Sentencia Penal Nº 163/20...io de 2016

Última revisión
06/01/2017

Sentencia Penal Nº 163/2016, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 2, Rec 642/2016 de 22 de Julio de 2016

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 12 min

Orden: Penal

Fecha: 22 de Julio de 2016

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: BARREIRO PRADO, JOSE JUAN RAMON

Nº de sentencia: 163/2016

Núm. Cendoj: 36038370022016100116

Núm. Ecli: ES:APPO:2016:1434

Resumen:
CONDUCCIÓN TEMERARIA

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 2

PONTEVEDRA

SENTENCIA: 00163/2016

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 2 de PONTEVEDRA

Domicilio: ROSALIA DE CASTRO NÚM. 5

Telf: 986.80.51.19 Fax: 986.80.51.14

MI

Modelo:SE0200

N.I.G.:36008 41 2 2014 0005231

ROLLO:RP APELACION PROCTO. ABREVIADO 0000642 /2016CR

Juzgado procedencia: XDO. DO PENAL N.2 de PONTEVEDRA

Procedimiento de origen: PROCEDIMIENTO ABREVIADO 0000104 /2016

RECURRENTE: MINISTERIO FISCAL

Procurador/a:

Abogado/a:

RECURRIDO/A: Maximo

Procurador/a: ANTONIO DANIEL RIVAS GANDASEGUI

Abogado/a: RAMON SOUTO RODRIGUEZ

SENTENZA Nº 163

==============================================================

Ilmo. Sr. Presidente: D. JOSE JUAN BARREIRO PRADO

Magistrados Dª. ROSA DEL CARMEN COLLAZO LUGO

Dª. ROSARIO CIMADEVILA CEA

==============================================================

Pontevedra, vinte e dous de xullo do dous mil dezaseis.

Visto pola Sección Segunda desta Audiencia Provincial, na causa instruída co número 104/2016, o recurso de apelación interposto polo Ministerio Fiscal, contra a sentenza do 13 de maio do 2016 ditada polo Xulgado do penal nº 2 de Pontevedra. Constituíronse como partes o mencionado recorrente e o apelado Maximo , e actuou como relator o maxistrado don JOSE JUAN BARREIRO PRADO.

Antecedentes

Primeiro.-No acto do xuízo oral de referencia ditouse unha sentenza con data do 13 de maio do 2016 cuxaparte dispositivaé do teor literal seguinte:

'

Que absolvo a Maximo dos delitos de condución temeraria, de condución alcohólica e de condución sen permiso de que foi acusado.

Declro as custas de oficio.'

E,como feitos probados, recóllense expresamente os da sentenza contra a que se apela:

'Primeiro. O día 6 de decembro de 2014, arredor das 10:30 horas, circulaba pola autoestrada AP-9, en dirección a Santiago de Compostela,, o vehículo Nissan Note matrícula .... LRT , que circulaba zigzagueando cando ía pola ponte de Rande, e provocou que algún vehículo tivera que desviarse da súa traxectoria para evitar colidir con el.

Non está acreditado que conducía este vehículo nese momento.

Segundo. Despois destes feitos, ás 10:45 horas, axentes da Garda civil detiveron este vehículo, que era conducido por un menor. Nel viaxaba como ocupante o pai deste, Maximo , a quen se lle practicou unha proba de alcoholemia que deu como resultado 1,25 miligramos de alcohol na primeira medición e 1,35 miligramos de alcohol na segunda.'

Segundo.-Contra a devandita sentenza, o Ministerio Fiscal interpuxo un recurso de apelación, que formalizou expondo as alegacións que constan no seu escrito, o cal está unido ás actuacións.

Terceiro.-Logo de trasladarlle o escrito de formalización do recurso as partes, presentouse pola representación procesal do apelado Maximo escrito de impugnación baseándose en que a sentenza obxecto de recurso se axusta plenamente a dereito e solicitouse a súa confirmación.

Cuarto.-O xulgado do penal referido anteriormente remitiu a este Tribunal os autos orixinais con todos os escritos presentados para a sustanciación do recurso.


Aceptamos e damos por reproducidos os feitos que se declaran probados na sentenza obxecto de recurso.


Fundamentos

Primeiro.- O acusado, Maximo , foi absolvido na instancia dos delitos contra a seguridade viaria que lle imputaba o fiscal. En concreto, e en concepto de autor, dos delitos de condución temeraria ( artigo 380 do Código penal ) e de condución baixo a influencia de bebidas alcólicas ( artigo 379 do mesmo texto legal ), ambos en concurso medial; e, en concepto de indutor ou cooperador necesario, do delito de condución sen permiso ( artigo 384 do Código penal ). O fiscal presentou perante esta alzada un recurso de apelación ao que se opón o amentado acusado.

Segundo.- O fiscal apelante basea o seu recurso en dúas impugnacións: a relativa á absolución polo delito de condución sen licenza; e a que se refire á absolución polos delitos de condución temeraria e baixo a influencia do alcol. Remata a primeira coa solicitude de que se revogue a sentenza da instancia e se condene o acusado por tal motivo e, subsidiariamente, que se declare a nulidade da sentenza pola súa falla de motivación co fin de que reflicta o razoamento lóxico da posta á disposición do vehículo polo acusado ao menor e, xa que logo, da comisión dun delito de condución sen permiso. E a segunda das amentadas impugnacións remátaa o recorrente coa solicitude de declaración de nulidade da sentenza do Xulgadoa quopola falla de motivación que xera indefensión, dado que recolle razoamentos que chegan a conclusións arbitrarias pola ausencia de motivación e pola valoración conxunta da proba. A remisión á proba documental e á gravación da vista oral, e a alusión á realización dunha nova vista nesta alzada, agás que se renuncie a esta por non existir probas persoais para practicar, constitúen o colofón do recurso de apelación do fiscal. E, como dixemos, a todo o anterior oponse o acusado e agora apelado.

Terceiro.- Seguindo a mesma orde expositiva da argumentación que se reflicte no recurso de apelación, a falla dunha adecuada motivación da sentenza do Xulgadoa quoconcrétase en que a explicación do maxistrado xuíz da instancia de que o acusado non tiña o dominio funcional do feito, no relativo á súa imputada cooperación necesaria na comisión dun suposto delito contra a seguridade viaria, na modalidade de condución dun vehículo de motor sen o correspondente permiso, non lles permitiu coñecer ás partes os razoamentos polos que se chegou á amentada conclusión. Para o recorrente, incluso se pode colixir que o acusado non se encontraba nunha situación de intoxicación plena que lle impedise tomar calquera decisión verbo da condución do seu automóbil polo seu fillo menor, que non tiña o necesario permiso. E a sentenza contra a que se apela carecería de motivación e incorrería nunha interpretación ilóxica sobre o feito de que o acusado puxo á disposición do seu fillo o vehículo e consentiu que un menor de idade o conducise, xa que logo, sen ningún tipo de autorización para facelo.

Pois ben, a sentenza contra a que se apela, como toda resolución xudicial -incluída a presente- e, en xeral, todo escrito, sempre é susceptible de mellora en diversos apartados e sentidos. Mais non porque sexa concisa, parca e mesmo cativa na súa necesaria e imprescindible motivación se pode identificar e transformar, a comenencia de quen discrepa, nunha interpretación ilóxica. Para solicitar a nulidade da sentenza absolutoria, como é o caso, precísase que se xustifique a insuficiencia ou a falla de racionalidade na motivación fáctica, o apartamento manifesto das máximas de experiencia ou a omisión de todo razoamento sobre algunha das probas practicadas que puidesen ter relevancia ( artigo 790.2, parágrafo terceiro, da Lei de axuizamento criminal ). E nada disto se demostrou, xa que, de todo o anterior no que se refire ao caso concreto, a motivación fáctica da sentenza contra a que se apela, podendo ser máis exhaustiva, non resulta insuficiente, e non incorre na aludida falla de racionalidade.

Na instancia considerouse probado que, cando foi interceptado pola Garda Civil, o vehículo de motor era conducido polo fillo menor do acusado, que ocupaba o asento do copiloto. Porén, acordouse a súa absolución da cooperación necesaria -imputada polo fiscal- na comisión dun delito de condución dun automóbil sen o correspondente permiso por non constar a proba do dominio funcional do feito, pois o elevado índice de alcohol resultaba un indicio de que o acusado non tiña o control sobre a conduta do seu fillo menor. Sabido é (por todas, as SSTS 581/2009, do 2 de xuño ; 891/2006, do 22 de setembro ; e 1159/2004, do 28 de outubro ) que existe cooperación necesaria cando se colabora co executor directo cunha conduta sen a cal o delito non se podería cometer (teoría daconditio sine qua non), cando se colabora mediante a achega de algo que non é doado obter doutro xeito (teoría dos bens escasos), ou cando o que colabora pode impedir a comisión do delito retirando o seu concurso (teoría do dominio do feito). Esta última teoría foi a que expresamente reflectiu o maxistrado xuíza quona súa sentenza para a absolución do acusado do delito contra a seguridade viaria que por cooperación necesaria lle imputou o fiscal. A motivación fáctica da sentenza da instancia non incorre así na falla de racionalidade que podería dar lugar á súa declaración de nulidade.

Cousa ben distinta é que, concordándose con que o acusado nun principio podería ter o dominio funcional do feito no relativo á condución polo seu fillo dun vehículo de motor sen o correspondente permiso habilitante, logo se negue aquel pola situación en que se encontraba. Neste particular, e descartada a nulidade da sentenza, si que entraría en xogo a tamén alegada suposta interpretación ilóxica dos feitos que, no entanto, tampouco compartimos. Se o acusado deu 1,25 miligramos de alcol por litro de aire expirado, na primeira medición, e 1,35 miligramos de alcol, na segunda, a inferencia do maxistrado xuíz da instancia de que non tiña o control sobre a conduta do seu fillo podería terse por errada, mais non por ilóxica e irrazoable para os efectos de que o motivo do erro na valoración da proba puidese determinar, se non a nulidade, si a revogación da sentenza contra a que se recorre. O autor desta última optou, ao abeiro do artigo 741 da Lei de axuizamento criminal , pola absolución do acusado, e non se nos ofrecen, á marxe da discrepancia da parte para cun pronunciamento xudicial que non cadra coas súas expectativas, méritos suficientes e indubidables que nos aboquen á revogación da sentenza.

Alega o recorrente, como pretendida proba de que o acusado non se encontraba baixo unha situación de intoxicación plena que supostamente lle impedise tomar calquera decisión verbo da condución do automóbil polo seu fillo, que as súas respostas aos axentes da Garda Civil foron claras e lóxicas, como así consta no atestado que figura nas actuacións. E con ser certo este particular, non o é menos que, entre outras circunstancias, naquel documento os axentes tamén reflectiron que o acusado amosaba cansazo, esgotamento, estaba pálido, cos ollos brillantes, as pupilas algo dilatadas, tiña a fala pastosa e tatexante, unha halitose alcólica notoria a distancia e forte de preto, non tiña unha expresión normal, repetía as frases, deambulaba de xeito titubeante, mediante movementos con oscilacións de verticalidade no corpo, mostraba incapacidade para manterse erguido, etc. A inferencia xudicial de que, tendo en conta todo o anterior, e o obxectivo resultado das probas de alcolemia, o acusado non tiña o control sobre a conduta do menor e, xa que logo, o amentado dominio funcional do feito, non se pode ter por ilóxica ou irrazoable para os efectos pretendidos no recurso de apelación. E lémbrese que a cooperación necesaria do artigo 28, parágrafo segundo b), do Código penal , non a determina o feito de que o cooperador teña unha posición de garante da actuación do autor material do feito, senón que a establece o contribuír á execución do feito delituoso mediante un acto sen o cal non se tería efectuado, algo que, por todo o dito, non se considerou probado.

Cuarto.- Alega tamén o apelante, para a impugnación da absolución do acusado polos referidos delitos de condución temeraria e baixo a influencia de bebidas alcólicas, que no fundamento xurídico segundo da sentenza da instancia se reflectiu un razoamento que carece do contido mínimo esixible para chegar á conclusión de que non se acreditou que o acusado conducise nese momento. Pois ben, á parte do que xa razoamos nesta resolución en contestación ao primeiro motivo de apelación, verbo deste segundo en concreto, tampouco consideramos o recorrente asistido de razón.

Pártese de apreciar como posiblemente razoable o argumento xudicial de que a condución anómala do vehículo de motor puido deberse ao feito de que aos mandos deste fose unha persoa inexperta, coma o fillo menor do acusado, ou este mesmo baixo a influencia da previa inxestión de bebidas alcólicas. Mais decántase o apelante por esta última posibilidade por mor da declaración dos axentes da Garda Civil, que testemuñaron que a circulación do automóbil cando detiveron a súa marcha era normal e que eles non apreciaron ningunha condución anormal. Tamén é certa esta argumentación, mais non o é menos que non se demostrou coa seguridade que se esixe neste eido penal que o condutor do vehículo de motor fose o acusado cando, pola ponte de Rande da AP-9, cara a Santiago de Compostela, ía zigzagueando e dando bandazos. Ninguén foi capaz de asegurar que o condutor fose o acusado, e a hipotética suposición de que tamén podía ser o fillo menor do anterior non resulta ilóxica nin absurda, xa que, ao fin e ao cabo, era o que ía aos mandos do automóbil cando pouco despois - uns quince minutos- detiveron a súa marcha os axentes da Garda Civil. O feito de que estes non contemplasen unha circulación anómala por parte do menor non impide que, intres antes, si a desenvolvese cando aínda circulaba pola autoestrada e non xa pola estrada PO-551 (Rande-Marín) polo concello de Cangas. Circunstancias relacionadas coa configuración de ambas estradas, número de vehículos, tráfico, velocidade que se podía desenvolver en ambas, etc., se cadra podían non resultar alleas ao xeito de levar o coche e mesmo podían condicionar que a mesma persoa pasase de conducir dun xeito anómalo a facelo dentro dos parámetros da normalidade esixida.

Quinto.- Declaramos de oficio as custas da presente alzada.

Fallo

Desestimar o recurso de apelacióninterposto polo Ministerio Fiscal contra a sentenza do 13 de maio de 2016 ditada polo Xulgado Penal nº 2 de Pontevedra no PA 104/2016,confirmandoa sentenza, coas custas de oficio.

A o notificar esta sentenza, déaselle cumprimento ao previsto no artigo 248.4º da Lei orgánica do poder xudicial .

Así o pronunciamos, mandamos e asinamos, mediante esta sentenza, da que se levará certificación ao rolo de sala e que se anotará nos rexistros correspondentes.

PUBLICACIÓN.-A anterior sentenza foi lida e publicadanodía da data, polo maxistrado don JOSE JUAN BARREIRO PRADO, durante a audiencia pública. Dou fe.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.