Última revisión
05/02/2009
Sentencia Civil Nº 47/2009, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 3297/2007 de 05 de Febrero de 2009
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 9 min
Orden: Civil
Fecha: 05 de Febrero de 2009
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 47/2009
Núm. Cendoj: 36057370062009100084
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00047/2009
CIVIL
Rolo: 3297/07
Procedemento de orixe: Ordinario 389/06
Órgano de procedencia: Instancia núm. 7 de Vigo
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, composta polos maxistrados D. Jaime Carrera Ibarzabal, D. Juan Manuel Alfaya Ocampo, e Dª Magdalena Fernández Soto pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENZA Nº 47/09
Vigo, cinco de febreiro de dous mil nove.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo ordinario 389/06 procedentes do Xulgado de 1ª
Instancia Núm. 7 de Vigo ós que correspondeu o rolo 3297/07, nos que aparece como parte apelante - demandante Dña Rosario representada
polo/a procurador/a D./D.ª Carina Zubeldía Bleín e asistida do/da letrado/a D./D.ª Beatriz Curty Blanco e como parte contra da que se apela e demandadas Dña
Celestina y Dña Maribel representadas polo/a procurador/a D./D.ª Marta Barreiro Carrillo e asistida do/da letrado/a D./D.ª Javier
Martínez Valente. É o maxistrado relator D. Juan Manuel Alfaya Ocampo, quen expresa o parecer da Sala.
Antecedentes
Primeiro: O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 7 de Vigo de Vigo, con data do 9/5/2007, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:
"Que desestimando la demanda promovida por la procuradora Dña Carina Zubeldía Bleín, en nombre y representación de Dña Rosario frente a Dña Celestina y Dña Maribel , debo absolver y absuelvo a las demandadas de la pretensión deducida por la parte actora, sin efectuar especial pronunciamiento sobre las costas causadas."
Segundo: Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª Carina Zubeldía Bleín, en representación de D./D.ª Rosario , presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).
Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 13/01/09.
Terceiro: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.
Fundamentos
Primeiro.-Ante todo temos que rexeitala invocación que a actora apelante no seu escrito de recurso, respecto da necesidade que a parte demandada, para alegala simulación do contrato de lite, á que de seguido referirémonos, teña que formular forzosamente demanda reconvencional -ou independente-rexeitamento que apoiamos nas duas seguintes e poderosas razóns: A) Primeiramente, porque ningunha norma abriga á parte demandada a facer uso dese mecanismo reconvencional, ainda incluso cando o que estea alegar sexa a nulidade absoluta do contrato no que se funde a pretensión do actor, en cuxo caso, de nulidade absoluta, e non de nulidade relativa -insistimos-, no que atópase a simulación relativa, ou o contrato simulado, o único que pode facela parte demandante, de conformidade co artº 408. 2 da L. A. C ., é pedir ao tribunal contestar á devandita alegación de nulidade no mesmo prazo que o establecido para a demanda reconvencional, precepto que ven poñer de relevo claramente a innecesariedade entón de presentar reconvención, interesando a nulidade radical, innecesaridade que é mais evidente loxicamente cando a alegación é de nulidade relativa ou de anulabilidade, categoría esta última na que está incardinada a disxuntiva simulativa compravenda-doazón. B) E en segundo lugar, e en todo caso, porque a invocación da actora recorrente é novidosa, en canto no advertida na primeira instancia, non só por non solicitar contestar á simulación naquel trámite procesual, senón incluso na Audiencia Previa, na que gardou igualmente silencio.
Segundo.- A única cuestión que se suscita nesta alzada, e referida á cerna do asunto, é a relativa a se na escritura pública de data 16 de abril de 1.998 se celebrou un contrato de compravenda, tal como mantén a actora retrainte, como presuposto necesario para o triunfo da a sua acción de retracto, dado que este instituto require efectivamente dunha transmisión onerosa, ou, contrariamente, e en tese das recorridas demandadas, o realmente plasmado naquel documento foi unha doazón, en cuxo caso non procedería aquela acción. Tese esta última que é a aceptada pola sentenza de primeira instancia con basamento na valoración dunha serie de probanzas que esta Sala comparte, limitándonos entón a abundar simplemente sobre elas.
En efecto, e ainda que naquela escritura notarial se fala expresamenta da venda -ademáis doutra vivenda- da vivenda de lite, é decir, da arrendada, e respecto da cal a arrendataria demandante exercita hoxe o dereito de retracto, existen diversas probas que conducen á conclusión de que o negocio concertado polos contratantes, dunha parte, a arrendadora, e doutra, as duas sobriñas, estaba presidido por un exclusivo ánimo de liberalidade da primeira hacia as segundas, ou dito doutro xeito, que estaban celebrar unha doazón.
Citamos primeiramente, pola sua relevancia indiciaria dese animus donandi, o testamento aberto outorgado pola tía das demandadas, de data 17 de maio de 1.989 -uns nove anos antes do contrato litixioso-, testamento no que, confesándose aquela primeira solteira e sen herdeiros forzosos, nomea ás segundas únicas e universais herdeiras, en todolos seus bens, dereitos e accións. E convirase con este tribunal que este acto de liberalidade, absoluto e incondicional do seu patrimonio, representado por esa disposición testamentaria, é de difícil, cando no de imposíbel conxugación coa natureza onerosa do contrato, que pola recorrente estase postular. Por expresalo doutra manera, e como para determinar cal foi a vontade real dos contratantes temos que estar, entre outras pautas, aos actos destes, tanto coetáneos e posteriores ao contrato, como aos anteriores a el, o acto de liberalidade expresado no testamento nos debe conducir á liberalidade, tamén, do contrato cuestionado.
Máis é que existen outros elementos de proba que nos encamiñan á mesma conclusión.
Así, e en segundo termo, e dacordo coas declaracións testemuñais, non contraditas con outras probanzas, había dende sempre, e case ininterrumpidamente, unha estreita relación convivencial entre tía e sobriñas, vivindo as tres no mesmo domicilio, na vivenda da rua Rosalía de Castro -a outra das cedidas-. Relación íntima proclive, igualmente, e por naturais razóns, ao acto de liberalidade.
En terceiro lugar, as probas documentais, representadas polos recibos de pagamento de luz, auga ou gas, de gastos da Comunidade de Propietarios, relativos ás duas vivendas, e a cargo da tía das demandadas, así como, en fin, que aquela figurara nas actas das Xuntas de Propietarios como dona daquelas propiedades, avalan tamén loxicamente a versión da liberalidade (folios 128 e seguintes).
En cuarto termo, ningún resquicio probatorio encontramos sobre a entrega do prezo da compravenda das vivendas por parte das sobriñas á tía, nin da sua conseguinte recepción e dispoñibilidade por partes desa última. E se ben é certo que a documentación bancaria aportada polas demandades a estas fins, en canto que reflictan operacións postreiras á da celebración do contrato, ningún valor ofrecen sobre se houbo ou non aquela entrega efectiva do prezo, non é menos verdade que esas libretas sí poden contribuir, alomenos, a seguilo rastro dese prezo, supostamente percibido pola tía, e ningún rastro atopamos diso. Documentación bancaria que por figurar nela, como titulares indistintas, eses familiares, ven expresar, por outra banda, unha comunión de intereses e unha confusión de patrimonios, expresivos e confirmatorios da liberalidade daquel contrato, como actos posteriros a él ( artº 1.282 do código civil ).
En quinto lugar, a avanzada idade da tía -ao tempo do contrato tiña ointenta e sete anos-, a sua permanencia nunha das vivendas cedidas, e a sua actuación como de se propietaria se tratase, corrobora por igual a tese da doazón.
Deixamos para o sexto e derradeiro lugar o problema da vileza ou non do prezo, por sela cuestión na que a parte retrainte fai o maior fincapé, negándoa, co argumento de que o perito valora a vivenda a retraer sen ter en conta o minusvalor representado polo feito de que atópase arrendada, con un contrato de aluguer, ademáis, suxeito a prórroga forzosa. Argumentación da parte que non pode tela trascendencia interpretativa do contrato por ela pretendida, pois sendo certa e innegábel esa minusvaloración, a mesma tan só pode loxicamente predicarse respecto desa vivenda, mai non con relación á outra, en canto non arrendada, senón ocupada pola tía das demandadas. Ou por expresalo doutro xeito, se o perito valora os bens sobre o doble do prezo que se fixo figurar na escritura, a vileza do prezo é indiscutíbel con respecto da vivenda non alugada, e ese prezo, curto e menor, implicaría unha liberalidade afectante - ainda que en grao menor- á toda operación, comprensiva das duas vivendas, que pola existencia, e incertidume futura do arrendamento, se acorda entón coa fórmula de transmisión ás sobriñas de maneira "proindivisa e a partes iguais" (folio 77).
Terceiro.- Non facemos unha especial declaración sobre as custas procesuais de ningunha das duas instancias, dadalas dúbidas de feito xurxidas sobre á natureza, onerosa ou non, do contrato de lite, coa apariencia da simulación, creada polas demandas, e como conseguintemente descoñecida pola actora, xustificaba que esta última formulara a correspondente demanda de retraco ( artºs. 394 e 398 da L. A. C .).
Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que rexeitámolo recurso de apelación promovido por Dña Rosario , representada pola procuradora Dña Carina Zubeldía Bleín contra da sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia núm. 7 de Vigo o día 9/5/07 , sen facermos unha especial declaración sobre as custas procesuais de ningunha das duas instancias.
Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia , de normalización lingüística.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución, facéndolles saber que contra ela non cabe recurso ordinario ningún.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.
PUBLICACIÓN: En la misma fecha fue leída y publicada la anterior resolución por el Ilmo. Sr/a. Magistrado que la dictó, celebrando Audiencia Pública. Doy fe.

