Sentencia Civil Nº 74/201...ro de 2016

Última revisión
21/09/2016

Sentencia Civil Nº 74/2016, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 77/2015 de 11 de Febrero de 2016

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico

Relacionados:

Tiempo de lectura: 11 min

Orden: Civil

Fecha: 11 de Febrero de 2016

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL

Nº de sentencia: 74/2016

Núm. Cendoj: 36057370062016100012

Resumen:
CUMPLIMIENTO OBLIGACIONES

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6

PONTEVEDRA

SENTENCIA: 00074/2016

AUDIENCIA PROVINCIAL

SECCIÓN SEXTA

SEDE EN VIGO

CIVIL

Rolo: 77/2015

Procedemento de orixe: Ordinario 764/2013

Órgano de procedencia: Instancia núm. 9 de Vigo

A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo,composta polos maxistrados D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, PRESIDENTE, D. JULIO PICATOSTE BOBILLO e D. EUGENIO FRANCISCO MIGUEZ TABARES,pronunciou

NO NOME DO REI

a seguinte

SENTENZA NUM. 74/16

En Vigo, a doce de febreiro de dous mil dezaseis.

VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordinario 764/2013 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 9 de Vigo, ós que correspondeu o rolo 77/2015, nos que aparece como parte apelante e demandado EXPLOTACION CARBURANTES CANIDO, S.A.,representada polo/a procurador/a D./D.ª Purificación Rodríguez González e asistida do/da letrado/a D./D.ª Jaime Carrea Rafael ,e como parte contra da que se apela e demandantes D./D.ª Belinda e D./ Marco Antonio , representados polo/a procurador/a D./D.ª Auxiliadora Ruíz Sanchez e asistida do/da letrado/a D./D.ª Pablo Guijarro Rodríguez.

É o maxistrado relatorD. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.

Antecedentes

Primeiro:O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 9 de Vigo, con data do 1/12/2014, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:

'Estimo íntegramente las pretensiones de D. Marco Antonio y parcialmente las de Dª Belinda y condeno a Explotación Carburantes Canido,SL a que cese en actividades molesta generadora de las inmisiones ruidosas absteniéndose a hacer uso de su derecho más alla de los limites legalmente extablecidos.

Condeno a Explotaciones Carburantes Canido, SL a pagar a Dña Belinda la suma de 3000 euros más el interés legal desde la fecha de demanda, sin hacer especial pronunciamiento en cuanto a costas.

Condeno a Explotación Carburantes Canido SL a pagar a D. Marco Antonio la suma de 4500 euros más el interes legal desde la fecha de demanda, con expresa condena en costas de Explotación Carburantes Canido SL'.

Segundo:Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª Purificación Rodríguez González, en representación de Explotación Carburantes Canido SL, presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).

Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 28/1/2016.


Fundamentos

Primeiro: Indiscutido entre os litigantes que foi no ano 2010 cando a parte demandada procedeu instalar un tren de lavado automático de vehículos -e que supón a fonte de ruidos- dentro do recinto da estación de servizo de carburantes, lindeiro co predio no que se ubica a vivenda dos actores, e ante a discrepancia daqueles sobre a normativa a aplicar nesa materia, cómpre delimitar exactamente a mesma, o que constitúe unha tarefa non precisamente doada, non só por cuestións competenciais, entre o Estado e as correspondentes Comunidades Autónomas e Concellos, senón tamén pola volatilidade desas normas, e sen esquecer, en fin, un elemento engadido que non facilita precisamente a indagación e concreción normativas, como é que aquelas normas de orde administrativa e regulamentaria, ainda que de importante relevancia, non son sempre as decisivas dado que, en último termo, están pensadas loxicamente para o ámbito público, e non estrictamente privado, de relacións entre particulares, propias na xurisdición civil na que debemos movernos exclusivamente, e sen prexuizo, claro é, debemos insistir, de que a norma civil, neste caso escasa, e representada no dereito común polo artigo 590 do Código Civil (que debemos considerar aplicable na nosa Comunidade pois a Lei galega de 2006 non contén ningunha especificidade) remítase a aquelas disposicións regulamentarias.

Pois ben, e en primeiro termo, a lexislación aplicable nesta Comunidade está representada pola Lei do Parlamento de Galicia de data 11 de agosto de 1997, de Protección contra a contaminación acústica, e no Decreto de 7 de maio de 1999, polo que apróbase o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, en relación coa Ordeanza Municipal do Concello de Vigo, de 16 de outubro de 2000, relativa á protección do medio contra a contaminación acústica producida pola emanación de ruidos e vibracións, modificada polo acordo do Pleno do Concello de 25 de febreiro de 2008 (BOP de 10 de abril deste ano), normativa municipal esta última sobre a que temos que realizar dúas puntualizacións previas: A) Que a Ordenanza Municipal supón unha copia practicamente total e literal das normas contidas naquelas outras dúas disposicións. B) Que a competencia administrativa para establecer os niveis específicos de ruidos é de cada Concello, tal como determina a Lei e o Decreto referidos (artº 3. 1 .).

Segundo:Delimitado o marco legal a aplicar, cómpre agora, en segundo termo, facer ata catro pronuncias, a xeito de premisas de feito das que partimos e damos por probadas: A) Que estamos ante unha zona de uso primordialmente residencial,ou en expresión da Ordenanza municipal, de moderada sensibilidade acústica (en contraposición ás de alta sensibilidade, como son as zonas sanitarias ou docentes, por exemplo), o que coleximos da elocuente proba documental achegada (en esencia, folios 85 e 106), reveladora dunha acumulación de vivendas no lugar. B) Que ainda que a estación de servizo poida ser anterior á edificación dos demandantes ( no plano do folio 106 semella que non aparece a vivenda, mentres que sí aparece xa a gasolineira), a instalación do tren de lavado automático de vehículos, no ano 2010, é indubidablemente posterior á construcción daquela casa. C) Que a máquina de lavado non funciona pola noite -feito alegado pola demandada e non negado polos demandantes-.D) Que como consecuencia da delimitación normativa e temporal precedentes, os máximos de ruido permitidos nesa zona de senibilidade acústica moderada, ou de uso principalmente residencial, son, en horas diurnas (dende as 8 ás 22), e en ambiente exterior, de 55 dB, e en ambiente interior, de 35dB.

Terceiro:A controversia fica agora circunscrita exclusivamente a determinar se os ruidos procedentes do tren de lavado automático de coches rebasa ou non os límites expresados, e a resposta ten que ser afirmativa, á luz das probas achegadas aos autos, e integradas polas tres medicións da Policía Local e, incluso, polo propio ditame pericial achegado pola parte demandada.

En efecto: A) As medicións da Policía Local, practicadas no interior da vivenda, e máis concretamente nun dos dormitorios, nos anos 2010, 2011 e 2.013, dan uns resultados de 55,6 dB, 40,8 dB e 38,5 dB., respectivamente, superiores todos eles aos 35 dB como máximo permitidos. B) Desas tres lecturas infirese que ten razón, efectivamente, a parte demandada, no senso de que fixo obras para minorar os ruidos, pero non de xeito dabondo pois a última proba segue exceder do autorizado. C) A invocación da recurrente no senso de que se tome en consideración soamente a última toma, porque as dúas primeiras non terían trascendencia polo xogo do instituto da prescrición extintiva, non só non pode aceptarse, senón que incluso examinarse, porque a excepción non foi oportunamente alegada, aparecendo agora, nesta alzada, como novidosa. D) A apelante non impugna realmente os resultados obtidos. E) Non hai ningún dato obxectivo que faga dubidar da certeza dos resultados sendo, pola contra, presumible a súa bondade, e, en fin, que os funcionarios municipais terían en conta outros factores que poidesen influir nas oportunas medicións dentro da casa. E) Pero se o dito non for dabondo -que sí o é a xuizo desta Sala-, a propia pericia da parte demandada confirma en realidade a conclusión que acadamos. Analizamos esta proba separadamente.

Cuarto: Verbo da pericia temos que realizar as seguintes consideracións: A) Que o perito non fixo medicións interiores, dentro da vivenda, senon exteriores, e na propia estación de servizo. B) Que dos dous puntos xeográficos de medición soamente debemos ter en conta o que se reseña como primeiro, en canto o máis próximo á vivenda, e menos distante do tren de lavado. C) Que as tomas no punto primeiro non semellan, sen embargo, ser as máis adecuadas pois ese punto atópase contiguo á estrada, o que pode interferir na proba. D) Que tan só temos que considerar os resultados obtidos no que o perito chama segunda faxe, pois é nela cando se pon en funcionamento a máquina. E) Partindo desta precisións, o perito reseña os resultados de 56,4 dB (de mañán) -táboas 8.3.1 e 9.1- , e 60;8 dB (de tarde) -táboa 8.3.2, ainda que na táboa 9.2 sinale 62 dB-. F) Por conseguinte, e ainda partindo desas medicións, e da normativa estatal que expresa -coincidente polo demáis coa Ordenanza municipal- , estaríase rebasar esa norma, dado que dacordo con ela o límite acústico está en 55 dB, e partindo -claro é- de que estamos ante zona de uso primordialmente residencial, tal como deixamos sentado.

A xeito de conclusión, das probas practicadas se infire que os ruidos da máquina exceden dos decibelios permitidos como máximo, tanto no exterior como interior da vivenda, de 55 e 35 decibelios, respectivamente.O motivo do recurso non se acepta.

Quinto:A parte recurrente, sen discutir a realidade dos padecimentos dos actores, cuestiona o nexo causal entre os mesmos e os ruidos procedentes do túnel de lavado. Problema que lévamos a examinar as probas que existen na lite, e que consisten en diversos informes médicos dos cónxuxes, e partindo, por último, da premisa de que a proba da causalidade incumbe necesariamente a este últimos, conforme ás regras da carga da proba do artigo 217 da L. A. C..

Pois ben, este tribunal acorda estimar o recurso verbo da actora, Dona Belinda , e non respecto do outro demandante, o seu marido, Don Marco Antonio . E é que a proba da causalidade ofrecida respecto daquela é practicamente inexistente.

Efectivamente, se achegan coa demanda dous informes médicos de Dona Belinda , de datas 21 de maio de 2012 e 21 de febreiro de 2013, referidos, única e exclusivamente, a unhas intervencións cirúrxicas de recambio valvular aórtico e imprantación de marcapasos, pero sen alusión ningunha -absolutamente ningunha- aos seus posibles padecimentos psicolóxicos, e menos ainda que podesen estar derivados dos ruidos da máquina de lavado. A pobreza probatoria leva a acoller o recurso da demandada.

Contrariamente, obran na causa ata tres informes médicos, dous de Médicos de Familia, o terceiro e máis relevante, dun Neurólogo, que proclaman un estado ansioso depresivo, de agobio, nerviosismo, desesperanza e trastornos do sono do demandante, Don Marco Antonio , que os médicos vencellan de xeito contexte co problema de lite. Estes instrumentos de proba, non desvirtuados por outros da mesma ou distinta natureza, condúcenmos lóxica e ponderadamente a aseverar a causalidade posta en entredito pola agora apelante. O seu recurso non se acepta pois, derradeiramente, a contificación do prexuizo, en 4.500 euros, que fai a sentenza ditada en primeira instancia, parécenos adeuada a aquelas doenzas,mantidas no tempo, dunha persoa octoxenaria.

Sexto:A estimación parcial da apelación conleva non facermos unha especial pronuncia sobre as custas procesuais desta alzada (artigo 398 da L. A. C.).

Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,

Fallo

Que con acollida en parte do recurso de apelación formulado por EXPLOTACION CARBURANTES CANIDO, S.L., representado polo Procurador Dña Purificación Rodríguez González, contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia núm. 9 de Vigo o día 1/12/201., desestimamos a pretensión da demandante, Dona Belinda . Non facemos unha especial declaración sobre as custas procesuais desta alzada.

Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1 , 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1 , 2 , 6.3 , e 7.2 e 3 da Lei 3/1983 , do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.