Sentencia Contencioso-Adm...o del 2026

Última revisión
11/05/2026

Sentencia Contencioso-Administrativo 91/2026 Tribunal Superior de Justicia de A Coruña. Sala de lo Contencioso-Administrativo. Sección de Casamiento, Rec. 7183/2025 de 06 de marzo del 2026

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico

Relacionados:

Tiempo de lectura: 33 min

Orden: Administrativo

Fecha: 06 de Marzo de 2026

Tribunal: Tribunal Superior de Justicia. Sala de lo Contencioso-Administrativo. Sección de Casamiento

Ponente: MARIA DOLORES LOPEZ LOPEZ

Nº de sentencia: 91/2026

Núm. Cendoj: 15030330032026100077

Núm. Ecli: ES:TSJGAL:2026:1447

Núm. Roj: STSJ GAL 1447:2026

Resumen:
CONTRATOS ADMINISTRATIVOS

Encabezamiento

T.S.X.GALICIA CON/AD SEC.3

A CORUÑA

SENTENCIA: 00091/2026

PONENTE: Dª.Mª. DOLORES LOPEZ LOPEZ

RECURSO: RECURSO DE APELACION 7183/2025

APELANTE:CONCELLO DE VILALBA (LUGO)

Procurador:

Letrado: LETRADO DIPUTACION PROVINCIAL

APELADO:ECOLAGUNAS SL

Procurador:MARTA MARIA REY FERNANDEZ

Letrado: ANTONIO FEIJOO MIRANDA

EN NOME DO REI

A Sección 003 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronunciou a

SENTENZA

ILMO./A.SR./SRA .PRESIDENTE/A

JUAN CARLOS FERNANDEZ LOPEZ

ILMOS./AS.SRES. /SRAS.MAGISTRADOS/AS

Mª. DOLORES LOPEZ LOPEZ

Mª. DE LOS ANGELES BRAÑA LOPEZ

A Coruña, 06.03.2026.

A Sección 3ª da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia resolve aquí o recurso de apelación tramitado co nº AP 7183/2025, contra a Sentenza nº 160/2025 de 26.05.2025 que recaeu nos autos de Proceso Ordinario nº 310/2.023 da praza nº 2 da Sección do Contencioso administrativo do Tribunal de Instancia de Lugo.

Intervén como Relatora a Maxistrada María Dolores López López.

Antecedentes

1.- Na Sentenza nº 160/2025 de 26.05.2025 o Maxistrado titular da praza nº 2 da Sección do Contencioso administrativo do Tribunal de Instancia de Lugo estima parcialmente o recurso contencioso promovido por Ecolagunas fronte ao Concello de Vilalba nos autos de PO nº 310/2023 da praza, contra unha inactividade municipal por falta de pagamento de facturas reclamadas, pola execución de obras de instalación dun equipo de depuración de augas en Mariñán.

2.- En escrito de 17.06.2027 o Letrado da Deputación Provincial de Lugo, actuando en nome e representación do Concello de Vilalba no asunto de referencia, formula recurso de apelación contra a Sentenza; en escrito de 24.07.2025 a representación procesual de ECOLAGUNAS manifesta a súa oposición fronte á apelación de contrario.

3.- Tramitado o recurso de apelación na instancia, nesta Sección 3ª da Sala se reciben os autos sobre a apelación o 10.12.2025.

4.- En providencia de 22.01.2026 sinalouse día para a deliberación e votación do fallo no asunto; que tivo lugar o 04.03.2026 previa constitución da Sección cos Maxistrados que se indican enriba.

Co resultado da votación de 04.03.2026, se dita esta Sentenza.

Fundamentos

1.- Obxecto do recurso de apelación.

A Sentenza apelada estima parcialmente o recurso contencioso seguido co nº Proceso Ordinario 310/2023 na praza nº 2 da Sección do Contencioso administrativo do Tribunal de Instancia de Lugo, formulado por ECOLAGUNAS S.L. fronte ao Concello de Vilalba contra a inactividade municipal no pagamento do prezo das obras de instalación dun Equipo de depuración de augas en Mariñán.

A empresa tiña reclamado o pagamento na vía administrativa previa por escrito de 07.08.2023 (nunha reclamación que formalmente formulou nos termos do art. 29.1. LXCA).

A recorrente solicitaba, xa na vía xudicial, a estimación do seu recurso con recoñecemento expreso do seu dereito a percibir do Concello a cantidade total de 58.266,46 € de principal, máis os intereses legais previstos no art. 7 da Lei 3/2004 de Medidas de Loita contra a Morosidade nas operacións comerciais, estes calculados dende o día 12 de novembro de 2021 ata o seu completo pagamento; así como os custos de cobro.

Na súa oposición fronte ao recurso contencioso, a contestación á demanda do Letrado da Deputación Provincial de Lugo, quen actuou en representación do Concello de Vilalba, empregaba un motivo de inadmisibilidade consistente na falta de actividade administrativa impugnable [ art. 69 c) LXCA], ao negar que se estivese accionando contra unha verdadeira inactividade do art. 29.1. LX e en canto ao fondo, para o caso de estimarse admisible o recurso, dubidaba de que se puidese aplicar á reclamación todo o réxime sancionador propio da falta de pagamento de facturas xeradas correctamente (sobre a base dunha contratación correcta), é dicir, excluíndo a aplicación dos intereses moratorios; tamén dos gastos xerais e o beneficio industrial.

A sentenza, despois de facer referencia á doutrina casacional sobre obras irregulares e prohibición do enriquecemento inxusto no seu FX 2º (cita a STS nº 2426/2022, de 13.06.2022), responde ao recurso rexeitando a inadmisibilidade invocada polo Letrado da Administración e, a continuación, lembra que o caso se corresponde cunha contratación verbal nula (pois non se axusta a ningún dos supostos que a permiten, art. 37 Lei 9/2017), de xeito que non procede acudir ao réxime xeral de contratación ( art. 199 Lei 9/2017) senón a esa doutrina sobre prohibición do enriquecemento inxusto para estes casos; en consecuencia, condena ao Concello a aboarlle á recorrente o importe do executado (principal) atendendo ás contías descritas no informe emitido nos autos polo Perito xudicial Sr. Enrique.

Despois de negarlle ao Concello que se probara mala fe na actitude da contratista, a Sentenza recoñécelle o seu dereito ao pagamento da cantidade que reclamara en concepto de principal (o importe das facturas, IVE incluído: 58.266,46 €); por outra banda, desestima a súa pretensión no tocante aos intereses moratorios solicitados en demanda e aos custos de cobro.

Neste particular, a Sentenza indica:

"no se reconocen intereses moratorios porque nos encontramos ante una contratación nula ya que la recurrente pudo, desde 2020, reclamar el abono del principal, dilatando la reclamación con gestiones simplemente enunciadas en la demanda, pero no explicitadas."

Engade:

"no procede el abono de gastos por requerir su reconocimiento la sujeción al régimen de contratación..."

2.- Argumentos da apelación.

O Letrado da Deputación Provincial de Lugo, actuando en representación do Concello demandado (Vilalba), sustenta a súa apelación nos seguintes argumentos:

1.- Nulidade da Sentenza por non acoller a inadmisibilidade alegada pola administración na súa contestación. Sostén que concorre o motivo de inadmisibilidade previsto no art. 69 c) LXCA por inadecuación de procedemento no entendido de que o recurso non responde a ningún dos supostos do art. 29.1. LXCA consonte o cal se formulou.

2.- Erro na valoración da proba e na interpretación xudicial do caso, xa que a sentenza non ten presente o incumprimento -non só do Concello-mostrado tamén durante a execución da obra pola recorrente, constando que a realizou sen ningún tipo de proxecto nin de dirección de obra; e tampouco ten presente que a obra non foi entregada co gallo de que puidese entrar en funcionamento sufrindo diversas carencias como a falta de subministración eléctrica, que orixinou que non se aprobasen as dúas certificacións de obra presentadas pola empresa; ou a carencia de probas de instalación e funcionamento de inspección da súa instalación eléctrica; tamén a falta de execución dunha arqueta do aliviadoiro.

Neste punto, seguindo o fío argumental da apelación, a Sentenza incorrería nun erro na súa valoración da proba ao indicar:

"El hecho de que el ayuntamiento no culminara la ejecución dotando de suministro eléctrico a la instalación, de hecho, abandonándola, no puede perjudicar a quien ejecutó su parte de la obra. El enriquecimiento del Ayuntamiento se consolidó al finalizar la obra, no afectando su conducta posterior de abandono al demandante."

Tamén neste punto a apelante refire unha serie de carencias da proposta da empresa postas de manifesto polo perito xudicial no seu informe en instancia ás que a sentenza non prestou atención; e a falta de proba de que se tiveran completado todas as obras que se dicían executadas de adverso (fala de algunhas que o propio perito xudicial non puido asegurar, pois lle foi imposible comprobala súa realidade)

3.- Critica tamén o Letrado da Diputación a incorporación no importe da condena de conceptos que haberían de terse excluído ao aplicar a doutrina sobre prohibición do enriquecemento inxusto, como é o caso do beneficio industrial e os gastos xerais.

3.- Oposición á apelación.

No seu escrito de oposición á apelación a representación de ECOLAGUNAS rexeita en primeiro lugar a inadmisibilidade denunciada de adverso (inadecuación de procedemento, art. 69 c) LXCA, por inexistencia de inactividade do art. 29.1. LX) declarando que houbo unha contratación aínda que verbal e por tanto nula, pero contratación, que encaixaría dentro dos supostos dese artigo, e que por outra banda en vía administrativa o Concello gardou silencio, non formulou obxección algunha ao respecto da súa reclamación previa, que se formulou (formalmente falando) ao amparo dese precepto.

Por outra banda, sinala que na documental do expediente se pode comprobar que ECOLAGUNAS entrégalle ao Concello unha proposta de instalación do Equipo (documento 04 do expediente, parte 2) e un Plan de Seguridade e Saúde das obras (incluídas na proposta) que se presenta para a súa aprobación ante o Concello, resultando que o seu Alcalde dita Decreto aprobando o plan instando á empresa a que presente as oportunas facturas (correspondentes ao prezo das obras) a través da plataforma FACE (documento nº 3 da demanda). De xeito que é o propio Concello o que aparenta ter contratado a execución das obras (encargo)

En canto ao fondo, lembra que a actuación en vía administrativa non foi unilateral da recorrente como contratista, senón que decidiu acometer unha obra en terreos de titularidade municipal tendo coñecemento os responsables do Concello e sobre a que o persoal técnico da Administración local realizou labores de vixilancia e control.

Sobre as carencias da obra denunciadas de adverso, sinala que se a obra non dispuxo de Proxecto Técnico foi porque non se lle requiriu polo Concello en calidade de promotor sendo á administración á que lle incumbía solicitar as oportunas autorizacións para actuar en zona de policía de dominio público hidráulico e levar a cabo as actuacións precisas para a extensión da rede de subministración de enerxía eléctrica e a súa acometida en baixa tensión (art. 147 LSG). Por iso é polo que entende que o reproche por parte do Arquitecto técnico, na súa declaración testifical, ao referir ausencia de proxecto e de autorizacións, habería de redundar en detrimento da Administración porque sucede nunha obra municipal e era ao Concello ao que lle correspondía esixir a documentación técnica e solicitar as autorizacións e permisos necesarios para a súa execución.

De seguido, insiste en que do informe do perito xudicial resultaría que o abandono absoluto das instalacións foi debido á actitude pasiva do propio Concello.

Sobre o importe da condena ao Concello, sinala que é correcto incluír a cantidade total que recolle a Sentenza, coincidindo co importe ou prezo de execución material da obra, de xeito que non é posible excluír desa cantidade nin o beneficio industrial nin os gastos xerais, xa que en tal caso a Administración tería saído beneficiada ao non contratar correctamente mentres que o contratista houbo de facer fronte, igualmente, a eses dous conceptos (cita a tal fin SSTS de 28.04.2008 ou 28.01.2016).

4.- Resposta ao recurso.

Seguindo a orde lóxica da propia Sentenza, temos que contestar ao recurso de apelación: en primeiro lugar, á inadmisibilidade rexeitada polo Xuíz de instancia; en segundo, á cuestión de fondo.

Aínda que non houbo polo momento unha resposta clara en vía casacional ás dúbidas suscitadas comunmente pola doutrina administrativa e a xurisprudencia menor contenciosa acerca de se unha falta de pagamento de cantidades facturadas a unha Administración que non responden a unha contratación correcta (senón a unha contratación nula) pode ser obxecto de reclamación en vía administrativa e de recurso en vía xudicial pola canle do art. 29.1. LXCA; de todos os xeitos ven sendo recoñecida esa posibilidade mesmo en Sentenzas deste Tribunal galego (STSXG de 23.02.2006, rec 152/2006) polo que se di de seguido.

Calquera motivo de inadmisibilidade ten que ser sempre examinado con cautela, en forma preventiva e tendente a favorecer o exercicio dunha acción lexítima -máxime se quen habería de recoñecer o pago non contesta á reclamación que se lle formulou, como sucedeu neste caso--, e entendemos que para este suposto non se pode acoller esa inadmisibilidade. Polo que procede confirmar a sentenza apelada neste particular.

Di o art. 29.1. LXCA (Lei 29/98):

"1.Cuando la Administración, en virtud de una disposición general que no precise de actos de aplicación o en virtud de un acto, contrato o convenio administrativo, esté obligada a realizar una prestación concreta en favor de una o varias personas determinadas, quienes tuvieran derecho a ella pueden reclamar de la Administración el cumplimiento de dicha obligación. Si en el plazo de tres meses desde la fecha de la reclamación, la Administración no hubiera dado cumplimiento a lo solicitado o no hubiera llegado a un acuerdo con los interesados, éstos pueden deducir recurso contencioso-administrativo contra la inactividad de la Administración.

2. Cuando la Administración no ejecute sus actos firmes podrán los afectados solicitar su ejecución, y si ésta no se produce en el plazo de un mes desde tal petición, podrán los solicitantes formular recurso contencioso-administrativo, que se tramitará por el procedimiento abreviado regulado en el artículo 78."

Nos supostos de inactividade, trátase dunha situación na que a Administración ten a obrigación de facer algo ou de executar un acto firme e consentido, sen levar a cabo esa obrigación legal que lle incumbe, impedindo ao interesado obter a prestación que lle corresponde ou a execución do acto administrativo firme; trátase así dunha inactividade material, por falta de exercicio dunha actividade prestacional á que vén obrigada.

O art. 29 da Lei Xurisdicional regula dous supostos de inactividade: aqueles nos que a Administración non actúa e estea obrigada a realizar unha prestación concreta (art. 29.1) e aqueles nos que deixa sen executar os seus propios actos firmes (art. 29.2), o que supón, en ambos os casos que a pretensión que se exercita é a propia dunha acción de condena á Administración para cumprir coa prestación que non realizou ou a executar o acto ou resolución que non levou a efecto.

No primeiro dos supostos, falamos dunha obrigación que nace sen necesidade de actuación adicional ou complementaria, por aplicación directa dunha disposición xeral (que non precise de actos de aplicación) ou un acto,un contratoou un convenio.

Trátase do presuposto básico que permite determinar a existencia (ou inexistencia) de inactividade administrativa.

O carácter efectivo desa prestación require que non precise de ningún acto máis, polo que, en puridade, a mera emisión de facturas non conformadas por unha Administración non pode entenderse, sen máis datos, dentro dos supostos que describe o art. 29.1. LXCA.

A prestación que se reclama é unha obrigación efectiva para a Administración e ten que ter un carácter concreto (determinada ou determinable) e é preciso, como requisito dos previstos no propio art. 29.1. LX, que a persoa que pretende a súa execución, ademais de estar lexitimado para iso, reclame previamente á Administración o cumprimento de tal obrigación e que transcorran tres meses desde tal petición sen que se lle dea cumprimento, polo que se non se realizou esa petición non pode facerse uso desta canle por incumprimento dos requisitos establecidos para actuar fronte á inactividade da Administración ( STS de 09.04.2010).

Aínda que a cuestión non está exenta de dúbidas se, como sucede neste caso, falamos dun contrato nulo, por tanto inexistente (contratación verbal en suposto alleo aos previstos na norma, artigo 37 Lei 9/2017), de todos os xeitos a literalidade do precepto inclúe, tamén, aqueles casos en que a obrigación nace a cargo da administración debido a un "acto", non só en caso de contrato ou convenio. E igualmente é posible falar de "contrato" por máis que fora nulo, que pode xerar efectos para quen demostre boa fe aínda que non chegue a aplicarse o réxime completo en materia de contratación administrativa.

En definitiva, entendemos que pode acudirse á canle do art. 29.1. LXCA nun caso como o presente.

O art. 29.1. LX dispón esa vía para "quien tuviera derecho... al cumplimiento de la obligación";e, neste caso, do expediente administrativo, da súa documental, dedúcese que a Administración local demandada sí realizou actos demostrativos do seu encargo da obra á empresa e polo tanto da súa obriga de pagar a obra que se tivera executado por máis que non chegara a subscribir o contrato esixible legalmente; a saber: recibe de ECOLAGUNAS unha proposta de instalación do Equipo de Depuración (documento 04 do expediente, parte 2), require á empresa para que achegue certificado da súa inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia (documento nº 1 da demanda) e tamén para que lle presente un Plan de Seguridade e Saúde das obras incluídas na súa proposta.

E o seu alcalde chega a ditar un decreto que aproba o Plan e indica que as facturas correspondentes ao prezo das obras presentaranse a través da plataforma FACE (documento nº 3 da demanda); despois nomea o seu aparellador municipal Director facultativo e Coordinador de Seguridade e Saúde para a obra, sendo ese mesmo técnico o que firma en calidade de coordinador a acta de aprobación do Plan de Seguridade (documentos nº 3 e 5 da demanda).

Non hai contratación (a verbal é nula para estes supostos), non se segue o oportuno expediente; pero se ditan acordos da alcaldía aprobando o Plan de Seguridade e a proposta de execución das obras que encaixan dentro do "acto" da Administración que xera unha obrigación concreta a cargo do Concello; en contrapartida á execución desas obras para as que se ditan tales actos pola propia Alcaldía.

Polo exposto confirmamos a decisión que contén o primeiro parágrafo do FXº 3º da Sentenza apelada (titulado "Respuesta judicial")cando di:

"Procede desestimar la causa de inadmisión alegada por la Administración. En el caso de presentación de facturas se abre la vía de la inactividad una vez que la Administración no provee de respuesta alguna, aun cuando el fondo del asunto se resuelva a través del instituto jurídico del enriquecimiento injusto. La pretensión era el pago de unas facturas no atendidas, derivadas de contratación administrativa y ese régimen nos remite al régimen especial de la Ley de contratos del sector público. .."

Sobre o fondo do asunto, a resposta nesta apelación ten necesariamente que pasar polo declarado pola Sala 3ª do TS nunha Sentenza de data recente, ditada despois de terse ditado a apelada, concretamente a STS nº 1620/2025 de 11.12.2025 (rec nº 6516/2022 , ECLI:ES:TS:2025:5993); cuxa doutrina mantén a resposta que xa tiña dado en casos anteriores (como na STS de 13.06.2022 da que fai cita o Xuíz de instancia), segundo a cal a prohibición de enriquecemento inxusto é aplicable á contratista que demostre boa fe no canto de que se lle aboe o importe das obras que teña realizado fora de contrato, ou sen contratación válida, sempre que a iniciativa da súa execución non teña partido desa contratista e se demostren feitos por parte da Administración que xeren razoablemente a crenza de deber de colaboración, apreciándose consentimento tácito na execución por parte dos responsables de tal Administración.

Aínda que limita a indemnización restitutiva (prezo real do executado)por enriquecemento inxusto aos costes ocasionados polas obras, excluíndo expresamente gastos xerais e beneficio industrial.

Sostén o TS na Sentenza precitada, de decembro pasado, que non se poden equiparar os efectos económicos derivados dun contrato administrativo coas consecuencias económicas que proceden da realización das obras públicas que non gozan de amparo nin soporte nun contrato aínda que, como se teñen realizado con consentimento tácito da Administración, tense que restablecer o equilibrio económico das partes a través dese mecanismo excepcional de prohibición do enriquecemento inxusto.

Conclúe que de todos os xeitos non se pode equiparar ese restablecemento restitutivo coa compensación polo lucro cesante, nin coas consecuencias económicas que derivan dun contrato administrativo válido.

Razón pola cal os conceptos a indemnizar van directamente relacionados coa obtención dun equilibrio patrimonial que implica que se lle aboen as obras verdadeiramente executadas atendendo ao valor do que realmente se fixo, é dicir, aos costes efectivos ocasionados pola realización desas obras.

O que exclúe aqueles conceptos económicos que son propios da execución dun contrato validamente celebrado e presupostado, como é o caso do beneficio industrial e os gastos xerais, que se calculan coma porcentaxes do presuposto de execución material - art. 101.2. Lei 9/2017 de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público-en tanto se non hai contrato validamente formalizado, non hai tampouco un presuposto válido de execución material sobre o que facer o cálculo desas porcentaxes.

Sobre esa base teórica, representada por esa resposta recente da STS nº 1620/2025 de 11.12.2025, tense que contestar a apelación, revisando, primeiro, se foi correcta e suficientemente razoada a valoración da proba practicada na instancia por parte do Xuíz que ditou a sentenza.

En canto á súa valoración da proba, e á súa interpretación de que no caso tíñase que aplicar a doutrina de prohibición do enriquecemento inxusto, non o réxime xeral de contratación ( art. 199 Lei 9/2017 sobre a falta de pagamento de facturas), temos que confirmar a sentenza xa que a revisión da proba practicada en instancia conduce ás mesmas conclusións do Xuíz, que por outra parte explica cal é a súa razón para alcanzar tales conclusións.

Tamén no referente a ausencia de proba de mala fe na actitude da recorrente por máis que se tivera proxectado máis obra (aínda que verbalmente, ou na documental confeccionada polas partes que nunca recibiu a conformidade municipal dentro dun expediente correcto de contratación); é certo que se ten demostrado un deterioro da instalación -o refire a propia Sentenza apelada-e unha falta de posta en funcionamento que o Concello imputa á actitude da mercantil, mesmo a presenza de auga que anega as instalacións debido ao xeito no que se executaron as obras.

Aínda así, ningunha desas razóns do Concello para por en dúbida a aplicación ao caso da doutrina de prohibición do enriquecemento inxusto se consigue demostrar na instancia durante a práctica da proba; non se demostra senón que a mercantil completa a execución das obras nos termos descritos polo Perito xudicial, nunhas condicións moi similares ás pactadas co Concello.

O Xuíz practicou proba na instancia, consistente tanto na pericial xudicial e a súa ratificación como a declaración testifical-pericial do técnico municipal nomeado Director facultativo da obra, quen explicou que tiña quedado pendente a acometida eléctrica, partida que non foi presupostada nin cobrada por ECOLAGUNAS porque finalmente se fixo depender de que se completaran as actuacións sobre derivación da lineal de media tensión, sobre a que o único que consta é que definitivamente o Concello asumiu despois que se completarían con outra empresa especializada; para o cal agardou unha marxe temporal importante durante a que, segundo se desprende do contido da transcrición das comunicacións vía whatsappentre o Director de ECOLAGUNAS e o Concelleiro Sr Amadeo (documento nº 8 da demanda), foi o Concello o que levou a iniciativa.

Por outra banda, abstracción feita da maior ou menor funcionalidade da obra, o que non ten dúbidas é o que demostran as conclusións do informe de 12.09.2024 do perito xudicial designado na instancia, o Sr. Enrique, Enxeñeiro Técnico superior de Camiños, Canles e Portos, quen indicaba en dito ditame que, a pesares das deficiencias observadas no contido da documentación contractual das obras, estas se tiveron executado na súa meirande parte acadando un importe ou prezo de presuposto de execución material que o perito cifra na cantidade de 38.411,7 €; importe ao que lle suma a cantidade de 7.298,28 € (gastos xerais, beneficio industrial) e mais o 21% por IVE (9.599,15 €) de xeito que o cálculo bota una cifra total de 55.309,40€.

O informe indica tamén que hai dúas partidas importantes cuxa execución o perito non puido comprobar in situpor razóns técnicas (a fosa séptica e maila bomba sopradora) que valora nas cantidades de 7.893,25 e 1.570,11 € respectivamente (e que considera integradas no custe de execución material da obra, dentro dos 38.411,97 €).

Durante a súa intervención no plenario, o Perito xudicial ratificou o contido do seu informe e explicou que a bomba sopradora e a fosa séptica, non as puido comprobar -a súa execución-por razóns técnicas, pero aínda así non tiña dúbidas de que a fosa séptica se tiña executado (precisou que con motivo da súa inspección do terreo puido ver signos externos indicativos de que se colocara, como o pozo de rexistro, e fotografías que demostraban que se fixera a escavación necesaria para a súa colocación); a mesma afirmación fixo o técnico municipal.

Sobre a bomba sopradora, no seu informe o Sr Enrique indicaba que non comprobou a súa execución por non ter acceso (estaba pechado) pero cando se lle preguntou, durante a práctica da proba presencial, se a factura que presentara ECOLAGUNAS por esa partida podería corresponderse coa instalada (en canto a características: condicións, potencia), contestou que tal factura representaba o coste de adquisición da bomba, á que o lóxico era que se lle sumara o coste de transporte, manipulación e instalación de xeito que ao seu parecer a suma pola que se reclamaba neste particular era correcta.

Finalmente, sinalaba o perito xudicial que o Equipo de Depuración non dispón de subministro de enerxía eléctrica por derivación da lineal máis próxima de xeito que é unha instalación que non se pode por en funcionamento. Engadía:

"En la propuesta de junio de 2018 y en la solicitud de Modificación del diseño del humedal de junio de 2019, NO FIGURAN COMO PARTIDAS A EJECUTAR LA ACOMETIDA ELÉCTRICA DESDE LA LÍNEA ELÉCTRICA MÁS PRÓXIMA (PARTIDA A ABONAR POR EL SOLICITANTE DE ACOMETIDA ELÉCTRICA EN SUELO RÚSTICO, SI NO EXISTE PUNTO DE ENGANCHE)."

O Xuíz de instancia valora correctamente o resultado da proba que practica; da que é certo que non se deduce, a pesares do alegado pola Administración, unha auténtica mala fe a cargo de ECOLAGUNAS na súa situación de contratista (sen contrato formalizado correctamente) que puidera desterrar do caso a aplicación da doutrina do enriquecemento inxusto; ao contrario, o resultado desa proba apunta na dirección contraria, tal e como conclúe o Maxistrado autor da sentenza.

É polo exposto polo que procede confirmar na súa maior parte os argumentos que contén a sentenza apelada; rexeitando os argumentos da apelación nos que se protestaba por un erro na valoración da proba e na aplicación da doutrina do enriquecemento inxusto ao caso.

Tamén se ten que confirmar a Sentenza no seu rexeitamento da condena ao Concello no importe dos intereses moratorios da Lei 3/2004 e os custes de cobro, xa que teñen que ser excluídos porque non se aplica o réxime sancionador da falta de pagamento de facturas propio da normativa en materia de contratación.

No que ten que ver coa contía na que a sentenza condena ao Concello, entendemos que procede fixala no importe do prezo de custe da obra realmente executada tal e como o fixa o perito xudicial no seu informe pero sen incorporar ao seu presuposto de execución material os gastos xerais e o beneficio industrial (tal e como ten dito recentemente o TS na súa Sentenza de 11.12.2025, rec 6516/2022, antes citada).

Teremos en conta os importes aos que fai referencia o informe do perito xudicial no seu apartado 8 (Conclusiones - punto 1),xa que nese punto o Sr Enrique confirma a realidade das obras previa inspección visual "in situ"e análise da documentación do expediente.

Aínda que nese punto fala desas dúas partidas (importantes) que non puido comprobar executadas, xa se explicou máis enriba, ao igual que explicaba a Sentenza apelada, que do resultado da proba se deduciría con suficiencia que a execución da obra cumpriu coa instalación tanto da fosa séptica como da bomba sopradora FBA e os prezos para esas partidas contidos nas propostas de ECOLAGUNAS resultaron axeitados.

O propio perito xudicial indicaba no seu informe que na súa meirande parte os prezos descritos nesas propostas de xuño de 2018 e xuño de 2019 de ECOLAGUNAS se corresponderon con "prezos de mercado vixentes" nos anos nas que se elaboraron, segundo o seu contraste con bases de prezos do sector constando só una partida nada significativa (unidade "Relleno de Piedra 45/75 mm de aporte")que non marcaría unha variación importante, polo que nin sequera a ten en conta.

É tamén por ese motivo polo que non acudimos á valoración que se fai nas conclusións do informe no seu punto 3) (valoración de las obras ejecutadas conforme a los precios que entienda normales de mercado de esos años)senon aos que o perito xudicial atribúe a obra que consta executada, por terse probado, grazas á súa pericial, o realmente executado e o seu valor.

Polo exposto ata aquí, e tendo en conta as conclusións do Perito xudicial no seu informe (apartado 8. Conclusiones, punto 1),falaríamos dunha cantidade de 38.411,97 € como presuposto de execución material da obra ao que aplicar o 21% en concepto de IVA (8.066,52 €) o que bota un resultado final de 46.478,49 €.

Importe no que se fixa agora a condena a cargo do Concello, sen incluír no cálculo as porcentaxes por beneficio industrial (6%) e gastos xerais (13%) que tiña previstas o perito xudicial no seu informe, calculándoas sobre o importe do presuposto de execución material das obras. En tanto non houbo un presuposto de contratación debidamente formalizado sobre o que facer eses cálculos; xa que non se tramitou ningún expediente de contratación e tampouco se firmou contrato válido.

Polo exposto revogamos parcialmente a sentenza, no importe da condena a cargo do Concello, que queda fixado no total de 46.478,49 €.

5.- Custas procesuais.

Non acordamos condena nas custas da apelación, en tanto foi estimada parcialmente ( artigo 139-2 LXCA).

Fallo

Estimar parcialmente o recurso de apelación formulado polo Letrado da Diputación Provincial de Lugo, actuando en nome e representación do Concello de Vilalba, contra a Sentenza de 26.05.2025 ditada polo entón Maxistrado titular da praza nº 2 da Sección do Contencioso do Tribunal de Instancia de Lugo nos seus autos de Proceso Ordinario nº 310/2023.

Revogamos a sentenza exclusivamente no importe da súa condena a cargo do Concello, que se fixa definitivamente na cantidade de 46.478,49 €; confirmamos a sentenza no resto dos seus pronunciamentos.

Sen condena nas custas procesuais da apelación.

Notifíquese esta sentenza ás partes con expresa indicación de que contra ela cabe, no seu caso, recurso de casación ordinario nos termos establecidos no art. 86 ss LXCA, dentro do prazo de trinta días computados dende o seguinte a súa notificación, que se preparará ante a Sala, a medio de escrito presentado cos requisitos do art. 89 do mesmo texto legal.

Así o acordan e asinan, ante min Letrada da Administración de Xustiza, os Maxistrados que se citan no encabezamento desta resolución; do que dou fe.

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.