Sentencia Civil Nº 49/201...ro de 2013

Última revisión
04/04/2013

Sentencia Civil Nº 49/2013, Audiencia Provincial de Lugo, Sección 1, Rec 423/2012 de 17 de Enero de 2013

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico

Relacionados:

Tiempo de lectura: 17 min

Orden: Civil

Fecha: 17 de Enero de 2013

Tribunal: AP - Lugo

Ponente: FERREIRO BAAMONDE, XULIO XOSE

Nº de sentencia: 49/2013

Núm. Cendoj: 27028370012013100050

Resumen:
CUMPLIMIENTO OBLIGACIONES

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 1

LUGO

SENTENCIA: 00049/2013

ILMOS. SRES.:

D. JOSÉ RAFAEL PEDROSA LÓPEZ

D. JOSÉ MARÍA MORENO MONTERO

D. XULIO XOSÉ FERREIRO BAAMONDE

Lugo, dezasete de xaneiro de dous mil trece.

A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Lugo viu, en grao de apelación, o rolo de sala n.º 423/12, dimanante dos autos de xuízo ordinario nº 6/2011, seguido no Xulgado de Primeira Instancia de A Fonsagrada, sobre reclamación de cantidade. Foron partes no recurso, como apelante, Asociación de Gandeiros de A Fonsagrada, representado polo procurador Sr. Rodríguez Fernández e baixo a dirección do letrado Sr. Pérez-Batallón Ordóñez, e apelado Santos , representado polo procurador Sra. Figueroa Herrero e asistido do letrado Sr. Ferreiro Medina e Xelda Eido Rural, S.L.,representado pola procuradora Sra. Figueroa Herrero e asistido do letrado Sr. López Graña. Actúa como maxistrado-relator o Iltmo. Sr. D. XULIO XOSÉ FERREIRO BAAMONDE.

Antecedentes

PRIMEIRO.- Con data veinte e oito de febreiro de dous mil once, o Xulgado de Primeria Instancia de A Fonsagrada dictou unha sentencia que na súa parte dispositiva di: 'RESOLVO: Desestimo a demanda formulada por Asociación de Gandeiros de Fonsagrada contra Xelda Eido Rural SL e don Santos .== Desestimo a reconvención formulada por Xelda Eido Rural SL contra Asociación de Gandeiros de Fonsagrada.== Cada parte pagará as costas ocasionadas á súa instancia e as común por partes iguais.'.

SEGUNDO.- A parte actora, Asociación de Gandeiros de A Fonsagrada, interpuxo un recurso de apelación contra a devandita sentencia, téndose por preparado o mesmo e cumpridos os trámites do art. 458 e seguintes da L.A.C. 1/2000 eleváronse as actuacións a esta Sección Primeira da Audiencia Provincial para a resolución procedente.

TERCEIRO.- Na tramitación do presente recurso observáronse, en ámbalas dúas instancias, tódalas formalidades legais.


Fundamentos

Acéptanse os da resolución recorrida, no que non se opoñan aos seguintes.

PRIMEIRO.- O presente recurso álzase fronte á sentenza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 da Fonsagrada de 28 de febreiro de 2011 , polo que se desestima a demanda interposta pola representación procesual da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada contra a mercantil Xelda Eido Rural, S.L. e D. Santos , así como a reconvención dirixida pola entidade mercantil demandada fronte á actora. Mais, mentres que Xelda aquietouse á desestimación da súa demanda reconvencional, a Asociación de Gandeiros impugna a resolución de instancia alegando en primeiro lugar, vicios na formación da sentencia, concretamente, falla de exhaustividade e motivación produtoras de indefensión e, en segundo lugar, e con carácter subsidiario ao motivo anterior, erros na valoración da proba por parte do xulgador a quo. Por último impugna tamén o pronunciamento dos custes da instancia no relativo á reconvención, ao entender que os custes procesuais deben ser impostos tamén á reconvinte, como consecuencia da desestimación desta.

SEGUNDO.- O primeiro reproche efectuado á sentencia de instancia é o da falla de exhaustividade da sentencia, no entendemento do recorrente de que a mesma non resposta a todas as cuestións que a demandante incluía no escrito iniciador do proceso, e a falla de motivación da mesma, ao considerar que da mesma non pode a actora coñecer o proceso intelectual do xulgador para chegar ás súas conclusións.

O art. 218 LAC establece o deber de que as sentencias sexan congruentes e motivadas. Concretamente o parágrafo primeiro deste precepto sinala que 'as sentencias deben ser claras, precisas e congruentes coas demandas e coas demais pretensións das partes, deducidas oportunamente no preito. Farán as declaracións que aquelas esixan, condenando ou absolvendo ao demandado e decidindo todos os puntos litixiosos que fosen obxecto do debate'. Do mesmo xeito o parágrafo segundo deste precepto engade: 'As sentencias motivaranse expresando os razoamentos fácticos e xurídicos que conducen á apreciación e valoración das probas, así como á aplicación e interpretación do dereito. A motivación deberá incidir nos distintos elementos fácticos e xurídicos do preito, considerados individualmente e en conxunto, axustándose sempre ás regras da lóxica e da razón'.

A esixencia de motivación das resolucións xudiciais deriva directamente do dereito á tutela xudicial efectiva do art. 24 CE . Neste sentido, o TC ten declarado reiteradamente que o dereito á tutela xudicial efectiva comprende non só o dereito de acceso aos tribunais para interpor pretensións e oporse a elas, senón tamén o dereito a obter por parte do órgano xudicial, en todas e cada unha das instancias, unha resolución motivada, razoada e congruente coa pretensión deducida, así como coa súa respectiva resistencia ou oposición. De acordo con isto, a esixencia de motivación suficiente é, sobre todo, unha garantía esencial do xusticiábel mediante a cal se pode comprobar que a resolución dada ao caso é consecuencia dunha esixencia racional do ordenamento e non o froito da arbitrariedade ( SSTC 61/1983, de 11 de xullo ; 5/1986, de 21 de xaneiro ; 75/1988, de 25 de abril , entre outras). Por isto considérase que 'unha sentencia que en nada explique a solución que proporciona ás cuestións introducidas polas partes, sen que poda inferirse tampouco cáles sexan as razóns próximas ou remotas que xustifican aquela, é unha resolución xudicial que non só viola a lei, senón que vulnera tamén o dereito á tutela xudicial consagrada no art. 24.1 CE ' ( STC 116/1986, de 8 de outubro ).

A motivación da sentencias resposta, segundo a xurisprudencia constitucional, a unha dupla función. En primeiro lugar, dar a coñecer as reflexións que conducen á decisión xudicial, como factor de racionalidade no exercicio do poder, e á vez facilitar o seu control mediante os recursos que proceden. Actúa, en suma para favorecer un máis completo dereito da defensa en xuízo e como elemento preventivo da arbitrariedade ( ATC 77/1993, de 1 de marzo ).

A motivación non consiste nin pode consistir nunha mera declaración de coñecemento e menos aínda nunha manifestación de vontade que sería unha proposición apodíctica, senón que estas - no seu caso - han de ser a conclusión dunha argumentación axustada ao tema ou temas en litixio, para que o interesado, destinatario inmediato, mais non único, e os demais, os órganos xudiciais superiores e tamén os cidadáns, podan coñecer o fundamento, a ratio decidendi, das resolucións. Convértese así 'nunha garantía esencial do xusticiábel mediante a cal, sen prexuízo da liberdade do Xuíz na interpretación das normas, pode comprobar que a solución dada ao caso é consecuencia dunha exexese racional do ordenamento e non o froito da arbitrariedade' ( SSTC 109/92, de 14 de setembro , entre outras).

As esixencias de motivación e exhaustividade non obrigan, porén, a un razoamento pormenorizado de todos os aspectos e perspectivas que teñan as partes sobre a cuestión que se decide, abondando, dende o prisma do art. 24 CE que as resolucións xudiciais veñan apoiadas en razóns que permitan coñecer cales foron os criterios xurídicos esenciais fundamentadores da decisión, limitándose o deber de control nestes casos a comprobar se existe motivación xurídica e, no seu caso, se o razoamento que contén constitúe, lóxica e xuridicamente suficiente motivación da decisión adoptada, calquera que sexa a brevidade ou concisión desta ( SSTC 16/1993, de 18 de xaneiro ; 28/1994, de 27 de xaneiro ; 153/1995, de 24 de outubro ; 184/1998, de 18 de setembro ).

O TC ten establecido que a esixencia constitucional de motivación da sentencia non impón nin unha argumentación extensa, nin unha resposta pormenorizada, punto por punto a cada unha das alegacións das partes, senón que a resposta xudicial estea argumentada en dereito e que se corresponda cos estremos sometidos polas partes a debate ( SSTC 14/1991, de 28 de xaneiro ; 191/1992 , de 25 de xuño; e SSTS de 12 de novembro de 1990 ; 4 de outubro e 15 de novembro de 1999 ; e 28 de febreiro de 2007 , entre outras). Por outra banda, o TS non exclúe unha argumentación concisa (S de 5 de novembro de 1992 ) e considera motivación suficiente aquela que da lectura da resolución permita comprender as reflexións tidas en conta polo xulgador para chegar ao resultado ou solución contida na parte dispositiva ( S. de 15 de febreiro de 1989 ), ou expresen as razóns de feito e de dereito que a fundamentan, é dicir, o proceso lóxico xurídico que conduce á decisión ou fallo ( SS. de 30 de abril de 1991 , de 7 de marzo de 1992 , e 28 de febreiro de 2007 , entre outras).

En definitiva, a motivación en dereito non inclúe un pretendido dereito ao acerto xudicial na selección, interpretación e aplicación das disposicións legais, senón que implica a garantía de que a decisión non é consecuencia dunha aplicación arbitraria da legalidade, non resulta manifestamente irrazoada ou irrazoábel ou incorra en erro patente xa que, en tal caso, a aplicación da legalidade sería tan só unha mera aparencia ( SSTC 256/2000, de 30 de outubro ; 82/2001, de 26 de marzo ; 55/2003, de 24 de marzo ; 213/2003, de 1 de decembro ).

Aplicados os criterios anteriormente sinalados a sentencia obxecto do presente recurso obsérvase que na mesma, pese a que o razoamento incluído nela pode considerarse conciso, cúmprense os requisitos mínimos para poder coñecer o proceso intelectual de formación da decisión xudicial. Polo que refire ás peticións deducidas na demanda, existe unha valoración da proba practicada, outorgando preponderancia ao testemuño de D. Antonio , e unha fixación dos feitos probados, como son as retribucións que considera pactadas e do momento até o que pervivíu a relación contractual entre as partes, entendendo que non procedía a estimación da pretensión deducida pola actora, ao non terse probado a existencia dun enriquecemento inxusto por parte do demandado. Cuestión diferente é que tal valoración non sexa compartida polo recorrente, ou que a mesma non se axuste á proposta de parte, mais non se pode afirmar nin que existan pretensións deducidas oportunamente que fiquen sen resposta ou que non sexa posíbel coñecer cales foron as consideracións fácticas ou xurídicas que levaron ao xuíz a tomar a súa decisión. Certamente, existen cuestións importantes á hora de fixar os elementos esenciais do contrato subscrito (oralmente) entre a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada e a mercantil Xelda Eido Rural que non se establecen na sentencia impugnada, mais isto non obedece tanto a unha deixación xudicial, senón, como máis adiante se exporá, ás circunstancias no que tal pacto foi pechado entre as partes, e, en consecuencia, a unha falla de proba das mesmas por parte de quen ten a carga de producila, é dicir, a demandante no proceso. O primeiro dos motivos non pode, en consecuencia, ser estimado.

TERCEIRO.- O segundo dos motivos da apelación ten que ver cunha pretendida errónea valoración da proba por parte do xulgador a quo. Este motivo, polas razóns que de seguido se exporán, tampouco pode prosperar.

Certamente, como sinala a sentencia de instancia, e como non se lle oculta a ningunha das partes neste proceso, as circunstancias fácticas deste litixio son singularmente escuras, debido á inexistencia de constancia escrita dos pactos aos que as partes chegaron no seu momento - posto que existe acordo en que o documento escrito 'Contrato de arrendamento de servizos profesionais', que tamén carece de certos elementos esenciais, como o prezo, ou a duración, non é o que realmente rexía as relacións entre os litigantes -, e ao contraditorio dos testemuños e declaracións das partes. Cómpre lembrar que, nos casos nos que a proba practicada, por abundante que sexa, non permita acadar a necesaria convicción xudicial sobre os feitos constitutivos das pretensións, o art. 217 LAC establece a consecuencia xurídica de que tales feitos deben terse por non probados e, polo tanto, a demanda debe ser desestimada.

Isto e non outra cousa é o que ocorre neste caso. O recorrente reprocha á sentencia a incorrecta valoración ou a falla de pronunciamento sobre determinados aspectos que, e nisto ten razón, son básicos para decidir sobre a pertinencia da pretensión exercitada. O certo é que, tendo en conta a proba practicada non é posíbel fixar coa debida certeza tales extremos, razón pola cal non cabe acoller a pretensión da actora e, en consecuencia, entender que, tal e como se afirma na demanda, se produciu un pago indebido a Xelda Eido Rural pola súa banda co conseguinte enriquecemento inxusto desta.

Da proba practicada poden deducirse os seguintes feitos: En setembro de 2008 a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada decidiu contratar a Xelda Medio Rural SL para realizar servizos de aconsellamento - tal e como se desprende da acta da reunión celebrada o 20 de setembro de 2008 - en principio por un período dun ano prorrogábel por cinco máis, posto que así se desprende da declaración de D. Antonio , testemuño que a esta Audiencia, do mesmo xeito que ao xuíz de instancia, semella o máis digno de credibilidade, pola ausencia de interese no preito e por ser este o que, tal e como se desprende das declaracións das diversas partes e testemuñas, serviu de mediador nas negociacións entre Xelda e a Asociación. A retribución pactada sería 'a mesma que para o veterinario', en termos netos, distribuída en 14 pagas. Non cabe tampouco dúbida disto, por moito que se alegue en contrario pola recorrente, e non só seguindo as regras da lóxica, que ditan a falla de sentido dun acordo no que Xelda aceptase percibir unicamente 1.200 euros, dos que despois detraer gastos sociais e retencións do IRPF, ademais de cubrir cos mesmos outros gastos que se pactaron serían ao seu cargo, pois isto significaría que na práctica, o traballador contratado por Xelda, D. Luis Manuel , dificilmente chegaría a percibir o salario mínimo interprofesional, e dende logo, non percibirían en ningún caso os mesmos ingresos netos ca o veterinario, senón por aparecer así expresamente no informe achegado por D. Antonio . Polo tanto, pódese declarar probado que, dado que a retribución bruta de referencia, a do veterinario D. Leoncio , era durante o ano 2009 a de 1646,29 euros mensuais, máis gastos de seguridade social, as percepcións que debería recibir Xelda durante este ano era de entre 23.048,06 euros ao que habería que engadir o 29,9% en concepto de gastos de seguridade social a cargo da empresa - fixados no 2009 pola Orde TIN/41/2009, de 20 de xaneiro, pola que se desenvolve as normas de cotización á Seguridade Social, Desemprego, Fondo de Garantía Salarial e Formación Profesional, contidas na Lei 2/2008, de 23 de decembro, de Orzamentos xerais do Estado para o ano 2009 - polo tanto, o pacto incluía que, durante o ano 2009 a Asociación debería pagar a Xelda polos seus servizos de aconsellamento e outros - como coordinación dos traballadores da asociación, estremo recoñecido tanto por D. Leoncio , como pola antiga administrativa da Asociación, Dna. María Rosa - un total de 29.918,81 €. Destes, e isto figura como feito non controvertido neste preito, Xelda percibiu un total de 21.400 euros, ingresados a través de diversas transferencias bancarias, sen respectarse a periodicidade mensual, mais sendo esta unha cuestión irrelevante, a estas alturas temporais, para determinar o carácter debido ou non destas cantidades.

A partir de aquí, poucos son os feitos que se poden ter por certos. Nalgún momento entre o 29 de decembro de 2008, data na que se constitúe Xelda, e o mes de febreiro de 2009, estremo recoñecido polos demandantes, Xelda comeza a realizar os seus traballos a favor da Asociación. O inicio concreto do cómputo, porén, permanece no terreo do dubidoso, xa que, por unha banda existen probas de que a actividade de Xelda se desenvolve antes de febreiro, reflectidas nos diversos correos electrónicos, que dan a entender tarefas de organización e coordinación durante o mes de xaneiro, e mesmo antes por D. Luis Manuel , así como o inicio de visitas ás explotacións gandeiras, e por outra banda, o sinalado por D. Luis Manuel na asemblea de outubro de 2009 dá a entender que a data de inicio da actividade retribuída foi a do mes de febreiro, mais a súa determinación exacta permanece para esta Sala incerta, posto que os resultados probatorios son contraditorios, a pesar dos esforzos realizados por ambas partes, tendo en conta que a especial carga emocional e situación de conflito que se viviu na mencionada asemblea, impide, a xuízo deste tribunal, dar unha credibilidade definitiva ao alí manifestado. Esta incerteza, tal e como anteriormente se sinalou, debe prexudicar a quen ten a carga probatoria, neste caso, a demandante.

En canto á finalización da prestación de servizos, na mencionada asemblea páctase a mesma para o final de ano 2009, mais alégase por parte do demandante que en realidade rematou en setembro. Da proba practicada, sen embargo, non se pode extraer tal conclusión, posto que das declaracións das testemuñas, particularmente de D. Leoncio e Dna. María Rosa , dedúcese que tal prestación tivo lugar cando menos até o cambio de local, no mes de novembro. En consecuencia, do período de traballo pactado, a demandante só consegue demostrar que se incumpriu este, máis alá da satisfacción existente durante o resto da vixencia do contrato, fóra do obxecto do presente preito, por parte de Xelda Eido Rural, durante dous meses, novembro e decembro de 2009, o cal significa que, da retribución anual pactada, cumpriría detraer a parte proporcional desta, é dicir, un total de 4274,11 euros, o que deixaría a mesma en 25.644,7 euros. En consecuencia, a demandante non conseguiu demostrar que se aboasen a Xelda Medio Rural pola súa banda cantidade indebida ningunha nin, en consecuencia, a existencia de enriquecemento inxusta por parte da mercantil.

Establecida esta premisa, non cómpre facer mención ningunha sobre a posíbel responsabilidade de D. Santos , posto que ao non terse probado o prexuízo patrimonial para a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, non pode nacer tal responsabilidade, independentemente da suxeición ou non da súa actuación aos procedementos estatutariamente previstos ou da pertinencia da alegación realizada pola representación procesual deste sobre a falla de autorización para proceder contra el.

CUARTO.- En canto aos custes da reconvención, a sentencia de instancia establece, tanto para a demanda como para a reconvención, a existencia de serias dúbidas de feito, derivadas das circunstancias anteriormente mencionadas, evitando unha expresa condena, de acordo co sinalado no art. 394 LAC. Esta Sala comparte a procedencia de declarar a existencia das tales dúbidas, habida conta a incerteza que a proba practicada non consegue despexar sobre multitude de elementos esenciais das relacións entre os litigantes, que deben entenderse que non só afectan á pretensión inicial, senón tamén á reconvencional, polo que estima improcedente a impugnación deste pronunciamento da sentencia recorrida.

QUINTO.- En canto aos custes desta alzada, en aplicación do anteriormente sinalado, e dos arts. 398 e 394 LAC, segundo os cales procede a condena nos custes procesuais a quen vexa desestimadas todas as pretensións dun recurso de apelación, agás que se aprecien serias dúbidas de feito ou de dereito, e apreciándose neste recurso as mesmas dúbidas fácticas que existían na instancia, non procede facer expresa imposición dos custes procesuais.

En consecuencia, vistos os preceptos sinalados e demais concordantes, procede ditar a seguinte

Fallo

DESESTIMAR O RECURSO presentado pola representación procesual da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada contra a sentencia 10/2012, de 28 de febreiro, ditada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 da Fonsagrada, en procedemento ordinario 6/2011, CONFIRMANDO A MESMA EN TODOS OS SEUS ESTREMOS, e sen facer expreso pronunciamento sobre os custes procesuais.

Transfírase á conta especial 9900 o depósito constituído para recorrer.

Contra dita resolución non cabe recurso ordinario algún, sen perxuizo de que se poida interpor o recurso extraordinario de casación ou por infracción procesual, se concorre algún dos supostos previstos no artigo 469 e 477 da Lei de Axuizamento Civil , caso no que o prazo para a interposición do recurso será de vinte días, debendo interpoñerse o recurso ante este mismo Tribunal.

Así, por esta nosa sentencia, da que se unirá certificación ó rolo de sala, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.