Sentencia Penal Nº 118/20...io de 2008

Última revisión
04/06/2008

Sentencia Penal Nº 118/2008, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 2, Rec 339/2008 de 04 de Junio de 2008

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico

Relacionados:

Tiempo de lectura: 9 min

Orden: Penal

Fecha: 04 de Junio de 2008

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: BARREIRO PRADO, JOSE JUAN RAMON

Nº de sentencia: 118/2008

Núm. Cendoj: 36038370022008100389

Resumen:
ESTAFA

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 2

PONTEVEDRA

SENTENCIA: 00118/2008

AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA

Sección nº 002

Rolo: 0000339 /2008 P

Órgano Procedencia: JDO. DE LO PENAL N. 1 de PONTEVEDRA

Procedemento Orixen: PROCEDIMIENTO ABREVIADO nº 0000288 /2007

SENTENZA NÚM. 118

=============================================================

ILMOS/AS SRES/AS MAXISTRADOS/AS

Don José Juan Barreiro Prado, presidente

Dona María Mercedes Pérez Martín Esperanza

Dona Belén María Fernández Lago

==============================================================

Pontevedra, a catro de xuño de dous mil oito

Visto, pola Sección 2ª desta Audiencia Provincial, na causa instruída con número 288/07, o recurso de apelación interposto polo

procurador Senen Soto Santiago, en representación de Cornelio , contra a sentenza ditada polo Xulgado do

Penal núm. 1 de Pontevedra. Constituíronse como partes o mencionado recorrente e o Ministerio Fiscal, na representación que

lle é propia, e como acusación particular Rease Seguros Generales S.A.; actuou como relator o maxistrado don José Juan Barreiro Prado.

Antecedentes

Primeiro.- No acto do xuízo oral de referencia ditouse unha sentenza con data do 31 de xaneiro de 2008 , cuxa parte dispositiva é do teor literal seguinte:

"Que debo condenar y CONDENO a D. Cornelio , como autor criminalmente responsable de un DELITO DE ESTAFA, a la penas de UN AÑO Y TRES MESES DE PRISIÓN, con la accesoria de inhabilitación especial para el ejercicio del derecho de sufragio pasivo durante el tiempo de la condena, condenándole asimismo al abono de las costas del juicio, incluídas las de la acusación particular, debiendo indemnizar a la Compañía de Seguros Reale Seguros Generales S.A. en la suma de 2º.077,64 euros, más los intereses legales de dicha cantidad desde el día 29 de agosto de 2003 hasta su completo pago".

E, como feitos probados, recóllense expresamente os da sentenza contra a que se apela:

"Probado y así se declara que el día 19 de julio de 2003, Cornelio , mayor de edad y sin antecedentes penales, denunció ante la Policía Portuguesa la sustracción del vehículo citroen C5 HDI matrícula ....-CFB , propiedad de su suegro, siendo el acusado el usuario habitual del vehículo y el beneficiario del seguro de robo que tenía concertado con la Compañia Imperio, hoy Reale Seguros Generales S.A.

Con ánimo de obtener un beneficio económico ilícito, comunicó tal circunstancia, sabiendo que no era cierta, a la Compañía de Seguros, la cual le entregó el día 29 de agosto de 2003 una indemnización de 21.077,64 euros.

El acusado tuvo estacionado el citado vehículo desde el mes de octubre de 2003 y hasta aproximadamente el siete de julio de 2004, fecha que fue localizado por la Guardia Civil, en una plaza de garaje sita en una urbanización de Sanxenxo que junto con su esposa, tenía alquilada fuera de la temporada de verano.

El acusado, en julio de 2004, compareció ante la Policía Portuguesa fingiendo haber recuperado el vehículo en el mes de junio del mismo año".

Segundo.- Contra a devandita sentenza, a representación procesual do recorrente interpuxo un recurso de apelación, que formalizou expondo as alegacións que constan no seu escrito, o cal está unido ás actuacións.

Terceiro.- Logo de trasladarlle o escrito de formalización do recurso ao Ministerio Fiscal e á acusación particular, éstas presentaron escritos de impugnación baseándose en que a sentenza obxecto de recurso se axusta plenamente a dereito e solicitouse a súa confirmación.

Cuarto.- O xulgado do penal referido anteriormente remitiu a este Tribunal os autos orixinais con todos os escritos presentados para resolver, ditándose por esta Sala auto do 3 de xuño de 2008 denegando a solicitud de proba instado pola parte recorrente no seu escrito de interposición de recurso.

Hechos

Acéptase e danse por reproducidos os feitos que se declaran probados na sentenza obxecto de recurso.

Fundamentos

Primeiro.- Ao abeiro do artigo 790.2 da Lei de axuizamento criminal , o condenado na instancia como autor dun delito de estafa dos artigos 248.1 e 249 do Código penal , formula un recurso de apelación contra a sentenza do Xulgado a quo invocando o erro na valoración e apreciación das probas, así como a vulneración da presunción de inocencia do artigo 24.2 da Constitución española . Mais en realidade, e dentro do seu lexítimo dereito á discrepancia cunha resolución xudicial contraria aos seus intereses, o que pretende é que estes primen por enriba da que se presenta como obxectiva e imparcial labor xudicial.

Como circunstancias por todos admitidas resultaron:

a) Que o vehículo era da propiedade do sogro ( Ismael ) do acusado e agora apelante ( Cornelio ).

b) Que malia a referida titularidade dominical, era este último o usuario habitual do automóbil e quen tiña concertado un seguro que cubría o seu roubo de xeito que quedaba garantido o seu valor de novo se tal continxencia se producía dentro dos dous primeiros anos dende a matriculación.

c) O 19 de xullo de 2003 o acusado formulou en Póvoa de Varzim (Portugal) unha denuncia de roubo do amentado vehículo.

d) O 29 de agosto de 2003 o acusado recibe da entidade Seguros Imperio a cantidade de 21.077,64 ?, dos que 1.334,64 ? eran polo importe de aluguer doutro vehículo entre o 28 de xullo e o 25 de agosto de 2003, e 19.743 ? polo valor de novo do automóbil denunciado como roubado.

e) Que o 7 de novembro de 2003 o acusado mercou e matriculou a nome de Breogán Representaciones, S.L., outro novo vehículo da mesma marca, modelo e cor, que o que tiña denunciado como subtraído.

f) En xullo de 2004 o acusado compareceu perante a policía portuguesa para anunciar que recuperara, o mes anterior, o vehículo.

g) Que o acusado tiña alugado dende o mes de setembro a xuño de cada ano un apartamento cunha praza de garaxe nunha urbanización de Sanxenxo.

E se de nada do anterior se dubida nin as partes discrepan, das seguintes circunstancias reflectidas polo maxistrado xuíz a quo tampouco o fai este tribunal no atinxente ao convencemento da comisión dun delito de estafa por parte do agora recorrente en apelación.

Así, que o vehículo denunciado como subtraído polo acusado estivo dende o mes de outubro de 2003 ata xullo de 2004 aparcado permanentemente, sen moverse, na praza de garaxe que fóra da tempada estival tiña co apartamento alugado Cornelio en Sanxenxo, resultou probado por fundamentalmente o testemuño de Julieta , María Rosa , Ángel Jesús , e o dos axentes da Garda Civil que atoparon o vehículo na amentada praza de garaxe. Sen reiterar o xa dabondo reflectido verbo do testemuño dos indicados na propia sentenza contra a que se apela, só lembrar que, non tendo ningún dos indicados nin o máis mínimo interese en contra do acusado, coincidiron en que o vehículo do acusado permaneceu sen moverse na praza de garaxe durante todos aqueles meses, sendo doado decatarse por só quedaren tres vehículos no garaxe da urbanización (o da testemuña María Rosa , o da súa parella, e o do acusado) na época de outono-inverno, e ao comprobar tal detalle os axentes que deron co automóbil que figuraba como subtraído polo po e a graxiña que xa acumulaba sobre a carrocería. Este po e graxiña dende logo que resultan incompatibles coa circulación co mesmo coche nos días inmediatos ao seu achado dende Póvoa de Varzim a Sanxenxo percorrendo así uns 173 quilómetros.

Pero é que, amais, referindo o acusado que cando lle roubaron o coche deixara a chave de contacto posta e que cando foi a recuperalo fóra co outro xogo de chaves con tamén apertura automática, resulta que Citroën España certificou que na data de fabricación e entrega ao seu dono do vehículo subtraído (31 de maio de 2002) dos dous xogos de chaves só un estaba dotado co sistema de apertura automático e o outro non, agás que con posterioridade se solicitase un duplicado daquel, circunstancia esta que por ningures consta.

A mesma sorpresa causa que o acusado marchase a Portugal para recuperar o vehículo que, segundo el, deixara coa chave posta, sen antes chamar á policía portuguesa para que, entre tanto el chegase, custodiasen aquel para evitar unha nova desaparición, e que só lles dese aviso aos axentes portugueses da recuperación do automóbil con posterioridade a que este fose xa atopado pola Garda Civil na praza de garaxe que en aluguer tiña o acusado en Sanxenxo.

Igualmente se comparte co xulgador da instancia a suspicacia e nula credibilidade que se tirou do testemuño das persoas presentadas pola defensa, pois unha ( Pedro Enrique ) dixo que logo de ver o coche subtraído por Matosinhos chamou aos poucos días ao acusado cando este dixo que só recibiu novas de Portugal en tal sentido un ano despois do roubo; mentres que a outra testemuña ( Fernando ), mantén relacións comerciais co acusado e se fose certo que vira o coche deste último por Portugal tampouco se explica porque despois de chamar ao agora apelante non deu parte tamén á policía portuguesa como recurso máis doado e inmediato de recuperación do automóbil.

No atinxente a que o diñeiro recibido polo acusado da aseguradora foi investido en mercar outro vehículo de motor da mesma marca, modelo e cor do subtraído, non albiscándose así ningunha posibilidade de enriquecemento por parte daquel, nin é certo, por canto que o indemnizado foi o valor de novo do vehículo á marxe do uso que xa se fixera do mesmo, nin resulta de recibo, pois, de non descubrirse o realmente acontecido abofé que o acusado tería non un senón dous automóbiles co seu conseguinte lucro. E o detalle de que o vehículo denunciado como subtraído xa non o teña o acusado no seu poder e fose retirado da praza de garaxe por un guindastre e levado a unhas instalacións, en nada afecta á responsabilidade civil posta de cargo do acusado e indisolublemente anoada á responsabilidade penal, debendo aí o apelante facer fronte ao pagamento da cantidade que por unha inexistente subtracción recibiu da aseguradora, á marxe doutro tipo de accións que fóra deste eido penal puidesen corresponder.

En conclusión, con plena asunción no demais da ben exhaustiva e correcta argumentación da instancia, procede rexeitar o recurso de apelación formulado e confirmar a sentenza apelada.

Segundo.- As custas da presente alzada impóñense á parte apelante por mor do rexeitamento do seu recurso.

Vistos os artigos de xeral e pertinente aplicación.

Fallo

Que debemos desestimar o recurso de apelación interposto pola representación procesual de Cornelio , contra a sentenza ditada con data do 31 de xaneiro de 2008 no procedimento abreviado núm. 288/07, e confirmar esta sentenza, con imposición das custas desta instancia á parte recorrente en apelación.

Ao notificar esta sentenza, déaselle cumprimento ao previsto no artigo 248.4º da Lei orgánica do poder judicial.

Así o pronunciamos, mandamos e asinamos, mediante esta sentenza, da que se levará certificación ao rolo de Sala e que se anotará nos rexistros correspondentes.

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.