Última revisión
14/07/2015
Sentencia Civil Nº 77/2015, Audiencia Provincial de A Coruña, Sección 6, Rec 140/2013 de 31 de Marzo de 2015
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 9 min
Orden: Civil
Fecha: 31 de Marzo de 2015
Tribunal: AP - A Coruña
Ponente: TALLON GARCIA, LORENA
Nº de sentencia: 77/2015
Núm. Cendoj: 15078370062015100206
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6 (DESPL)
A CORUÑA
SENTENCIA: 00077/2015
AUDIENCIA PROVINCIAL DE A CORUÑA
SECCIÓN SEXTA
SANTIAGO DE COMPOSTELA
ROLO: RECURSO DE APELACIÓN (LECN) 140/13
Ilmo/s. Sr/es. Maxistrado/s:
D. ÁNGEL PANTÍN REIGADA -PRESIDENTE-
D. JOSÉ GÓMEZ REY
Dª LORENA TALLÓN GARCÍA
SENTENZA Nº77/15
Santiago de Compostela, 31 de marzal de 2015.
Vistos en grao de apelación ante esta Sección 6ª da Audiencia Provincial de A Coruña, con Sede en Santiago de Compostela, os autos do procedemento ordinario núm. 274/2011, procedentes do Xulgado de Primeira instancia núm. 6 de Santiago de Compostela, aos que correspondeu o rolo recurso de apelación núm. 140/2013, nos que aparece como parte apelante dona Bernarda e don Tomás , representados pola procuradora dona Ana Fernández Durán, e como parte apelada a entidade VFS Financial Services Sapis EFC SA, representada polo procurador don José Paz Montero, como demandada dona Esperanza , representada nos autos de Primeira instancia polo procurador don Ricardo García Piccoli Atanes, e como demandado rebelde don Juan Luis , e sendo Xuíz Relator dona LORENA TALLÓN GARCÍA, quen expresa o parecer da Sala, formulando os seguintes antecedentes de feito, fundamentos xurídicos e parte dispositiva.
Antecedentes
PRIMEIRO.- Seguido o litixio en cuestión polos trámites legais ante o Xulgado de primeira instancia núm. 6 de Santiago de Compostela, ditouse Sentenza en cuxa parte dispositiva se estableceu: 'Debo estimar en su integridad la demanda deducida por el procurador Sr. Paz Montero en nombre y representación de la entidad VFS Financial Services Spain EFC SA, asistida del letrado Sr. Miralles Gómez frente a don Tomás y doña Bernarda ambos representados por la procuradora Sra. Fernández Durán y asistidos de la letrada Sra. Troncoso Gonzalo y frente a doña Esperanza representada por el procurador Sr. García Pícollli Atanes y asistida del letrado Sr. Lozano Pardiño y frente a don Juan Luis declarado en rebeldía procesal y en consecuencia procede la condena conjunta y solidaria de los demandados al abono a la entidad actora de la cantidad de 81.988,59€ de principal más los intereses de demora pactados en el contrato.
La íntegra estimación de la demanda justifica la procedencia de condena en exclusiva al abono de las costas a la parte demandada.'
SEGUNDO.-Notificada dita resolución ás partes, a representación procesual de dona Bernarda e don Tomás , presentou recurso de apelación que foi admitido e, cumpridos os trámites correspondentes, eleváronse as actuacións a este Tribunal, sinalándose para a súa deliberación, votación e dispoño, o 28 de xaneiro de 2015, en que tivo lugar o acordado.
TERCEIRO.-Na tramitación deste procedemento observáronse as prescricións legais.
Fundamentos
PRIMEIRO.-A Sentenza apelada estimou a pretensión de cumprimento do contrato de arrendamento financeiro deducida pola actora, agora apelada, ao considerar o Xulgador a quo que, non resultando cuestionada polos demandados a eficacia do contrato mencionado formalizado polas partes, debe terse por acreditado tanto a ausencia de abono das cotas pactadas dende maio de 2009 como a adecuación da liquidación do saldo debedor ao concertado polas partes.
Fronte a dita Resolución alzáronse en apelación os demandados, dona Bernarda e don Tomás . Os agora apelantes, invocando como motivo do recurso o erro na valoración da proba e reiterando o exposto en primeira instancia, cuestionaron a liquidación da débeda efectuada pola demandante argumentando que da suma reclamada había que detraer a cantidade de 1.041,78€ que abonaron á demandante en concepto de seguro de vida así como a suma correspondente a xuros de demora.
SEGUNDO.-Conforme ao art. 456 da Lei de axuizamento civil ' en virtude do recurso de apelación poderá perseguirse , con arranxo aos fundamentos de feito e de dereito das pretensións formuladas ante o Tribunal de primeira instancia, que se revogue un auto ou sentenza e que, no seu lugar, se dite outro ou outra favorable ao recorrente, mediante un novo exame das actuacións levadas a cabo ante aquel tribunal e conforme a proba que, nos casos previsto nesta Lei, se practique ante o Tribunal de apelación'.A doutrina xurisprudencial e unánime no sentido de que a valoración probatoria levada a cabo polos tribunais de instancia, goza de singular autoridade, especialmente cando o que se valora son probas de índole subxectiva tales como declaración das partes ou de testemuñas. No obstante o exposto, as facultades revisoras do tribunal de apelación non poden entenderse limitadas. Pola contra o art. 456 da LAC, anteriormente transcrito, autoriza a levar a cabo unha nova ponderación do material probatorio.
TERCEIRO.-Partindo do exposto, tras un novo exame das actuacións, este Tribunal comparte as conclusións fixadas na resolución impugnada. Ponderados os distintos elementos de proba achegados debe concluírse que non procede detraer da cantidade reclamada a suma de 1.041,78€ que, segundo manifestaron os agora apelantes, terían abonado á demandante en concepto prima do seguro de vida. Tal e como se subliñou na Resolución impugnada nas actuacións non constan elementos de proba que permitan ter por acreditado que o pagamento invocado polos apelantes teña a súa orixe na relación contractual litixiosa. Pola contra os propios recorrentes sostiveron que dito pago tiña a súa orixe nun contrato de seguro de vida. Sendo isto así non consta ningún tipo de vinculación entre este último e o contrato de arrendamento financeiro no que a entidade demandante fundou as pretensións deducidas neste procedemento.
Igualmente debe decaer a pretensión dos apelantes de que se deduza da débeda reclamada a suma correspondente a xuros de demora ao non poder acoller este Tribunal a tese conforme a que constituíndo o vencemento anticipado unha cláusula penal, tal e como dispón o art. 1.152 do CC , debe entenderse que esta substitúe ao abono de xuros.
O contrato de arrendamento financeiro litixioso na súa condición cuarta recoñece ao arrendador -ante o incumprimento das obrigacións asumidas polos arrendatarios especialmente a falta de pago de calquera das cotas do prezo contractual- a facultade de dar por vencido anticipadamente o contrato resultando esixibles as cantidades que deberían ser pagadas durante o período contractual aínda non transcorrido. Neste caso do prezo contratualmente fixado, sen prexuízo do dereito a reclamar o importe das cotas vencidas e impagadas, deduciranse tanto o importe das cotas pagadas como as cargas financeiras das cotas pendentes de vencer. A cantidade resultante terá carácter líquido e esixible e xerará uns xuros de demora do 2% mensual.
Da referida previsión contractual non cabe concluír que o vencemento anticipado teña a condición de cláusula penal.
As cláusulas penais constitúen prestacións accesorias, polo común de índole pecuniario, a cargo do debedor, a través das que se sanciona o cumprimento irregular ou o cumprimento dunha obrigación principal, ao tempo que valora de modo anticipado a existencia, alcance e extensión dos prexuízos derivados de cumprimento deficiente ou incumprimento. Conforme ao criterio constante e uniforme do Tribunal Supremo, a STS 230/1992, de 7 de marzo subliñou que a cláusula penal desempeña «.. . bien una función coercitiva o de garantía, consistente en estimular al deudor al cumplimiento de la obligación principal, ante la amenaza de tener que pagar la pena, ya una función liquidadora del daño, o sea la de evaluar por anticipado los perjuicios que habría de ocasionar al acreedor el incumplimiento o cumplimiento inadecuado de la obligación, ora una función estrictamente penal consistente en sancionar o castigar dicho incumplimiento, atribuyéndose consecuencias más onerosas para el deudor que las que normalmente lleva aparejada la infracción contractual ...».
Así delimitado o concepto de cláusula penal debe concluírse que ao vencemento anticipado estipulado polas partes non se lle pode recoñecer, en puridade, dita condición por canto constitúe una cláusula que fai referencia a propia obrigación principal, aos termos nos que esta debe cumprirse, sen integrar unha obrigación suplementaria ou accesoria para o debedor.
Pola contra a indemnización prevista para o suposto no que se acuda ao vencemento anticipado si constitúe unha cláusula penal cuxa eficacia depende, precisamente, de dito vencemento por causa imputable ao arrendatario e ven destinada a paliar o lucro cesante ou a perda de expectativas de beneficio para a arrendadora que outorgou o contrato coa outra parte por un período irrevogable e polo que se pactaron as condicións económicas do arrendamento financeiro, entre elas, a facultade de poder resarcirse da parte de amortización do vehículo obxecto do contrato, que non se cubra cando o recupere, tendo en conta que a depreciación do seu valor de mercado a miúdo supera a súa amortización contable.
CUARTO.-Desestimado o recurso de apelación, condenando á apelante ao abono das custas da segunda instancia a tenor do disposto no art. 398 en relación co art. 394, ambos da LAC.
Por todo o exposto, vistos os preceptos legais citados, os seus concordantes e demais de xeral e pertinente aplicación,
Fallo
A Sala acorda desestimar o recurso de apelación interposto pola representación procesual de dona Bernarda e don Tomás e, en consecuencia, confirma a Sentenza de data 18 de decembro de 2012 ditada polo Xulgado de primeira instancia núm. 6 de Santiago de Compostela no procedemento ordinario núm. 274/2011.
Impóñense á parte apelante as custas procesuais xeradas nesta instancia.
Notifíquese esta resolución, en legal forma, ás partes e fágaselles saber que, conforme preceptúa o artigo 248-4º da Lei Orgánica do Poder Xudicial, contra ela cabe recurso de casación por interese casacional que deberá ser interposto ante esta Sección, no prazo de 20 días a contar dende o
seguinte a notificación da mesma.
Dentro do prazo legal, devólvanse as actuacións orixinais con testemuño desta resolución ao Xulgado de procedencia, para a súa execución e cumprimento.
Así por esta resolución da que se porá certificación literal no Rolo de Sala da súa razón, incluíndose o orixinal no Libro correspondente, o pronunciamos, mandamos e asinamos.
PUBLICACIÓN.- Dada, lida e publicada foi a anterior Sentenza pola Xuíz que a ditou, estando celebrando audiencia pública nomesmo día da súa data, do que eu, o Secretario Xudicial, dou fe.
