Última revisión
14/03/2000
Sentencia Penal Nº 26, Audiencia Provincial de Pontevedra, Rec 2 de 14 de Marzo de 2000
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 5 min
Orden: Penal
Fecha: 14 de Marzo de 2000
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 26
Fundamentos
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 1
PONTEVEDRA
AUTO: 10026/2000
AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA
Sección nº 1
APELACIÓN PENAL
Rolo: 2/2000
P. Abreviado: 185/99
Orixe: XDO. PENAL PONTEVEDRA 1
Ilmos. Sres. Presidente:
D. LUCIANO VARELA CASTRO
Maxistrados:
D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO
D. JULIO CESAR PICATOSTE BOBILLO
A SECCIÓN PRIMEIRA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, composta por D. LUCIANO VARELA CASTRO, presidente, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO e D. JULIO CESAR PICATOSTE BOBILLO, maxistrados, pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENCIA NÚM.26
Pontevedra, o 14 de marzo do año 2000..
No presente recurso de apelación interposto fronte á sentencia deitada nas precedentes dilixencias previas do procedemento abreviado que á cima se amenta, contra do/dos acusado/s RAFAEL, son partes: dunha beira, como apelante/s, o devandito acusado, e da outra, como apelado/s, o Ministerio Fiscal. Foi relator o maxistrado don JUAN MANUEL, quen expresa o parecer da Sala.
ANTECEDENTES DE FEITO
Acéptanse os feitos probados da sentencia contra a que se recorre; agás os atinxentes ao apoderamento tentado na cabina telefónica, que non se estima acreditado.
PRIMEIRO. Con data 22 de setembro do año 1999, o xuíz do Xulgado do Penal Pontevedra 1 pronunciou sentencia nos actos orixinais de onde o presente rolo é tirado, a alínea dispositiva da cal, rigorosamente, di:
"Que debo condenar y condeno a RAFAEL como responsable en concepto de autor de un delito de hurto de uso de vehículo a motor del art. 244-1. del Cp y un delito de robo con fuerza en las cosas en grado de tentativa de los artículos 237, 238-3, 240, 16 y 62 del Código penal concurriendo la atenuante de drogadicción del artículo 21-2, a la pena de ARRESTO DE DOCE FINES DE SEMANA por el primer delito y SEIS MESES DE PRISION por el segundo, debiendo indeminzar a Autos …, SL, en 46 319 pta, y a la CTNE en 25 546 pta. Las costas son de cargo del acusado.".
SEGUNDO. Téndoselles notificada a devandita sentencia ás partes, RAFAEL, interpuxo recurso de apelación que foi admitido. Tras elevárenselle as actuacións a este tribunal, sinalouse a data de 24 de febreiro do año que andamos, para deliberaren e resolveren o recurso.
FUNDAMENTOS XURIDICOS
PRIMEIRO. A sentencia condenatoria polo delicto de furto de uso ten que ser confirmada por existiren probas abondas, fronte ao mantido polo apelante, que destrúen o principio constitucional de presunción de inocencia. O feito delictivo do furto de uso derívase dunha serie de feitos e indicios, postos de relevo pola xulgadora a quo, e dos que cabe salientármo-la posesión polo acusado da chave de rodas, propia do vehículo apropiado, ao que lle faltaba, e, nomeadamente, dos cables eléctricos que levaba no seu poder, e procedentes igualmente dese vehículo ao que lle fixera a clásica ponte para poder arrincalo. Datos que, engadidos a que por razón das horas da madrugada que eran e do solitario do lugar, levan a entendermos sen lugar a dúbidas de ningún tipo que foi o acusado recorrente o autor do feito amentado.
Nembargantes, acae acollérmo-lo recurso verbo do segundo delicto, de roubo con forza, en grao de tentativa, que lle é imputado, pois, téndose revisado todo o material probatorio do acto do xuízo oral, quédanlle dúbidas á Sala que non poden ser resoltas senón no senso favorábel ao acusado. Certo é que este último é obervado polos axentes policiais nas proximidades da cabina telefónica, que presentaba estragos tales como a rotura dun vidro e do panel protector do teléfono, así como varios cables pelados e desconectados dese aparello. Mais isto non amosa necesariamente que fosen feitos necesariamente polo imputado, e, menos aínda, que tivesen por destino o apoderamento ilícito do que é acusado. Este non é visto polos axentes xerando eses estragos, senón cando se achaba a uns cinco metros da cabina e alonxándose desta. Non hai certeza de que fose quen realizou os devanditos danos. Mais, ao mesmo tempo, non se acha unha explicación razoábel a que eses estragos se fixesen coa finalidade de roubar; e, se cabe aventurar unha hipótese, é a de que o acusado xerou os danos coa finalidade de obter cables, que foron atopados no seu poder, para os utilizar no vehículo, e esa finalidade ren ten que ver co propósito lucrativo e de apoderamento que resultaron improbados.
SEGUNDO. Decláranse de oficio as custas procesuais desta alzada.
Acae atérmonos a canto levamos dito e, desenvolvendo a potestade xurisdiccional que a Constitución española nos outorga.
DECIDIMOS
Que é mester nós revogármo-la sentencia recorrida, e de feito revogámola, na única cuestión de absolvérmo-lo acusado recorrente libremente do delicto de roubo con forza, en grao de tentativa, do que é acusado, declarándose de oficio a metade das custas procesuais da primeira instancia e as da alzada.
Con testemuño desta resolución, devólvanselle as actuacións ao xulgado de orixe, por quen se ha notificar recibimento.
Deste xeito, por esta a nosa sentencia, da que se achegará certificación ao rolo da Sala, pronunciámolo, mandámolo e, asemade, asinámolo.
