Última revisión
15/06/2000
Sentencia Penal Nº 1132, Audiencia Provincial de Pontevedra, Rec 63 de 15 de Junio de 2000
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 8 min
Orden: Penal
Fecha: 15 de Junio de 2000
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 1132
Fundamentos
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 1
PONTEVEDRA
AUTO: 01063/2000
AUDIENCIA PROVINCIAL
SECCION PRIMEIRA
PONTEVEDRA
APELACIÓN PENAL
Rolo: 1132/99
P. Abreviado: 135/97
Orixe: XDO. PENAL VIGO 2
Ilmos. Sres. Presidente:
D. JAIME CARRERA IBARZÁBAL
Maxistrados:
D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO
D. JULIO CÉSAR PICATOSTE BOBILLO
A SECCIÓN PRIMEIRA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, composta por D. JAIME CARRERA IBARZÁBAL, presidente, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO e D. JULIO CESAR PICATOSTE BOBILLO, maxistrados, pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENCIA NÚM. 63
Pontevedra, o 15 de xuño do año 2000.
No presente recurso de apelación interposto fronte á sentencia deitada nas precedentes dilixencias previas do procedemento abreviado que á cima se amenta, contra do/s acusado/s, ABELARDO P , JAVIER R e CELSO L , son partes: dunha beira, como apelante/s, JAVIER R e CELSO L , este último adherido, e da outra, como apelado/s, ABELARDO P e e o Ministerio Fiscal. Foi relator o maxistrado don JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.
ANTECEDENTES DE FEITO
Acéptanse os feitos probados da sentencia contra a que se recorre.
PRIMEIRO. Con data 15 de xullo de 1999, o xuíz do Xulgado do Penal Vigo 2 pronunciou sentencia nos actos orixinais de onde o presente rolo é tirado, a parte dispositiva da cal, rigorosamente, di:
"Que debo condenar y condeno a JAVIER R y CELSO L , como autores de un delito de ESTAFA, ya definido, sin apreciar circunstancias modificativas de la responsabilidad criminal, a la pena, a cada uno de ellos, de ARRESTO MAYOR DE DOS MESES con ACCESORIAS de suspensión de todo cargo público y derecho de sufragio durante el tiempo de la condena; y, también, a cada uno de los mentados, al pago de UNA TERCERA PARTES DE LAS COSTAS; y, a ambos, a que conjunta y solidariamente indemnicen a "BODEGAS M.., SL" en CUATROCIENTAS CUARENTA Y OCHO MIL QUINIENTAS SESENTA PESETAS (448 560 pta) y en los réditos de esta cantidad indemnizatoria calculados a un tipo de interés anual igual al del interés legal del dinero, incrementado en dos puntos, a contra desde la fecha de esta sentencia hasta que sea totalmente ejecutada. Finalmente se ABSUELVE libremente a ABELARDO P del delito de estafa de que igualmente viene acusado, declarando de OFICIO la tercera parte restante de las costas.".
SEGUNDO. Téndoselles notificada a devandita sentencia ás partes, CELSO L (ADHERIDO) e JAVIER R interpuxeron recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos dous efectos. Tras os preiteantes teren sido emprazados, constituíronse en parte e, axiña que se efectuou a instrucción, sinalouse día e hora para deliberaren e resolveren o presente recurso.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
PRIMEIRO. Acóllese o recurso de apelación formulado polo acusado, JAVIER R , contra da sentencia pronunciada na primeira instancia pola que se lle condenaba como coautor dun delicto de estafa, debéndose, no seu lugar, pronunciar outra de contido absolutorio, por non resultar debidamente acreditado, coa certeza que é precisa no eido penal, o seu concerto co outro acusado condenado, ao que logo se ha aludir, para enganar o vendedor da mercadoría para que este efectuase o acto dispositivo dne a subministrar ante a errada crenza, creada por aquel engano, de que lle ía ser satisfeita, co conseguinte prexuízo económico para este último, e conseguinte beneficio para aquela apelante.
O recorrrente veu soster ao longo do proceso, e agora no recurso, a tese de que interveu na operación como sinxelo intermediario entre o vendedor das partidas de viño e o outro acusado, como mercador. E examinada a bagaxe probatoria existen elementos de proba directos e indiciarios que avalan esa tese. Dunha beira, achámonos coa declaración dunha testemuña imparcial e directa, como é o Sr. Velo C , que era o encargado das vendas do viño do denunciante, e que por mor do seu cometido coñeceu e levou en esencia as negociacións, ainda máis que o seu principal. Pois ben, esa testemuña é coherente, sólida, concreta e clara en dúas esenciais afirmacións: a primeira, que foi o recorrente, Javier, quen os chamou para dicir que había uns señores interesados pola compra de viño, e a segunda, que a persoa coa que concertou a venda foi co acusado, Celso. Doutra beira, e aínda que foi o apelante, Javier, quen facilitou as dúas contas bancarias para cargar nelas o pagamento das mercadoría, e a súa tarxeta de visita, e estivo presente na descarga destas, non é menos certo que ese comportamento activo e aberto vén amosar, en apoio da súa versión exculpatoria, unha contradicción netamente incompatibel, ou difícil de conxeniar, cunha actitude insidiosa, maquinadora, e, á fin, fraudulenta, fronte á actitude pasiva, subrepticia, ou en segundo plano do outro acusado, Celso, moitas veces a máis propia ou apropiada para todo estafador. No terceiro termo, existe a máis absoluta orfandade probatoria verbo de que o acusado recorrente dispuxese, en proveito propio ou alleo, de todo nin dalgunha parte do viño subministrado, ou o que é o mesmo, que obtivese algún lucro desa operación, vendéndoo, ou tentando vendelo, polo menos, a diferencia do outro acusado condenado, como de seguido se ha examinar.
Finalmente, nin das declaracións dos tres acusados, nin das declaracións testemuñais, cabe tirarmos, nin sequera presuntivamente, aquel concerto ou plan conxunto, que a sentencia declara como baseamento para condenar o apelante, Javier, a versión exculpatoria do cal ten, en resumo, que ser acollida por presentar tantas doses de razoabilidade e verosimilitude como a Cese acusadora, e da sentencia impugnada, e isto en virtude do principio in dubio pro reo.
SEGUNDO. A adhesión ao recurso do segundo dos acusados, Celso, non pode ser, pola contra, estimada, pois que, con independencia de que a adhesión, por mor de non ser no eido procesual penal, a diferencia do procedemento civil, un recurso propiamente dato e independente do recurso principal, non é o remedio procesual axeitado para solicitar un pedimento totalmente alleo ou distinto ao formulado polo outro recorrente, de xeito tal que pola canle elixida só cabe apoiar este último e único recurso -de aí o vocábulo "adhesión"-, o que levaría a desbotarmos sen máis a pretensión desa parte acusada, é o certo, amais, que existen nos actos probas abondas para acreditármo-lo comportamento enganoso que levou ao erro da víctima, facendo esta un desprazamento patrimonial sen contrapartida, co conseguinte prexuízo para esta e correlativo beneficio lucrativo do acusado, Celso. Velaí, e aínda que se mantivo na sombra nalgúns intres da operación, o que non deixa de ser sintomático, como xa se razoou, existen no acto do xuízo elementos de proba abondos que amosan que concorren nel aqueles presupostos integrantes do delicto de estafa que lle é imputado, como son: por moito que el o negue, que foi quen concertou realmente a operación de compra, segundo a declaración no acto do xuízo oral, da relevante testemuña, Sr. Velo, encargado de vendas do denunciante; que foi quen recibiu a mercadoría, tal como igualmente asevera esa testemuña nese acto solemne, e, á fin, o auténtico comprador; que foi nun almacén por el designado onde se descargaron tódalas caixas de viño, non habendo a máis mínima probanza de que terceiras persoas distintas do acusado, Celso, puidesen ter acceso a ese local; e que, no último termo, e malia certas reticencias de certas testemuñas no acto do xuízo, estas veñen recoñecer que foi Celso quen lles ofreceu a venda do viño, o que vén amosar, en conxunción con tódalas demais circunstancias que se acaban de relatar, que foi o acusado Celso, o artífice da maquinación e o único favorecido por esta.
TERCEIRO. Decláranse de oficio as custas procesuais desta alzada, así como a terceira parte das da primeira instancia, por mor da aboslución do acusado recorrente, Javier R ..
Acae atérmonos a canto levamos dito e, desenvolvendo a potestade xurisdiccional que a Constitución española nos outorga.
DECIDIMOS
Que é mester nós acollérmo-lo recurso formulado por JAVIER R , e que é mester nós rexeitármo-la adhesión a este de Celso L , contra da sentencia pronunciada polo Xulgado do Penal Vigo 2, na data de 15 de xullo de 1999, e é mester nós absolvérmo-lo acusado JAVIER R , libremente, do delicto de estafa que o Ministerio Fiscal lle imputa, declarándose de oficio as dúas terceiras partes das custas procesuais da primeira instancia, e a totalidade desta alzada.
Con testemuño desta resolución, devólvanselle as actuacións ao xulgado de orixe, por quen se ha notificar recibimento.
Deste xeito, por esta a nosa sentencia, da que se achegará certificación ao rolo da Sala, pronunciámolo, mandámolo e, asemade, asinámolo.

