Sentencia Contencioso-Adm...io de 2018

Última revisión
17/09/2017

Sentencia Contencioso-Administrativo Nº 310/2018, Tribunal Superior de Justicia de Galicia, Sala de lo Contencioso, Sección 2, Rec 4580/2016 de 07 de Junio de 2018

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 22 min

Orden: Administrativo

Fecha: 07 de Junio de 2018

Tribunal: TSJ Galicia

Ponente: NÚÑEZ FIAÑO, MARÍA DEL CARMEN

Nº de sentencia: 310/2018

Núm. Cendoj: 15030330022018100319

Núm. Ecli: ES:TSJGAL:2018:4114

Núm. Roj: STSJ GAL 4114:2018

Resumen:
CONTRATOS ADMINISTRATIVOS

Encabezamiento

T.S.X.GALICIA CON/AD SEC.2

A CORUÑA

SENTENCIA: 00310/2018

PROCEDEMENTO ORDINARIO 4580/2016

NO NOME DE EL-REI

A Sección 002 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronunciou a

SENTENZA

Ilmos./as. Sres./as. D./Dª

MARIA AZUCENA RECIO GONZÁLEZ- PTE

FERNANDO FERNANDEZ LEICEAGA

CARMEN NÚÑEZ FIAÑO

A CORUÑA, 7 de xuño de dous mil dezaoito.

No recurso contencioso-administrativo que, co número 4580/2016, presentado por 'Augas de Inicio, SA', representada pola procuradora Sra. López Núñez, dirixida pola letrada Dª María del Carmen Carballedo Fernández, contra o acordo de 20.12.2016 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educacion e Ordenacion Universitaria. É parte demandada a CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACION E ORDENACION UNIVERSITARIA , representada polo letrado da Xunta.

É relatora a Ilma. Sra. Dona CARMEN NÚÑEZ FIAÑO.

Antecedentes

PRIMEIRO. -Admitiuse a trámite o recurso, e practicáronse as dilixencias oportunas, presentado o recorrente a súa demanda, na que solicitou que se acollera integramente o recurso.

SEGUNDO. -Conferido traslado á parte demandada, solicitouse a desestimación do recurso, de conformidade cos feitos e fundamentos de dereito consignados na contestación da demanda.

TERCEIRO.- Recibíndose o asunto a proba e declarado concluso o debate escrito, quedaron as actuacións sobre a mesa para resolver.

CUARTO. -Na sustanciación do recurso observáronse as prescricións legais, sendo a súa contía indeterminada .


Fundamentos

PRIMEIRO.-O acto que se recorre é o acordo de 20.12.2016 da Consellería de Cultura, Educacion e Ordenacion Universitaria que prorroga os contratos de transporte escolar na CCAA de Galicia para o ano 2017.

O recorrente ten asinados coa administración un importante número de contratos de transporte escolar; contratos que se mudaron consonte co art. 2.1 da lei 5/2009 : prorroga automática anual.

A resolución de 20.12.2016 comunica dita prorroga para o ano 2017. O recorrente considera que dita prórroga non cumpre co prego de cláusulas administrativas ó non axustalos presos consonte co IPC anual ( con matices segundo sexan contratos regulados polo PCA ( 1999 ) ou co PUCA ( 2010 ) ).

O último axuste realizárono no ano 2012. Dende o ano 2013 normas ad hoc impediron percibilas actualizacións.

Considera que non son de aplicación o Decreto 189/2016 de 29.12 - prorroga dos orzamentos- xa que non estaba en vigor ó tempo de ditalo acordo de prórroga, nin tampouco a DA 13 da Ley 1/2017 , e que as Leis de Orzamentos dos anos 2013-14-15 xa non estaban en vigor.

Alega a ilegalidade das previsións das leis orzamentarias dos anos 2013-14-15-16-17 ( expropiación lexislativa ) é solicita que se suscite unha cuestión de inconstitucionalidade ante o TC. Subsidiariamente solicita a aplicación da Lei 12/2015 e xuros.

SEGUNDO.-O letrado da Xunta alega: a) fraude no obxecto do proceso e vulneración do principio de boa fe procesual: o acordo de 20.12.2016 non fai mención ningunha á revisión/non revisión de presos; os prezos que figuran nos anexos son os existentes ó tempo da tramitación do expediente; o expediente de revisión de prezos tramítase en expediente separado e posteriormente á prorroga dos contratos ( parte do IPC do ano anterior que non se coñce ata xaneiro ).

En todo caso, non procede ó pagamento da revisión de prezos ó impedilo a DA 13 da lei 12/2015 de orzamentos da CCAA galega para o ano 2016.

b) verbo da cuestión de inconstitucionalidade: non procede respecto ós anos 2013-14-16-17 xa que non afectan á cuestión controvertida.

Verbo da Ley 12/2015 - vixente ó tempo de ditalo acordo de 20.12.2016 - non é contraria á constitución.

Ditas alegacións foron resoltas na sentenza de esta mesma data, recaida no recurso 4053/2017 , no seguinte sentido que reproducimos:

'Antes de entrar a avalialas alegacións das partes compre salientalo contido do acto obxecto do recurso: acordo de 20.12.2016 de prórroga dende o 01.01 ata o 31.12.2017 dos contratos de transporte escolar da CCAA de Galicia que se relacionan nos anexos I-II nas condicións nas que se atopan ó remate da súa vixencia, en virtude do imperativo legal que emana do artigo 2º da Lei 5/2009 .

A anexo reflicte o contrato ( polo seu número ), o prezo/día e o tipo de contrato.

O artigo 2.1 da Lei 5/2009 estableceu unha prórroga automática anual - ata o 31.12.2020- dos contratos de transporte escolar e unha rebaixa no prezo ( esta disposición legal non é, nembargantes, obxecto de impugnación polo recorrente, aínda que, segundo a fundamentación do recurso, incorrería en idénticos vicios que os que se denuncian das normas posteriores ).

Do dito resulta que a relación direta acto administrativo/norma de cobertura o é entre o acordo de 20.12.2016 e a Lei 5/2009 e esta non se considera polo recorrente coma contraria á Constitución.

A relación coas normas orzamentarias da Xunta é - como se verá- parcial e limitada temporalmente, xa que só afectaría ó prezo/día e este se determina polos pregos de condicións asumidos ó tempo de contratar e polas diversas disposicións ditadas nas leis de orzamentos anuais.

Esta referencia ás leis de orzamentos anuais ten relevancia, xa que, denunciando o recorrente que non se pagou a actualización de prezos prevista contractualmente ( revisión anual en relación co IPC ) dende o ano 2013 consentiu os actos da administración de prórroga dos contratos, cinguindo a controversia coa administración ó acordo de 20.12.2016 que prorroga os contratos para o ano 2017.

Coma indica o letrado da Xunta o artigo 35.1 LOTC 2/1979 só autoriza a suscitala cuestión de inconstitucionalidade cando falarmos dunha norma con rango de lei aplicable ó caso que poida ser contraria á Constitución e da súa validez dependa o fallo. Neste suposto a única norma legal aplicable ó caso e determinante do fallo sería a Lei de Orzamentos do ano 2017 e non as de anos anteriores; sen dúbida o prezo do contrato para o ano 2017 está condicionado polo percibido nos anos anteriores ( onde tamén existiu conxelación do pagamento nas Lei de Orzamentos ) mais esta relación é mediata e indireta, sen que se cumpra coa esixencia do artigo 35.1 LOTC citada, polo que limitaremos a controversia a este ano.

Tal e coma subliña a doutrina: a cuestión de inconstitucionalidade é un recurso que se caracteriza por tres notas diferenciadoras: é concreta, obxectiva e permanente mentres que o recurso de inconstitucionalidadposee un carácter abstracto, parcial e temporal..... Os preceptos indicados condicionan a formulación ao feito de que o órgano xudicial considere, isto é, estime ou xulgue, que a norma é inconstitucional, o que aínda que pode entenderse que non impón a aquel unha afirmación de inconstitucionalidade e permite que a formulación se faga nos casos de dúbida, de indeterminación entre dous xuízos contraditorios, si esixe que o razoamento que cuestiona a constitucionalidade haxa de exteriorizarse, proporcionando os elementos que leven ao mesmo, como explicitamente manda o artigo 35.2 da LOTC ...a dobre esixencia de que a cuestión haxa de exporse unha vez concluído o procedemento e de que a formulación haxa de especificar e xustificar en que medida de decisión do proceso depende da validez da norma en cuestión, obrigan ó órgano competente a expoñer ante este Tribunal a situación procesual e, sobre todo, o esquema argumental en razón do cal o contido do seu fallo depende precisamente da validez da norma cuxa constitucionalidade cuestiona.. É dicir, non se trata de facer un exame de toda a lexislación para determinar se é conforme coa CE senón se a norma aplicable ó caso e determinante do fallo ( e só esta ) suscita dúbidas da súa constitucionalidade, e esta dúbida só concorrería na norma que suspende o cobro da revisión de prezos para o ano 2017.

Decimos que a norma na que é cuestionable a súa constitucionalidade é a DA 13 da Lei 1/2017 ( e non a vixente cando se dita o acordo de 20.12.2016- DA 13 Lei 12/2015 coma se dira no FX 5º ), xa que o acordo de 20.12.2016 ditase coa finalidade de que teña efecto dende o 01.01.2017 ata o 31.12.2017, polo que serán ás mensualidades devengadas ó longo do ano 2017 as que lle será de aplicación a DA 13 (tendo eficacia a DA 13ª da Lei 1/2017 de 08.02 retroactiva a 01.01).

Carecería de sentido por en cuestión a DA 13 da lei 12/2015 - dun contido semellante: Durante o exercicio económico de 2016 non serán de aplicación aos contratos, convenios e demais expedientes de gastos que dan soporte aos recursos educativos complementarios do ensino público galega as actualizacións dos prezos, derivadas do incremento de prezos ao consumo (IPC galego) anual, así como de calquera outra fórmula de revisión prevista normativa ou convencionalmente. Concretamente, as contías globais ás que ascendan as aplicacións dos índices de prezos ao consumo aos contratos e convenios do exercicio 2016, e tamén os pendentes dos exercicios 2013, 2014 e 2015, serán abonadas de maneira proporcional ao longo dos exercicios 2017 a 2020, con arranxo sempre ao que se dispoña nas correspondentes leis de orzamentos e, se fóra de aplicación, na Lei 2/2015, do 30 de marzo, de desindexación da economía española, actualizándose os prezos correspondentes ao exercicio 2017 tomando como referencia para o cálculo os prezos do exercicio basee 2016 sen actualizacións ) a da Da 13 da lei 1/2017 - cando a súa eficacia non se extende ó ano 2017 que é o exercicio para o que se acorda a prórroga. A propia DA condiciona o pagamento e as revisións á aprobacións das leis de orzamentos dos anos 2017 e seguintes. Ó dito engadimos que, coma indica o letrado da Xunta, a non aprobacións dos Orzamentos antes do 01.01.2017 provocou - art. 134.3 CE , 38 Lei 47/2003 e 54/DL 1/1999 - a prorroga dos presupostos do ano 2016 e, entre os preceptos prorrogados estaba a propia DA 13 da lei 12/2015 que impedía a actualización de prezos e o seu pagamento; non esquezamos que o pagamento no período 2017/2020 estaba condicionado á previsión das leis de orzamentos, e tanto na lei 12/2015 coma na 1/2017 se impide, legalmente, a actualización dos prezos, do que se deriva que a pretensión da recorrente non contaba co abeiro legal necesario.

Resolta esta cuestión, compre facer unha precisión verbo da alegada desviación procesual que denuncia o letrado da Xunta: o acordo de 20.12.2016 non se pronuncia verbo da revisión de prezos xa que, nese caso, falarmos dun acordo independente da revisión de prezos condicionado á determinación do IPC do ano anterior, e pon coma exemplo o acontecido no ano 2012.

Non só falarmos dun precedente moi afastado no tempo, senón que, os mais próximos á actual controversia ( prórrogas dos anos 2013-14-15-16 ) acreditarían que determinación do prezo/día no acordo de prórroga non sufre mutación ó non tramitarse ningún expediente de actualización de prezos, que é o que acontece logo do ditado do acordo de 20.12.2016. Resulta contraria á lóxica entender que o recorrente anticipouse ó formulala protesta pola conxelación de prezos para o ano 2017 ( e ausencia de pagamento das actualizacións ) ó non esperar por un expediente que non se ía tramitar.

A actuación do lexislador autonómico - DA 13 da Lei 1/2017 - ratifica que o recorrente acertou ó considerar que se lle estaba conxelando prezo ( e o pagamento da revisión ) polo transporte escolar cando se dita o acordo de 20.12.2016, polo que rexeitármola oposición da Xunta neste extremo.

TERCEIRO.-A cuestión nuclear é determinar se o lexislador autonómico pode ditar - sen infinxila constitución- a DA 13 da Lei 1/2017 : o recorrente alega a infracción do art. 104.3 LCAP/1995 , 77.3 LCSP / 2007 e 87.3 e 89.4 LCSP /2011 ), o artigo 9.3 CE e 33.3 e 53.1 CE .

Adiantamos que a constitucionalidade da norma ( a controversia ) cínguese ó contido da DA 13 citada en relación co contido do acordo de 20.12.2016, é dicir, aNON APLICACIÓN da actualización prevista no prego para o ano 2017 e non a outras cuestións ( prórroga do adiamento do pago dos anos previos, formula de cálculo do prezo ... ).

Estarmos ante un FACTUM PRINCIPIS - acto de poder externo ás partes do contrato-; esta especie significada de forza maior con orixe o Dereito Romano aparece firmemente asentada a nivel internacional para recoller toda decisión do poder ou da autoridade pública imprevisible e/ou inevitable que recae sobre a esfera da autonomía privada dificultando ou imposibilitando o cumprimento das obrigacións asumidas polas partes.

A partir de tal noción, tres son os requisitos básicos do feito do príncipe:

1) Unha decisión da autoridade ou do poder público, debendo entenderse estes termos no seu máis amplo sentido, de modo que:

a) Cabe considerar poder público a todo órgano que o exercite de forma lexítima, tanto o lexislativo, como o executivo e o xudicial; e son autoridades calquera das situadas na estrutura de cada un deles. Resulta importante distinguir, a estes efectos, se o poder foi exercido de conformidade co ordenamento vixente ou se, pola contra, trátase dun poder público 'de feito', non recoñecido pola norma como lexítimo. Unicamente no primeiro dos supostos existirá un auténtico factum principis, na medida en que o debedor diligente poderá aducir a presenza dun órgano autorizado ad hoc e, por tanto, dunha resolución presumiblemente válida, con independencia da importancia da mesma ou da posibilidade da súa aplicación.

b) A afirmación anterior implica, á súa vez, o alcance xeral do termo decisión, no cal han de ter cabida as leis e outras disposicións normativas, os actos administrativos e as resolucións xudiciais, sempre que manteñan, polo menos, unha mínima aparencia de legalidade.

2.- A medida ha de ser, para terceiros, imprevisible e/ou inevitable, provocando a dificultade ou imposibilidade para o cumprimento das prestacións das partes --dunha ou de ambas-- que, en canto particulares, non contaron (aplicando sempre o debido esforzo diligente) con esa inmisión da autoridade na súa esfera particular.

3.- En fin, a decisión ha de recaer --neste contexto-- sobre a empresa, de forma directa ou indirecta, pero en calquera caso grave, ao momento de enervar a continuidade no seu normal funcionamento.

A norma controvertida dispón:

Disposición adicional décimo terceira. Normas de especial aplicación en materia de recursos educativos complementarios de ensino público. Desde o 1 de xaneiro de 2017 e ao longo de todo o exercicio económico 2017, tendo en conta que a previsión legal recollida na disposición adicional décimo terceira da Lei 12/2015 , do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, resulta prorrogada como parte integrante da devandita lei, á súa vez prorrogada, non serán de aplicación aos contratos, convenios e demais expedientes de gastos que dan soporte aos recursos educativos complementarios do ensino público galega as actualizacións dos prezos, derivadas da variación de prezos ao consumo (IPC galego) anual, así como de calquera outra fórmula de revisión prevista normativa ou convencionalmente. Concretamente, as contías globais derivadas da aplicación aos citados contratos e convenios do índice de prezos ao consumo do exercicio 2017, así como as contías globais pendentes dos exercicios 2013, 2014, 2015 e 2016, serán abonadas de maneira proporcional ao longo dos exercicios 2018, 2019 e 2020, con arranxo exclusivamente á fórmula e porcentaxes que se dispoñan nas correspondentes leis de orzamentos galegas, actualizándose os prezos correspondentes ao exercicio 2018 tomando como referencia para o cálculo os prezos do exercicio basee 2017 sen actualizacións. Para a determinación destas contías globais empregarase a seguinte fórmula:

Q = N1 + N2 + N3 + N4 + N5 Onde Q será o importe ao que ascende a contía global pendente dos exercicios anteriores...... As empresas prestadoras dos servizos de transporte escolar na comunidade autónoma de Galicia desconformes coa previsión establecida nesta disposición poderán renunciar á prórroga prevista no artigo 2 da Lei 5/2009 , do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galicia, sempre que formalicen a súa renuncia expresa ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes natural desde a entrada en vigor da presente lei. Con todo, seguirán prestando os servizos contratados ata a data de finalización indicada para o curso escolar 2016-2017, despois da cal se procederá a unha adxudicación dos mesmos mediante procedemento aberto.

A DA 18 da Lei 11/2013 establecía unha previsión semellante á DA 13 da Lei 12/2015 e a da lei 11/2014.

Compre subliñar que, tódalas disposicións adicionais das leis de orzamentos citadas, limitanse a trasladala determinación e pagamento das revisións/actualizacións de prezos a exercicios futuros, e non privan ó recorrente deste dereito. É dicir falarmos non da inaplicación das fórmulas de cálculo da actualización de prezos establecidas nos contratos senón de adiamento do pagamento das mesmas a exercicios fiscais futuros, e esta previsión, se ben muda os pregos de contratación aceptados polo recorrente e administración contratante, non vulnera o art. 9.3 e 33.3 e 53.1 CE citados polo recorrente, nin supón inmiscirse nunha competencia que lle corresponde en exclusiva ó Estado ( lexislación básica sobre contratos-art. 149.1.18 ).

Non se vulnera a competencia estatal - art. 149.1.18 CE en relación coa previsión da revisión de prezos no RDL 3/2011 ( e lexislación precedente ) - dado que a Lei de orzamentos 1/2017 ( DA 13 ª ) da CCAA Galega non procede a regulalo sistema de revisión de prezos dos contratos, limitándose a unha previsión orzamentaria - gasto-, trasladando a actualización de prezos a outros anos, e esta é unha competencia que lle corresponde á CCAA Galega, dada a súa autonomía presupuestaria e financieira.

Coma indica o art. 1.2.d Decreto legislativo 1/1999 é materia propia da Facenda Pública galega a contratación en réxime de dereito administrativo, sendo posible determinar nos orzamentos xerais o momento do pagamento das obrigacións ( art. 24 , 46, 72 ), que é o que acontece neste caso.

Consideramos que a DA 13ª da Lei 1/2017 non supón regulala contratación o sector público asumindo a competencia que lle corresponde ó Estado, senón só suspéndela actualización e pagamento da cantidade correspondente á revisión pactada é dicir, trasladando o gasto a outro exercicio orzamentario, e esto entra dentro das competencias da CCAA galega.

O TC tivo ocasión de pronunciarse - nunha cuestión con certa semellanza- no Auto ( núm. 4184/2015 ) no que dixo: ... a disposición legal cuestionada non incorre en vulneración da normativa básica en materia de contratos administrativos. Esta norma non regula a revisión de prezos nos contratos públicos, senón que, consonte se espuxo, en atención á situación excepcional, establece unha medida singular co fin de garantila sostenibilidade financieria do sistema institucional de xestión de refugallos promovido pola Administración Autonómica. En consencuencia, a previsión contida na mesma, non pode entenderse contraria á normativa básica estatal en materia de contratos administrativo, xa que non ten coma obxecto regular esta materia ....

Polo dito rexeitamos que concorra motivo suficiente para elevala cuestión de inconstitucionalidade pedida pola parte.

CUARTO.-Verbo da alegación de que a non revisión supón unha modificación unilateral do contrato, sen compensación e rompendo o equilibrio das prestacións.

A non revisión - en realidade, diferila determinación da actualización e do pagamento da revisión pactada a exercicios orzamentarios futuros - resulta da DA 13 da Lei 1/2017 e, en consecuencia, é a constitucionalidade ou non desta norma o determinante xa que, en tanto permaneza no mundo xurídico vencella a actuación das partes e dos Tribunais, polo que non pode ser obxecto de exame, coma motivo independente, o exercicio do ius variandi por parte da administración.

Outra das tachas de norma contraria á constitución é que a DA 13ª da lei 1/2017 supón o exercicio dunha facultade expropiatoria - por lei- sen a pertinente indemnización.

O 1º a determinar é se contido da DA 13º supón ou non unha expropiación de dereitos.

Dado o amplo contido do art. 1 LEF podería entenderse que, trasladalo percibo das cantidades correspondentes á revisión de prezos pactadas a exercicios tributarios futuros, supón privalo do dereito á recibilos no tempo pactado e, en tanto que muda as previsións contractuais, supón unha expropiación dun dereito e non dunha simple expectativa.

O que acontece é que, aínda que acolleramos dita pretensión, a ausencia dunha indemnización na norma legal - Lei 1/2017 - non supón que a norma sexa contraria á constitución, xa que coma indica a doutrina: A cuestión sobre que o silencio en materia de indemnización dunha Lei expropiatoria (por incorporar prohibicións ou limitacións do dereito de propiedade) non vulnera elartículo 33.3 CE , porque non impide reclamacións de responsabilidade patrimonial segundo o réxime legal xeneral, aparece na STC 28/1997 , cuxo FJ 7 exprésase da maneira que segue:

'Finalmente, a Sala cuestionante parece vincular a eventual vulneración do art. 33.3 C.E . ao feito de que na Lei 3/1984 non se dispoña expresamente unha fórmula ou unha canle reparador para compensar as prohibicións e limitacións ao exercicio do dereito de propiedade que se derivan da mesma. Pero no propio Auto de formulación condiciónase a pretensión indemnizatoria obxecto do recurso contencioso-administrativo do que coñece en apelación, a que as normas cuestionadas superen o xuízo de constitucionalidade que por razóns competenciais nel exponse. En tal suposto entende que haberá de coñecer do problema indemnizatorio debatido que, resolto favorablemente para as sociedades recorrentes pola Sentenza de instancia, exponse na apelación.

É claro, por tanto, que o silencio da Lei sobre este particular non pode ser considerado como unha exclusión vulneradora do disposto no art. 33.3 C.E ., senón que ha de entenderse que ese extremo quedará sometido á normativa xeral do ordenamento xurídico sobre a responsabilidade patrimonial por actos dos poderes públicos que procede outorgar a quen, por causa de interese xeral, resulten prexudicados nos seus bens e dereitos. Ao que cabe agregar que o Parlamento das Illas Baleares na Lei 1/1991 de espazos naturais e réxime urbanístico das áreas de especial protección , expresamente establece na súa disposición adicional sexta que nos proxectos orzamentarios da Comunidade Autónoma preveranse os recursos precisos para afrontar a responsabilidade económica que poida supoñer as cualificacións urbanísticas dos terreos.

De todo iso resulta que tampouco debe ser acollido este último reproche de inconstitucionalidade'.

É dicir, esta ausencia debe corrixirse, pola parte, pola vía da reclamación de responsabilidade patrimonial, a interpor unha vez perciba as cantidades correspondentes e resulte que non se lle compense ( percibo dos xuros ) polo retraso.

En resumo esta Sala - con discrepancias- considera que a previsión do acordo de 20.12.2016 - conxelación ( de feito ) de prezos para o ano 2017- non supón infrinxir principios constitucionais que merezan sucitala cuestión de inconstitucionalidade pretendida.

QUINTO.-Resolta a pretensión principal compre facer entrar a avaliala pretensión subsidiaria: aplicación da DA 13 Lei 12/2015 .

O recorrente considera que dita Da estaba en vigor ó tempo de ditalo acordo de 20.12.2016 e, en consecuencia, este acordo debeu reflectir no seu contido o que establece a aludida DA.

O que acontece é que a DA 13 da Lei 12/2015 ditase coa finalidade de regulalo pagamento das cantidades devengadas ó longo do ano 2016 - non aplicando a actualización correspondente- en tanto que o acordo de 20.12.2016 ditase determinando as cantidades a satisfacer ó longo do ano 2017, é dicir, é un acto administrativo cun termo inicial de vixencia posterior á data na que se dita - art. 39.2 Lei 39/2015 -, polo que o seu abeiro legal debemolo atopar na normativa orzamentaria que regula o exercicio 2017, que non é outra que a DA 13 da Lei 1/2017 .

A previsión específica da DA 13 da Lei 12/2015 :... actualizándose os prezos correspondentes ao exercicio 2017 tomando como referencia para o cálculo os prezos do exercicio basee 2016 sen actualizacións... debe entenderse derogada pola Lei 1/2017 que establece as previsións orzamentarias para todo do ano 2017 ( ós efectos da DA 13 se retrotraen ó 01.01.2017: Desde o 1 de xaneiro de 2017 e ao longo de todo o exercicio económico 2017, tendo en conta que a previsión legal recollida na disposición adicional décimo terceira da Lei 12/2015 , do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, resulta prorrogada como parte integrante da devandita lei, á súa vez prorrogada, non serán de aplicación aos contratos, convenios e demais expedientes de gastos que dan soporte aos recursos educativos complementarios do ensino público galega as actualizacións dos prezos, derivadas da variación de prezos ao consumo (IPC galego) anual, así como de calquera outra fórmula de revisión prevista normativa ou convencionalmente.) e que establece unha nova conxelación dos prezos, dándolle abeiro legal - retroactivo - ó acordo de 20.12.2016

Polo tanto, rexeitámolo recurso'.

TERCEIRO.-Non facemos declaración das custas ó existir dúbidas fundadas en dereito, de conformidade co disposto no artigo 139 da Lei Xurisdicional .

Por todo o exposto, en nome do Rey, pola autoridade que lle confire a Constitución, esta sala decidiu

Fallo

1.-Rexeitaro recurso contencioso-administrativo presentado por 'Augas de Inicio, S.A.' contra acordo de 20.12.2016 da Consellería de Cultura, Educacion e Ordenacion Universitaria que prorroga os contratos de transporte escolar na CCAA de Galicia para o ano 2017.

2.- Non facer declaración das custas.

Notifíquese ás partes e, no seu momento, devólvase o expediente administrativo á súa procedencia, con certificación desta resolución. Contra esta resolución teñen un recurso de casación ante a Sala Terceira do Tribunal Supremo. Devandito recurso haberá de prepararse ante a Sala de instancia no prazo de trinta días, contados desde o seguinte ao da notificación da resolución que se recorre, en escrito no que, dando cumprimento aos requisitos do artigo 89 da Lei Reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa , tómese en consideración o disposto no punto III do Acordo da Sala de Goberno do Tribunal Supremo de data 20 de abril de 2016, sobre extensión máxima e outras condicións extrínsecas dos escritos procesuais referidos ao recurso de casación (B.Ou.E. do 6 de xullo de 2016).

Así o pronunciamos, mandamos e asinamos.

PUBLICACION.- A sentenza anterior foi lida e publicada o mesmo día da súa data, pola Ilma. Sra. Maxistrada Relatora Dona CARMEN NÚÑEZ FIAÑO ao estar a celebrar audiencia pública a Sección 002 da Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Dou fe.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.