRES.:
D. JOSÉ ANTONIO VARELA AGRELO
D. JOSÉ RAFAEL PEDROSA LÓPEZ
D. XULIO XOSÉ FERREIRO BAAMONDE (suplente)
Lugo, trinta de outubro de dos mil catorce.
A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Lugo viu, en grao de apelación, o rolo de sala n.º 241/14, dimanante dos autos de xuízo de Ordinario nº 411/2013, seguido no Xulgado de Primeira Instancia nº 2 de Lugo, sobre resolución de contrato de compraventa privado;. foron partes no recurso, como apelante, D. Pedro Antonio Y Dña. Coro , representadoS polo procurador Sr. LONGARELA ACUÑA e baixo a dirección do letrado Sr. FERNANDEZ MUINELO, e apelado D. Efrain , representado polo procurador Sra. MOURIN SOBRADO e asistido do letrado Sr. PIROSCIA PENADO. Actúa como maxistrado-relator o Iltmo. Sr. D. XULIO XOSÉ FERREIRO BAAMONDE.
Antecedentes
PRIMEIRO.- Con data 31 de xaneiro de 2014, o Xulgado de Primeria Instancia nº2 de Lugo dictou unha sentencia que na súa parte dispositiva di: 'FALLO: Estimar parcialmente la demanda interpuesta por la procuradora doña Susana Mourín Sobrado en nombre y representación de don Efrain , contra don Pedro Antonio y doña Coro , y: Condenar a los demandados a inscribir en el registro de la propiedad correspondiente, las fincas descritas en el contrato de 24 de abril de 2009, sitas en Castro de Rei, con inclusión de las edificaciones existentes sobre ellas asumiendo los gastos que se originen por tal inscripción. Condenar a los demandados a otorgar escritura pública de compraventa elevando a público el contrato de compraventa suscrito con la actora en fecha 24 de abril de 2009, debiendo abonar los gastos derivados de dicho otorgamiento. Todo ello sin hacer especial pronunciamiento sobre las costas causadas en esta instancia'.
SEGUNDO.- A parte demandada interpuxo un recurso de apelación contra a devandita sentencia, téndose por preparado o mesmo e cumpridos os trámites do art. 458 e seguintes da L.A.C. 1/2000 eleváronse as actuacións a esta Sección Primeira da Audiencia Provincial para a resolución procedente.
TERCEIRO.- Na tramitación do presente recurso observáronse, en ámbalas dúas instancias, tódalas formalidades legais.
Fundamentos
PRIMEIRO.- A cuestión debatida no presente recurso ten carácter esencialmente fáctico. A sentenza apelada declara probado o feito de que os litigantes, D. Pedro Antonio e Dona Coro por unha banda, e D. Efrain , pola outra, subscriben un contrato privado de compravenda, polo cal os primeiros venden aos segundos tres fincas diferentes por un prezo de 166.000 euros, que a vendedora confesa ter recibido á sinatura do contrato. Na demanda que dá inicio a este procedemento, D. Efrain , comprador, solicita a elevación a público do contrato e a entrega das fincas, previa a súa inscrición no Rexistro da Propiedade. Os demandados alegan que o contrato asinado, cuxa realidade non negan, é en realidade un contrato simulado, que responde a unha finalidade diferente e que, polo tanto, é nulo.
A xulgadora a quoentende que non existe tal simulación, xa que concorreu a causa típica, como foi a entrega do prezo - recoñecido no documento e afirmado por dúas testemuñas da sinatura do contrato -, e a entrega da cousa vendida, ao tomar posesión D. Efrain como arrendador dun dos inmóbeis e cobrar as rendas do restaurante alugado. Por outra banda, descarta tamén a simulación ao non dar cunha ' causa simulandi' que xustifique dalgún xeito a compravenda ficticia, ao non considerar críbel que se pretendese pagar unha débeda entre as partes a través dunha simulación, posto que tería sido máis sinxelo a simple cesión dos dereitos arrendaticios.
O recurso de apelación introduce unha serie de alegacións destinadas a desvirtuar a valoración probatoria realizada na instancia. En primeiro lugar, sinálase no escrito de interposición que a xulgadora a quounicamente ten en conta o documento privado de compravenda, mais non o resto da proba practicada. Impúgnase deste xeito a valoración da proba practicada, ao entender a recorrente que non se atendeu nin ás probas documentais presentadas pola demandada, nin ás testemuñas, nin ao interrogatorio da parte demandante.
SEGUNDO.- Entrando na análise concreta dos motivos do recurso, o certo é que a apelante fai unha serie de consideracións sobre a proba practicada, introducindo ou propoñendo unha valoración diferente da realizada pola xulgadora de instancia, mais sen poñer de manifesto a existencia dun erro groseiro ou algún tipo de arbitrariedade na súa actuación. Coñecida é a postura tradicional desta Sala, que opta por non substituír a valoración probatoria realizada na instancia, por un xulgador que atendeu ao xuízo oral e, polo tanto, presenciou a proba baixo os principios de inmediación e oralidade, mais que cando constate a existencia dun erro patente ou dunha valoración ilóxica ou arbitraria da proba. Isto non sucede no presente caso. A recorrente acude a toda unha serie de indicios, con máis ou menos forza, para dende aí tentar ter por demostrada a existencia dunha simulación contractual. A xulgadora a quoentendeu que todos estes indicios non abondan para destruír a forza probatoria do documento privado, tendo en conta que o feito de que o mesmo foi asinado entre as partes non é discutido.
A apelante sinala en primeiro lugar que non está probada a entrega do prezo, en tanto non consta entrada do diñeiro no patrimonio dos seus representados. O certo é que este indicio non semella moi consistente, dado que existen outros con igual ou maior forza que virían a demostrar a entrega dos cartos, e mesmo compatíbeis coa inexistencia de rexistros nas contas bancarias dos demandados. En primeiro lugar, o propio documento afirma que se fixo a entrega do prezo no momento da súa sinatura. En segundo lugar, dúas testemuñas, se ben é certo que con certa vinculación co demandante, declaran que o diñeiro foi entregado e ambos coinciden en que se fixo en metálico, o que é coherente co feito de que non consten ingresos nas contas bancarias dos demandados.
Con respecto á entrega da cousa, entende a demandada que non existiu toma de posesión por parte do demandante, por canto o único feito que viría a demostrar esta, a subrogación como arrendador no aluguer do restaurante Río Lea, refírese unicamente a unha das fincas. Pola contra a teoría que abona o feito de que a entrega dos bens non se realizou, viría sustentada polo feito de que os recibos de luz, auga e outros da vivenda sita en Barreiros son aboados polos demandados; así como apoiada pola declaración do arrendatario. O certo é que tampouco aquí o relato do recorrente pode terse por concluínte. En primeiro lugar, porque a entrega dos bens semella que se difire no prazo dun ano, que é o que as partes se dan para inscribir os bens no Rexistro e elevar o contrato a público. En segundo lugar, porque da declaración do arrendatario do restaurante non pode tirarse tampouco unha conclusión clara. O xeito no que foi interrogado, sobre unhas frases que non se contextualizan, respondendo nomeadamente con monosílabos e sen que se lle pedise maior explicación sobre a situación fáctica sobre a que tiña que declarar, fai que non se poda ter ao seu través acreditado o que reclama a parte recorrente. Certamente semella intuírse da súa declaración que existe unha relación previa entre as partes, que en todo caso non se nega, e que se cadra a compravenda sexa un xeito de compensar ao demandante por obrigas contraídas nesta relación previa, mais nada se pode afirmar con certeza, ou polo menos coa forza suficiente para restar virtualidade probatorio ao documento subscrito.
A recorrente outorga un especial valor probatorio ao documento remitido por telefax por D. Efrain ao arrendador do restaurante, no que este recoñece que o propietario do local arrendado é D. Pedro Antonio . Segundo este documento é posterior ao contrato de compravenda e viría a confirmar que, polo tanto, o primeiro é unha simulación. Este documento, porén, ten un importante problema, como é o feito de que non é posíbel precisar a súa data. A recorrente afirma que é do ano 2012, mais o propio documento está datado en 2002, e o propio aparello de fax recolle a data de 20 de maio de 1999. Faise referencia no mesmo a unhas obras e a un poder notarial que son posteriores (2011), segundo a demandada. De todos xeitos o arrendador non pode precisar a data - tamén afirma que sería posterior a 2002, mais non ofrece un ano concreto -, e diante desta inconcreción non semella que tampouco poda servir este documento para probar a existencia de simulación ou, no caso desta apelación, un erro evidente da xulgadora a quo.
Se a estes indicios, achegámoslle a declaración testifical realizada en xaneiro de 2013, alí D. Efrain expresamente sinala ser administrador dos bens de D. Pedro Antonio e afirma que este é o propietario da finca litixiosa - obxecto tamén da presente compravenda -, o certo é que existen vimbios cos que construír un relato de feitos alternativo ao da sentenza, que lexitimamente pode presentar a recorrente para tratar de impoñer este sobre o da xulgadora de instancia. Mais nin illadamente, nin de xeito conxunto tales indicios permiten a esta Sala ter por ilóxica, errónea ou arbitraria a valoración probatoria realizada pola xulgadora a quo. Canto máis cando fica absolutamente inexplicada a causa da simulación. Non se pode coñecer coa proba practicada por qué se fai a simulación, qué se tenta garantir con ela, por qué se acude a unha simulación de compravenda e non a outro tipo de garantía para asegurar os posíbeis dereitos de D. Efrain , se a débeda presuntamente existente está xa saldada, cál era a súa contía, etc.. En fin, unha importante cantidade de estremos que poderían ter apoiado a teoría da simulación, mais que non se teñen acreditado nesta causa, polo que o recurso debe ser desestimado.
TERCEIRO.- De todos xeitos, a existencia de evidentes dúbidas sobre os feitos no presente proceso permite, en virtude do previsto nos arts. 394 e 398 LAC non facer expresa imposición dos custes da alzada.
En consecuencia, vistos os preceptos sinalados, e demais de pertinente aplicación ao caso,
Fallo
1º. Desestimar o recurso de apelación presentado pola representación procesual de D. Pedro Antonio e Dna. Coro fronte á sentenza 21/14, ditada polo Xulgado de Primeira Instancia nº 2 de Lugo o 31 de xaneiro de 2014 en procedemento ordinario 411/2013.
2º. Confirmar a sentenza recorrida en todos os seus pronunciamentos.
3º. Non facer expresa imposición dos custes desta alzada.
Transfirase a conta especial 9900 ó depósito constituido para recorrer.
Contra a devandita resolución non cabe recurso ordinario ningún, sen prexuízo de que poida interpoñerse o recurso extraordinario de casación ou por infracción procesual, se concorre algún dos supostos previstos nos artigos 469 e 477 da Lei de Axuizamento Civil , caso no que o prazo para a interposición do recurso será o de vinte días, debendo interpoñerse o recurso ante este mesmo Tribunal.
Así, por esta nosa sentencia, da que se unirá certificación ó rolo de sala, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.
