Sentencia Civil Nº 717/20...re de 2010

Última revisión
22/10/2010

Sentencia Civil Nº 717/2010, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 3038/2009 de 22 de Octubre de 2010

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 9 min

Orden: Civil

Fecha: 22 de Octubre de 2010

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL

Nº de sentencia: 717/2010

Núm. Cendoj: 36057370062010100643

Resumen:
MATERIAS NO ESPECIFICADAS

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6

PONTEVEDRA

SENTENCIA: 00717/2010

AUDIENCIA PROVINCIAL

SECCIÓN SEXTA

SEDE EN VIGO

CIVIL

Rolo: 3038/09

Procedemento de orixe: ORDINARIO 429/07

Órgano de procedencia: 1ª INSTANCIA Nº 7 DE VIGO

A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, composta polos maxistrados D. JULIO PICATOSTE BOBILLO, Presidente, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO e D. EUGENIO FRANCISCO MÍGUEZ TABARÉS pronunciou

NO NOME DO REI

a seguinte

SENTENZA Nº 717/10

Vigo, vinte e dous de outubro de dous mil dez.

VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordinario 429/07 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 7 de Vigo ós que correspondeu o rolo 3038/09, nos que aparece como parte

apelante-demandado-impugnado Dª Benita representada polo/a procurador/a D./D.ª FRANCISCO

JAVIER TOUCEDO REY e asistida do/da letrado/a D./D.ª Mª ASUNCIÓN ÁLVAREZ LOIS e como parte contra da que se apela e

demandante-impugnante Dª Fermina representada polo/a procurador/a D./D.ª JESUS GONZÁLEZ-

PUELLES CASAL e asistida do/da letrado/a D./D.ª CRISTINA GOLDAR SOTO.

É o maxistrado relator D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.

Antecedentes

Primeiro: O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 7 de Vigo, con data do 1 de setembro de 2008, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:

"Que estimando la demanda promovida por el procurador D. Jesús González-Puelles Casal en nombre y representación de Dña Fermina frente a Dña Benita debo condenar y condeno a la demandada a abonar a la actora la cantidad de 7.500 € más los intereses legales correspondientes desde la fecha de la presente resolución, sin efectuar especial pronunciamiento sobre las costas causadas."

Segundo: Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª Francisco Javier Toucedo Rey, en representación de D./D.ª Benita , presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC ).

Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 14 de outubro de 2010.

Terceiro: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.

Fundamentos

Primeiro: Ningunha dúbida pode caber sobre que a relación habida entre as contendentes ten a súa incardinación no contrato de opción de compra. Así se colixe paladinamente do propio documento privado no que plasmouse, no que de xeito reiterado fálase de "contrato de opción de compra", de "dereito de opción", de "ofertante" ou de "prima pola concesión do dereito", locucións específicas e expresivas daquel contrato. E se a esa clara e inequívoca literalidade engadimos pactos tales como a fixación dun termo para o exercicio do dereito de opción pola compradora (cláusula segunda), a prohibición de vender pola dona do ben durante ese prazo (cláusulas cuarta e séptima), ou, en fin, aquel que sanciona a perda da prima se non se chega formalizar a compravenda en prazo por decisión da compradora (cláusula décima), a conclusión obrigada é a de que atopámonos ante esa figura, para cuxa apreciación non é óbice, dacordo coa doutrina xurisprudencial, que se estipule, para o caso da consumación da compravenda, que do prezo total pactado se rebaixe a prima anticipada. Neste senso, proclama a sentenza do T. S. de data 22-6-2001 que "... los aspectos que se mencionan no son decisivos para diferenciar la compraventa de la opción de compra, pues nada obsta a que la prima de la opción pueda operar como parte del precio de la compraventa una vez perfeccionada ésta por la consumación de la opción mediante el ejercicio del derecho por el optante en tiempo y forma". En igual sentido semellan pronunciarse as sentenzas de 9-10-89 e 4-1-92.

Fronte a esa realidade contractual a parte actora invoca, para solicitar a restitución da prima (a mitade) un feito: a imposibillidade sobrevida da compravenda ante grave e inesperada enfermidade do pai, acontecimento, que en tese desa litigante, frustrou a obtención dun préstamo bancario, necesario para a adquisición da casa, por faltar o aval que aquel debía subscribir en garantía dese préstamo hipotecario.

Pois ben, a invocación da parte demandante, nin aparece suficientemente acreditada, nin podería ter, en todo caso, o efecto devolutorio da prima que estase pregonar.

En efecto, e en primeiro termo, non existe proba bastante de que a opción non podera chegar a bo porto por causas alleas á optante, sendo neste extremo insuficientes as declaracións da testemuña, Sr. Primitivo , e a certificación acompañada coa demanda (folio 33). Este documento non foi ratificado e completado polo seu emisor como testemuña, someténdose así ao mecanismo obrigado de contradicción. E se examina detidamente, non se afirma realmente nel que as entidades bancarias denegaran o préstamo, senón que a parte demandante da traslado, simplemente, da situación de grave enfermidade do pai aos bancos para evitar máis gastos. En fin, botamos de menos neste trascedente punto as propostas bancarias de préstamo, propias do caso, ou unhas certificacións dos bancos, ou a declaración dos empregados dos mesmos que participaron na operación financieira en cernes, sobre pormenores esenciais tales como as condicións en xeral do préstamo, e en especial sobre, en efecto, a necesidade, número e condicións de avalistas, ou, en último termo, sobre a denegación do préstamo polas entidades bancarias consultadas. E estas carencias non as vemos superadas nin colmadas polas declaracións da testemuña, Sr. Primitivo , imprecisas e, polo demáis, parella á sazón da actora. En conclusión, a necesidade e posterior imposibilidade de outorgar os avales, que se podían realizar certamente por apoderado, e o rexeitamento da financiación por mor daquela insalvable circunstancia sobrevida carecen do obrigado e suficiente refrendo probatorio.

Máis ainda admitindo -que non se admite- a concorrencia desa imposibilidade insuperábel do aval, debemos salientar que no contrato de opción non aparece ningunha referencia, nin tan siquera tanxencial ou indiciaria, á financiación da compravenda, ou á necesidade dun préstamo garantizado por avalistas, supeditándose así a validez e eficacia da opción a eses condicionantes. E doado sería naturalmente plasmar no contrato esas condicións en canto presupostos determinantes da opción de compra. O silencio observado, por non ter explicación, non pode tomarse máis que no sentido negativo.

Finalmente, todo o que se ven a razoar non pode verse desvirtuado pola invocación defensiva da demandante -apreciada fundamentalmente pola sentenza de primeira instancia- no senso de que o contrato de opción adolece dunha escuridade que tan só pode ser interpretada en contra do redactor do documento, é dicir, da parte demandada, ex artº 1.288 do Código Civil . Pois ben, tampouco temos constancia certa de que o contrato de opción fora obxeto de redacción unilateral da demandada, con exclusión da actora. Pola contra, das declaracións da testemuña referida, e inclusuo do propio interrogatorio da demandante, quen recoñece que inicialmente se pedía pola demandada como prima unha cantidade maior da finalmente convida no contrato, se colixen unhas negociacions previas que deron lugar ao envío dunha "minuta pro-forma" do contrato (folios 6 e seguintes), ata a culminación desas negociacións coa redacción do documento definitivo, do que rematou incluso por substituirse a forma de pagamento da prima da opción, de 15.000 euros, inicialmente por talón, por transferencia (folio 10).

En conclusión, convido un contrato de opción de natureza onerosa, ao estipularse unha prima polo exercicio do dereito de opción de compra, que se perdería se non chegaba a perfeccionarse a compravenda por decisión da hoxe demandante, tal como se dispuxo nas cláusulas terceira e décima do contrato, a consecuencia en estrictos termos xurídicos non pode ser entón outra que a de que esta contendente perdeu a prima, non podendo reclamala, nin tan siquera na porcentaxe do cincuenta por cento que reclama. O recurso da parte demandada debe conseguintemente prosperar.

Segundo: Rexeitamos, pola contra, a impugnación da sentenza, que a demandante circunscribe ao capítulo das custas procesuais da primeira instancia, interesando que se impoñan á contraparte. E é que fronte ás "dúbidas interpretativas"que manifesta ter a Xulgadora a quo para non facer unha especial declaración sobre esta materia, tales dúbidas non alcanzan a esta Sala, dada a claridade e contundencia da vontade contractual dos contendentes, tanto sobre a estipulación dun verdadeiro contrato de opción de compra, como sobre a consecuencia en discusión, da perda da prima por parte da actora, tal como ficou sentado.

Terceiro: A acollida do recurso da demandada, e o rexeitamento da demanda e da apelación da parte demandante, conducen a non facermos unha especial declaración sobre as custas procesuais desta alzada, derivadas do recurso da demandada, e a impoñer á actora as custas procesuais das dúas instancias, orixinadas pola súa demanda e o seu recurso de apelación ( artºs. 394 e 398 da L. A. C .).

Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,

Fallo

Que con estimación do recurso de apelación formulado por Benita contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia nº 7 de Vigo o día 1 de setembro de 2008, rexeitamos a demanda reitora deste preito, impoñendo á actora as custas procesuais da primeira instancia, orixinadas pola demanda, e sen facermos unha especial declaración sobre as desta alzada, derivadas dete recurso.

Desestimamos a impugnación promovido por Fermina , con expresa imposición á recorrente das custas procesuais do seu recurso.

Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia , de normalización lingüística.

Notifíqueselles ás partes a presente resolución, facéndolles saber que contra ela non cabe recurso ordinario ningún.

Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.

PUBLICACIÓN: En la misma fecha fue leída y publicada la anterior resolución por el Ilmo. Sr/a. Magistrado que la dictó, celebrando Audiencia Pública. Doy fe.

DILIGENCIA: Seguidamente se procede a cumplimentar la notificación de la anterior resolución. Doy fe.

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.