Articulo 3 Prevención del...es de edad

Articulo 3 Prevención del consumo de bebidas alcohólicas en menores de edad

Ver Indice
»

Artigo 3º.-Definicións.

Vigente
nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico



Para os efectos desta lei, entenderase por:

a) Para os efectos desta lei, en consonancia co artigo 12º da Constitución, enténdese por menor de idade o menor de 18 anos.

b) Abuso: consiste nun patrón de desadaptación do consumo de substancias manifestado por consecuencias adversas significativas e recorrentes relacionadas con ese consumo. Pode implicar intoxicacións ou provocar situacións que impliquen para a persoa risco físico, psíquico ou social.

c) Bebidas fermentadas: son aquelas bebidas naturais elaboradas exclusivamente a partir da fermentación de alimentos como a uva, os cereais, os froitos carnosos ou as bagas. Son características deste grupo o viño, a cervexa e a sidra, oscilando a súa graduación alcohólica entre 1,2º e 14º.

d) Bebidas alcohólicas espirituosas ou destiladas: son todas aquelas bebidas obtidas por destilación de produtos fermentados, por maceración en alcohol etílico ou por adición de aromas, azucres ou outros produtos edulcorantes ao alcohol etílico ou destilados, ou as mesturas delas entre si ou con outras bebidas, para obter maiores concentracións de alcohol, superando os 15º.

e) Centro docente: para os efectos de aplicación desta lei, entenderase por tal o centro educativo que imparta educación primaria e secundaria e outras ensinanzas de nivel equivalente para menores de idade.

f) Centro destinado a menores de idade: centros onde se realicen actividades cuxos principais espectadores, asistentes ou usuarios sexan menores de idade. Quedan comprendidos os centros de actividades recreativas destinadas aos menores de idade previstos no punto 2.2 do anexo do Decreto 160/2005, do 2 de xuño, polo que se modifica o Decreto 292/2004, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os que teñan sesións para menores de idade.

g) Entenderanse por establecementos destinados a actividades de lecer e entretemento, salas de festas, de baile e discotecas, os definidos no punto 2.6 do anexo do Decreto 160/2005, do 2 de xuño, polo que se modifica o Decreto 292/2004, que aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Espazo de dominio público: conxunto de bens e dereitos de titularidade pública, non posuídos de forma privativa, destinados ao uso público, como as prazas e camiños públicos.

i) Horario nocturno: de acordo coa Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, ou norma que a modifique ou substitúa, entenderase por horario nocturno o comprendido entre as 22 horas e as 9 horas do día seguinte.

j) Patrocinio: calquera tipo de contribución, pública ou privada, a un acontecemento, unha actividade ou un individuo cuxo obxectivo ou efecto directo ou indirecto sexa a promoción do consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade.

k) Prevención: conxunto de actuacións dirixidas a eliminar, reducir ou modificar os factores de risco de aparición dos trastornos adictivos ou a potenciar os factores de protección coa finalidade de evitar que se produzan estes trastornos.

l) Publicidade: toda forma de comunicación realizada por unha persoa física ou xurídica, pública ou privada, no exercicio dunha actividade comercial, industrial, artesanal ou profesional, co fin de promover de forma directa ou indirecta a contratación de bens mobles ou inmobles, servizos, dereitos e obrigas.

m) Publicidade directa: aquela que, calquera que sexa o medio en que se difunda, promova o consumo ou convide ou induza de maneira inequívoca a el.

n) Publicidade encuberta: a presentación dos bens, servizos, nome, marca ou actividades dun produtor de mercadorías ou un prestador de servizos en programas en que tal presentación teña, de maneira intencionada, propósito publicitario e poida inducir ao consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade. Unha presentación considerarase intencionada, en particular, cando se faga a cambio dunha remuneración ou dun pagamento similar.

Malia o anterior, non se entenderá publicidade encuberta aquela presentación que revele ao público o feito do patrocinio, non afecte a responsabilidade e independencia editorial do prestador de servizos de medios e non anime directamente á compra ou arrendamento dos bens e servizos obxecto de presentación.

ñ) Publicidade indirecta: aquela que, sen mencionar directamente os produtos, utilice marcas, símbolos, grafismos ou outros trazos distintivos de tales produtos ou de empresas que, nas súas actividades principais ou coñecidas, inclúan a súa produción ou comercialización.

o) Promoción: todo estímulo da demanda de produtos, como anuncios, publicidade e actos especiais, entre outros, destinados a atraer a atención e suscitar o interese dos consumidores.

p) Promoción do consumo abusivo: estímulo da demanda, susceptible de xerar un consumo incontrolado de bebidas alcohólicas a un nivel que pode interferir coa saúde física ou mental do individuo e coas súas responsabilidades sociais, familiares ou ocupacionais.

q) Publicidade subliminar: a que mediante técnicas de produción de estímulos de intensidade fronteiriza cos limiares dos sentidos ou análogas poida actuar sobre o público destinatario sen ser conscientemente percibida.

r) Recintos ou locais destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas: os incluídos no Decreto 160/2005, do 2 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

s) Subministración: abastecemento de produtos ou substancias previstos nesta lei, xa sexa a título oneroso ou gratuíto.

t) Traballo de proximidade: actividades orientadas cara á comunidade e emprendidas para tomar contacto con individuos ou subpoboacións de especial risco, ás cales normalmente non chegan as canles tradicionais de fomento de estilos de vida saudables.

u) Venda: toda transmisión onerosa na cal o comprador ou compradora adquira produtos previstos nesta lei, incluídas as realizadas coas novas tecnoloxías e por medio de máquinas automáticas.

v) Traballos ou actividades en beneficio da comunidade: prestación da cooperación persoal non retribuída en determinadas actividades de utilidade pública con interese social e valor educativo tendentes a servir de reparación para a comunidade prexudicada pola previa comisión dunha conduta contraria ás normas vixentes e non supeditada ao logro de intereses económicos ou recompensas inmediatas.