Sentencia Penal Nº 103, A...io de 1999

Última revisión
07/07/1999

Sentencia Penal Nº 103, Audiencia Provincial de Pontevedra, Rec 1037 de 07 de Julio de 1999

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 8 min

Orden: Penal

Fecha: 07 de Julio de 1999

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL

Nº de sentencia: 103

Resumen:
   Retirada definitivamente por parte do Ministerio Fiscal a acusación contra do acusado, Manuel Fernando, polo delicto de bigamia, os feitos que se declaran probados constitúen un delicto de falsidade en documento público do art. 303, en relación co art. 302, Núm. 6, ámbolos dous do Código penal anterior, de 1970 -vixente no tempo dos feitos e máis favorábel para o acusado, que o actual-, pois o acusado, Manuel Fernando, tras el obter unha certificación literal auténtica do seu nacemento no Rexistro Civil do Grove, alterou ese documento, facendo unha fotocopia deste, na que tapou a nota á marxe na que constaba a anotación do matrimonio anterior, presentando de seguido no Rexistro Civil de Valladolid esa fotocopia, que semellaba se-la certificación orixinal, conquerindo deste xeito agacha-lo vencello matrimonial anterior e que se autorizase o seu novo matrimonio, o que efectivamente contraeu. Pola contra, non existe proba abonda para enxergamos sen ningunha dúbida que o segundo dos acusados, José Manuel daquela axente xudicial do Rexistro Civil do Grove, tivese participación ningunha na devandita falsificación. Dunha beira, o acusado, Manuel, sostivo sempre que a falsicación efectuona el de xeito exclusivo e sen a colaboración daquel outro acusado. Ante estas zonas de penumbra, non acae outra solución que a absolutoria do acusado, José Manuel Caneda. Do delicto de falsidade amentado é responsábel en concepto de autor do art. 14, Núm. 1 do C.penal, o acusado, Manuel, pola súa participación directa, material e dolosa nos actos que o enteiran.    

Fundamentos

AUDIENCIA PROVINCIAL

SECCION PRIMEIRA

PONTEVEDRA

 

 

 

CAUSA PENAL

Rolo             :1037/98

P.ABREVIADO :0061/96

Orixe            :XDO. 1ª INST. e INSTR. CAMBADOS 2

 

 

A SECCION PRIMEIRA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, composta por D. LUCIANO VARELA CASTRO, presidente, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO e D. JULIO CESAR PICATOSTE BOBILLO, maxistrados, pronunciou

 

 

NO NOME DE EL-REI

 

a seguinte

 

SENTENCIA N.103

------------------

 

Pontevedra, o sete de xullo de mil novecentos noventa e nove.

 

A causa número 0061/96 de XDO. 1ª INST. e INSTR CAMBADOS 2, vinda do XDO. 1ª INST. e INSTR. CAMBADOS 2, foi tramitada seguindo o procedemento abreviado, polo delicto de FALSIFICACION DOCUMENTOS PUBLICOS e BIGAMIA, contra de MANUEL, nado o 19 de maio de 1964, fillo de FERNANDO e de ELSA, natural do Grove (Pontevedra), e con enderezo en Centro Remar, sen antecedentes penais, e en liberdade por esta causa, representado polo procurador Sr. Del Río Fernández e defendido polo letrado Sr. Soto Varela; e contra de JOSE MANUEL, nado o 25 de setembro de 1963, fillo de Ricardo e Teresa, natural de Cambados (Pontevedra), sen antecedentes penais, e en liberdade por esta causa, representado polo procurador Sr. Alonso Méndez e defendido polo letrado Sr. Rodiño Vázquez, sendo parte acusadora o Ministerio Fiscal, que retirou a acusación contra de MANUEL FERNANDO polo delicto de bigamia. Foi relator o maxistrado don JUAN MANUEL, quen expresa o parecer da Sala.

 

 

I.- ANTECEDENTES DE FEITO.

 

      PRIMEIRO.: O Tribunal declara como FEITOS PROBADOS:

O acusado, Manuel Costa, maior de idade e carecente de antecedentes penais, contraeu matrimonio canónico con Ingrid Ruano Pérez o día 26 de xuño de 1982, inscrito no Rexistro Civil do Grove no tomo 33, páxina 162. Téndose separado de feito da súa muller, e residindo en Valladolid, propúxose contraer matrimonio de xeito civil nesa cidade con María de los Angeles Guerrero Pimentel, e coa finalidade de agachar no Rexistro a subsistencia do anterior vencello matrimonial, unha vez obtida a certificación literal auténtica do seu nacemento, na que constaba á marxe o primeiro matrimonio, fixo unha fotocopia desa certificación, tapando cun papel en branco a devandita nota á marxe, de tal xeito que nesa fotocopia xa non figuraba a preexistencia do primeiro vencello conxugal, presentando entón no Rexistro Civil de Valladolid esa fotocopia, autorizando entón o xulgado o novo matrimonio coa amentada María de los Angeles, matrimonio que se celebrou na data de 12 de xaneiro de 1996, sen se achar nese intre anulado nin disolto o matrimonio precedente. Este matrimonio foi disolto en virtude de sentencia firme de divorcio de data 22 de xaneiro de 1996. 0 Ministerio Fiscal nas súas conclusións definitivas, retirou a acusación polo delicto de bigamia, mantida inicialmente no seu escrito de cualificación provisional. Non está de abondo acreditado que o segundo dos acusados, José Manuel Caneda Caneda, maior de idade e carecente de antecedentes penais, tivese participación ningunha na alteración da verdade na devandita certicación rexistral.

 

SEGUNDO.: O Ministerio Fiscal, nas súas conclusións definitivas, retirou a acusación verbo do delicto de bigamia, e cualificou a súa versión dos feitos como constitutivos dun delicto de FALSIDADE EN DOCUMENTO PUBLICO, e acusa como criminalmente responsábeis deste en concepto de autores a MANUEL FERNANDO MASCATO COSTA e JOSE MANUEL CANEDA CANEDA, e solicitou que se lles impuxese a pena de 6 ANOS E UN DIA DE PRISION MAIOR E MULTA DE 300 000 PTA PARA CADA ACUSADO coas accesorias legais (art. 302 e 47 do C. penal), ou ben se é considerado máis favorábel 4 ANOS DE PRISION, MULTA DE SEIS MESES fixando a cota diaria en 5000 pta e INHABILITACION ESPECIAL por tempo de SEIS ANOS segundo o teor do art. 390-1º do Código penal (L.O. 10/1995). Custas.

 

TERCEIRO.: As defensas dos devanditos procesados nas súas conclusións tamén definitivas solicitaron a libre absolución dos seus defendidos.

 

II. FUNDAMENTOS XURIDICOS.

 

PRIMEIRO.: Retirada definitivamente por parte do Ministerio Fiscal a acusación contra do acusado, Manuel Fernando, polo delicto de bigamia, os feitos que se declaran probados constitúen un delicto de falsidade en documento público do art. 303, en relación co art. 302, Núm. 6, ámbolos dous do Código penal anterior, de 1970 -vixente no tempo dos feitos e máis favorábel para o acusado, que o actual-, pois o acusado, Manuel Fernando, tras el obter unha certificación literal auténtica do seu nacemento no Rexistro Civil do Grove, alterou ese documento, facendo unha fotocopia deste, na que tapou a nota á marxe na que constaba a anotación do matrimonio anterior, presentando de seguido no Rexistro Civil de Valladolid esa fotocopia, que semellaba se-la certificación orixinal, conquerindo deste xeito agacha-lo vencello matrimonial anterior e que se autorizase o seu novo matrimonio, o que efectivamente contraeu.

Tirándose a súa culpabilidade das súas propias manifestacións, recoñecendo ter efectuada a alteración dese documento no xeito amentado.

Pola contra, non existe proba abonda para enxergamos sen ningunha dúbida que o segundo dos acusados, José Manuel daquela axente xudicial do Rexistro Civil do Grove, tivese participación ningunha na devandita falsificación. Ese acusado negou sempre e abertamente esa participación. Dunha beira, o acusado, Manuel, sostivo sempre que a falsicación efectuona el de xeito exclusivo e sen a colaboración daquel outro acusado. Doutra beira, as testemuñas que depuxeron no acto do xuízo oral non poden asegurar que a alteración da certificación de nacemento fose efectuada por José Manuel quer só por el, quer de acordo co outro acusado. Outramente, a incertidume verbo do lugar onde se fixo a alteración da verdade na certificación, tapando a anotación marxinal do matrimonio, quer no Grove, quer en Valladolid, vén deitar máis escuridade sobre a intervención do acusado, Sr. Caneda, pois se a falsidade amentada tivese lugar nesta segunda cidade, como sostén o Sr. Mascato, non parece doada a actividade falseadora do primeiro, residente no Grove. No último termo, e se ben é certo que tampouco non é doado que unha persoa lega nas materias matrimonial e rexistral coñeza a estratexia ou mecanismos para ela burla-las garantías legais establecidas nas devanditas materias, non é menos certo que iso non é imposíbel e, menos aínda, que existan probas que amosen de xeito certo e indiscutíbel que o acusado, coñecedor deses amaños ou componendas como funcionario que traballa no Rexistro Civil, inducise ou colaborase dalgún xeito na falsidade, dicíndolle ao outro acusado como o tiña que facer. Ante estas zonas de penumbra, non acae outra solución que a absolutoria do acusado, José Manuel Caneda.

 

SEGUNDO.: Do delicto de falsidade amentado é responsábel en concepto de autor do art. 14, Núm. 1 do C.penal, o acusado, Manuel, pola súa participación directa, material e dolosa nos actos que o enteiran.

 

TERCEIRO.: Non concorre no feito axuizado circunstancia ningunha modificativa da responsabilidade criminal.

 

CUARTO.: Consonte co avindo no art. 19 do C. penal toda persoa responsábel criminalmente dun delicto ou falta éo tamén civilmente.

 

QUINTO.: Por mandado do art. 109 do C. penal as custas procesuais enténdense impostas pola lei aos criminalmente responsábeis de todo delicto ou falta.

 

Cómpre atérmonos a todo o que levamos dito, e desenvolvendo a potestade xurisdiccional que a Constitución española nos outorga.

 

 

DECIDIMOS.

 

Que, absolvendo libremente 0 acusado, JOSE MANUEL, do delicto de falsidade documental que o Ministerio Fiscal lle imputa, e absolvendo igualmente o segundo acusado, MANUEL FERNANDO, do delicto de bigamia, pola retirada da acusación verbo deste delicto por parte do Ministerio Fiscal, é mester nós condenármo-lo acusado, MANUEL FERNANDO, e de feito condenámolo, como autor criminalemente responsábel dun delicto de falsidade en documento público, xa definido, sen a concorrencia de circunstancia modificativa ningunha da responsabilidade criminal, as penas de SEIS MESES DE PRISION MENOR, coas accesorias de suspensión de todo cargo público e dereito de sufraxio durante o cumprimento da condena, e MULTA DE CEN MIL PESETAS, co arresto substitutorio de un día por cada dez mil pesetas ou fracción insatisfeitas, e ao pagamento da terceira parte das custas procesuais, declarándose de oficio as dúas terceiras partes restantes. Seralle de aboamento ao acusado condenado, para o cumprimento da pena privativa de liberdade ou do arresto substitutorio, todo o tempo no que teña estado privado provisionalmente desta durante esta causa. Cando esta resolución for firme, comuníqueselle de oficio ao Rexistro Central de Penados e rebeldes para que faga as acaídas anotacións.

 

Notifíqueselle-la devandita resolución aos procesados, persoalmente, e ás máis das partes, facéndolles saber que poden interpor contra dela recurso de casación, preparándoo perante esta Sala dentro dos cinco días seguintes ao da última notificación desta sentencia.

 

Deste xeito, por esta a nosa sentencia, da cal se achegará certificación ao rolo de Sala, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.