Articulo 14ordm Reglamento de disciplina urbanística para el desarrollo y aplicación de la Ley del suelo de Galicia
Artigo 14º
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
1º.As solicitudes de licencias que se refiran á execución de obras ou instalacións deberán achegar proxecto técnico redactado por técnico competente, con exemplares para cada un dos organismos que deban emitir informe sobre a solicitude.
2. Exceptúase da necesidade de presentación do proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores. Para estes efectos, consideraranse como menores aquelas obras e instalacións de técnica sinxela e escasa entidade constructiva e económica que non supoñan alteración do volume, do uso, das instalacións e servicios de uso común ou do número de vivendas e locais, nin afecten ó deseño exterior, á cimentación, á estructura ou as condicións de habitabilidade ou seguridade dos edificios ou instalacións de tódalas clases.
En ningún caso se entenderán como tales as parcelacións urbanísticas, os cerramentos de muro de fábrica de calquera clase e as intervencións en edificios declarados bens de interese cultural ou catalogados e os grandes movementos de terra.
3. Enténdese por proxecto técnico o conxunto de documentos que definan as actuacións que se van realizar co seu suficiente contido e detalle para permitir á Administración coñece- lo seu obxecto das mesmas e decidir se é axustado ou non á normativa urbanística aplicable e ó resto das condicións sinaladas no artigo 9º deste regulamento.
O dito proxecto técnico conterá unha memoria urbanística, como documento específico e independente, na que se indicará a súa finalidade e uso da construcción ou actuación proxectada, razoándose a súa adecuación á ordenación vixente e incluíndo a ordenanza que sexa de aplicación.
A memoria desenvolverá os argumentos necesarios para xustifica- lo cumprimento do preceptuado no artigo 59 da Lei do solo de Galicia e achegará os correspondentes planos de situación a escala: 1: 10.000 ou 1: 2.000 segundo se trate de terreos rústicos ou urbanos e de calquera outra información gráfica que resulte precisa para apoia-lo seu contido, con expresa indicación da clasificación e cualificación do solo obxecto da actuación e da normativa e ordenanzas aplicables.
Igualmente conterá unha memoria xustificativa do cumprimento das condicións previstas na normativa autonómica de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
4. Unha vez presentado perante o concello, o proxecto adquire o carácter de documento público e da exactitude e veracidade dos datos técnicos consignados nel responde o seu autor para tódolos efectos.
