Última revisión
03/07/2000
Sentencia Penal Nº 41, Audiencia Provincial de Pontevedra, Rec 1029 de 03 de Julio de 2000
Relacionados:
Tiempo de lectura: 6 min
Orden: Penal
Fecha: 03 de Julio de 2000
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 41
Fundamentos
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 1
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 05041/2000
AUDIENCIA PROVINCIAL
SECCIÓN PRIMEIRA
PONTEVEDRA
CAUSA PENAL
Rolo: 1029/99
P. Abreviado: 26/99
Orixe: XDO. INSTR. VIGO 4
A SECCIÓN PRIMEIRA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, composta por D. JAIME CARRERA IBARZABAL, presidente, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO e DONA CARMEN BÓVEDA SOTO, maxistrados, pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENCIA NÚM. 41
Pontevedra, o 3 de xullo do año 2000.
A causa número 26/99, vinda do Xulgado de Instr. Vigo 4, foi tramitada, seguindo o procedemento abreviado, polo delicto contra da saúde pública, contra de TEÓFILO M, nado o 28/01/1961, fillo de José e de Luisa, natural de Crecente, con enderezo na rúa Mestre M de Vigo, con antecedentes penais, de quen non consta solvencia, en liberdade por esta causa. A procuradora dos tribunais dona CARMEN TORRES ÁLVAREZ representouno e o letrado don JUAN MANUEL REGAL MENÉNDEZ defendeuno. Parte acusadora: o Ministerio Fiscal. Maxistrado relator: don JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.
ANTECEDENTES DE FEITO
PRIMEIRO. O tribunal declara como FEITOS PROBADOS:
"Na data de 27 de novembro de 1998, arredor das 12,30 horas, Teófilo M , maior de idade, achándose na rúa Cristo de Vigo con Ángel R e Alfonso M procedeu a venderlles a estes senllas bulsiñas de heroína, cun peso respectivo de 0.051 e 0.065 gramos, que lles foron inmediatamente intervindas por dous funcionarios policiais que seguían de cerca esa operación de venda, funcionarios policiais, que, tras estenderen as oportunas actas de intervención e tras teren decorridos varios minutos, procederon a dete-lo acusado nas proximidades, ao que tamén lle ocuparon tres bulsiñas que contiñan 0,178 gramos da mesma substancia."
SEGUNDO. O Ministerio Fiscal, nas súas conclusións definitivas, cualificou a súa versión dos feitos como constitutivos dun delicto contra da saúde pública do art. 368 do Cp. Acusa como criminalmente responsábel del, en concepto de autor, a TEÓFILO M, e solicitou que se lle impuxese a pena de CINCO ANOS DE PRISIÓN E MULTA DE 12 000 PTA. CUSTAS.
TERCEIRO. A defensa do devandito procesado, nas súas conclusións tamén definitivas, solicitou a libre absolución do seu defendido.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
PRIMEIRO. Os feitos que se declaran probados constitúen un delicto contra da saúde pública, de tráfego de drogas das que xeran grave dano á saúde, do art. 368 do Cp, xa que o acusado procedeu a venderlle ás dúas persoas que se amentan no capitulo de feitos probados desta resolución as dúas bulsiñas de plástico transparente, que contiñan heroína. Este acto de tráfico do acusado tirase dos seguintes instrumentos de proba directos e indiciarios: A) A ocupación en poder deste de tres bulsiñas tamén de plástico transparente, cualificadas de iguais a aquelas polas testemuñas policiais, que contiñan igualmente heroína, nunha cantidade de 0,178 gramos, que, repartida entre as tres bulsiñas, vén dar unhas cifras moi parellas ás das dúas bulsiñas vendidas. B) As declaracións dos policías que presenciaron moi de cerca toda a operación é profundamente esclarecedora, por afirmaren, en sintese, que puideron ver como o acusado recibía daquelas dúas persoas -que confesaron no acto do xuízo seren consumidoras da devandita substancia- senllos billetes, dándolles en troques algo, e sendo seguidas e interceptadas inmediatamente esas dúas persoas, fóronlles ocupadas as bulsas devanditas, levantándose as oportunas actas de intervención. C) Que aínda que coas naturais e acostumadas reticencias nas declaracións dos compradores, que depuxeron no acto do xuízo oral, e concretamente polo que fai ás manifestacións da testemuña, Alfonso M , esta última aseverou que adquiriu a droga dun tal Teo, en obvia alusión ao acusado Teófilo, co que recoñece ter estado naqueles intres, aínda que fixese referencia a que se estaba referindo a unha persoa distinta do acusado, cun nidio e rexeitábel propósito exculpatorio para este. D) Que polo que fai á declaración desta última testemuña, esta admitiu, en resposta á pregunta da Presidencia do Tribunal, que cando o detiveron os axentes da policía "acababa de comprar la droga inmediatamente", facendo así alusión a un contexto temporal tan contiguo ou inmediato entre a compra e a detención que exclúe necesariamente que a venda fose efectuada por outra persoa distinta do acusado, xa que foi a única que tivo contacto cos aqueles dous compradores, consonte co relato do ocorrido dado polos funcionarios policiais. Sen que a todo isto se lle opoña o feito de que non se achase diñeiro ningún en poder do acusado, pois non se debe esquecer que entre o intre da actuación policial, de intervención da droga aos compradores, e o da detención do acusado, mediou o tempo abondo para que este último dispuxese dos cartos.
SEGUNDO. Do devandito delicto é responsábel en concepto de autor -do art. 28, alínea primeira, do Cp- o acusado, pola súa participación directa, material e dolosa nos actos que o integran.
TERCEIRO. A falta de pedimento por parte do Ministerio Fiscal da concorrencia dalgunha circunstancia agravante, e concretamente a de reincidencia, o Tribunal, por elementais postulados acusatorios, non pode entrar no exame de se concorre ou non concorre a devandita circunstancia.
CUARTO. Consonte co art. 116 do Cp, toda persoa responsábel criminalmente dun delicto ou falta éo tamén civilmente.
QUINTO. Por mandado do art. 123 do Cp, as custas procesuais enténdense impostas pola lei aos criminalmente responsábeis de todo delicto ou falta.
SEXTO. No atinxente ás penas a impórmoslle ao acusado, amais da de prisión que se ha determinar na parte dispositiva desta sentencia, acórdase impor a de multa de 11 600 pta, que é a correspondente á contia dos 0,116 gramos vendidos, equivalente ás 12 375 pta nas que foron taxados os 0,178 gramos que lle foron ocupados ao acusado.
Acae atérmonos a canto levamos dito e, desenvolvendo a potestade xurisdiccional que a Constitución española nos outorga,
DECIDIMOS
Que é mester nós condenármo-lo acusado, TEÓFILO M, e de feito condenámolo, como autor criminalmente responsábel dun delicto contra da saúde pública, de tráfico de drogas das que xeran grave dano á saúde, xa definido, sen a concorrencia de circunstancia ningunha modificativa da responsabilidade criminal, ás penas de TRES ANOS DE PRISIÓN, e multa de 11 600 pesetas, co arresto substitutorio de un día en caso de non pagamento da multa. Seralle de aboamento ao acusado para o cumprimento da pena privativa de liberdade, e do arresto substitutorio, no seu caso, todo o tempo no que estivo privado provisionalmente de liberdade durante esta causa.
Notifíqueselles a devandita resolución ao acusado, persoalmente, e ás máis das partes, facéndolles saber que poden interpor contra dela recurso de casación, preparándoo perante esta Sala dentro dos cinco días seguintes ao da última notificación desta sentencia.
Deste xeito, por esta a nosa sentencia, da cal se achegará certificación ao rolo da Sala, pronunciámolo, mandámolo e, asemade, asinámolo.

