Última revisión
04/04/2013
Sentencia Civil Nº 647/2012, Audiencia Provincial de Lugo, Sección 1, Rec 697/2012 de 29 de Noviembre de 2012
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 20 min
Orden: Civil
Fecha: 29 de Noviembre de 2012
Tribunal: AP - Lugo
Ponente: FERREIRO BAAMONDE, XULIO XOSE
Nº de sentencia: 647/2012
Núm. Cendoj: 27028370012012100648
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 1
LUGO
SENTENCIA: 00647/2012
ILMOS. SRES.:
D. JOSÉ ANTONIO VARELA AGRELO
D. JOSÉ RAFAEL PEDROSA LOPEZ
D. XULIO XOSÉ FERREIRO BAAMONDE (suplente)
Lugo, vinte e nove de novembro de dos mil doce.
A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Lugo viu, en grao de apelación, o rolo de sala n.º 697/12, dimanante dos autos de xuízo de ordinario nº 426/10, seguido no Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción nº 2 de Mondoñedo, sobre arrendamento rustico histórico e acceso a propiedade, foron partes no recurso, como apelantes-apelados, D. Desiderio E Yolanda , representado polo procurador Sra. Arias Regueira baixo a dirección do letrado Sr. Rodríguez Prieto, e apelados-apelantes D. Indalecio E Octavio , representado polo procurador Sr. Mourelo Caldas e asistido do letrado Sr. Meira Abella. Actúa como maxistrado-relator o Iltmo. Sr. D. XULIO XOSÉ FERREIRO BAAMONDE.
Antecedentes
PRIMEIRO.- Con data seis de xuño de dous mil doce, o Xulgado de Primeria Instancia nº 2 de Mondoñedo dictou unha sentencia que na súa parte dispositiva di: 'FALLO: Desestimar la demanda interpuesta por Desiderio y Yolanda con Indalecio y Octavio , y absuelvo a los demandados de los pedimentos efectuados en su contra. Todo ello con imposición de costas a la parte actora. Desestimar la demanda reconvencional efectuada por Indalecio y Octavio contra Desiderio y Yolanda , y absuelvo a los demandados de los pedimentos efectuados en su contra. Todo ello con imposición de costas a la parte demandada reconviniente'.
SEGUNDO.- As parte demanantes e demandadas interpuxeron un recurso de apelación contra a devandita sentencia, téndose por preparado o mesmo e cumpridos os trámites do art. 458 e seguintes da L.A.C. 1/2000 eleváronse as actuacións a esta Sección Primeira da Audiencia Provincial para a resolución procedente.
TERCEIRO.- Na tramitación do presente recurso observáronse, en ámbalas dúas instancias, tódalas formalidades legais.
Fundamentos
Acéptanse os da resolución recorrida na medida en que non se opoñan aos que a continuación se expoñen.
PRIMEIRO.- O presente recurso trae causa da demanda presentada pola representación procesual de D. Desiderio e Dna. Yolanda , filla do anterior, contra D. Indalecio e D. Octavio , sobre acceso á propiedade en arrendamento rústico histórico con respecto ás fincas que a familia dos demandantes viña posuíndo en concepto de arrendatarios no Lugar DIRECCION000 , na Devesa, Ribadeo, propiedade actual dos demandados. Fronte ao exercicio desta pretensión polos actores, os demandados na súa contestación solicitan a desestimación da demanda, ao entenderen que non concorren os requisitos que a lexislación establece para o recoñecemento do dereito de acceso á propiedade. Así mesmo, formulan reconvención, solicitando a declaración de extinción do arrendamento e o desaloxo das fincas en virtude das causas 1 e 3 a 6 do art. 113 da Lei de Dereito Civil de Galiza . Tramitado o correspondente xuízo ordinario perante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 de Mondoñedo, ditouse sentencia con data de 6 de xuño de 2012, desestimatoria en canto á demanda e á reconvención. Fronte a esta sentencia interponse recurso de apelación tanto polos actores como polos demandados-reconvintes.
En canto ao contido das alegacións impugnatorias, D. Desiderio e Dna. Yolanda afirman no seu recurso de apelación a existencia dun vicio procesual que provocaría a nulidade das actuacións xudiciais, consistente na omisión da incorporación aos autos da contestación á reconvención que os mesmos formularon, con data de 13 de abril de 2011. En segundo lugar, e con carácter subsidiario á anterior alegación, afirman a existencia dun erro na valoración da proba por parte da xulgadora a quo, ao entender que se acreditou no xuízo, contrariamente ao establecido na sentencia, a súa condición de cultivadores persoais dos fundos a cuxa propiedade pretenden acceder.
Pola súa banda, os demandados reconvintes alegan no seu recurso de apelación, que a sentencia de instancia, no referido á reconvención por eles interposta, incorre no vicio de falla de exhaustividade, ao non pronunciarse sobre todas as causas de extinción do arrendamento alegadas.
SEGUNDO.- Antes de entrar na análise dos diferentes motivos expostos, debe aínda facerse mención á alegación contida no escrito de oposición á apelación presentado pola representación procesual dos demandados que, con carácter previo alega a improcedencia da admisión a trámite do recurso de apelación presentado polos demandantes, por incumprimento, ao seu xuízo, do esixido polo art. 449.1 LAC. Este precepto sinala que 'Nos procesos que leven aparellado o lanzamento non se admitirán ao demandado os recursos de apelación, extraordinario por infracción procesual o casación se, ao interpoñelos, non manifesta, acreditándoo por escrito, ter satisfeitas as rendas vencidas e as que, con arranxo ao contrato deba pagar adiantadas'. Para as demandadas, ao terse interposto reconvención pola súa banda solicitando o desaloxo da finca, e ser a sentencia recorrida polos actores, estaríamos en presenza do suposto de feito polo que se determinaría a aplicación do precepto mencionado; e diante da constatación da falla de cumprimento da obriga de consignación, procedería a inadmisión a trámite do recurso de apelación interposto de contrario.
Esta alegación carece de fundamento legal. O art. 449.1 LAC establece a obriga de consignar as rendas vencidas nos procedementos que leven consigo o lanzamento dun inmoble para o demandado que interpoña o recurso. Resulta claro no suposto actual que D. Desiderio e Dna. Yolanda si teñen o carácter de demandados (reconvencionais) no que respecta á petición de desaloxo da finca. Mais resulta igualmente evidente que tales demandados reconvencionais non recorren a decisión xudicial no que respecta á reconvención, é dicir, á petición de desaloxo, posto que esta é desestimada pola sentencia de instancia, senón única e exclusivamente respecto á súa pretensión de acceso á propiedade. En consecuencia, non resulta de aplicación aos efectos alegados a aplicación do art. 449.1 LAC, polo que non pode ser atendida a solicitude de inadmisión do recurso.
TERCEIRO.- Determinada a procedencia do recurso interposto, procede pronunciarse sobre as cuestións aducidas neste. Polo que respecta á primeira das alegacións impugnatorias incluídas polos demandantes no seu recurso de apelación, esta consiste na solicitude de nulidade de actuacións, ao entender que a non incorporación da contestación á demanda reconvencional por eles formulada provocoulles indefensión, ao prescindirse de normas esenciais do procedemento, citando unha serie de resolucións sobre a doutrina constitucional relativa á imposibilidade de prexudicar ás partes polos erros cometidos polo órgano xurisdicional na tramitación do proceso. Esta alegación apóiase coa presentación xunto co escrito de interposición do recurso de copia selada da contestación á reconvención, presentada con data de 13 de abril de 2011.
Debe darse por acreditada a existencia do vicio en virtude da proba documental presentada nesta segunda instancia e non impugnada de contrario. A cuestión será, polo tanto, determinar se a omisión denunciada implica unha indefensión a efectos dos arts. 24 CE e 225.3 LAC e, en consecuencia, debe declararse a nulidade de actuacións e retrotraerse estas ao momento de produción da mesma. Esta pretensión non pode ampararse, segundo os argumentos que a continuación se exporán.
O art. 459 LAC sinala que, cando se alegase en apelación a infracción de normas ou garantías procesuais producidas na segunda instancia, deberán citarse as normas que se consideren infrinxidas e alegar, no seu caso, a indefensión sufrida. Así mesmo, o apelante deberá acreditar que denunciou oportunamente a infracción, se tivo oportunidade procesual para isto. Comezando polo último dos requisitos sinalado no precepto, semella evidente que, se os recorrentes se decataron ao ler a sentencia da omisión producida, a interposición do recurso de apelación foi a primeira oportunidade procesual que tiveron para denunciar esta infracción procesual, posto que os instrumentos previstos nos arts. 214 e 215 LAC non son procedentes a estes efectos. Este requisito debe entenderse, pois, cumprido.
En canto ás restantes condicións, por unha banda, non semella que as normas contidas nos arts. 216 e 218 sexan obxecto de infracción na omisión procesual impugnada, senón máis ben as contidas nos arts. 407 e concordantes, todos eles da LAC. En todo caso, o art. 218 LAC pode verse afectado en canto o xulgador de instancia non pode ter en conta á hora de ditar sentencia alegacións que non foron incorporadas ao proceso. De acordo cun criterio de interpretación amplo, e favorábel ao dereito a recorrer - pro actione-, este requisito podería terse cumprido. O que non pode apreciarse é a concorrencia da indefensión constitucional e legalmente proscrita.
Segundo reiterada doutrina constitucional, para apreciarse a existencia de indefensión non abonda coa concorrencia dunha mera infracción procesual, nin abonda tampouco con invocala para que esta se recoñeza. Non existe indefensión cando, aínda habendo algunha irregularidade procesual non se chega a producir efectivo e real menoscabo do dereito de defensa co conseguinte prexuízo real e efectivo para os intereses da parte afectada ( SSTC 153/88 , 145/90 , 106/93 , 290/93 , 366/93 ). Neste caso, a parte recorrente non expón no seu escrito de interposición do recurso cales foron os prexuízos efectivamente sufridos pola omisión procedimental denunciada. En ausencia de tal alegación, e á vista do pronunciamento obtido na instancia, totalmente favorábel aos seus pedimentos, no que á demanda reconvencional respecta, ao ser esta totalmente desestimada, a pesar de non tela o Xulgado de Primeira Instancia por contestada, esta Sala non atopa razóns para declarar a existencia de indefensión e, en consecuencia, acceder ao pedimento de nulidade e conseguinte retroacción de actuacións, xa que a contestación á reconvención en nada pode afectar ás peticións incluídas polas recorrentes na demanda principal, tamén desestimada e obxecto real do seu recurso.
En todo caso, aínda de terse producida a indefensión, a aplicación do art. 465.4 no seu parágrafo segundo establece a posibilidade de subsanación na segunda instancia, o que se ten feito ao ter por incorporada, xunto co escrito de interposición do recurso de apelación, a copia da contestación á demanda reconvencional omitida nos autos orixinais, que será tida en conta á hora de resolver sobre os pronunciamentos da sentencia relativos á reconvención e impugnados de contrario.
Este primeiro motivo debe, pois, ser desestimado.
CUARTO.- En canto as alegacións referentes ao fondo do asunto, deben correr nesta segunda instancia igual sorte desestimatoria. A resolución impugnada non acolle a pretensión dos actores ao estimar que non concorre nos mesmos o requisito esixido polo art. 6.3 da Lei 3/1993 , de arrendamentos rústicos históricos de Galiza, tal e como ten sido interpretada pola xurisprudencia, de ser o arrendatario 'cultivador persoal' e directo das fincas cuxo acceso á propiedade se pretende. A xurisprudencia das AAPP, do TSX de Galiza e tamén a do TS, ao interpretar o concepto legal de cultivador persoal do art. 16 da Lei de Arrendamento Rústicos teñen establecido uns requisitos de exclusividade e adicación principal á actividade agrícola que non se poden apreciar neste caso. Neste sentido, afirma a SAP da Coruña (sec. 5ª) de 11 de novembro de 2002, que debe entenderse por cultivador persoal a aquela persoa que se adique a actividades de carácter agrario e se ocupe de xeito directo na explotación, como agricultor profesional, a tenor do establecido no art. 5.2 da Lei de modernización de explotacións agrarias de 4 de xullo de 1995, na que se di que é agricultor profesional a persoa física que, sendo titular da explotación agraria, obteña, cando menos, o 50% da súa renda total de actividades agrarias ou outras actividades complementarias. Pola súa banda, a Sentencia desta Audiencia Provincial de Lugo de 27 de outubro de 1993 sinala que é cultivador persoal o que leva a explotación tanto por si como coa axuda de familiares que con el conviven e que 'téndose afirmado polas testemuñas da actora que esta era axudada polos seus fillos sen que sexa óbice a isto que os mesmos puidesen ter a súa vivenda fóra da casa da actora, se por razón da súa proximidade puidesen axudar á mesma, que por outra banda, non se demostrou se atopase impedida para efectuar tales labores nin fose axudada por asalariados (como podería selo por motivos de saúde, tal como o precepto legal admite - art. 16 LAR -) sen que tampouco se acreditase o abandono das fincas levadas pola mesma en arrendo, nin que se adicase a outro traballo ou actividade laboral'. En canto á adicación a outra actividade laboral, segundo xurisprudencia do Tribunal Supremo, recollida entre outras, nas sentencias de 23 de xuño de 1988, 13 de decembro de 1993 y 29 de xaneiro de 1997 , sinala que unha persoa non perde o carácter de cultivador persoal por desenvolver outra actividade, sempre que a mesma non desvirtúe totalmente o carácter legal e real de cultivador persoal.
O Tribunal Supremo ten, con carácter xeral, elaborado un corpo de doutrina no que respecta á caracterización da condición de cultivador persoal, en canto requisito para o exercicio do dereito a acceder á propiedade da finca rústica arrendada, que se resume, entre outras, nas SS de 31 de xaneiro de 2007 e 8 de febreiro de 2008 , conforme á cal, para recoñecer a indicada condición é precisa a adicación en exclusiva aos labores agrícolas, por si ou coa axuda de familiares que convivan co arrendatario, sen utilizar asalariados máis que circunstancialmente, por esixencias estacionais da explotación agraria; non perdéndose, sen embargo, a condición de cultivador aínda que se utilicen un ou dous asalariados, en caso de enfermidade sobrevida ou doutra xusta causa que impida continuar o cultivo persoal, distinguindo esta mesma doutrina entre o profesional da agricultura, que desenvolve as actividades de tal orde co carácter preferente (...) e o cultivador persoal, que as realiza con adicación exclusiva. Este rigor, certamente ten sido obxecto dalgunha modulación, ao considerar que a idade avanzada, por si mesma, non era conceptualmente incompatíbel coa condición de cultivador persoal, e ao admitirse a compatibilidade dos labores agrícolas co desenvolvemento da pequena industria, ou con outras actividades de distinta natureza, mais sempre salientándose a necesidade de que a actividade preferente sexa a agrícola. De aí que a mesma doutrina xurisprudencial declarase que non cabe prescindir do carácter primordial da adicación á explotación agrícola e de que o decisivo, aos efectos de apreciar a condición de cultivador persoal é a adicación do arrendatario á explotación da finca como xeito de subsistencia, aínda que se valla de axuda famliar por causas xustificadas, mais mantendo, en todo caso, o control e a dirección propia, a continuidade á fronte da explotación e a responsabilidade sobre a mesma, a adicación do labrador que vive do campo e para o campo, permanecendo en contacto coa terra que cultiva, de sorte que non perde a condición de cultivador persoal en tanto se manteña na explotación e aínda que non realice todos os traballos materiais que a mesma poda esixir ou en supostos de imposibilidade física mantense á fronte da explotación, responsabilizándose da mesma, en relación directa co traballo ao ostentar a dirección das actividades agrícolas.
Analizada a doutrina xurisprudencial sinalada, pode afirmarse que, de aplicarse ao caso concreto, non se pode dar por acreditada a condición dos actores como cultivadores persoais, ao non ter probado a súa adicación primordial ás actividades agrícolas nin a preordeación das mesmas á súa subsistencia. Tal como se expón na sentencia recorrida, ao analizar as probas practicadas, e máis alá da titularidade da explotación gandeira pola codemandante Yolanda , nas datas que se afirma, o certo é que do arsenal probatorio presente nos autos non se pode colixir máis ca unha supervisión esporádica das reses posuídas, sen que conste o seu aproveitamento económico, nin a obtención de rendementos que puidesen facer presumir que os demandantes viven principalmente do seu traballo gandeiro. Alén, a profesión de veterinario de D. Desiderio e a condición de estudante de Dna. Yolanda fan pensar que son outras as adicacións principais dos co-demandantes. A vinculación coas fincas arrendadas tampouco se pode extraer da habitación da casa existente nas fincas, dado o estado ruinoso da mesma, así como do feito de que os actores teñan a súa residencia fóra do concello de Ribadeo, sen que a xenérica alegación no recurso a unha posíbel levanza dos traballos agrícolas a distancia mediante instrumentos técnicos ou mecánicos teña soporte probatorio ningún. En consecuencia, tal e como se afirma na sentencia recorrida, con cita da STSX de Galiza de 4 de setembro de 2008 , non se pode recoñecer a condición de cultivadores persoais a quen se adica ás tarefas agrarias de xeito secundario, polo que ao non seren desvirtuados neste recurso os pronunciamentos impugnados da sentencia de instancia, procede a súa confirmación neste extremo.
QUINTO.- Aínda que non se cita textualmente no texto do recurso, a impugnación presentada polos demandados reconvintes, baséase na infracción do art. 218.1 LAC ao non resolver o tribunal de instancia sobre todos os puntos litixiosos obxecto do debate. Na súa demanda reconvencional, os demandados alegan diversas causas de extinción, en concreto, a falla de pagamento da renda; o terse deixado de explotar a finca durante un período de, cando menos, dous anos consecutivos; terse causado danos na finca de xeito doloso ou culposo; o subarrendo ou cesión inconsentida das fincas; e unha xenérica de incumprimento grave das obrigas contractuais ou legais, sen apoio fáctico expreso, todas elas establecidas no art. 113 da Lei de Dereito Civil de Galiza . A sentencia de instancia pronúnciase unicamente sobre a existencia dunha cesión inconsentida por parte de quen é arrendatario, D. Desiderio , á súa filla Yolanda , polo que teñen razón os recorrentes ao afirmar a existencia dun vicio de falla de exhaustividade ou incongruencia por omisión, xa que a ausencia de pronunciamento expreso sobre estas cuestións impide ao reconvinte coñecer cáles son as razóns polas que a desestimación de tales alegacións se produce. De acordo co art. 465.3 LAC, e segundo o solicitado no recurso de apelación, o procedente unha vez estimadas as alegacións do recurso é que o órgano de apelación se pronuncie sobre as cuestións non resoltas na sentencia impugnada.
En canto ao único motivo de rescisión sobre o que a sentencia resolve, máis alá da contradición na que entra a recorrente ao entender que existe unha cesión da finca a quen non a explota - ao seu entender - de ningún xeito, o certo é a sentencia de instancia entende tal cesión non consigue ser probada, sen que existan alegacións no recurso de apelación destinadas contravir este pronunciamento, máis alá da xenérica petición no suplico de impugnar todos os pronunciamentos relativos á desestimación da demanda reconvencional. Aínda así, entrándose nunha análise do pronunciamento existente na resolución impugnada, debe confirmarse o sinalado na sentencia de instancia, posto que, da proba practicada, non se acredita a existencia dunha cesión, xa que D. Desiderio segue sendo o arrendatario das fincas obxecto do preito, sen ter feito deixación da súa posesión con respecto ás mesmas, e sen prexuízo de que a súa filla colabore con el na súa explotación.
Polo que respecta aos restantes motivos polos que se solicita a rescisión do contrato de arrendamento, a resolución debe tamén ser desestimatoria de tal petición. En canto á falla de pagamento das rendas, non pode apreciarse a mesma, en primeiro lugar, porque a alegación de que existiu a negativa por parte da propiedade á recepción das anualidades debidas non foi contradita polos demandantes reconvencionais, ademais de constar o ofrecemento expreso ao pagamento contido na papeleta de conciliación presentada no Xulgado de Paz de Ribadeo con data de 6 de xullo de 2010 e, ademais, foron obxecto de consignación diante do xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 de Mondoñedo con data de 13 de abril de 2011, aínda que posteriormente devoltas, negando os recorrentes a súa procedencia.
En canto á falla de explotación da finca, esta tampouco se acredita diante do tribunal de instancia. Independentemente do grao de aproveitamento das fincas e de se tal aproveitamento abonda para o acceso dos arrendatarios á propiedade - cuestión xa decidida - o certo é que non se acredita o total abandono das fincas, xa que consta nas mesmas a existencia de gando vacún, así como que os demandados nesta reconvención se ocupan deste gando. Semellante pronunciamento debe facerse con respecto a alegación de que o arrendatario causou graves danos nas fincas. Tampouco se acredita a existencia dun dano que poda merecer o cualificativo de grave, posto que este non pode ser asimilado a unha falla de aproveitamento óptimo das fincas, que a lexislación aplicábel ao caso non esixe, nin derivado necesariamente da existencia de desperfectos nas instalacións - como a alegada ruína da casa - xa que aínda que os mesmos podan ser debidos a accións ou omisións dos reconvidos, poden ser arranxados por conta de quen sexa responsábel de tal reparación - cuestión que non se prexulga nesta sentencia -, non tendo a entidade suficiente como para amparar unha pretensión de resolución contractual, xa que o vínculo entre as partes deste arrendamento seguirá vixente, tal e como se afirma na resolución recorrida, até o 31 de decembro de 2015, segundo sinala o art. 5 da Lei de Arrendamentos Históricos de Galiza .
SEXTO.- En canto aos custes procesuais, debe facerse mención afastada dos diferentes recursos interpostos. Polo que respecta á apelación suscitada pola representación procesual de D. Desiderio e Dna. Yolanda fronte a desestimación da súa demanda, de acordo co sinalado polos arts. 398 e 394 LAC, deben impoñerse estes aos recorrentes, ao seren desestimadas todas as súas pretensións impugnatorias. Porén, polo que respecta ao recurso interposto pola representación procesual de D. Indalecio e D. Octavio , a estimación da alegación de falla de exhaustividade da sentencia implica necesariamente, tendo en conta o sinalado polo art. 398.2 LAC, a non expresa imposición de custes nesta instancia.
En consecuencia, vistos os preceptos legais citados e os demais de aplicación,
Fallo
En canto ao recurso interposto pola representación procesual de D. Desiderio e Dna. Yolanda contra a sentencia nº 54/12 de 6 de xuño do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 de Mondoñedo en xuízo ordinario nº 426/2010, no relativo aos pronunciamentos sobre as pretensións contidas na demanda, DESESTIMAR O RECURSO, CONFIRMANDO NESTE PUNTO A SENTENCIA, e impoñendo os custes procesuais aos recorrentes.
Polo que respecta ao recurso interposto pola representación procesual de D. Indalecio e D. Octavio , fronte á desestimación das pretensións contidas na reconvención formulada no procedemento sinalado, ESTIMAR PARCIALMENTE o recurso en canto á existencia de falla de exhaustividade ou incongruencia omisiva na sentencia recorrida, integrándoa no sentido de DESESTIMAR AS CAUSAS DE RESOLUCIÓN DO CONTRATO de arrendamento alegadas no seu día polos apelantes, mais non resoltas na sentencia de instancia, e CONFIRMAR os pronunciamentos restantes existentes en dita sentencia, sen facer expresa imposición dos custes causados polo seu recurso de apelación.
Déase lles o destino legal aos depósitos consignados para recurrir.
Así, por esta nosa sentencia, da que se unirá certificación ó rolo de sala, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.
