Última revisión
17/09/2017
Sentencia Contencioso-Administrativo Nº 202/2020, Tribunal Superior de Justicia de Galicia, Sala de lo Contencioso, Sección 3, Rec 7107/2019 de 30 de Septiembre de 2020
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 30 min
Orden: Administrativo
Fecha: 30 de Septiembre de 2020
Tribunal: TSJ Galicia
Ponente: VILLARES NAVEIRA, LUIS
Nº de sentencia: 202/2020
Núm. Cendoj: 15030330032020100207
Núm. Ecli: ES:TSJGAL:2020:5501
Núm. Roj: STSJ GAL 5501:2020
Encabezamiento
T.S.X.GALICIA CON/AD SEC.3
A CORUÑA
SENTENCIA: 00202/2020
PONENTE: D. LUIS VILLARES NAVEIRA
RECURSO NUMERO: PROCEDEMENTO ORDINARIO 7107/2019
RECURRENTE: Marino
Procurador: MARIA IRENE CABRERA RODRIGUEZ
Letrado: SUSANA BUCETA OTERO
ADMINISTRACION DEMANDADA:JURADO PROVINCIAL DE EXPROPIACION FORZOSA DE PONTEVEDRA
EN NOME DO REI
A Sección 003 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronunciou a
SENTENZA
Ilmo. Sr. Presidente:
Francisco Javier Cambón García
Ilmos. Sres. Maxistrados :
Juan Carlos Fernández López
Luís Villares Naveira (Relator)
A Coruña, 30 de setembro de 2020
Antecedentes
Primeiro-.Actividade administrativa impugnada. Posicións das partes.
A parte recorrente presenta unha demanda ante a Sala, que é aquendada a esta Sección, sendo designado Maxistrado Relator Luís Villares Naveira.
A demandante impugna a resolución do Xurado Provincial de Expropiación Forzosa de Pontevedra de data 11/2/2019, que fixa o xusto prezo da finca nº NUM000 expropiada para a obra ' NUM001 Modificación nº 1 do Proxecto construtivo do Eixo Atlántico de alta Velocidade. Tramo Pontevedra-Cerponzóns' Expediente NUM002.
Os argumentos en que se fundamenta o escrito da parte demandante son os seguintes:
a) o chan obxecto de expropiación ten a clasificación de solo urbano consolidado, e non de zona verde, como erroneamente entende o xurado, en consecuencia a valoración é notoriamente superior á adxudicada no expediente;
b) a cantidade correspondente debe ser incrementada cos xuros legais previstos dende a ocupación da parcela, que tivo lugar en data 8/6/2011.
A demandada oponse ás pretensións actoras polos seguintes motivos: non se destruíu a presunción de acerto do xurado; sostense que o terreo está cualificado urbanisticamente como zona verde e o informe de parte non ten en conta a verdadeira calificación urbanística da parcela nin unha correcta data de valoración do ben, que debe referise ao inicio do expediente de xusto prezo.
Segundo-. Tramitación procesual. Proba practicada e contía do procedemento.
Admitida a trámite a demanda e deducida polos trámites do procedemento ordinario, foi incorporada aos autos en diversas datas (presentación e aclaracións) a proba pericial xudicial realizada por Jesús Manuel.
Tras a práctiva da proba, na quenda de conclusións, a demandante ratificouse nas súas pretensións, pero acomodando a contía solicitada á indicada polo informe do perito xudicial, e a demandada suplicou que no seu caso se ditase sentenza recoñecendo o valor fixado polo perito xudicial nunha sentenza que teña a caracterización de estimatoria parcial sen imposición de custas.
A contía do procedemento fixouse en 40040,94 euros.
Terceiro-. Feitos probados.
Resultou probado neste procedemento que a finca identificada como nº NUM000 expropiada para a obra ' NUM001 Modificación nº 1 do Proxecto construtivo do Eixo Atlántico de alta Velocidade. Tramo Pontevedra-Cerponzóns' ten as seguintes condicións urbanísticas segundo o PXOM de Pontevedra: clasificación: solo urbano consolidado; ordenanza: cidade xardín; edificabilidade: 0,6m3c/m2s.
Fundamentos
Primeiro. Sobre a proba dos feitos en que as partes fundamentan cadansúa pretensión procesual.
Da proba pericial xudicial que consta nos autos, ao folio 3/6 do informe de Jesús Manuel, e as referencias urbanísticas alí xustificadas sobre a normativa municipal vixente, valorada conforme as regras establecidas nos artigos 60.4. LXCA e 316, 319 e 326, 348 e 376 LAC, pode concluírse que: a finca identificada como nº NUM000 e situada na rúa Dinamarca do Termo Municipal de Pontevedra, ten as seguintes condicións urbanísticas : clasificación: solo urbano consolidado; ordenanza: cidade xardín; edificabilidade: 0,6m3c/m2s.
Segundo. Sobre a cualificación do chan e a súa valoración económica.
Impugna a demandante a resolución do xurado polo baixo prezo acordado como indemnización expropiatoria, xa que malia a consideración de solo urbano (do que di non constar edificabilidade) determina unha cantidade aínda inferior á sinalada pola Administración, que o configuraba como zona verde, mantendo a proposta no seu día feita por aquela. A administración demandada sostén no seu escrito de contestación que os terreos teñen a cualificación de ' urbano, zona verde' (sic).
No procedemento xudicial foi practicada proba pericial xudicial onde o arquitecto Jesús Manuel demostra sen contradicións nas propias aclaracións solicitadas pola Avogacía do Estado tanto que a cualificación urbanística é solo urbano consolidado como a edificabilidade atribuída na ordenanza, e empregando para a determinación do valor de repercusión do chan ata mostras reais de transaccións (folio 5/6 do informe), que en opinión deste tribunal constitúen elementos probatorios suficientes para desvirtuar a presunción de acerto da resolución combatida (vid. entre outras a STSXG nº 1385/2020, de 14 de febreiro, coa abundante cita xurisprudencial alí invocada), que prescindiu de varios destes elementos para obter o seu valor expropiatorio. A demandada recoñece esta situación implicitamente no seu escrito de conclusións, aquietándose coa valoración do informe pericial.
Por todas estas consideracións, procede acoller este motivo do recurso, co matiz de que a valoración da parcela non será a pretendida inicialmente pola demandante, senón a determinada polo perito xudicial, á que se acomodan as partes en cadanseu escrito de conclusións, é dicir, cunha valoración final de 40325,93 €, incluído o premio de afección.
Terceiro-. Sobre a data dende a que calcular os xuros debidos pola expropiación.
Sostén a demandante que hai un erro na determinación do dies a quona fixación dos xuros, xa que a a acta previa e a acta de ocupación tiveron lugar o 8/6/2011, non sendo ata máis de cinco anos despois, concretamente o 21/10/2016, que a interesada recibe noticia do inicio do expediente expropiatorio, data que non debe empregarse para este cálculo, senón a de ocupación dos bens.
No suposto de autos produciuse unha confusión entre a data a partir da cal deben determinarse os xuros derivados da ocupación e a data a que debe referirse a valoración, que son cuestións diferentes, como explica a STS nº 1350/2017, de 04 de abril de 2017 no seu FX 4º:
'CUARTO .- Entrando xa na valoración do chan expropiado, a data á que ha de deferirse a valoración é, como sostén a recorrente, a do 26 de decembro de 2009, data de notificación do requirimento para a presentación da folla de aprecio, sen que poida asumirse a postulada pola beneficiaria-data da acta de ocupación-, pois dita data, nas expropiacións urxentes, como a aquí concernida, determina o ' dies a quo' do cómputo de intereses do prezo xusto,así como a situación física e xurídica do chan que se ha de contemplar para a súa taxación ( sentenza do 1 de decembro de 2008, casación 5033/05 ), pero non a data da valoración que é a de inicio do expediente de prezo xusto (conforme a cal se determina a normativa de valoración aplicable, así como os valores de taxación), e, esta, neste caso, non pode ser tampouco a da citación á recorrente (abril de 2004) para un intento de mutuo acordo -como considera o Xurado-, pois jurisprudencialmente vimos esixindo que para que ese intento de acordo poida ter valor, para estes efectos, é preciso a existencia de efectivas negociacións, algo que non se produciu por incomparecencia voluntaria da expropiada, non obstante ser citada persoalmente.'
No mesmo sentido se ten pronunciado reiteradamente esta Sala e Sección, por todas na STSXG nº 2709/2020, de 19 de xuño, no FX 4º onde indicamos que:
CUARTO.- O segundo motivo que alega a demanda, coincidente coa súa pretensión, versa sobre o día inicial para actualizar o prezo xusto con arranxo ao interese legal do diñeiro, como sinala o artigo 56 da LEF .
(..)
Achega do cómputo do prazo para calcular o xuro de demora do prezo xusto existe unha abundante xurisprudencia recollida, entre outras moitas en as SsTS de 15.06.92 , 01.06.99 , 23.05.00 , 27.10.05 , 11.03.08 , 09.05.11 , 23.01.12 , 21.12.11 , 11.06.12 e 11.07.12 , que preconiza que nas expropiacións ordinarias, o ' dies a quo' é aquel en o que transcorreran seis meses desde o inicio do procedemento expropiatorio, isto é, desde a firmeza do acordo de necesidade da ocupación ( artigos 21.1 , 22 e 56 da LEF e 71.1 do REF ), mentres que o ' dies ad quem' é aquel en que o prezo xusto se fixa definitivamente, xa na primeira decisión administrativa, xa na do recurso de reposición, ou xa na vía xudicial sobre o montante que se elevou ( artigo 73.1 do REF ); tamén no suposto dos intereses por demora no pago do prezo xusto de expropiacións ordinarias, liquídanse unha vez transcorridos seis meses desde a fixación do prezo xusto en vía administrativa ( artigos 48.1 e 57 da LEF ), en tanto que a súa conclusión prodúcese o día no que satisfaga o seu importe a expropiadora ou a beneficiaria, ou no que se deposite ou consigne validamente, cando fose procedente (o cómputo dos seis meses practícase de igual maneira, debéndose tamén ter en conta a eventual modificación da contía do prezo xusto na vía xurisdicional). Pola súa banda, nas expropiacións tramitadas polo procedemento de urxencia, o ' dies a quo' para calcular os intereses por atraso na fixación do prezo xusto é o seguinte a aquel no que se ocupen os bens ou os dereitos expropiados( artigo 52.8ª da LEF ), salvo que teña lugar despois de transcorridos seis meses desde a declaración de urxencia, pois ao entenderse cumprido con ela o trámite de declaración de necesidade da ocupación ( artigo 52.1ª da mesma lei), tal día é o seguinte a aquel no que se cumpran seis meses desde tal declaración de urxencia, salvo que nela non se conteña a relación de bens ou dereitos a expropiar; estes intereses liquídanse ata que o prezo xusto fixado definitivamente na vía administrativa se pague, deposite ou consigne eficazmente, de modo que non existe solución de continuidade entre os intereses de o artigo 56 da LEF (por demora na fixación) e os do seu artigo 57 (por demora no pago), debido á disposición dos bens ou dereitos polo beneficiario sen previo pago (este criterio aplícase tamén ás expropiacións que, a pesar de non ser declaradas formalmente urxentes, materialmente sono por ocuparse os bens antes da súa valoración e do pago do prezo xusto).'
En consecuencia, debe ser tamén acollido este motivo do recurso na súa integridade.
Cuarto. Consecuencias da aplicación do razoamento exposto nesta resolución.
A argumentación exposta no fundamento xurídico debe conducir ao acollemento substancial das pretensións da parte demandante, e proceder así este tribunal a declarar a desconformidade a dereito da resolución obxecto de recurso e, en consecuencia, a anulala ( art. 48.1. da Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e 71.1.a. LXCA).
No seu lugar, recoñecemos o dereito da parte recorrente a obter unha valoración da parcela expropiada de 40325,93 €, incluído o premio de afección, cos correspondentes xuros dende o 8/6/2011 ata o seu completo pagamento, e ao mesmo tempo condenamos á Administración Xeral do Estado á adopción das medidas que sexan necesarias para o restablecemento da situación subxectiva recoñecida ( artigos 71.1.a e b LXCA).
Quinto. Sobre as custas do procedemento.
A. Acollemento substancial das pretensións da demanda.
Este tribunal entende que no caso de autos debemos declarar a existencia dun acollemento substancial de pretensións e en consecuencia, facer imposición de costas á parte actora, nos termos que de seguido se argumenta.
B. Construción doutrinal do concepto de acollemento substancial de pretensións.
En primeiro lugar, no que se refire ao 'acollemento substancial' de pretensións, esta expresión (e o seu equivalente castelán 'estimación sustancial') de elaboración xurisprudencial, fai referencia ao acollemento por parte do órgano xudicial dos argumentos en que a parte sustenta as súas pretensións impugnatorias, pero sen que iso implique unha correspondencia total entre a cuantificación económica pretendida na demanda e o acordado na sentenza.
Esta situación prodúcese co réxime de imposición de custas tanto no proceso civil como no contencioso administrativo, toda vez que dende 2011 ambos teñen o mesmo réxime xeral de vencemento obxectivo (Cfr. Arts. 139.1. da LXCA e 394.1. LAC)
A súa orixe estriba na necesidade de atemperar a dicción literal do art. 139.1 da LXCA para cohonestar o principio de vencemento obxectivo co de equidade ou xustiza material á hora de distribuír as custas de exercitar a acción xudicial para facer valer o dereito nos tribunais.
A finalidade é deixar indemne a quen tivo que acudir á xurisdición para o exercizo dun dereito que os tribunais lle recoñecen. Este propósito queda con carácter xeral cumprido coas regras de vencemento obxectivo, pero existen ocasións en que a concreción económica dos dereitos recoñecidos son dificilmente cuantificables previamente con exactitude. Isto determina que o acollemento dos argumentos da actora non implique necesaria nin automaticamente o da súa tradución dineraria. As razóns disto poden ser varias: a concreción dun concepto xurídico indeterminado; a facultade de ponderación ou moderación do tribunal; a marxe de apreciación do xulgador; ou as variacións que nunha cuantificación monetaria pode supoñer a elección dunhas premisas económicas equivalentes de valor similar pero non idénticas. O elemento común ás situacións anteriores é que malia que a parte ofrece unha cuantificación económica do seu dereito, o tribunal, mesmo recoñecéndolle ese dereito pode, durante o proceso intelectual de interpretación da norma aplicable, traducir nunha cantidade diferente o dereito recoñecido por causas que non están no dominio da propia actora, porque son facultade do órgano xudicial.
Se unha diferenza numérica dunha pretensión económica entre o pedido e o acordado en sentenza determina automaticamente a non imposición de custas, podemos estar, en ocasións, ante unha situación non equitativa, na que a demandante foi obrigada a litigar para ver recoñecido un dereito que na súa argumentación - na súa fundamentación xurídica- se acolle integramente, pero en relación ao cal ten que aboar unhas custas que en moitas ocasións non gravosas para o patrimonio da persoa que acode aos tribunais. A aplicación literal da norma neste caso colide co seu espírito, que é o da indemnidade de quen ve recoñecido o seu dereito, e por iso unha correcta interpretación da institución esixe atender á teleoloxía da indemnidade no exercizo do dereito de quen foi arrastrado á xurisdición para facer valer o que por lei lle correspondía.
As consecuencias desta doutrina serán buscar a indemnidade mediante a declaración ao seu favor das custas procesuais á parte que vendo recoñecidas as súas pretensións non obteña en sentenza unha cuantificación idéntica da expresión económica ofrecida na demanda, sempre que esa cuantificación exacta sexa difícil de obter dada a natureza da tutela xudicial pretendida, nos termos explicados no parágrafo anterior.
C. Reflexo na xurisprudencia civil e contenciosa.
A STSX de Navarra nº 791/2019, de 19 de decembro (Sala do Contencioso), fai unha didáctica exposición da elaboración xurisprudencial desta doutrina, da que polo seu interese reproducimos parcialmente o seu FX 4º:
'CUARTO.- Sobre a imposición de as costas na primeira instancia.
Esta materia foi tratada polo Tribunal Supremo, especialmente a Sala Primeira, elaborándose un corpo doutrinal que non é ocioso traer a colación, dada a impugnación por parte da Administración do pronunciamento relativo á imposición de costas na primeira instancia, a pesar de que o pronunciamento do fallo foi, como sabemos; 'ACOLLER parcialmente o recurso' e así temos en primeiro lugar un CONCEPTO DE ACOLLEMENTO SUBSTANCIAL DA DEMANDA: Dinos a STS de data 15 de xuño do ano 2.007 que '(...) a doutrina dos Tribunais, con evidente inspiración na 'ratio' do precepto relativo ao vencemento, na equidade, como regra de ponderación a observar na aplicación das normas do ordenamento xurídico, e en poderosas razóns prácticas, complementa o sistema coa denominada doutrina da 'estimación substancial ' da demanda, que, se en teoría poderíase sintetizar na existencia dun 'cuasi- vencemento', por operar unicamente cando hai unha leve diferenza entre o pedido e o obtido, na práctica é de especial utilidade nos supostos que se exercitan accións resarcitorias de danos e perdas nos que a fixación do 'quantum' é de difícil concreción e gran relatividade, de modo que, por razón da mesma, resulta oportuno un cálculo 'a priori' ponderado e aproximado, co que se evitan oposicións razoables por ser desproporcionadas as peticións efectuadas, e ademais céntrase a reclamación en relación ao 'valor do momento en que se formula, deixando a previsión da actualización respecto do momento da súa efectividade, á operatividade da modalidade que se elixa das varias que na práctica son posibles'.
Concorre estimación substancial da demanda, entre outros supostos, cando a concreción da suma reclamada está suxeita a regras de ponderación ou adecuación que privan de relevancia á existencia dunha diferenza non importante entre o pedido e o obtido para o éxito da pretensión, demostrando que esta non foi desproporcionada, ou cando a discrepancia deriva da aplicación de criterios de actualización do valor do reclamado conforme algunha das modalidades admitidas ( SSTS do 14 de marzo de 2003 , 17 de xullo de 2003 , 26 de abril de 2005 , 24 de xaneiro de 2005, 5 de xuño de 2007, rec. 3493/2000 , 15 de xuño de 2007, rec. 2643/2000 , 6 de xuño de 2006, rec. 3633/1999 , 20 de maio de 2005, rec. 3868/1998 ).
Pola súa banda a SAP de Ciudad Real, Sección 1ª Sentenza de 29-10-2 .002 que considera que se produce estimación substancial cando concorran os seguintes requisitos:
1. Cando a oposición sexa rexeitada, mostrándose infundada.
2. Sendo a diferenza entre o pretendido e o recoñecido afectante a un elemento accesorio (caso dos intereses), ou debido a unha discrepancia de criterio valorativo afectante a bens xurídicos non mensurables polo seu valor de cambio ou mercado e non veña predeterminado por unha norma xurídica (caso dos danos morais) ou, en fin, cando a diferenza sexa de escasísima significación no debate procesual'.
En segundo lugar, hase de precisar a cuestión en caso de ACOLLEMENTO SUBSTANCIAL DUNHA DEMANDA E CONDENA EN COSTAS: Debe terse en conta a doutrina do Tribunal Supremo ao interpretar o artigo 523 da Lei de Axuizamento Civil, na que vén mantendo que, para a imposición de as costas prevista no devandito precepto, a adecuación ou axuste do Fallo ao pedido ha de ser substancial e non literal pois, se se entendese que a desviación de aspectos só accesorios debería excluír dita condena, esta posición quebrantaría a equidade, ao establecer o abono dunha porción das mesmas a quen foi obrigado a seguir un proceso para defender o seu propio dereito ( sentenza de 12 de Julio de 1999 ), de modo que se existe unha estimación substancial e practicamente total da demanda, xustifica iso un pronunciamento de imposición de costas xa que a condena ao seu pago non atende só á sanción dunha conduta procesual senón a satisfacer o principio de tutela xudicial efectiva, que esixe que os dereitos non se vexan minguados pola necesidade de acudir aos Tribunais para o seu recoñecemento ( sentenza do mesmo Tribunal do 4 de xullo de 1997 ).
O Tribunal Supremo en sentenzas como a do 6 de xuño de 2006 sostén e reitera que: esta Sala en anteriores ocasións estimou procedente a imposición de costas en casos de acollemento substancial da demanda, así, entre outras, en as Sentenzas do 26 de abril de 2005 , 24 de xaneiro de 2005 e 17 de xullo de 2003 , como se recoñece na Sentenza do 14 de marzo de 2003 , esta Sala mantivo para os efectos da imposición de costas, a equiparación do acollemento substancial ao total e, no presente caso, é apreciable un acollemento substancial e non meramente parcial da demanda dado a reducida porcentaxe que supón o rexeitado en relación a todo o peticionado conforme á propia cuantificación dos xuros sostida pola parte demandada.'
Pola súa banda, a STS - Sala Civil, Sección 1ª- nº 5222/2015, 14 de decembro, aborda a cuestión do acollemento substancial no seu FX 8º nos seguintes termos:
'En atención ao exposto, procede analizar se en verdade houbo ou non un acollemento «substancial» da demanda que xustificase a imposición de custas á parte demandada a pesar de non acollerse a demanda integramente.
A resposta a esta cuestión ha de vir dos criterios desta Sala en materia de custas:
1.- O noso sistema xeral de imposición de custas recollido no art. 394 LAC aséntase fundamentalmente en dous principios: o do vencemento obxectivo e o da distribución, tamén chamado compensación -aínda que non é estritamente tal-, que ten carácter complementario para integrar o sistema. O sistema complétase mediante dúas pautas limitativas. A primeira afecta ao principio o vencemento, e consiste na posibilidade de excluír a condena cando concorran circunstancias excepcionais que xustifiquen a súa non imposición (o que en réxime do artigo 394 LAC ten lugar cando o caso presente serias dúbidas de feito ou de dereito). O seu acollemento transforma o sistema do vencemento puro en vencemento atenuado. A segunda pauta afecta ao principio da distribución, permitindo que se impoñan as custas a unha das partes cando houbese méritos para impoñelas por ter litigado con temeridade. Doutra banda, a doutrina dos tribunais, con evidente inspiración na 'ratio' do precepto relativo ao vencemento, na equidade, como regra de ponderación a observar na aplicación das normas do ordenamento xurídico, e en poderosas razóns prácticas, complementa o sistema coa denominada doutrina do «acollemento substancial» da demanda, que se en teoría poderíase sintetizar na existencia dun «cuase-vencemento», por operar unicamente cando hai unha leve diferenza entre o pedido e o obtido, na práctica é de especial utilidade nos supostos en que se exerciten accións resarcitorias de danos e perdas nos que a fixación do quantum é de difícil concreción e gran relatividade, de modo que, por razón da mesma, resulte oportuno un cálculo a priori ponderado e aproximado, co que se evitan oposicións razoables por ser desproporcionadas as peticións efectuadas e, ademais, céntrase a reclamación en relación ao valor do momento en que se formula, deixando a previsión da actualización respecto do momento da súa efectividade, á operatividade da modalidade que se elixa das varias que na práctica son posibles (SSTS 9 de xuño de 2006 e 15 de xuño de 2007).
2.- O carácter substancial da estimación da demanda foi apreciado por esta Sala en diversas resolucións para xustificar a imposición de custas a aquel contra o que a pretensión se acolleu nos seus aspectos máis importantes cualitativa ou cuantitativamente.
Como declara a Sentenza desta Sala do 18 de xuño de 2008, recurso núm. 339/2001, e reitera a do 18 de xullo de 2013 , «esta Sala en anteriores ocasións estimou procedente a imposición de custas en casos de acollemento substancial da demanda. Así, entre outras, nas Sentenzas do 17 de xullo de 2003 , 24 de xaneiro e 26 de abril de 2005 , e 6 de xuño de 2006. Como se recoñece na Sentenza do 14 de marzo de 2003, esta Sala mantivo, para os efectos da imposición de custas, a equiparación do acollemento substancial ao total».
Á súa vez, na STS 21 de outubro de 2003, recurso núm. 1498/1999 , razoouse que «[e]sta Sala ten declarado en numerosas sentenzas, de ociosa cita, que para a aplicación do principio xeral do vencemento ha de considerarse que o axuste do fallo ao pedido non ha de ser literal senón substancial, de modo que, se se entendese que a desviación en aspectos meramente accesorios debería excluír a condena en custas, iso sería contrario á equidade, como xustiza do caso concreto, ao determinar que tivo necesidade de pagar unha parte das custas quen se viu obrigado a seguir un proceso para ser realizado o seu dereito, o que, polo antes explicado, determina o perecemento deste apartado».
3.- Pola contra, esta Sala non apreciou acollemento substancial da demanda en casos nos que, a pesar do carácter accesorio da pretensión resarcitoria, este non se daba desde a perspectiva económica do proceso. Así, a STS 29 de setembro de 2003, rec. 3908/1997 , razoou que «[ n]on cabe argüír que o rexeitamento se refire a aspectos accesorios, porque, aínda que a pretensión resarcitoria teña tal carácter na perspectiva da acumulación (accesoria, subordinada ou condicionada), obviamente non o ten na perspectiva económica do proceso (e así o entende a propia parte como se pode apreciar no motivo 18º no fundamento seguinte), e por outra banda tampouco cabe aceptar que o rexeitamento afecta a unha parte mínima, -en orde a unha hipotética aplicación da doutrina do 'acollemento substancial'-, porque a substancialidade da parte rexeirada non debe medirse en relación, só, coa totalidade do pedido, senón sobre todo coa importancia do non estimado». E noutros casos rexeitou a accesoriedade da pretensión resarcitoria dos danos e perdas vinculada á estimación dunha pretensión principal. Así, no procedemento que deu lugar á sentenza do 7 de xullo de 2005, rec. 296/1999 , no que se exercitou unha acción de nulidade dun acordo e unha acción de indemnización dos danos e prexuízos materiais e morais derivados da nulidade, declarouse que «[e]sta Sala non pode compartir o criterio sustentado polo Tribunal de instancia; aínda que nalgunhas sentenzas esta Sala aplicou o criterio de equiparar a efectos de custas o acollemento substancial ao total, non cabe deducir diso unha doutrina xeral, singularmente nun caso como o presente en que se rexeita, por falta de proba, a indemnización por danos morais, un dos elementos integrantes do suplico da demanda con carácter principal, non accesorio. En consecuencia, a sentenza recorrida infrinxe o art. 523, ao aplicar o parágrafo primeiro, nun caso de estimación parcial da demanda e sen que existan méritos que xustifiquen a imposición a unha das partes por haber litigado con temeridade; neste sentido, estímase o motivo».
De aplicar todo o antedito ao motivo examinado despréndese que debe ser estimado por producirse efectivamente a infracción do art. 394 LAC alegada polo recorrente, pois contrastando a entidade do pretendido polo demandante na súa demanda e o acordado en sentenza non cabe apreciar o acollemento «substancial» da demanda afirmada polo tribunal sentenciador se se valoran, conxuntamente, a pretensión de declaración de intromisión ilexítima nos dereitos fundamentais e a pretensión resarcitoria dos danos e prexuízos.
Respecto da pretensión declarativa debe destacarse, dun lado, que non se consideraron constitutivos de intromisión ilexítima na honra do demandante determinados contidos dos artigos que o demandante-recorrente si reputaba especialmente ofensivos e, doutro, que non se apreciou a intromisión ilexítima no seu dereito á intimidade persoal cuxa tutela tamén interesara na demanda interposta contra D. Marcos , acumulada á interposta contra a editora de La Verdad. E respecto da acción resarcitoria, dáse neste caso unha diferenza tan esaxerada entre o pedido (500.000 euros) e o concedido (1.000 euros), que necesariamente conduce a excluír a «subtancialidade» do acollemento da demanda, como tamén entendeu a recente sentenza desta Sala do 15 de xuño de 2015, rec. 1041/2013 , na que se acordou non facer expresa condena en costas da primeira instancia «porque a demanda só se acolleu parcialmente (art. 394.2 LAC), e non só pola considerable diferenza entre o pedido e o acordado para reparar o dano senón tamén por non considerarse constitutivos de intromisión ilexítima determinados contidos do programa que o demandante-recorrente si reputaba ofensivos».
Un factor especialmente relevante para determinar se a apreciación de un acollemento substancial da demanda para os efectos do pronunciamento sobre custas é ou non ilóxica vén constituído, neste caso, polos termos da contestación á demanda por parte da editora de La Verdad, que se estenderon en cuestionar a indemnización de 300.000 euros pedida contra ela. Sendo isto así, é evidente que impoñer as custas á parte demandada cuxa oposición foi estimada en tan altísima medida, ou ao codemandado favorecido por esa mesma oposición, supón infrinxir o art. 394.1 LAC en canto este dispón que a custas se impoñerán «á parte que vise rexeitadas todas as súas pretensións» e, por relación, o apdo. 2 do mesmo artigo, que para o caso de acollemento ou rexeitamento parcial dispón que cada parte abone as súas custas e as comúns por metade, salvo que unha delas litigase con temeridade.'
Como é sabido, dado que o réxime de vencemento obxectivo é análogo nas xurisdicións civil e contenciosa, son comunicables os argumentos das Salas do Tribunal Supremo para os efectos expositivos aquí pretendido.
Esta doutrina é aplicada de forma regular nos procedementos ventilados nas Salas do Contencioso dos Tribunais Superiores de Xustiza, como se pode observar, a título de exemplo, nas seguintes resolucións: STSX de Madrid nº 7294/2020, de 8 de xullo (FX 3º); STSX de Aragón nº 318/2020, de 19 de febreiro (FX 5º a sensu contrario); STSX de Madrid nº 1067/2020, de 16 de xaneiro; STSX de Andalucía nº 17911/2019 (FX 4º); STSX da Comunitat Valenciana nº 6258/2019, de 4 de outubro, FX 5º; STSX de Extremadura nº 978/2019 de 27 de setembro (FX 4º) ou a STSX de Cataluña nº 8684/2019, de 28 de xuño (FX 8º), por citar só algunhas ditadas no último ano.
D. Aplicación da doutrina do acollemento substancial de pretensións en materia de expropiación forzosa.
Sentada a vixencia e xeneralización da doutrina exposta na propia xurisdición contencioso-administrativa, procede abordar a súa aplicación ás resolucións ditadas por esta Sala en materias como a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, nos termos que de contado se expoñen.
Como é sabido, a Sala require que para a destrución da presunción de acerto do XEF exista proba pericial suficiente e idónea practicada no propio proceso contencioso, concretada na concorrencia dunha pericial de carácter xudicial levada a cabo por un profesional non de parte designado para o efecto polo tribunal conforme coas normas xerais de insaculación por sorteo de peritos. É dicir, unha cuantificación exacta do valor alternativo ao do XEF posto en cuestión pola demandante resulta case ociosa, porque nunca van ser eses cálculos os que fundamenten o contido estimatorio da demanda, xa que só se admiten os dun terceiro profesional designado no propio procedemento.
Podería obxectarse que a concorrencia deste terceiro non obsta para que as cantidades coincidan, pero isto debe refutarse indicando que como é sabido para a obtención do valor da expropiación son empregadas habitualmente premisas referenciadas en transaccións comerciais reais (compravendas de inmobles da zona, arrendamentos vixentes..) ou en prezos de mercado de determinados produtos (árbores, gando, colleitas..) dos que é posible obter, a partir de mostras diferentes aínda que análogas, resultados posteriormente diferentes que determinan unha cuantificación final de valor do ben diversa á pretendida na demanda. Non é inusual - e así ao revela práctica- que pisos ou parcelas de semellantes características estean arrendados por prezos diferentes, ou que a compravenda de inmobles se verifique nunha mesma zona e tempo por cantidades ás veces ben diversas. Pois ben, abonda unha pequena variación das mostras ou prezos de referencia obtidos e que son empregados como premisas do método de valoración para, logo de aplicación das correspondentes fórmulas, dean como resultado cantidades diversas.
Dado que neste tipo de procedementos se fai primar as mostras escollidas polos peritos xudiciais para os seus cálculos, é máis ben raro o caso en que a valoración obtida no seu informe coincida euro a euro coa proposta pola demandante.
Formúlase entón a cuestión de se é coherente coa finalidade da norma de vencemento obxectivo expresada no art. 139.1. LXCA en casos como o presente, que un acollemento pleno dos argumentos impugnatorios (v.g.porque o XEF emprega un erróneo método de valoración) poda desembocar nun simple acollemento parcial de pretensións para os efectos de custas polo simple feito de que a cuantificación do seu argumento se faga en base a premisas fácticas (v.g.testemuñas de transaccións reais) diversas ás do informe en que a demandante cuantifica as súas pretensións.
E esta Sala entende que nestes casos un simple acollemento parcial e polo tanto a non imposición de custas, quebra co principio de vencemento obxectivo fundado na distribución xusta das cargas do proceso no sentido de que non deixa indemne a quen acudiu á xurisdición denunciando unha incorrecta valoración baseada nunha presunción de acerto do XEF que foi convenientemente destruída no procedemento contencioso e que polo tanto lle recoñeceu a tutela xurisdicional dun dereito que lle fora vulnerado con ocasión da privación forzosa dos dereitos derivados da titularidade dominical dun ben ou doutras facultades de uso e goce que puidese ostentar sobre el.
Por esta razón entendemos que con carácter xeral o acollemento dos motivos impugnatorios en que se fundamenta a destrución da presunción de acerto do XEF debe dar lugar ao acollemento substancial de pretensións, con imposición de custas á parte demandada.
E. Facultades de modulación do alcance da doutrina polo órgano xudicial.
Como se observou igualmente na construción xurisprudencial desta doutrina, o órgano xudicial pode atemperar o rigor da simple imposición de custas en casos de acollemento substancial en casos en que a diferenza entre o solicitado e o finalmente acordado sexa tan avultada que converta en razoable a oposición mostrada pola demandada pola concreta contía interesada ou que en fin o interese económico do litixio varíe substancialmente a consecuencia da proba practicada e proxectada á baixa sobre as pretensións actoras.
Por estas razóns cabe modular o alcance da imposición de custas acordadas, por aplicación da regra xeral prevista no apartado 4 do propio art. 139 LXCA: ' A imposición das custas poderá ser á totalidade, a unha parte destas ou ata unha cifra máxima.'
F. Inexistencia de modulación da imposición de custas no caso litixioso.
No caso de autos, o XEF acordou aboar unha cantidade á demandante de 21335,30€, que esta fixaba en 61.276,14 €, acordando a Sala finalmente, tras a proba pericial xudicial practicada, a fixación do valor dos bens na cantidade de 40.325,93 € (as cantidades son á marxe de xuros). A contía do procedemento foi fixada en 40040,94 €: desa contía foi acollida arredor do 50%, porcentaxe que a Sala estima suficiente para entender que non procede unha modulación das custas impostas, fóra das regras xerais de limitación de contía que rexenope legis.
En resumo, de conformidade co establecido no artigo 139.1 da LXCA, o acollemento substancial das pretensións da parte demandante determina a imposición as custas devindicadas no presente recurso á parte demandada.
Logo de ver os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación, este Tribunal dita a seguinte
Fallo
Que, con acollementodo presente recurso contencioso-administrativo PO nº 7107/2019 interposto contra a resolución do Xurado Provincial de Expropiación Forzosa de Pontevedra de data 11/2/2019, que fixa o xusto prezo da finca nº NUM000 expropiada para a obra ' NUM001 Modificación nº 1 do Proxecto construtivo do Eixo Atlántico de alta Velocidade. Tramo Pontevedra- Cerponzóns' Expediente NUM002, debemos:
Primeiro:declarar a desconformidade a dereito da resolución obxecto de recurso que, en consecuencia, anulamos.
Segundo:recoñecer o dereito da parte recorrente a obter unha valoración da parcela expropiada de 40325,93 €, incluído o premio de afección, cos correspondentes xuros dende o 8/6/2011 ata o seu completo pagamento, e ao mesmo tempo condenamos á Administración Xeral do Estado á adopción das medidas que sexan necesarias para o restablecemento da situación subxectiva recoñecida.
Terceiro:Impoñer as custas deste procedemento á parte demandada.
Réxime de recursos:Contra esta sentenza cabe recurso de casación ordinarionos termos establecidos no art. 86 e seguintes da Lei 29/1998, de 13 xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso- Administrativa, dentro do prazo de trinta días computados dende o seguinte á súa notificación, que se preparará ante esta Sala, a medio de escrito presentado cos requisitos indicados no art. 89.
Depósito para recorrer:Para admitir a trámite o recurso, ao interpoñer deberá constituírse na conta de depósito e consignacións deste Tribunal (1578-0000-85-7107-19-24), o depósito ao que se refire a Disposición Adicional décimo quinta da Lei Orgánica 1/2009 do 3 de novembro (BOE núm. 266 de 4/11/09), e, no seu momento, devólvase o expediente administrativo á súa procedencia, con certificación desta resolución.
Así o pronunciamos, mandamos e asinamos.
