Última revisión
22/06/2000
Sentencia Penal Nº 1107, Audiencia Provincial de Pontevedra, Rec 66 de 22 de Junio de 2000
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 16 min
Orden: Penal
Fecha: 22 de Junio de 2000
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 1107
Fundamentos
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 1
PONTEVEDRA
AUTO: 01066/2000
AUDIENCIA PROVINCIAL
SECCION PRIMEIRA
PONTEVEDRA
APELACIÓN PENAL
Rolo: 1107/99
P. Abreviado: 405/98
Orixe: XDO. DO PENAL PONTEVEDRA 2
Ilmos. Sres. Presidente:
D. JAIME CARRERA IBARZÁBAL
Maxistrados:
D. LUCIANO VÁRELA CASTRO
D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO
A SECCIÓN PRIMEIRA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, composta por D. JAIME C , presidente, D. LUCIANO VÁRELA CASTRO e D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, maxistrados, pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENCIA NÚM. 66
Pontevedra, o 22 de xuño do año 2000.
No presente recurso de apelación interposto fronte á sentencia deitada nas precedentes dilixencias previas do procedemento abreviado que á cima se amenta, contra do/s acusado/s, FRANCISCO A , son partes: dunha beira, como apelante/s, ENRIQUE A , e da outra, como apelado/s, FRANCISCO Á e o Ministerio Fiscal. Foi relator o maxistrado don JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.
ANTECEDENTES DE FEITO
PRIMEIRO.- Acéptase o capítulo de feitos probados da sentencia recorrida, mais co aditamento do seguinte: "O acusado estendeu unha certificación, de data 1 de xullo de 1997, na que se facia constar que o día anterior se celebrara Xunta Xeral Universal de socios, á que asistira o socio minoritario, Enrique A , sendo inveraz, tanto a celebración daquela xunta, como esta asistencia, certificación que se achegou ao Rexistro Mercantil co obxecto de presentar neste as pertinentes contas anuais da sociedade, Centro 102.4, Aula Informática SL, da que o acusado era administrador único".
SEGUNDO. Con data 19 de abril do año 1999, o xuíz do Xulgado do Penal Pontevedra 2 pronunciou sentencia nos actos orixinais de onde o presente rolo é tirado, a alínea dispositiva da cal, rigorosamente, di:
"QUE DEBO ABSOLVER Y ABSUELVO A FRANCISCO A de toda responsabilidad criminal por el delito societario y delito de falsedad por los que venía siendo acusado, con todos los pronunciamientos favorables, declarando de oficio las costas del procedimiento".
TERCEIRO. Téndoselles notificada a devandita sentencia ás partes, ENRIQUE Á interpuxo recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos dous efectos. Tras os preiteantes teren sido emprazados, constituíronse en parte e, axiña que se efectuou a instrucción, sinalouse día e hora para deliberaren e resolveren o recurso.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
PRIMEIRO. Denantes de entrarmos no exame de se os feitos que a Acusación Particular lle imputa ao acusado son constitutivos de dous delictos societarios regulamentados nos arts. 291 e 293 do Código penal, semella obrigado, polo menos útil, pola novidade lexislativa, sinalarmos cales son os elementos que configuran unha e outra infracción.
Verbo do delicto do art. 291 constitúen os seus presupostos: A) Unha situación maioritaria do suxeito activo, ben entendido que se ten que partir dunha situación dominante inicialmente lícita, perfectamente lexítima, existindo discrepancias na doutrina sobre se abonda con te-la condición de socio, ou se sería preciso ademais ostentar un cargo directivo ou de administración na sociedade, discrepancias que non teñen importancia para resolvérmo-lo caso axuizado, dada aquela dobre condición no acusado. B) O suxeito pasivo son os demais socios, sendo o ben xurídicamente protexido o patrimonio deses socios minoritarios, ou o que é o mesmo, os seus intereses económicos particulares. C) O comportamento típico estaría constituido pola imposición dun acordo social abusivo, prevaléndose daquela situación maioritaria ou dominante, estribando aquel abuso, tanto na súa derivación nun prexuízo posíbel para os restantes socios, como, e indisolubelmente engadido a isto, na falta de beneficios para a sociedade mesma, sendo o sentir doutrinal dominante o de que nos achamos, non dediante dun delicto de resultado, senón de perigo concreto. D) Na súa vertente subxectiva, este ilícito esixe, amais de que o actor actúe con conciencia e vontade respecto dos elementos obxectivos do tipo, é dicir, con dolo, excluíndose entón as formas culposas, outro presuposto daquela orde subxectiva, como é o ánimo de lucro, estimándose que a locución lucro debe ser interpretada no seu senso estricto, ou o que é igual, na súa orientación puramente económica. E) Derradeiramente, non cabe descoñecérmo-lo atranco, salientado pola doutrina científica, da distinción entre os acordos abusivos penalmente relevantes e os acordos abusivos impugnábeis na vía civil, atranco que adoita salvarse acudindo ao principio de intervención mínima, que vertebra o Dereito Penal, dicíndose que a adopción de medidas penais só se producirá ante a ausencia ou insuficiencia doutros instrumentos xurídicos protectores.
Doutra beira, e polo que fai ao delicto tipificado no art. 293, supón: A) Canto aos suxeitos, o activo é o administrador -de feito ou de dereito-, e o pasivo o socio.
B) O ben xurídicamente protexido son os dereitos dos socios, e concretando máis, os seus dereitos políticos, o exercicio dos cales facilita e asegura o correcto funcionamento da sociedade e dos seus órganos sociais, sen que sexa preciso, a diferencia do ilícito anterior, ningún tipo de lesión patrimonial. C) A conducta puníbel estaría constituida por negar ou impedi-lo exercicio dalgún daqueles dereitos "sen causa legal", é dicir, sen ningún apoio normativo que abeire ou xustifique aquel comportamento de negación ou impeditivo. D) Por último, este tipo só admite a forma dolosa de comisión, a conciencia e intención de realizar actos ou adoptar decisións que estean directamente encamiñadas a negaren ou impediren o lexiítimo exercicio dos dereitos sociais aos que o tipo se refire.
SEGUNDO. Arrincando dos anteriores postulados, a parte acusadora, e hoxe recorrente, entende que dentro do tipo do art. 291 do Cp ten perfecto encaixamento unha primeira conducta do acusado, por este impor, facendo vale-la súa maioría de participacións na sociedade, dun sesenta por cento do capital social, o acordo abusivo da disolución, de data 26 de xaneiro de 1998, en prexuízo do outro socio minoritario e sen beneficio ningún para a sociedade. Mais para podermos apreciar este ilícito amósase como presuposto esencial o determinar se existía ou non existía causa legal para efectuar aquel acordo de disolución, ou, polo que ao caso atinxe, aparece como decisivo para criminalizar ou non criminaliza-la conducta do acusado, socio maioritario, determina-la situación económica da sociedade, ou o que é igual, se esta, por mor das perdas tivese ou non tivese reducido o seu patrimonio contábel a menos da metade do seu capital social, pois no caso afirmativo procedería a súa disolución por concorre-la causa prevista no art. 104.1.e) da Lei 2/1995, de 23 de marzo, de sociedades de responsabilidade limitada, en relación co art. 8 do estatutos sociais, e o acordo de disolución non só non sería abusivo, senón legal e ata obrigado.
Pois ben, a parte recorrente, non probou, como lle incumbía, en apoio da súa tese acusadora, que a sociedade dispuxese de ganancias e, á fin, dunha boa situación económica, de tal xeito que fose inxustificado e abusivo o acordo de disolución, adoptado polo voto maioritario do acusado. Moi pola contra, se algo cabe deducirmos das actuacións é precisamente a situación de importantes perdas da socidade, fóra do límite legal sinalado por aquela norma. Velaí, o dictame pericial practicado no acto do xuízo oral amosa que na data de 31 de decembro de 1997 a sociedade tiña unhas perdas de 2 252 935 pta, que representaban o 64,37 por cento do capital social, achándose entón a sociedade limitada nun estado propio da suspensión de pagamentos, e moi cercano á situación de creba, como dictamina aquel perito; proba pericial que non aparece combatida por outra proba semellante nin de natureza distinta. Sen que fronte a esa realidade económica poida prevalece-lo feito alegado pola acusación de que a verdadeira causa de disolución, como recoñeceu o acusado, foi a falta de entendemento entre os dous socios, dado que, de esa afirmación ser certa, esta non excluiría de ningún xeito a má situación económica, pericialmente contrastada, que amparaba e daba lexitimidade ao acordo de disolución, senón que, moi pola contra, esa falta de entendemento e o enfrontamento reiterado e sen retorno entre os socios se amosaría como un plus que xustificaría aínda máis aquel acordo disolutorio, complementándoo. En definitiva, o estado de graves e xeneralizadas perdas da sociedade non facía o acordo abusivo, nin ese acordo prexudicaba ao socio recorrente, nin beneficiaba ao socio maioritario acusado, presupostos que se amosaban como inescusábeis, e que, por non apareceren de abondo acreditados, tense que chegar a unha decisión absolutoria polo delicto amentado.
TERCEIRO. A mesma conclusión absolutoria tense que tomar, aínda que por razóns diversas, verbo do delicto que lle é imputado ao acusado ao abeiro do art. 293 do Cp. Neste contexo entende, en síntese, a acusación, que lle foi negado polo acusado o dereito de información sen causa legal, negativa que concreta no seu escrito de acusación ao exercicio social correspondente ao año 1996, ocultándolle os beneficios obtidos e próximos ao millón e medio de pesetas. Mais, examinando toda a bagaxe probatoria habida no xuízo oral, non cabe afirmar que o acusado perpetrase o ilícito que lle é imputado, se se teñen en conta os seguintes feitos: A) Que o propio socio minoritario recoñeceu nese acto solemne, tanto que o acusado lle enviou a información que lle pediu, atinxente ao año 1995, como que, polo que fai ao año 1996 -ao que circunscribe a súa acusación- tiveron nos meses de maio e xuño varias reunións, e que cada vez que viña á cidade de Pontevedra, onde a sociedade tiña o seu enderezo social, pedía información, que lle era dada, aínda que oralmente. B) Que o mesmo socio minoritario, ante a insatisfactoria información que segundo o seu xuízo lle foi subministrada, requiriu notarialmente o acusado para que lle completase a devandita información, podendo entón examina-las contas dese último exercicio. C) Que é un feito admitido en parte polo denunciante, e corroborado en todo caso polas testemuñas, Sres. Barreiro L e Sánchez B , que as contas da sociedade eran levadas pola empresa Aprogres, a que se viña encargando de feito de toda aquela materia. D) Que, no último lugar, houbo un certo desentendemento da marcha da empresa por parte do denunciante, e mesmo un alonxamento xeográfico, que viña lóxicamente dificulta-lo exercicio dunha información fluída. Todas esas circunstancias levan ao entedemento de que non houbo unha verdadeira negativa ao exercicio dese dereito, polo menos en grao tal que se fixese merecente do reproche penal.
CUARTO. Fica por examinarmos o terceiro delicto que se lle atribúe ao acusado. En sintese, o feito consiste, tal como se relata no capítulo de feitos probados desta sentencia, en que o acusado, como administrador da sociedade Centro 1 024, Aula Informática, SL, e para os efectos da presentación no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao exercicio de 1996, estendeu unha certificación consonte coa cal se tiña celebrada a Xunta Xeral Universal para a aprobación desas contas, e coa asistencia do outro socio, sendo incerto, tanto a celebración desa xunta, como a asistencia dese socio. Baseándose nisto, a parte acusadora estima que ese feito ten enteiro encaixamento, como falsificación dun documento mercantil perpetrada por un particular, no art. 392 do Código penal, en relación co art. 390, por supo-la intervención na devandita xunta do socio, cando isto non foi así.
Procede acollérmo-lo recurso nesta cuestión. O carácter de documento non é discutíbel. Trátase dun instrumento, ou -para utiliza-la expresión legal- dun soporte material que incorpora feitos de relevo xurídico, como de seguida se ha razoar, merecente entón de se incardinar no concepto legal de documento que para os efectos penais dá o art. 26 do Cp.
E a súa natureza mercantil tampouco non ofrece dúbidas. Neste último senso, a sentencia de 28-10-97 (caso FILESA) ven proclamar que "es cierto que ante la falta de definición, y habida cuenta que su falsedad se encuentra penada de forma mucho más grave que la falsedad en el documento privado, la jurisprudencia ha ido limitando el concepto, en en sentido de no entender como mercantil cualquier documento que se emplee en el tráfico comercial, sino sólo aquellos que incorporan una especial fuerza probatoria. Las ss 8 noviembre 1990 y 5 octubre 1988 establecían una enumeración enunciativa de los documentos mercantiles. En primer lugar se refería a los que, dotados de "nomen iuris", encuentras regulados en el Código de Comercio o en las leyes mercantiles especiales conforme a lo dicho más arriba. En segundo término todas las representaciones gráfias del pensamiento, generalmente por escrito y en papel, que con fines de preconstitución probatoria, plasmen c acrediten la celebración de contratos, o la asunción de obligaciones de naturaleza mercantil o comercial aunque carezcan de denominación conocida en Derecho. Y finalmente, y aquí entra el concepto de factura, aquellos que se refieren y son requeridos por la fase de ejecución o de consumación de contratos u operaciones mercantiles (SS 16 septiembre, 16 mayo y 13 marzo 1991). La factura es mercantil porque la misma comprueba un acto inherente al tráfico mercantil, formalizando o demostrando cualquier derecho de tal naturaleza (en lo que valga ver la S 16 junio 1992). La factura es mercantil porque la misma proyecta operaciones que se producen en el ámbito propio de una empresa mercantil, cualquiera que ésta sea, extensivo a las incidencias derivadas de tales actividades (ver la S 8 mayo 1992)".
Doutra beira, para apreciármo-lo delicto examinado, son necesarios dous elementos, a mutación da verdade e o dolo falsario.
Verbo do primeiro, o TS ten dito reiteradamente que o mudamento da verdade que esas conductas comportan ten que recaer sobre elementos esenciais, non sobre cuestións irrelevantes. Como sinala a s de 28-10-97 procederá a punición "cuando la materialización concreta de esa inveracidad es seria, importante y transcendente, como acaece aquí en los supuestos que se analizarán, razón por la cual ha de rechazarse el delito cuanto esa anomalía no guarda entidad suficiente o la idoneidad precisa para perturbar y alterar el tráfico documental o la legitimidad y veracidad intrínseca del documento. Se ha dicho muchas veces, en declaraciones machaconamente reiterativas (por todas ver la S 28 septiembre 1995), que lo esencial para el tipo penal es que aquella inveracidad recaiga sobre extremos esenciales, no inanes, inocuos o intranscendentes. En conclusión cabe señalar que esa conciencia y voluntad de alterar la verdad, o conciencia de la denominada "mutatio veritatis", constituye el dolo falsario, se logren o no los fines perseguidos, que plasmado sobre un documento da pie a la infracción penal. Tales conceptos naturalmente que tienen su plena vigencia cuando, tal ahora acontece, se trata de falsedad en documento mercantil aunque en ese supuesto sea precisamente la autenticidad y seguridad del tráfico mercantil, en general, lo que constituye la razón primordial de la incriminación de estas infracciones (ver la S 12 junio 1997)".
Con relación ao segundo dos presupostos amentados, de natureza subxectiva ou culpabilística, reiteradísimas resolucións do TS (entre outras moitas as SS 8 novembro 1995 e 21 xaneiro 1994) fan mención daquel dolo falsario como "la voluntad de alterar conscientemente la verdad por medio de una acción que quiere trastocar la realidad convirtiendo en veraz lo que no es, y a la vez atacando la confianza que la sociedad en general tiene depositada en el valor de los documentos."
Eses dous elementos do delicto concorren naquel comportamento do acusado, por confeccionar aquel documento consonte co cal se efectuou a Xunta Xeral de socios coa asistencia do socio minoritario, parte acusadora, e agora recorrente, pois, no primeiro termo, e polo que fai ao elemento obxectivo, está probado que se faltou á verdade por supor esa asistencia á xunta, cando ese feito, contido no documento, era falso, tendo o acusado, doutra beira, e no concernente ao dolo falsario, plena conciencia e vontade desa inveracidade. Restando xa, no último termo, por examinarmos se esa mutación da verdade tiña transcendencia, ou pola contra, dada a súa irrelevancia ou inocuidade, non era penalmente sancionábel. A derradeira cuestión ten de ser resolta no primeiro dos sentidos, pois: A) O relevo xurídico xeral dese documento é innegábel. O documento estendeuse para o facer valer nun rexistro público. Verbo disto lembramos que o art. 84 da LSRL remítese para estes efectos á LSA, a que no seu art. 218 esixe que á aprobación das contas anuais da sociedade se achegue a certificación dos acordos da xunta xeral de aprobación das devanditas contas, procedendo entón o rexistrador a el efectúa-los seus labores de certificación, denegando o acceso ao rexistro de faltar, entre outros, ese documento (art. 219), e dando a publicidade que o artigo seguinte establece para o caso contrario, ou, para o suposto de non se ter cumprida a esixencia legal que vimos comentando, dar lugar á imposición de sancións (art. 221). A fin, o rosario de consecuencias xurídicas é interminábel, se se ten en conta, amais diso, as funcións de publicidade que o Rexistro cumpre con respecto a terceiros que operan no tráfico xurídico mercantil, directamente interesados en coñeceren a marcha económica das empresas coas que pretende negociar.
B) Mais, a carón desa trariscendencia xenérica do documento, este ten importantes repercusións no ámbito interno da sociedade, ou se se preferir, a afirmación falsa contida no documento, de que na correspondente xunta interveu o outro socio -afirmándose igualmente que votou a prol da aprobación das contar-, lonxe da súa inocuidade, ten esenciais e obvias consecuencias para ese socio, como sería, a título de sinxelo botón de mostra, a posibilidade de poder impugnar ese acordo (Art. 56 da LSRL, en relación cos arts. 115 e ss da LSA).
QUINTO. Do devandito delicto é responsábel en concepto de autor do art. 28, alínea primeira, do Cp o acusado, pola súa participación directa, material e dolosa nos actos que o integran.
SEXTO. No feito axuizado non concorre ningunha circunstancia modificativa da responsabilidade criminal.
SETIMO. Consonte co art. 116 do Cp toda persoa responsábel criminalmente dun delicto ou falta éo tamén civilmente.
OITAVO. Por mandado do art. 123 do Cp, as custas procesuais enténdense impostas pola leí aos criminalmente responsábeis de todo delicto ou falta, debéndose inserí-las da acusación particular con baseamento no criterio da relevancia.
Acae atérmonos a canto levamos dito e, desenvolvendo a potestade xurisdiccional que a Constitución española nos outorga.
DECIDIMOS
Que, acollendo en parte o recurso de apelación formulado por ENRIQUE Á , contra da sentencia pronunciada polo Xulgado do Penal Pontevedra 2, na data de 19 de abril de 1999, é mester nós condenármo-lo acusado, FRANCISCO Á , como autor criminalmente responsábel dun delicto de falsidade de documento mercantil, xa definido, sen a concorrencia de circunstancia ningunha modificativa da responsabilidade criminal, ás penas de SEIS MESES DE PRISIÓN E MULTA DE SEIS MESES COA COTA DIARIA DE CINCOCENTAS PESETAS, e ao pagamento dunha terceira parte das custas procesuais da primeira instancia, inseridas as da acusación particular, declarándose de oficio as dúas terceiras partes restantes, así como as desta alzada.
Con testemuño desta resolución, devólvanselle as actuacións ao xulgado de orixe, por quen se ha notificar recibimento.
Deste xeito, por esta a rosa sentencia, da que se achegará certificación ao rolo da Sala, pronunciámolo, mandámolo e, asemade, asinámolo.
