Última revisión
30/12/2010
Sentencia Civil Nº 979/2010, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 3081/2009 de 30 de Diciembre de 2010
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 18 min
Orden: Civil
Fecha: 30 de Diciembre de 2010
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 979/2010
Núm. Cendoj: 36057370062010100876
Núm. Ecli: ES:APPO:2010:3136
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00979/2010
AUDIENCIA PROVINCIAL
SECCIÓN SEXTA
SEDE EN VIGO
CIVIL
Rolo: 3081/09
Procedemento de orixe: ORDINARIO 821/07
Órgano de procedencia: 1ª INSTANCIA Nº 6 DE VIGO
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, composta polos maxistrados D. JULIO PICATOSTE BOBILLO, Presidente, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO e D. EUGENIO FRANCISCO MÍGUEZ TABARÉS pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENZA Nº 979/10
Vigo, trinta de decembro de dous mil dez.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordinario 821/07 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 6 de Vigo ós que correspondeu o rolo 3081/09, nos que aparece como parte
apelante-demandante Dª Eufrasia representada polo/a procurador/a D./D.ª JOSE MARQUINA VÁZQUEZ e
asistida do/da letrado/a D./D.ª JESUS GARRIGA DOMÍNGUEZ; como parte apelante-demandada D. Guillermo representada polo/a procurador/a D./D.ª SUSANA BOQUETE RODRÍGUEZ e asistida do/da letrado/a
D./D.ªINMACULADA LÓPEZ FERNÁNDEZ; e como parte contra da que se apela e demandados D. Luis representada polo/a procurador/a D./D.ª JAVIER TOUCEDO REY e asistida do/da letrado/a D./D.ª PATRICIA
ALONSO-MACIAS JORRETO e a entidade GONFIMAVI S.L. representada polo/a procurador/a D./D.ª AURORA ALONSO
MÉNDEZ e asistida do/da letrado/a D./D.ª GONZALO J. ORDOÑEZ PUIME.
É o maxistrado relator D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.
Antecedentes
Primeiro: O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 6 de Vigo, con data do 26 de setembro de 2008, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:
"Que estimando parcialmente la demanda presentada por la Procuradora de los Tribunales Sra. Marquina Vázquez en la representación de Dña. Eufrasia contra D. Guillermo , representado por la Procuradora Sra. Susana Boquete, Debo condenarlo y condeno al pago de setenta y un mil ciento setenta y tres euros con setenta céntimos (71.173,70 Euros), más los intereses legales de la anterior cantidad, sin que hay lugar a condena en costas.
Que desestimando la demanda presentada por la anterior representación contra D. Luis representado por el Procurador Sr. Toucedo Rey y contra la mercantil GONFIMAVI, S.L., representada por la Procuradora Sra. Alonso Méndez, debo absolverlas y las absuelvo de las pretensiones deducidas de adverso, con imposición de las costas a la actora."
Segundo: Contra a dita sentenza os procuradores D./D.ª JOSE MARQUINA VÁZQUEZ e Dª SUSANA BOQUETE RODRÍGUEZ, en representación de D./D.ª Eufrasia e D. Guillermo , respectivamente, presentaron uns recursos de apelación, que foron admitidos en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC ).
Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 11 de novembro de 2010..
Terceiro: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.
Fundamentos
Primeiro: A actora reproduce nesta alzada a súa pretensión indemnizatoria de condena respecto dos codemandados, Luis e a entidade Gonfimavi, S. L., pretensión que analizamos, en primeiro lugar, por razóns puramente sistemáticas, e deste xeito damos tamén resposta á petición que no mesmo sentido semella facer o codemandado, Guillermo , no seu escrito de recurso de apelación contra a sentenza ditada en primeira instancia, dado que ainda que un codemandado non pode instar a condena doutro codemandado, nin no seu escrito de contestación á demanda contra el formulada nin, no seu caso, polo canle da apelación, o certo é que o que decidamos sobre aquela primeira pretensión da parte actora ven incidir, directa e inseparablemente, sobre a segunda, artellada no mesmo xeito pola defensa do demandado, Sr. Guillermo .
Segundo: Non son precisas especiais e complexas consideracións de orde xurídica para desbotar a condena dos codemandados absoltos na primeira instancia, a persoa individual, Sr. Luis e a persoa xurídica, Gonfimavi, S.L., sucesivos arrendatarios do local, fonte este das inmisións por ruidos, que deron lugar, no proceso antecedente, ás correspondentes indemnizacións a prol da nel demandante, a dona da vivenda sita no andar superior do inmoble.
Por unha banda, a desestimación da demanda reitora do preito presente, polo que fai ao demandado, Luis , resulta -por expresalo resumidamente- da falta de proba bastante de que este demandado fora o causante daquelas inmisións, pois sendo certo que foi o arrendatario que polo ano 1985 instalou no establecimento alugado os aparatos de aire causantes dos ruidos, non é menos verdade que non temos constancia ningunha, tal como atinadamente advirte e xulgadora a quo, de que esas inmisións se produxeran baixo a vixencia do contrato de aluguer concertado con devandito demandado, e vixente desde o día 1 de maio daquel ano ata o día 10 de novembro de 1999, no que se traspasou o local e celebrouse un novo contrato de aluguer co novo arrendatario, Guillermo . Contrariamente, se algo cabe deducir das probas existentes nos autos é que durante a vida desa relación arrendaticia non houbo ningunha inmisión. A demanda anterior, promovida pola propietaria da vivenda superior, é de data de 17 de xaneiro do ano 2003, e as inmisións que proclama as sitúa nese ano, e remontándose ao ano anterior soamente. Concretamente, se fala na demanda da necesidade de abandonar o domicilio, por mor dos ruidos, "fai aproximadamente un ano". E as pericias que obran nesa causa ningunha alusión conteñen a ruidos anteriores. Referida actora non demanda a Luis , o que non semella explicable se estimara a este como autor das inmisións. Consta, por outra banda, nesa causa antecedente (en esencia, folio 741) o informe favorábel do Inxenieiro Técnico Industrial do Concello de Vigo, de data 14 de agosto de 1985, despois de xirada visita de inspección co obxecto específico de comprobar as condicións do local con relación "á transmisión de ruidos ao exterior", ditaminando expresa e definitivamente que "o nivel de ruidos transmitidos á vivenda está dentro dos límites tolerados. Ditame que consideramos lóxicamente como crucial e determinante, e que pon de relevo a inexistencia de carencias no local naquela época. Por último, e tal como advirte o arrendatario recorrido, o longo tempo de duración da súa relación arrendaticia, de arredor de catorce anos, sen ningunha denuncia, viría corroborare a alleidade dese arrendatario coas inmisións, á postre producidas, en conxunción coa idea de que o tempo obriga a efectuar labores de mantemento, cando non de reforma, de toda instalación, obras de mantemento polo demáis decididas especificamente pola propia sentenza recaida no litixio precedente que comentamos, cando na súa parte dispositiva se condena á demandada "a realizar un mantemento das máquinas axustando os rodamentos, aliñacións de polea coa correa de transmisión e cambiar o piñón reducindo a capaciadde de extracción" (folio 94 dos presentes autos). En definitiva, a actora debe acreditar, ex artº 217 da L.A.C ., o comportamento indilixente ou vulnerador das súas obrigas por parte dese arrendatario, e non da debido cumprimento a esa carga probatoria, sen que sexa suficiente, en fin, a aportación do documento de data 10 de xuño de 1997 (folio 580), en canto referido a un aparato (compresor de aire "acondicionado") que non semella ser o causante dos ruidos, en canto que, dunha parte, parece ignorarse polas pericias, e doutra, se instala, segundo parece, nunha parede medianeira do Sr. Justo , e non no interior do establecimento.
Terceiro: O rexeitamento da demanda formulada contra o outro demandado, Gonfimavi, S. L., é ainda máis patente. Basta para chegar a esta conclusión con un só dato: a condena -e os prexuixos padecidos- da parte demandante ten lugar por feitos ou actuacións anteriores ao contrato de aluguer celebrado por esa sociedade. Por decilo doutro xeito, se esta última non ostentaba á sazón a condición de arrendataria, non é viable xurídicamente declarar a súa responsabilidade con basamento nesa cualidade.
O recurso formulado pola parte demandante sobre os dous extremos referidos non pode acollerse.
Cuarto: Examinamos agora os distintos motivos do recurso de apelación invocados polo demandado, Sr. Guillermo , e que aluden á excepción de cousa xulgada, á falsidade documental, e á falta de motivación da resolución recorrida. Motivos que non poden correr mellor sorte adversa que os anteriormente analizados, polas razóns que pasamos expoñer.
Primeiramente, non se axusta á realidade a alegación da parte da falta de motivación da sentenza ditada en primeira instancia. Contrariamente, a mesma contén unha exposición esmiuzade e ampla, tanto dos feitos básicos que da por acreditados -con remisión aos instrumentos ou fontes de proba-, como das normas aplicables, coas conseguites decisións, todo iso respetando escrupulosamente o contexto de alegacións das partes contendentes. E boa proba da falta de fundamento desa denuncia é a súa xeralidade, ou que non se remata por concretar a carencia de motivación. Decir, como asevera o recorrente, que descoñece as causas polas que se lle condena e polas que se absolve aos outros demandados, tan só é explicábel se fixo oidos xordos á sentenza de primeira instancia, máis concretamente, ao seu fundamento de dereito cuarto, onde se explicitan e razoan as causas desas diferentes decisións, condenatoria para o apelante, e desestimatoria para os outros dous demandados. Cuestión diametralmente distinta -e lexítima- é que non comparta esa motivación.
En segundo lugar, e polo que concerne á falsidade documental, co argumento de que a parte actora aporta tan só parte dunhas actuacións, e non a súa integridade, tal como anunciou, a invocación da parte carece de toda consistencia, tanto porque as partes litigantes son libres e soberanas de traer ao proceso civil os instrumentos de proba que estimen pertinentes en defensa dos seus respectivos intereses, como porque, e conseguintemente, o agora apelante gozou do mesmo dereito, de aportar ao procedimento aquela documental que sostén que non o fixo a contraparte.
Tampouco pode apreciarse, en terceiro lugar, a excepción de cousa xulgada pola levanza dun proceso anterior. Nin as partes litigantes eran as mesmas, nin a súa respectiva posición xurídica era igual, nin a razón de pedir nun e noutro preito eran coincidentes nin, en fin, e o que é máis importante e decisivo, ao ser o argumento esencial esgrimido polo apelante en apoio desta excepción, o mesmo foi absolto no proceso primeiro por non entrarse na cerna do asunto respecto del. Efectivamente, presentada a demanda inicial por parte da dona da vivenda superior contra da hoxe demandante e contra do agora demandado apelante, respecto deste pola súa condición de arrendatario, e advertido durante ese litixio o cambio de arrendatario, aquela inicial demandante ven abandonar a súa pretensión indemnizatoria respecto do demandado, Sr. Guillermo , tal como coleximos do seu escrito de data 18 de xuño de 2003 (folio 346). E é esta postura da demandante a que levou, precisamente, á xulgadora que coñeceu do preito antecedente a desestimar a demanda -formalmente tan só, e nunha expresión realmente pouco atinada- contra daquel inicial demandado, reducindo conseguintemente a condena á que hoxe é demandante. A este respecto, as expresións contidas na sentenza de 20 de outubro de 2003, "interesando a parte actora a continuación do procedimento unicamente co titular do inmoble" (fundamento de dereito segundo), e "con absolución de Guillermo , ao ter perdido este a súa condición de arrendatario do local" (fundamento de dereito oitavo, in fine), excusan, pola sua claridade e univocidade, da necesidade de calquera outro comentario.
Quinto: A Sala comparte, e fai seus os argumentos da sentenza ditada en primeira instancia para chegar é decisión de condena contra do demandao apelante. Abundamos entón simplemente sobre esa liña argumental.
O fundamento ou causa petendi da demandante neste litixio é moi simple: como foi condenada no proceso anterior (dada a sua condición de dona do local do que emanaban as inmisións de ruido hacia a vivenda inmediatamente superior) a indemnizar á dona desta vivenda os danos e perdas -por expresalo simplificadamente- padecidos por esta última por mor de referidas inmisións; como, por unha banda, o local estaba alugado ao demandado; e como, por outra, considera que os ruidos son imputables ás obras de acondicionamento do local, efectuadas por este arrendatario, exercita a acción de resarcimento contra este último. Ou se se prefire, a razón de pedir da actora parte dun dobre presuposto de feito, a súa inimputabilidade respecto dos ruidos, e a atribución dos mesmos ao demandado.
Pois ben, partindo da anterior premisa, así como de que non hai a máis mínima constancia, inmediata nin indiciaria, dunha actuación da demandante, que directa ou colateralmente contribuira ás inmisións -volveremos sobre isto-, toda a cuestión céntrase agora en se as mesmas son atribuibles, pola contra, ao recorrente. Cuestión que faise merecente dunha resposta afirmativa pois as probanzas que obran nas actuacións poñen de relevo, con certeza, que os ruidos acaecen baixo a vixencia da relación arrendaticia habida entre o apelante, como arrendatario, e a demandante, como arrendadora do local litixioso. Efectivamente, así se colixe do informe acompañado coa anterior demanda, de data 8 de xullo de 2002 (folios 199 e seguintes), e do ditame rendido polo perito xudicial, Sr. Victorino (folios 582 e seguintes), informes que non poden verse desvirtuados polo prestado polo perito, Acusti Control, Inxenieiría Acústica (folios 283 e seguintes), quen se atreve afirmar a bondade das instalacións do local de xeito teórico, ou sen a posta en funcionamento daquelas instalacións, ou o que é o mesmo, e por empregar a expresión dese ditame, sen realizar "unha medición acústica in situ", que se proclama, para colmo, como imprescindible pola propia pericia. Ante esta inxustificábel e groseira carencia folgan máis consideracións para descartar sen remisión este último ditame. En conclusión, se os ruidos, probados, tiveron lugar baixo a existencia do contrato de aluguer celebrado polo Sr. Guillermo coa condición de arrendatario, e non temos en cambio dato ningún -ni tan siquera indiciario, como algunha denuncia ou queixa- de que eses ruidos existiran anteriormente, a condena dese arrendatario é obrigada, en canto causante e responsable das inmisións causadas no contexto contractual do arrendamento do local e da explotación do negocio, responsabilidade que non pode facerse extensiva, pola contra, á arrendadora xa que, e xa para rematar: A) As obras necesarias para o acondicionamento do local a cafetería -inicialmente destinado a axencia de transportes- foron empredidas e asumidas pola parte arrendataria, consonte ao pactado no correspondente contrato de arrendamento (cláusula vixésimo segunda). B) A institución do traspaso supón un negocio de cesión (de dereitos e obrigas) concertado entre arrendatario cedente e arrendatario cesionario, ao que é allea a parte arrendadora, tanto en canto a súa perfección (non se require o consentimento do arrendador, ex artºs. 29 e seguintes da L. A. U. de 1964, e 32. 1 da L. A. U. de 1994) como, e conseguintemente, ao seu alcance e efectos, arrendador que tan só ten facultades que non afectan a ese contido negocial, tales como, e segundo os casos, a de participar no prezo do traspaso, a dun incremento da renda, ou aos dereitos de adquisición preferente. C) Ante a sen solución de continuidade dos traspasos, ningún reproche culpabilístico cabe facer á arrendadora, en canto allea ás obras de acondicionamento, que resultaron á postre insatisfactorias, e ao non entrar en ningún intre da vida da relación arrendaticia na posesión e disponibilidade do ben dado en aluguer.
O motivo do recurso do demandado non prospera.
Sexto: Impugna o demandado apelante, en segundo termo, o importe de 71.173,70 euros, outorgado á demandante pola sentenza de primeira instancia, importe que aquel primeiro considera excesivo. Impugnación que debe estimarse en parte, e nos termos que de seguido pasamos expoñer, ao non compartir a Sala a postura da Xulgadora de primeiro orde, de conceder aquela suma, co argumento - que simplificamos moito- de que foi a cantidade realmente desembolsada pola hoxe actora na faxe de execución da sentenza ditada no proceso anterior, e no que foi demandada e, finalmente, única condenada.
En efecto, e como a parte demandante resultou condenada no preito precedente a facer unha serie de obras de acondicionamento no local, ou se se prefire, e en expresión utilizada por ela mesma na súa demanda, "a asumir o custe dunhas obras de acondicionamento dun negocio, que afectaban única e exclusivamente ao illamento acústico do mesmo" (feito primeiro da demanda, baixo o epígrafe de "xustificación da demanda"), soamente pode reclamar o montante referido a ese capítulo, máis non outros conceptos, colaterais e non obrigados, que non resulten estricta e directamente do propio fallo da sentenza, senón que sexan produto das posturas procesuais adoptadas naquel proceso (recursos, incidencias...), ora na súa faxe declarativa, ora en trance de execución, e menos ainda aqueles capítulos ou desembolos que sexan consecuencia de acordos económicos alcanzados polos mesmos contendentes, en canto que eses acordos non teñen por qué ser coincidentes con sentir declarado e forzoso daquela sentenza.
Tomando entón como punto de partida esas coordenadas, o quantum da condena non pode facerse extensivo, indiscriminadamente, ás sumas ingresadas pola actora no proceso anterior, senón que debe ficar circunscrito aos 42.300 euros expresados polo perito, Don. Victorino , no primeiro proceso, e iso polas seguintes e poderosas razóns: A) Porque non resulta suficientemente acreditado que a cuantía desembolsada pola actual demandante no anterior proceso, e hoxe reclamada, sexa - insistimos- o montante económico, exacto e forzoso, da condena a realizar as obras de acondicionamento dispostas pola sentenza de data 20 de outubro de 2003. B) Porque en conxunción coa anterior reflexión, a significativa diferenza entre esa cuantía -agora de 71.173,70 euros- e a reseñada por aquel perito, constitúe unha presunción vehemente de que estamos ante obras radicalmente distintas. C) Porque na documental que consta na causa antecedente se fala de "ampliación de obras", expresión que a falta doutra explicación máis convincente apoia a tese de que nos atopamos ante obras diversas. D) Porque as sumas entregadas son o resultado -o reiteramos por igual- dun acordo transaccional, no que chegou intervir incluso un terceiro alleo ao proceso antecedente, que non pode prevalecer sobre a decisión daquela sentenza, por moito de que aquel acordo goce da homologación xudicial. E) Porque a sentenza de data 20 de outubro de 2003 remítese explicitamente, en canto á realización das obras de acondicionamento do local arrendado, ao informe do perito, Don. Victorino , quen valora as mesmas en 42.3000 euros (4.500, 1.800 e 36.000). F) Porque fronte a esa proba pericial non se trae ao presente preito outra proba alternativa, ora da mesma natureza, ora distinta, que desvirtúe esa valoración. G) Derradeiramente, e a xeito de recapitulación, porque ante a incerteza económica existente, a Sala debe inclinarse obviamente pola cantidade menor.
Sétimo: A parte actora interesou -subsdiariamente- que non se lle impuxeran as custas procesuais da primeira instancia, relativas a súa pretensión dirixida contra os demandados absoltos. O motivo do recurso non se estima pois non atopamos as significadas dúbidas de feito nin xurídicas, esgrimidas pola recorrente, para que se lle poda aplicar o tratamento de excepción que neste eido das custas dispón o artº 394 da L. A. C ..
Oitavo: O rexeitamento do recurso formulado pola demandante conleva imporlle as custas procesuais desta alzada, derivadas dese recurso. E a estimación parcial do recurso promovido polo demandado, Sr. Guillermo , conduce a non facermos unha especial declaración sobre as custas procesuais desta segunda instancia, orixinadas por esta apelación.
Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que con rexeitamento do recurso de apelación formulado por Eufrasia representada polo Procuradora Sr. Marquina Vázquez e con estimación parcial do presentado por Guillermo representado pola Procuradora Sra. Boquete Rodríguez contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia nº 6 de Vigo o día 26 de setembro de 2008 , condenamos a este demandado a que satisfaga á demandante a suma de 42.300 euros, cos xuros legais desde a data da interpelación xudicial ata a data da sentenza de primeira instancia, que serán os legais incrementados en dous puntos desde esta última data ata a do completo pagamento. Impoñemos as custas procesuais desta alzada, ocasionadas polo seu recurso, á actora recorrente. E non facemos unha especial declaración sobre as custas procesuais desta segunda instancia, derivadas da apelación do demandado. Confirmamos a sentenza apelada nos seus demáis pronunciamentos.
Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia , de normalización lingüística.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución, facéndolles saber que contra ela non cabe recurso ordinario ningún.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.
PUBLICACIÓN: En la misma fecha fue leída y publicada la anterior resolución por el Ilmo. Sr/a. Magistrado que la dictó, celebrando Audiencia Pública. Doy fe.
DILIGENCIA: Seguidamente se procede a cumplimentar la notificación de la anterior resolución. Doy fe.

