Articulo 15 Prevención del consumo de bebidas alcohólicas en menores de edad
- Norma vigente hasta el 7 de marzo de 2026. - LEY 6/2025, de 23 de diciembre, de protección de la salud de las personas menores y prevención de las conductas adictivas.
Artigo 15º.-Limitacións da publicidade, promoción e patrocinio de bebidas alcohólicas.
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
1. Queda prohibida calquera campaña, sexa como actividade publicitaria ou non, dirixida a menores de idade e a que induza, directa ou indirectamente, ao consumo de bebidas alcohólicas por estes.
2. Queda prohibida a utilización de imaxes ou voces de menores de idade nos soportes publicitarios, de promoción e de patrocinio de bebidas alcohólicas.
3. Queda prohibido o uso de argumentos, estilos, tipografías ou deseños asociados aos menores de idade nos soportes publicitarios, de promoción e de patrocinio de bebidas alcohólicas.
4. Queda prohibida na publicidade, na promoción e no patrocinio a asociación do consumo de bebidas alcohólicas con calquera mellora do rendemento físico ou psíquico ou melloras do rendemento deportivo, coa condución de vehículos ou manexo de armas, co potencial éxito persoal ou social ou coa mellora na resolución de conflitos. Tampouco poderá asociarse este consumo a prácticas educativas e sanitarias ou á mellora do rendemento deportivo.
5. Queda prohibida toda clase de publicidade directa, indirecta ou subliminar de bebidas alcohólicas:
a) Nos centros docentes para menores de idade.
b) Nos centros destinados para menores de idade.
c) En todos aqueles centros a que teñan acceso maioritariamente os menores de idade.
d) Nos recintos ou locais destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas durante as actividades en que o acceso ou participación sexa maioritariamente de menores de idade.
e) Nas publicacións de libros, revistas, folletos ou calquera outro impreso ou formato dixital editados en Galicia cando sexan dirixidos a menores de idade.
f) Nas cubertas exteriores, na portada e na contraportada de libros, revistas, folletos ou calquera outro impreso ou formato dixital editados en Galicia. Tamén nas portadas e contraportadas, seccións de pasatempos de revistas, folletos ou calquera outro impreso ou formato dixital editados en Galicia. Queda exceptuada esta prohibición nas publicacións especializadas ou dirixidas a profesionais.
6. A Administración autonómica promoverá a formalización de acordos de autocontrol e autolimitación da publicidade de bebidas alcohólicas no ámbito das empresas, produtores ou as súas asociacións, distribuidoras dos ditos produtos, así como cos anunciantes, axencias e medios de publicidade que operen no seu territorio, co fin de lograr os obxectivos desta lei.
7. Nas actividades de promoción e/ou patrocinio non se poderán ofrecer bebidas alcohólicas a menores de idade. Prohíbese igualmente a entrega a menores de idade de bens ou servizos relacionados exclusivamente con bebidas alcohólicas ou hábitos do seu consumo, e aqueles que leven marcas, símbolos ou distintivos que poidan identificar unha bebida alcohólica.
8. Non está permitida a promoción de bebidas alcohólicas mediante a distribución de información por repartición nas caixas do correo, correo, teléfono ou correo electrónico no ámbito da Comunidade Autónoma dirixida especificamente a menores de idade.
9. Queda prohibido o acceso e as visitas de menores de idade aos centros de produción de bebidas alcohólicas, feiras, certames, exposicións, mostras e actividades similares, de promoción de bebidas alcohólicas, agás que estean acompañados de maiores con responsabilidade sobre eles.
10. Non se poderá realizar promoción de bebidas alcohólicas dirixidas especificamente a menores de idade.
11. Queda prohibido calquera tipo de patrocinio ou financiamento de programas, espazos, páxinas ou servizos cos distintivos de bebidas alcohólicas en actividades -deportivas, educativas, recreativas ou espectáculos públicos- dirixidas ou nas cales participen maioritariamente menores de idade.
12. Queda prohibido calquera tipo de promoción que poida inducir ao consumo abusivo de bebidas alcohólicas, especialmente as que poidan inducir a el por rebaixa dos seus prezos no interior dos establecementos onde estea autorizada a súa venda para o consumo no propio local.
13. Queda prohibida a venda de alcohol entre as 22.00 e as 9.00 horas do día seguinte.
Quedan excluídas da prohibición anterior a venda para o consumo nos propios establecementos autorizados, a venda electrónica, a venda para a distribución a profesionais e a venda nos mercados de abastos, nos seus horarios autorizados.
