Articulo 5 Tenencia de an...es Caninos

Articulo 5 Tenencia de animales potencialmente peligrosos y registros gallegos de Identificación de Animales de Compañía y Potencialmente Peligrosos y de Adiestradores Caninos

Ver Indice
»

Artigo 5º.-Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e de Animais Potencialmente Perigosos.

Vigente
nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico



1. Créase o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e de Animais Potencialmente Perigosos, dependente da Consellería de Medio Ambiente.

2. O rexistro, informatizado, estará constituído por dúas seccións, a sección de Rexistro de Identificación de Animais de Compañía, na que se incluirán tódolos cans e a sección de Rexistro de Identificación de Animais Potencialmente Perigosos, no que se incluirán os cans potencialmente perigosos, os animais salvaxes en catividade considerados potencialmente perigosos, así como aqueloutros que a Consellería de Medio Ambiente poida determinar no futuro en atención ás circunstancias e coñecementos sobrevidos.

3. Este rexistro poderá ser consultado por tódalas administracións públicas e autoridades competentes, así como por aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos que constan nel. En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos no rexistro será acorde co disposto na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos persoais.

4. Os propietarios dos animais serán os responsables de identifica-los animais e de sufraga-los gastos que isto ocasione, independentemente do lugar de residencia das ditas persoas. A identificación definitiva suporá un requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transacción do animal.

5. Neste rexistro constará a seguinte información de carácter obrigatorio:

-Código identificador do animal.

-Zona de aplicación.

-Especie.

-Raza. En cruzamento de primeira xeración especificaranse as razas de procedencia.

-Sexo.

-Descrición da capa.

-Data do nacemento do animal.

-Enderezo habitual do animal.

-Outros signos identificatorios non definitivos (tales como unha tatuaxe ou un número de chapa se o animal foi censado nun censo municipal anteriormente) .

-Especificación de se o animal está destinado a convivir cos seres humanos ou se finalidades distintas como a garda, defensa ou outra que se indique.

-Nome e apelidos do propietario do animal.

-Enderezo do propietario do animal.

-Teléfonos de contacto do propietario do animal.

-DNI do propietario do animal.

- Nome, enderezo, número de colexiado e número de veterinario colaborador que realiza a marcaxe.

-Data na que se realiza a implantación da identificación e a entrega do documento ó propietario.

-Data de alta no rexistro.

6. Na Sección de Identificación de Animais Potencialmente Perigosos constará, ademais, a seguinte información:

-Certificado sanitario, expedido por un veterinario, que acredite con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou síntomas que o poidan facer potencialmente perigoso, así como unha certificación de que o animal carece de lesións ou cicatrices que puideran estar relacionadas coa utilización do animal en pelexas ou outras actividades prohibidas.

-Cartilla sanitaria actualizada nos tratamentos preceptivos e preventivos propios da especie e idade. Na cartilla sanitaria figurará a catalogación de animal potencialmente perigoso.

-Copia da licencia municipal de tenza de animais potencialmente perigosos, a nome do propietario. Acompañarase de copia da póliza que xustifique ter formalizado o seguro de responsabilidade civil.

-Datos do centro de adestramento, de se-lo caso.

-Incidentes de agresións, de se-lo caso.