Legislación
Legislación

DECRETO 57/2013, do 11 de abril, polo que se modifica o Decreto 21/2010, do 4 de febreiro, polo que se crea e se regula o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia., - Diario Oficial de Galicia, de 12-04-2013

Tiempo de lectura: 7 min

Tiempo de lectura: 7 min

Ambito: Galicia

Órgano emisor: VICEPRESIDENCIA E CONSELLERIA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIONS PUBLICAS E XUSTIZA

Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 71

F. Publicación: 12/04/2013

Documento oficial en PDF: Enlace

Esta normal es una reproducción del texto publicando en el Diario Oficial de Galicia Número 71 de 12/04/2013 y no contiene posibles reformas posteriores

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autorizou a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, cando dispón que:

«1. Mediante esta lei autorízase a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, que terá como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no eido das tecnoloxías da información e comunicacións e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

2. Esta axencia, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais e as competencias que na actualidade lle corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que se suprimirá no momento da creación daquela, sen que supoña incremento ningún de gasto público».

Esa autorización desenvolveuse mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

Segundo se establece na disposición adicional primeira, «a Amtega asume as competencias e medios materiais que na actualidade lle corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que quedará suprimida no momento da constitución efectiva da Amtega», e «a Amtega quedará subrogada no momento da súa constitución efectiva en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas dos cales é titular a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica».

Na disposición adicional décima, «Organismos adscritos», indícase que o Observatorio da Sociedade da Información e e a Modernización de Galicia (Osimga), creado mediante o Decreto 21/2010, do 4 de febreiro (DOG nº 39, do 26 de febreiro), queda adscrito á Amtega, a través da Área de Sociedade Dixital. Cómpre pois adaptar a composición do Osimga conforme o disposto no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

Do mesmo xeito, a disposición adicional segunda da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, autoriza a creación da Axencia Galega de Innovación, que se fai efectiva a través do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos.

Neste decreto determínase que no momento da constitución da Axencia Galega de Innovación quedará suprimida a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria e todas as referencias normativas relativas á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación se entenderán referidas á Axencia Galega de Innovación.

Por outra banda, na Mesa Xeral de Diálogo Social do 30 de xullo de 2010 acordouse a inclusión de organizacións empresariais e sindicais na estrutura organizativa do Osimga, segundo o establecido no artigo 2 da Lei 17/2008, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, co gallo de enriquecer a súa orientación estratéxica, consistente na elaboración de informes de situación, de evolución e análises comparativas e aliñacións de datos con outros marcos xeográficos, e servir de elemento para a definición estratéxica das políticas públicas en materia de sociedade da información e modernización da Administración. Este acordo debe levarse a cabo do xeito indicado na disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, «Participación institucional», que di que «Nos órganos de participación institucional constituídos no seo da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais integrantes do sector público terán dereito a participar os sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas. O sinalado no parágrafo anterior terá aplicación directa desde a entrada en vigor desta lei, para todos os efectos, e concretamente asumirán a totalidade de deberes e dereitos recollidos nos títulos II e III da Lei 17/2008, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia».

Ademais, producíronse cambios na estrutura orgánica da Xunta de Galicia (Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia).

Por iso e coa finalidade de atender estes cambios organizativos e de participación institucional, faise necesaria a modificación do Decreto 21/2010, do 4 de febreiro, polo que se crea e se regula o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro).

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de abril de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 21/2010, do 4 de febreiro, polo que se crea e se regula o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia

Un. O artigo 4, punto 2, do Decreto 21/2010, do 4 de febreiro, polo que se crea e se regula o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, queda redactado como segue:

«2. O Pleno do Osimga terá a seguinte composición:

a) Presidente/a: a persoa titular da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

b) Vogais:

b.1) A persoa titular da Dirección da Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

b.2) A persoa titular da Dirección da Área de Modernización das Administracións Públicas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

b.3) A persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación.

b.4) A persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

b.5) A persoa titular da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

b.6) A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda.

b.7) A persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Estatística.

b.8) Unha persoa titular de competencias no ámbito da sociedade da información e a modernización pertencente á Administración xeral do Estado.

b.9) Unha persoa representante das universidades públicas de Galicia, designada por proposta do Consello Galego de Universidades.

b.10) Unha persoa representante dos concellos de Galicia designada por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

b.11) Unha personalidade de recoñecido prestixio a nivel autonómico, nacional ou internacional en materia de sociedade da información.

b.12) Unha personalidade de recoñecido prestixio a nivel autonómico, nacional ou internacional en materia de modernización administrativa.

b.13) Unha persoa representante de cada un dos sindicatos presentes na mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

b.14) Un número de persoas equivalente ao de representantes sindicais designadas por proposta da Confederación de Empresarios de Galicia

c) Secretario/a: unha persoa pertencente á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia con nivel mínimo de xefe de departamento, que exercerá as funcións que lle atribúe o artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e desenvolverá as súas funcións con voz pero sen dereito a voto».

Dous. A disposición derradeira segunda, «Habilitación para o desenvolvemento e execución», do Decreto 21/2010, do 4 de febreiro, polo que se crea e se regula o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, queda redactado como segue:

«Queda facultado o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto, por proposta da persoa titular da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia».

Tres. As restantes referencias á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica contidas no Decreto 21/2010, do 4 de febreiro, polo que se crea e se regula o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, enténdense efectuadas á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de abril de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza