Última revisión
22/04/2008
Sentencia Penal Nº 81/2008, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 2, Rec 236/2008 de 22 de Abril de 2008
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 9 min
Orden: Penal
Fecha: 22 de Abril de 2008
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: BARREIRO PRADO, JOSE JUAN RAMON
Nº de sentencia: 81/2008
Núm. Cendoj: 36038370022008100154
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 2
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00081/2008
AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA
Sección nº 002
Rolo: 0000236 /2008 J
Órgano Procedencia: JDO. DE LO PENAL N. 2 de PONTEVEDRA
Procedemento Orixen: JUICIO RAPIDO nº 0000004 /2008
SENTENZA NÚM. 81
=============================================================
ILMOS/AS SRES/AS MAXISTRADOS/AS
Don José Juan Barreiro Prado, presidente
Dona María Mercedes Pérez Martín Esperanza
Dona Rosario Cimadevila Cea
==============================================================
Pontevedra, a vintedous de abril de dous mil oito
Visto, pola Sección 2ª desta Audiencia Provincial, na causa instruída con número 4/08, o recurso de apelación interposto polo
procurador JORGE FREIRE RODRÍGUEZ, en representación de Juan Francisco , contra a sentenza ditada polo Xulgado
do Penal núm. 2 de Pontevedra. Constituíronse como partes o mencionado recorrente e o Ministerio Fiscal, na representación
que lle é propia, e actuou como relator o maxistrado don José Juan Barreiro Prado.
Antecedentes
Primeiro.- No acto do xuízo oral de referencia ditouse unha sentenza con data do 1 de febreiro de 2008, cuxa parte dispositiva é do teor literal seguinte:
"Que debo condenar y condeno a Juan Francisco como autor de un delito contra la seguridad del tráfico previsto y penado en el artículo 385 del Código Penal , a la pena de 6 meses de prisión así como al abono de las costas procesales causadas".
E, como feitos probados, recóllense expresamente os da sentenza contra a que se apela:
"Resulta probado y así se declara que el día 16 de enero de 2008, sobre la 1,40 horas, Juan Francisco abandonó el vehículo de su propiedad Opel Kadett, matrícula JU .... W en el kilómetro 1,300 de la carretera PO 226 (Cuntis-Porrans), en una curva a la izquierda de escasa visibilidad, ocupando por completo su carril de circulación, careciendo la vía en esa zona de alumbrado público y siendo las condiciones metereológicas de temporal, dejando el vehículo sin luces y sin los triángulos de señalización, sin tomar medida alguna para advertir a los vehículos que circularon por la mencionada vía, situación que se mantuvo hasta que el vehículo fue señalizado por agentes de la Guardia Civil que acudieron al lugar tras recibir un aviso".
Segundo.- Contra a devandita sentenza, a representación procesual do recorrente interpuxo un recurso de apelación, que formalizou expondo as alegacións que constan no seu escrito, o cal está unido ás actuacións.
Terceiro.- Logo de trasladarlle o escrito de formalización do recurso ao Ministerio Fiscal, por éste presentouse un escrito de impugnación baseándose en que a sentenza obxecto de recurso se axusta plenamente a dereito e solicitouse a súa confirmación.
Cuarto.- O xulgado do penal referido anteriormente remitiu a este Tribunal os autos orixinais con todos os escritos presentados para resolver.
Hechos
Acéptase e danse por reproducidos os feitos que se declaran probados na sentenza obxecto de recurso.
Fundamentos
Primeiro.- A sentenza do xulgado a quo condena a Juan Francisco como autor responsable dun delito contra a seguridade viaria, previsto e penado no artigo 385 do Código penal , a teor da actual redacción vixente dende o 2 de decembro de 2007, tras a Lei orgánica 15/2007, do 30 de novembro.
O referido precepto penal, que antes, con lixeiras modificacións, figuraba no artigo 382 do Código penal , na actualidade dispón:
Será castigado coa pena de prisión de seis meses a dous anos ou coa multa de doce a vinte e catro meses e traballos en beneficio da comunidade de dez a corenta días o que orixinar un grave risco para a circulación dalgunha das seguintes formas:
1.ª Colocando na vía obstáculos imprevisibles, derramando substancias esvaradías ou inflamables ou mudando, subtraendo ou anulando a sinalización ou por calquera outro medio.
2.ª Non restablecendo a seguranza da vía, cando haxa obriga de facelo.
Ten subliñado a doutrina que, malia a nova localización das nomeadas condutas no artigo 385 do Código penal , mantense substancialmente a súa idéntica definición xa prevista no artigo 382 do mesmo texto legal . Tan só se aprecia o leve cambio na redacción consistente en suprimir do primeiro numeral a esixencia de orixinar un grave risco para a circulación, que constituía unha innecesaria repetición do enunciado que xa a contiña e prescribía para todo o precepto, existindo tamén modificacións na penalidade. Por iso, cabe acudir á non moita xurisprudencia acaída verbo de tal precepto penal na súa anterior redacción.
O delito contra a seguridade viaria, na súa modalidade denominada de colocación na vía de obstáculos e danos na sinalización ( antigo 382, actual 385 do Código penal ), configúrase como unha infracción de risco abstracto para a devandita seguridade viaria cando se produza algunha das circunstancias ás que alí se fai mención, requiríndose a existencia de dolo na súa comisión (así, a SAP Asturias 87/2001, do 5 de abril ).
Máis en concreto vénse esixindo, para subsumir a conduta no actual artigo 385 do Código penal , que se orixine con aquela un grave risco para a seguridade viaria, isto é, unha situación de transcendencia, de importancia e xeral que transcenda da situación de instantánea ou momentánea perigosidade nunha vía de público tránsito rodado. E que ademais se poida ter a acción por dolosa, xa for por así quererse directamente atentar contra a seguridade viaria, xa for por dolo eventual ao ser máis que previsible o risco abstracto e xenérico que para a circulación necesaria e inexorablemente supón a conduta observada (en tal sentido, as SSAAPP de Málaga do 5 de outubro de 2000, e a de Castellón 134/2005, do 27 de abril ).
Quedan excluídas pois do ámbito de aplicación do actual artigo 385 do Código penal as condutas que se poidan relacionar polo xeito no que un condutor de vehículo de motor o manexe, que ben poden atopar resposta penal nos outros preceptos do mesmo capítulo IV, do título XVII, do libro II do Código penal. E vénse reservando así o amentado artigo 385 do Código penal para supostos tales como a colocación na vía de impedimentos físicos e materiais de calquera clase ou especie que, por non agardados, poidan sorprender aos usuarios daquela, e supoñan unha grave risco para a circulación rodada: colocar un vehículo a xeito de barricada dentro da zona de rodaxe, arrebolar pedras ou obxectos similares e contundentes sobre unha estrada dende unha ponte, colocar obxectos punzantes sobre o pavimento da estrada, a subtracción ou retirada do seu sitio dos sinais de tráfico, etc. (ad exemplum, a SAP Guipúscoa 389/2006, do 9 de novembro ).
A teor de todo o dito, non cabe dúbida de que o feito declarado probado pola sentenza contra a que agora se apela merecía o reproche do artigo 385 do Código penal . Así, que o acusado abandonase o seu vehículo de motor ás 1:40 horas do día 16 de xaneiro deste mesmo ano, ocupando por completo o seu carril de circulación, nun treito da estrada no que esta describe unha curva cara á esquerda logo de continuas curvas, nunha zona carente da máis mínima iluminación, nunha noite en pleno temporal con continuos ballóns, sen tan sequera deixar prendidas as luces do coche ou sinalizar a súa detención no lugar cos correspondentes triángulos, que si consta que tiña o coche no seu interior para podelos utilizar, dende logo que supón un menosprezo para a seguridade viaria tal que non admite a máis mínima dúbida a procedencia da aplicación do amentado artigo 385 do Código penal . Amais, a referida situación de perigo ben que se mantivo no tempo antes de que a Garda Civil recibise o correspondente aviso e se desprazase ao lugar, chegando a pasar por este numerosos vehículos cando xa afortunadamente se atopaban alí os axentes.
Dada a evidencia anterior, quizais xa por isto no recurso de apelación non se efectúan consideracións ao respecto. Só se alega a infracción do dereito á presunción de inocencia do artigo 24.2 da Constitución española , e o erro na apreciación da proba ao abeiro do artigo 790.2 da Lei de axuizamento criminal . E pretenden fundamentarse tales motivos de impugnación en que por ningures quedara probado que precisamente fose o acusado-apelante Juan Francisco a persoa que abandonara o vehículo de motor en plena estrada do xeito indicado.
Pois ben, tal alegación xa foi perfectamente demostrada na instancia pola maxistrada xuíza a quo. Só abonda incidir así en que o acusado nin tan sequera se dignou a comparecer ao acto da vista oral celebrado na instancia. Que se soubo del a través da base de datos da Garda Civil ao constar como propietario do coche abandonado no medio da estrada. Que foi localizado o acusado a aproximadamente un quilómetro do lugar no que quedara o automóbil, deambulando por Cuntis, nun estado non moi normal, tomando unha cervexa, e dicindo que consumira cocaína pola mañá. Así mesmo, toda exculpación de que lle roubaran o coche de xeito instantáneo se demostrou incrible dende o momento en que aquel estaba perfectamente pechado, sen o máis mínimo sinal de que as súas portas fosen forzadas e sen rachaduras nos seus cristais, o acusado levaba consigo as chaves do coche cando o atoparon na vila de Cuntis e, por suposto, brillaba pola súa ausencia toda presentación de denuncia perante as autoridades verbo dunha suposta, e inexistente, subtracción do vehículo de motor. Deste xeito, nin no erro na valoración da proba, nin na infracción da presunción de inocencia incorre a sentenza da instancia que, por todo o indicado, cómpre confirmar.
Segundo.- As custas da presente alzada impóñenselle á parte apelante por mor do rexeitamento do seu recurso.
Vistos os artigos de xeral e pertinente aplicación,
Fallo
Que debemos desestimar o recurso de apelación interposto pola representación procesual de Juan Francisco, contra a sentenza ditada con data do 1 de febreiro de 2008 no xuízo rápido núm. 4/08 e confirmar esta sentenza, con imposición das custas desta alzada á parte recorrente.
Ao notificar esta sentenza, déaselle cumprimento ao previsto no artigo 248.4º da Lei orgánica do poder judicial .
Así o pronunciamos, mandamos e asinamos, mediante esta sentenza, da que se levará certificación ao rolo de Sala e que se anotará nos rexistros correspondentes.

