Última revisión
04/04/2013
Sentencia Civil Nº 91/2013, Audiencia Provincial de Lugo, Sección 1, Rec 57/2013 de 13 de Febrero de 2013
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 11 min
Orden: Civil
Fecha: 13 de Febrero de 2013
Tribunal: AP - Lugo
Ponente: FERREIRO BAAMONDE, XULIO XOSE
Nº de sentencia: 91/2013
Núm. Cendoj: 27028370012013100091
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 1
LUGO
SENTENCIA: 00091/2013
ILMOS. SRES.:
D. JOSÉ ANTONIO VARELA AGRELO
D. JOSÉ RAFAEL PEDROSA LÓPEZ
D. XULIO XOSÉ FERREIRO BAAMONDE (suplente)
Lugo, trece de febreiro de dous mil trece.
A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Lugo viu, en grao de apelación, o rolo de sala n.º 0000057/13, dimanante dos autos de xuízo de , seguido no Xulgado de Primeira Instancia nº Un de Monforte de Lemos, sobre reclamación de cantidade. Foron partes no recurso, como apelante MOTOTRANS S.L.,representada pola procuradora Sra. MARIA OLIVA ACUÑA SANTAMARINA e baixo a dirección do letrado Sr. García Ortiz de Urbina , e apelado Geronimo representado pola procuradora Sra. MARIA RAQUEL SABARIZ GARCIA e asistido do letrado Sr. CARDELLE GONZÁLEZ, e tamén apelado AUTOTRADE CENTER S.Lrepresentado pola procuradora de 1ª Instancia Sra. CAO PÉREZ, e asistido do Letrado Sr. Tafalle Rodríguez. Actúa como maxistrado-relator o Iltmo. Sr. D. XULIO XOSÉ FERREIRO BAAMONDE.
Antecedentes
PRIMEIRO.- Con data 19 de xullo de 2.012, o Xulgado de Primeria Instancia nº Un de Monforte de Lemos, dictou unha sentencia que na súa parte dispositiva di: 'FALLO: Que DEBO ESTIMAR Y ESTIMO la demanda interpuesta por D. Geronimo condenando a Moto Trans S.L. a abonar a D. Geronimo la cuantía de 7932,65 €'.,así como se le condena a Moto Trans al pago de intereses procesales en los términos dispuestos en el Fundamento Jurídico Cuarto de esta Sentencia. Se absuelve a Autotrade Center S.L. de todos los pedimentos formulados en la demanda contra ella. Se condena asimismo a Moto Trans S.L. al pago de las costas procesales.
SEGUNDO.- A parte demandada Mototrans, S.L. interpuxo un recurso de apelación contra a devandita sentencia, téndose por preparado o mesmo e cumpridos os trámites do art. 458 e seguintes da L.A.C. 1/2000 eleváronse as actuacións a esta Sección Primeira da Audiencia Provincial para a resolución procedente.
TERCEIRO.- Na tramitación do presente recurso observáronse, en ámbalas dúas instancias, tódalas formalidades legais.
Fundamentos
Acéptanse os da resolución recorrida no que non contradigan aos seguintes.
PRIMEIRO.-O presente recurso de apelación ten a súa orixe na impugnación da sentencia de instancia realizada pola entidade condenada GRUPO MOTOTRANS, S.L., en base aos seguintes motivos: en primeiro lugar, infracción procesual respecto da lexitimación pasiva; segundo, erro de feito na apreciación ou valoración da proba; terceiro, infracción do art. 496.2 LAC e xurisprudencia concordante e, por último, infracción do art. 23.1 da Lei 16/1987 , de 30 de xullo, de Ordenación do Transporte Terrestre, así como por aplicación indebida do art. 3.4 do ROTT, e xurisprudencia concordante.
SEGUNDO.-O primeiro dos motivos céntrase na alegada falla de lexitimación pasiva da recorrente, por entender tanto que MOTOTRANS non existía no momento no que acaeceron os feitos obxecto do presente litixio - falta de capacidade para ser parte - así como que non foi a entidade condenada a que realizou o transporte no cal se entende acreditado pola sentencia de instancia que está a orixe dos danos cuxa indemnización se reclamaba na demanda (falla de lexitimación pasiva). A alegación, en suma, resúmese no feito de que o transporte da motocicleta que resultou danada non se realizou pola empresa condenada, senón por outra sociedade de denominación semellante - MOTOTRANS S.L.. O motivo, porén, non pode ser acollido por esta Sala. A falla de constitución da sociedade condenada no momento no que aconteceron os feitos non é determinante da súa falla de capacidade para ser parte neste procedemento. Ben podería selo porque a súa constitución deriva da transformación dunha sociedade anterior con semellante obxecto social e denominación - o que non consta na escritura de constitución de GRUPO MOTOTRANS SL -, ou ben porque, previamente á súa constitución a entidade viñese funcionando no tráfico mercantil. Este último suposto é o que recolle o art. 6.2 LAC, ao establecer que ' poderán ser demandadas, en todo caso, as entidades que, non tendo cumprido os requisitos legalmente establecidos para constituírse en persoas xurídicas, estean formadas por unha pluralidade de elementos persoais e patrimoniais postos ao servizo dun fin determinado'. Deste xeito a LAC procura protexer a aqueles que actúan no tráfico xurídico con entidades con aparencia societaria, sen necesidade de obrigar aos mesmos a indagar na existencia dunha cobertura formal tras esta actuación.
Nese suposto, fica acreditado, e así o declarou a sentenza de instancia, que o transporte da motocicleta foi realizada pola entidade que actuaba no tráfico mercantil baixo a denominación comercial de MOTOTRANS e así se desprende non só da declaración das partes, senón da acta levantada pola Policía Municipal de Monforte de Lemos e do correo electrónico que unha traballadora da condenada remitiu ao demandante e no que se recoñecen os danos existentes na motocicleta. E non é dubidoso que esta entidade é a mesma á que se condena na sentenza, posto que non só o seu domicilio social é o mesmo, e o obxecto social de GRUPO MOTOTRANS, SL tamén inclúe, como primeira actividade a de 'transporte de motos', senón porque mesmo a citación xudicial trala intervención provocada de MOTOTRANS foi recollida por Dna. Vanesa , en condición de socia, tal e como consta no acuse de recibo da cédula de citación (fl. 57), sendo Dna. Vanesa unha das socias de GRUPO MOTOTRANS, SL. En consecuencia, existindo a capacidade para ser parte de GRUPO MOTOTRANS, SL., aínda antes da súa constitución formal como sociedade, e sendo esta entidade a que realizou o porte da motocicleta que se sitúa como orixe dos danos reclamados, debe decaer este primeiro motivo de apelación.
TERCEIRO.-O segundo dos motivos alegados é a existencia de erro na apreciación ou valoración da proba pola xulgadora a quo. A recorrente entende que se produciu na sentencia de instancia un xuízo de valor irrazoábel, erróneo e contrario ás regras da sana lóxica, ao entender existente a responsabilidade da empresa transportista cando as partes negaron ter contratado con dita Sociedade. Igualmente entende a recorrente que a atribución do correo electrónico enviado pola entidade Motor Trans ao demandante non pode facerse á empresa condenada, o que constituiría un novo erro probatorio.
Mais neste caso quen erra non é a xulgadora, senón a recorrente, xa que imputa á sentencia vicios que esta non posúe. En primeiro lugar porque da lectura completa da sentencia, e non só do fragmento seleccionado pola apelante, doadamente se desprende que o feito no que non existe acordo entre as partes non é en se o contrato de transporte se realizou coa condenada, senón, o que é cousa diferente, se quen foi parte en tal contrato xunto con GRUPO MOTORTRANS SL, foran ben o Sr. Geronimo , ou ben AUTOTRADE. É dicir, a negativa de ambos era relativa a quen contratou, mais non ao feito da existencia do contrato de transporte en si mesmo, razón pola cal non se pode apreciar ningunha valoración probatoria de carácter irracional ou arbitrario, senón máis ben, unha acorde coas regras da sana crítica.
Igualmente, no que respecta ao correo electrónico mencionado, este vén remitido pola entidade con nome comercial MOTOTRANS (non Motor Trans, como se sinala no recurso), e a correspondencia deste nome comercial coa entidade condenada foi xa xustificada no fundamento xurídico anterior. En consecuencia, o motivo non pode ser acollido.
CUARTO.-Alégase en terceiro lugar a infracción do art. 496.2 LAC, ao entender que a xulgadora a quo, diante da rebeldía da condenada tivo á mesma por recoñecidos os feitos alegados polo demandante, e concretamente o feito da sinatura do albarán de entrega e da reclamación de danos ao porteador no momento de entrega da mercancía. Efectivamente, de terse por probados estes feitos pola simple ausencia da parte que se atopa en rebeldía, o motivo debería de prosperar, mais isto non é o que sucede no presente suposto.
A xulgadora a quodá por probada a sinatura do albarán e a correspondente reclamación á entrega da motocicleta en base á proba presentada polo demandante e diante da ausencia de proba en contrario da demandada rebelde, utilizando para isto unha presunción xudicial. Esta presunción ten como feitos base, ou probados, tanto a entrega da moto, como a comparecencia no lugar de entrega da Policía Municipal de Monforte, así como o clausulado das 'condicións de transporte' fixadas por MOTOTRANS, indicios dos cais a xulgadora infire racionalmente que, como é práctica común nestes supostos, e diante da ausencia de proba en contrario, se produciu a sinatura do albarán e a reclamación in situ. Para que se non chamar á policía municipal? Non existindo, polo tanto, a infracción legal sinalada, o motivo debe desestimarse.
QUINTO.- O último dos motivos de apelación refírese a indebida aplicación dos arts. 23.1 LOTT e 3.4 ROTT. Esta infracción tería que ver coa interpretación do concepto de dolo do transportista, cuxa concorrencia tería como consecuencia a inaplicación do límite da responsabilidade do transportista, fixados nos preceptos sinalados en 4.5 euros por quilogramo. A sentencia de instancia, con cita de numerosa xurisprudencia, acode á tradicional equiparación no dereito español dos conceptos de dolo e neglixencia grave, entendendo que ao transportista se lle esixe un deber de dilixencia superior ao normal e equivalente ao do 'bo profesional'. Do mesmo xeito observa que no presente suposto se produciron fortes danos na mercancía transportada, que ocasionaron unha reparación cuantiosa e, habida conta de que a empresa MOTOTRANS ten como actividade social principal o trasnporte de motocicletas, debería saber transportar a moto nas debidas condicións, considera que nos atopamos diante dun suposto de culpa grave do transportista na súa obriga de custodia da mercadoría entregada, motivo polo cal non se aplica a mencionada limitación cuantitativa na responsabilidade do porteador e se estima integramente a demanda en relación con este.
A recorrente afirma que a existencia de culpa grave para non aplicar a limitación da responsabilidade do transportista debe interpretarse de xeito restritivo, polo carácter excepcional e restritivo da mesma, citando variada xurisprudencia que reflicte dúas diferentes interpretacións por parte das Audiencias Provinciais, unha delas acorde co acollido na sentencia de instancia e outra restrinxindo ao suposto estrito de dolo directo a excepción do art. 3.4 ROTT. Sen embargo, a frecuencia destas dúas liñas non se pode entender semellante, senón que dunha análise da xurisprudencia das Audiencias Provinciais pode doadamente comprobarse que a primeira das posicións é a maioritaria, posto que a maior parte dos tribunais de alzada optan por seguir a liña xurisprudencial marcada polo Tribunal Supremo, contida entre outras, na STS de 9 de marzo de 1992 , que declara que deben entenderse dolosamente queridos os resultados que, sen seren intencionadamente perseguidos, aparezan como consecuencia necesaria da acción, sen esquecer a mitigación do rigor da regra tradicional sobre carga da proba, que se atempera en casos como o presente, polo principio de facilidade probatoria e de proximidade das fontes de proba, dada a evidente dificultade de demostración a cargo do cargador, da infracción consciente e espontánea do porteador. ( SS. AP de Barcelona (15) de 18 de xuño de 2009, ou AP de Jaén de 26 de xaneiro de 2006 , entre outras).
En consecuencia, neste caso a gravidade dos danos e o necesario deber de dilixencia dun bo profesional que se lle esixe ao transportista, como afirma a sentenza recorrida, dan a entender a existencia dunha culpa grave, asimilábel ao dolo de acordo co anteriormente sinalado, polo que, diante da ausencia dunha explicación da demandada sobre a existencia da dilixencia debida, debe levar a declarar, como así fai tamén a sentenza recorrida, a responsabilidade de GRUPO MOTOTRANS SL por todos os danos causados na motocicleta transportada e, en consecuencia, rexeitar na súa integridade o presente recurso.
SEXTO.- De acordo co sinalado polo art. 398 en relación co 394, ambos da LAC, a desestimación íntegra do recurso debe levar, non atopándose dúbidas xurídicas ou fácticas que xustifiquen o contrario, á condena nos custes procesuais do recorrente.
En consecuencia, vistos os preceptos sinalados e demais de aplicación,
Fallo
DESESTIMAR NA SÚA INTEGRIDADE o recurso interposto pola mercantil GRUPO MOTOTRANS S.L., contra a sentenza de 19 de xullo de 2012, ditada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Monforte de Lemos en procedemento ordinario 130/2011, CONFIRMANDO A MESMA en todos os seus estremos, e condenando nos custes procesuais á recorrente.
Transfírase á conta especial 9900 o deposito constituido para recorrer.
Así, por esta nosa sentencia, da que se unirá certificación ó rolo de sala, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.
