Sentencia Penal Nº 123/20...re de 2006

Última revisión
20/10/2006

Sentencia Penal Nº 123/2006, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 2, Rec 409/2006 de 20 de Octubre de 2006

Relacionados:

Tiempo de lectura: 8 min

Orden: Penal

Fecha: 20 de Octubre de 2006

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: CIMADEVILA CEA, MARIA DEL ROSARIO

Nº de sentencia: 123/2006

Núm. Cendoj: 36038370022006100335

Núm. Ecli: ES:APPO:2006:2585

Resumen:
ROBO CON VIOLENCIA O INTIMIDACION

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 2

PONTEVEDRA

SENTENCIA: 00123/2006

AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA

Sección núm. 002

Rolo: 0000409 /2006 P

Procedencia: JDO. DE LO PENAL N. 1 de PONTEVEDRA

Procedemento de orixe: PROCEDIMIENTO ABREVIADO nº 0000374 /2005

SENTENZA NÚM. 123

===========================================================

Maxistrados

Don José Juan Ramón Barreiro Prado, Presidente

Don Luciano Varela Castro

Dona Rosario Cimadevila Cea

===========================================================

Pontevedra, vinte de outubro de dous mil seis

Foi visto, pola Sección 2ª desta Audiencia Provincial na causa instruída co número 374/05, o

recurso de apelación interposto polo procurador don Concepción García Riestra, na representación

de don Juan Alberto , fronte á sentenza ditada polo Xulgado do Penal núm. 1 de

Pontevedra; é parte o Ministerio Fiscal e actúa como maxistrada relatora dona Rosario Cimadevila Cea

Antecedentes

Primeiro.- Pronunciouse nos autos de referencia a sentenza con data do 30 de maio de 2006, que na súa parte dispositiva di literalmente:

"Que debo condenar y CONDENO a D. Juan Alberto , como autor criminalmente responsable de un delito de robo con intimidación en las personas y uso de arma, a la pena de TRES AÑOS Y SEIS MESES DE PRISIÓN, con la accesoria de inhabilitación especial para el ejercicio del derecho de sufragio pasivo durante el tiempo de la condena, condenándolo asimismo al abono de las costas del juicio".

E como feitos probados expresamente recóllense os da sentenza contra a que se apela:

"El día 23 de enero de 2004, sobre las 18:30 horas aproximadamente, Juan Alberto , mayor de edad y sin antecedentes penales, se encontró en el Parque del Cristo de Porriño con Jesús Carlos , con quien entabló conversación y le pidió un cigarro, y con ánimo de enriquecerse ilícitamente, esgrimió una navaja pidiéndole dinero. Jesús Carlos le entregó al acusado 24 euros, quien acto seguido abandonó el lugar.

Juan Alberto era adicto a las drogas en la fecha de los hechos, pero no consta que en tal momento tuviera sus facultades mermadas o alteradas como consecuencia de tal adicción".

Segundo.- Contra a dita sentenza, a representación procesual do agora recorrente interpuxo o recurso de apelación que formalizou expondo as alegacións que constan no seu escrito, o cal se atopa unido ás actuacións.

Terceiro.- Tras lle dar a coñece-lo escrito de formalización do recurso ó Ministerio Fiscal, este presentou un escrito de impugnación no que solicita a confirmación da sentenza contra a que se recorre xa que se axusta a dereito.

Hechos

Acéptanse e danse por reproducidos os feitos que na sentenza

obxecto de recurso se declaran probados.

Fundamentos

PRIMEIRO.- A impugnación deducida por Juan Alberto contra a sentenza que na instancia o condenou como autor dun delito de roubo con intimidación nas persoas e uso de armas, previsto e penado no artigo 242.1 e 2 do Código Penal, baséase, en primeiro lugar, no erro na apreciación das probas.

Malia o esforzo argumentativo que se fai ao respecto o certo é que o Maxistrado-Xuíz a quo non fixo máis que en conciencia avaliar o material probatorio perante el despregado (artigo 741 da Lei de Axuizamento Criminal) para chegar á conclusión de que o recorrente foi o autor do delito de roubo con intimidación que se lle imputaba, a teor da secuencia cronolóxica e a conxunción fáctica que ben polo miúdo debulla na súa resolución.

Así, a declaración do denunciante-vítima ( Jesús Carlos ) relatando como o acusado-apelante Juan Alberto a el se achegou no parque do Cristo, de Porriño, como con el iniciou unha conversación, como lle pidiu un cigarro, e como, coa exhibición dunha navalla demandoulle a entrega de diñeiro, conseguindo así uns vintecatro euros, non deixa lugar a dúbidas por sempre o primeiro expresarse, sen fendas, en tal manifestación, que non se pode entender empañada por pequenos detalles tales como se primeiro o acusado lle pediu o cigarro e despois lle falou, ou se chegou o acusado a encender ou non o pitillo antes de sacarlle a navalla, etc. Non constitúen estas contradiccións ou vacilacións suficientes que afecten á contundencia do incriminatorio testemuño da vítima, en termos tales que o lograsen privar da eficacia de enervar a presunción de inocencia (artigo 24.2 da Constitución española) en aplicación así dunha ben reiterada doutrina xurisprudencial da que un exemplo é a inserida na STS 4602/2006 , do 20 de xullo. Amais, o Xulgador a quo tivo en conta non só, e en exclusiva, a declaración da vítima para chegar ao seu pronunciamento condenatorio, senón tamén a manifestación do pai daquel ( Juan Pedro ) se ben só por referenza inmediata do seu fillo testemuñou en autos, e as declaracións do taxista ( Jose Enrique ) e os dous axentes da garda civil que directamente interviron na averiguación dos feitos. E verbo destas tres últimas testemuñas cómpre dicir que o taxista recoñeceu ter levado ao acusado o mesmo día dende as inmediacións do parque do Cristo ata a casa dun tal "Crispín" ( Vicente ), que este admitiu que na súa casa viviu o acusado ata poucos días despois dos feitos, e que os axentes da garda civil recoñeceron ao acusado como o que detiveran, tamén pouco tempo despois do roubo, vestindo aínda as mesmas roupas ás que fixera referenza o denunciante-vítima e o taxista e portando entre elas unha navalla que Álvaro aínda que rotundamente non afirmou que fose a mesma dixo que era como a que lle exhibira o acusado para roubarlle. Asemade que, por se fose pouco, o propio acusado no intre o uso do dereito á última palabra recoñeceu que ese día efectivamente pillara un taxi para ir dende Porriño ata Mosende á casa do tal "Crispín" negando, porén, que a navalla tivese algo que ver con el, máis séndolle ocupada unha cinco días despois dos feitos.

Rexéitase así o primeiro alegado impugnatorio.

SEGUNDO.- A inaplicación do artigo 242.3 do Código Penal, e a indebida aplicación do artigo 21.2 en relación co artigo 20.2 do Código Penal, constitúe o segundo motivo da apelación.

Por probado se tivo que o acusado, esgrimindo unha navalla ao tempo que esixía o diñeiro, logrou da vítima a entrega de 24 euros. E de ser a mesma que ao acusado lle foi ocupada cinco días despois dos feitos, a súa folla medía uns nove centímetros.

A xurisprudencia do Tribunal Supremo ten admitido, de xeito excepcional, a compatibilidade entre o roubo agravado polo emprego de medios perigosos e o tipo privilexiado de menos entidade da violencia ou intimidación (así, as SSTS 1826/2002, do 31 de outubro, ou a 429/2000, do 17 de marzo, entre outras). A tamén STS 1388/2002, do 16 de xullo, (con cita da 545/2001, do 3 de abril, e do acordo do Pleno non xurisdiccional do 27 de febreiro de 1988) non fai máis que reiterar que a propia utilización de armas ou instrumentos perigosos, convertirá en excepcional a devandita posibilidade, dado que o seu emprego preordenado ao acto apropiativo dota de certa dose de gravidade á violencia e intimidación empregadas. E dende logo que tal excepcionalidade non concorre no caso que nos ocupa no que o acusado para vencer toda posible resistencia da vítima non dubidou en sacar a navalla que levaba asemade que lle esixía a entrega de diñeiro.

E en canto á indebida aplicación das pretendidas circunstancias modificativas da responsabilidade criminal, insístese na atenuante do artigo 21.2 do Código Penal por mor da suposta grave adicción do acusado-apelante ás substancias mencionadas no número 2º do precedente artigo 20 do mesmo texto legal. Mais é que, amais de compartírmonos os razoamentos da instancia para a súa desestimación (fundamento xurídico terceiro da sentenza apelada) o seu hipotético acollemento non tería efectos prácticos e resultaría totalmente inócua, pois, imposta a pena de prisión de tres anos e seis meses, esta sería a mesma pena que correspondería de aplicármola atenuante de mención tal e como se solicita a mesma (artigo 66.1.1ª do Código Penal).

TERCEIRO.- Impóñense as custas da presente alzada á parte apelante por mor do rexeitamento do seu recurso.

Vistos os artigos de xeral e pertinente aplicación.

Fallo

Que DESESTIMAMOS o recurso de apelación interposto pola representacion procesual de Juan Alberto , fronte á sentenza ditada con data do 30 de maio de 2006 no procedemento abreviado, debemos confirmar a mencionada sentenza. Impoñénselle as custas desta alzada ó recorrente.

Ó notifica-la sentenza, déaselle cumprimento ó disposto no artigo 248-4º da Lei orgánica do poder xudicial.

Así o pronunciamos, mandamos e asinamos por medio desta Sentenza, da que se achegará un testemuño ó Rolo de Sala. Anótese no rexistro correspondente.

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.