Última revisión
10/01/2013
Sentencia Civil Nº 493/2012, Audiencia Provincial de Lugo, Sección 1, Rec 521/2012 de 19 de Septiembre de 2012
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 7 min
Orden: Civil
Fecha: 19 de Septiembre de 2012
Tribunal: AP - Lugo
Ponente: FERREIRO BAAMONDE, XULIO XOSE
Nº de sentencia: 493/2012
Núm. Cendoj: 27028370012012100492
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 1
LUGO
SENTENCIA: 00493/2012
ILMOS. SRES.:
D. JOSÉ ANTONIO VARELA AGRELO
D. JOSÉ MARÍA MORENO MONTERO
D. XULIO XOSÉ FERREIRO BAAMONDE (suplente)
Lugo, dezanove de setembro de dous mil doce.
A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Lugo viu, en grao de apelación, o rolo de sala n.º 521/2012 , dimanante dos autos de xuízo Verbal nº 110/2012 , seguido no Xulgado de Primeira Instancia nº 2 de Monforte de Lemos , sobre tutela sumaria da posesión. Foron partes no recurso, como apelante, dona Serafina , representado polo procurador Sr. Mourelo Caldas e baixo a dirección do letrado Sra. Rúa Pazos, e apelado don Jose Ángel , representado polo procurador Sra. Villaverde Quiroga e asistido do letrado Sra. Tapia Fernández. Actúa como maxistrado-relator o Iltmo. Sr. D. XULIO XOSÉ FERREIRO BAAMONDE.
Antecedentes
PRIMEIRO .- Con data catro de xuño de dous mil doce, o Xulgado de Primeria Instancia nº 2 de Monforte de Lemos dictou unha sentencia que na súa parte dispositiva di: "FALLO: Estimo la demanda interpuesta por D. Jose Ángel frente a Dª Serafina y declaro habar lugar a los pedimentos de la actora por lo que Dª Serafina deberá dejar libre el paso a la finca descrita como finca sita en Pombeiro, municipio de Pantón, al nombramiento de DIRECCION000 y también conocida como FINCA000 , parcela NUM000 del Polígono NUM001 del Catastro de Rústica del municipio de Pantón. Se imponen las costas a la parte demandada.".
SEGUNDO .- A parte demandada, dona Serafina interpuxo un recurso de apelación contra a devandita sentencia, téndose por preparado o mesmo e cumpridos os trámites do art. 458 e seguintes da L.A.C. 1/2000 eleváronse as actuacións a esta Sección Primeira da Audiencia Provincial para a resolución procedente.
TERCEIRO .- Na tramitación do presente recurso observáronse, en ámbalas dúas instancias, tódalas formalidades legais.
Fundamentos
Acéptanse os da resolución recorrida na medida en que non se opoñan aos que a continuación se expoñen.
PRIMEIRO .- O presente recurso trae causa dun procedemento de tutela sumaria da posesión iniciado pola representación procesual de D. Jose Ángel , quen solicita o amparo do tribunal diante do acto de perturbación ao exercicio dun alegado dereito de servidume de paso por parte de Dna. Serafina , ao colocar esta unha porta metálica con pechadura no paso que viña utilizando o actor. Esta pretensión é estimada integramente polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 de Monforte de Lemos, en sentencia de 4 de xuño de 2012, fronte á cal a parte condenada recorre en apelación.
Os motivos desta apelación son dous. O primeiro motivo é a incorrecta aplicación das normas sobre carga da proba contidas no art. 217 da LAC, e o segundo pode entenderse como alegación dun vicio de incongruencia extra petita na sentencia ao entender a recorrente que esta constitúe un dereito de servidume non solicitado pola demanda e estraño ao obxecto do proceso.
SEGUNDO .- A través do primeiro dos motivos alegados pola recorrente preténdese a revogación da sentencia ao entender que os feitos constitutivos da demanda non son probados pola actora, realizándose, a xuízo da apelante, pola xulgadora a quo unha incorrecta aplicación do art. 217.1 LAC pois, pese a admitir unha dúbida sobre os feitos alegados pola demandante, decide estimar igualmente a demanda. Este motivo non pode ser atendido por esta Sala.
Certo é que a xulgadora de instancia entende que existen dúbidas sobre un dos estremos alegados pola demandante, concretamente no referido a se a porta colocada por Dna. Serafina está ou non pechada con chave. A sentencia recorrida recoñece que do conxunto probatorio "non se chega a ningunha solución" ao respecto, tendo declarado testemuñas en ambos sentidos sen atoparse razóns pola xulgadora para dar maior credibilidade a uns ou a outros. Sen embargo, a existencia desta dúbida non se resolve cunha incorrecta aplicación das normas sobre distribución da carga da proba, como quere facer entender a recorrente, senón que dunha lectura da sentencia extráese sen dificultade ningunha que esta non entende que, para estimar producida a perturbación posesoria deba probarse o feito de que a porta estea permanentemente pechada senón que abonda, a xuízo da xulgadora, con cita de resolucións no mesmo sentido de diversas Audiencias, e cun criterio que esta Sala comparte, coa simple instalación da porta metálica e o feito de que esta sexa susceptíbel de pecharse con chave.
En consecuencia, o motivo debe ser desestimado.
TERCEIRO .- En canto ao segundo dos motivos, a recorrente alega a constitución no fallo da sentencia dun dereito de servidume cun alcance maior ao que efectivamente pertence ao demandante o que supón, ao seu parecer, un pronunciamento non solicitado na demanda que constituiría, en consecuencia, o vicio de incongruencia extra petita , prohibido no art. 218 LAC. Este motivo tampouco pode ser estimado por esta Sala.
O proceso regulado no art. 250.1.4 LAC, denominado de tutela sumaria da posesión, deriva, como é ben sabido, dos antigos interditos, cuxo obxecto era a tutela dunha situación de feito, a posesión, fronte a un acto de perturbación desta, sen entrar a discutir as cuestións relativas á validez ou alcance do título no que tal posesión se basea. Como sinala o art. 446 CC , a mera posesión que cumpre cos requisitos dos arts. 430 e seguintes do CC é suficiente para que se outorgue tutela fronte a quen exerce un acto de perturbación, mesmo se tal acto pretende ampararse na existencia dalgún dereito ao respecto. En consecuencia, o procedemento de tutela sumaria da posesión ten como obxecto protexer tal posesión, sen prexuízo de que, nun posterior proceso declarativo se estime polo órgano xudicial que corresponda, se tal posesión está ou non amparada por algún tipo de dereito. É dicir, a titularidade e alcance do dereito que fundamente tal posesión está fora do obxecto procesual neste tipo de procedementos, polo que en ningún caso a sentencia que resolve o mesmo poderá pronunciarse sobre tal dereito nin terá efectos de cousa xulgada ao respecto, tal e como sinala o art. 447.2 LAC.
De acordo co anteriormente sinalado, a sentencia apelada limítase a constatar a posesión do actor sobre o acceso litixioso, e o feito da perturbación, sen ter a xulgadora permitido ás partes alegación ningunha sobre o dereito subxacente a tal posesión, tal e como se desprende da gravación videográfica da vista e sen facer, naturalmente, ningunha afirmación na sentencia, nin na súa parte dispositiva nin nos fundamentos xurídicos da mesma, deixando imprexulgada, como non podía ser doutro xeito, a existencia de tal dereito ou o alcance do mesmo, por non ser tal cuestión obxecto do proceso.
O motivo debe, polo tanto ser desestimado.
CUARTO .- De acordo co art. 398.1 en relación co art. 394, ambos da Lei de Axuizamento Civil , faise expresa imposición dos custes desta apelación á parte recorrente.
En consecuencia, vistos os preceptos sinalados e demais concordantes, procede ditar o seguinte
Fallo
DESESTIMAMOS INTEGRAMENTE o recurso de apelación interposto pola representación procesual de Dna. Serafina , fronte a sentencia 057/2012 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 de Monforte de Lemos de 4 de xuño de 2012, (Xuízo verbal de reclamación da posesión 110/2012) CONFIRMANDO NA SÚA INTEGRIDADE a mesma e impoñendo os custes desta alzada á recorrente.
Transfírase a conta especial 9900 o deposito constituido para recorrer.
Así, por esta no sa sentencia, da que se unirá certificación ó rolo de sala, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.

