Última revisión
13/10/1999
Sentencia Civil Nº 547, Audiencia Provincial de Pontevedra, Rec 2230 de 13 de Octubre de 1999
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 7 min
Orden: Civil
Fecha: 13 de Octubre de 1999
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: VARELA CASTRO, LUCIANO
Nº de sentencia: 547
Fundamentos
AUDIENCIA PROVINCIAL
SECCION PRIMEIRA
PONTEVEDRA
Rolo Civil: 2230/99
P.Civil: 0396/99
Orixe: XDO. 1ª INSTANCIA VIGO-1
Tipo Asunto: VERBAL CIVIL
A SECCION PRIMEIRA Dª. AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, composta por D. JAIME CARRERA IBARZABAL, presidente, D. LUCIANO VARELA CASTRO e D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, maxistrados, pronunciou
NO NOME DE EL-REI
a seguinte
SENTENCIA N. 547
Pontevedra, o trece de outubro de mil novecentos noventa e nove.
O recurso de apelación interposto fronte á sentencia deitada nos actos do proceso civil número 0396/99, vindo do XDO. 1ª INSTANCIA VIGO-1, foi movido entre as partes: dunha banda, como apelante e demandado, don JUAN B; e da outra, como apelada e demandante, dona ANA A, en xuízo verbal civil.
I.- ANTECEDENTES DE FEITO.
PRIMEIRO.- Nos actos a que este rolo atinxe, na data de 9 de xullo de 1999, o Sr maxistrado-xuíz do XDO. 1ª INSTANCIA VIGO-1 pronunciou sentencia, a resolución da cal, rigorosamente, di:
DECISION: "Que estimando la demanda formulada por Ana A, contra Juan F, debo declarar y declaro:
1º.- Que es acomodada a derecho la notificación de actualización de la renta que se le practicó al demandado a través del requerimiento notarial de fecha 24 de febrero de 1999, y con la que se continuó el proceso actualizador de la renta iniciado con la notificación de fecha 19 de abril de 1995;
2º.- Que la renta que le corresponde pagar al demandado por el arrendamiento del que es titular a partir del mes de mayo actual, inclusive, hasta que la renta sea nuevamente actualizada, es de 24.113 pesetas mensuales;
3º.- El derecho de la actora a continuar, cuando se cumpla la próxima anualidad del contrato, el proceso de actualización de la renta de la vivienda arrendada al demandado, hasta que aquélla alcance el 100 por ciento del importe de la renta actualizada, condenando al demandado a estar y pasar por dichos pronunciamientos e imponiéndole las costas del juicio".
Fronte á devandita sentencia, a parte demandada interpuxo recurso de apelación que foi admitido en ámbolos dous efectos. Tras térenselle elevadas as actuacións a este tribunal, sinalouse a data do seis de outubro do año que andamos para deliberaren e deitaren sentencia no presente recurso.
SEGUNDO.- Na tramitación desta instancia, cumpríronse as prescricións e termos legais.
Foi relator o maxistrado don LUCIANO VARELA CASTRO, quen expresa o criterio da Sala.
II.- FUNDAMENTOS XURIDICOS.
PRIMEIRO.- A cuestión debatida na instancia.
A demanda, no que agora interesa, fai alegación de que:
- Os demandados foron requiridos para aceptaren a actualización da renda pactada no aluguer.
- Que tal requirimento foi feito por escrito de data 19 de abril de 1995.
- Que os demandados aceptaron o requirimento na porcentaxe limitada para aplicación anual sucesiva.
- Que os requirimentos posteriores anuais foron rexeitados polos demandados.
Remata pedindo a actualización derivada do requirimento último de 24 de febreiro de 1999.
Fronte a esa tese, os demandados alegaron:
- Que non aceptaron o requirimento da primeira actualización.
- Que aboaron máis renda por aceptaren unha pretensión do demandante, pero que non era a abeirada nas normas transitorias da Lei de alugueres 29/94, senón de transaccional acordo, seguindo a partires de entón as oscilacións anuais do IPC calculada sobor desa nova renda.
Afirma terlle contestado á carta de 1995, na que se requiría a actualización, amosando a oposición.
Asemade, engade que os ingresos da familia alugada son menores do límite da norma transitoria citada, polo que non é esixíbel a renda reclamada.
Cómpre subliñarmos que non foi discutido na contestación, e foi admitido en confesión o dato importante de que o requirimento de data 19 de abril de 1995 foi efectivamente feito
SEGUNDO.- A decisión na primeira instancia e motivos do recurso.
Na recorrida faise unha dupla argumentación. A esencial e outra ex abundantiam. Aquela repróchalles aos demandados non teren feito oposición en forma axeitada ao mandado na transitoria segunda D, 11. 6ª da Lei 29/94 comunicación que faga fe da oposición dentro do prazo de 30 días naturais seguintes a teren recibido o requirimento. As demais argumentacións non necesitan ser reconsideradas, pois que a forza da anterior resulta decisiva.
A apelación fúndase na alegación de dous argumentos:
Que rexeitou a pretensión do primeiro requirimento e que erra, o xulgador, ao tira la consecuencia probatoria de aceptación partindo do feito base de que o demandado pagou a renda requirida. Argumenta nese senso que en confesión o actor ten recoñecido que a renda pagada en 1995 foi froito dun pacto con alcance diverso do derivado da norma transitoria alegada no requirimento.
Engade que, asemade, non procederla o aumento por razón dos ingresos dos alugueiros; mais esta razón non merece ser estudiada na medida en que se rexeite a primeira.
TERCEIRO.- Inestimabilidade do recurso por acreditación de requirimento en legal forma da inicial actualización sen oposición.
O feito da non oposición á primeira actualización foi ben estimado como probado na recorrida. O demandado acepta ter recibida a carta de abril de 1995 e acepta que pasou a aboa la concreta cantidade que naquela carta se reclamaba. Non achega proba ningunha de que remitise oposición por medio, nin fidedigna nin doutro xeito.
A conclusión que o apelante quere tirar da resposta dada a posición 7ª polo actor non pode ser compartida. Porque a afirmación de que o actor dixo que aumentaría a renda no que a lei permite en modo ningún implica que tal aumento se limita á variación do IPC. Nin mesmo por aludir "ao aprobado polo Goberno", que non constitúe en linguaxe coloquial unha referencia diversa do que o Lexislativo decide.
A consecuencia da non oposición ao primeiro requirimento non é outra que a non opoñibilidade ás sucesivas actuacións anuais que se limitan a concreta la consecuencia da primera seguindo a pauta de incremento porcentual derivado da norma transitoria citada (2ª D 11 da Lei 29/94).
Así cómpre, pois que doutro xeito o alugueiro quedaría ceibe das consecuencias dos seus actos e podería frustra la confianza do alugador nas aparencias por aquel xerada. Non só dificultando en momentos potencialmente tardío (varios años) a proba dos feitos que xustificaban a pretensión inicial, senón mudando as circunstancias nas que confiadamente o arrendador puido tomar decisións que non tería tomadas de coñece la oposición temporánea polo alugueiro.
Así o temos dito entre outras na sentencia deste tribunal de 26 de outubro de 1998. Así o recoñece a doutrina de xeito xeneralizado. E así o decidiu a recorrida, aceptando nós agora esa decisión.
De tal aceptación deriva o fracaso do recurso canto á pretensión de reconsidera la admisibilidade da revisión. E, xa que logo, resulta innecesario considera la cuestión dos ingresos dos alugados.
O fracaso do recurso implica a obrigada imposición de custas ao apelante.
Cómpre atérmonos a todo o que levamos dito, e desenvolvendo a potestade xurisdiccional que a Constitución española nos outorga,
DECIDIMOS.
Que é mester nós rexeitarmos, e de feito rexeitámolo, o recurso de apelación movido por don Juan B contra da sentencia pronunciada polo Xulgado de 1ª instancia de Vigo-1, no xuízo verbal civil núm. 396/99, o día 9 de xullo de 1999, confirmando a devandita sentencia con imposición das custas a parte apelante.
Devólvanselle os actos orixinais ao xulgado de procedencia con testemuño desta resolución para a súa execución e cumprimento.
Deste xeito, por esta a nosa sentencia, á fin xulgando, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.
