Legislación
Legislación

Decreto 6/2006, do 26 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 30-01-2006

Tiempo de lectura: 3 min

Tiempo de lectura: 3 min

Ambito: Galicia

Órgano emisor: CONSELLERIA DE ECONOMIA E FACENDA

Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 20

F. Publicación: 30/01/2006

Esta normal es una reproducción del texto publicando en el Diario Oficial de Galicia Número 20 de 30/01/2006 y no contiene posibles reformas posteriores

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia configura na sección 1ª do capítulo I, no capítulo II e no capítulo III o réxime xeral de aplicación das taxas, prezos públicos e prezos privados respectivamente, remitindo determinados aspectos a normas de carácter regulamentario.

O Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, establece, no seu artigo 12, como procedemento xeral para a liquidación das taxas, a autoliquidación polo suxeito pasivo, contemplando, no entanto, algunhas excepcións a este procedemento xeral, nos seus puntos 4 e 5.

A Lei de orzamentos xerais para o 2006 aplica a taxa por servizos profesionais, na súa modalidade de actuacións profesionais, a un suposto de prestación de servizo por parte do organismo autónomo de Augas de Galicia, que consiste na dirección e inspección da explotación de infraestruturas hidráulicas. Este servizo ten un procedemento de xestión similar ao correspondente á dirección e inspección de obras realizadas mediante contrato, polo que se estima conveniente que o procedemento de exacción destas tarifas sexa o mesmo. Como queira que esta forma de exacción da tarifa é unha das excepcións contempladas no artigo 12 do Decreto 61/2005, cómpre modificar a redacción deste, coa finalidade de incluír, así mesmo, a nova tarifa.

Esta disposición foi sometida ao trámite de audiencia aos cidadáns ao que se refire o artigo 24.1º da Lei 50/1997, do 27 de novembro, do Goberno, mediante a petición do ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, consonte co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de xaneiro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Modifícase o punto 5 do artigo 12 do Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas

para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, quedando redactado como segue:

«5. A exacción das tarifas relacionadas a seguir, realizarase mediante retención directa no momento do pagamento de cada unha das certificacións:

a) A tarifa 03 da taxa por servizos profesionais, modalidade de actuacións profesionais, contida no anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, denominada «dirección e inspección de obras realizadas mediante contrato».

b) A tarifa 60 da taxa por servizos profesionais, modalidade de actuacións profesionais, contida no anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia denominada «dirección e inspección da explotación de infraestruturas hidráulicas».

Disposición transitoria

O contido deste decreto aplicarase aos feitos impoñibles que se producisen a partir do 1 de xaneiro de 2006.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xaneiro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño Presidente

José Ramón Fernández Antonio Conselleiro de Economía e Facenda