Orde do 12 de marzo de 2009 pola que se aproba a modificacion puntual numero 5 do Plan Xeral de Ordenacion Urbana do Concello de Baiona (Pontevedra), relativa a inclusion dunha epigrafe de usos tolerados nas ordenanzas 1, 2 e 3. - Diario Oficial de Galicia, de 17-04-2009
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Ambito: Galicia
Órgano emisor: CONSELLERIA DE POLITICA TERRITORIAL, OBRAS PUBLICAS E TRANSPORTES
Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 73
F. Publicación: 17/04/2009
O Concello de Baiona remite a modificación puntual referida, para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).
I. Antecedentes.
I.1. O Concello de Baiona dispón de Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU), aprobado o 30-5-1994, redactado ao abeiro da Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia.
I.2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible decide, o 25 de xuño de 2008, que non é necesario someter ao procedemento integrado de avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual nº 5 do PXOU de Baiona.
I.3. A modificación puntual referida foi aprobada inicialmente polo Pleno en sesión de 11 de xullo de 2008. Foi sometido a información pública e publicación no DOG nº 141, do 22 de xullo de 2008, anuncios nos xornais Faro de Vigo, con data do 22 de xullo de 2008, e Atlántico, con data do 23 de xullo de 2008, e notificacións aos concellos limítrofes dándolles audiencia polo prazo dun mes. Neste período non se presentaron alegacións.
I.4. No expediente, previos á aprobación provisional, constan os informes técnicos favorables do 18 de maio e 24 de setembro de 2008, e de secretaría do 27 de xuño e 24 de setembro de 2008. Así mesmo, constan os informes favorables dos seguintes órganos:
-Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar do Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, con data do 10 de outubro de 2008.
-Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, con data do 2 de decembro de 2008.
I.5. A modificación puntual nº 5 do PXOU de Baiona foi aprobada provisionalmente polo Pleno en sesión do 3 de outubro de 2008.
I.6. O Pleno do Concello de Baiona aprobou inicialmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal na sesión que tivo lugar o 24 de novembro de 2008.
II. Consideracións e fundamentación.
a) Con data do 12-3-2009, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo elevou un informe-proposta de resolución, no cal se expresa o seguinte:
A modificación, formulada polo concello, consiste na incorporación de novos usos á relación dos tolerados nas ordenanzas nº 1 Edificación en bloque pechado, nº 2 Edificación en bloque aberto e nº 3 Edificación mixta. O uso característico aplicable nestas ordenanzas é o residencial. Os novos usos tolerados, engadidos á epígrafe 3.1.6 do PXOU, son os seguintes: asistencial, educativo, sociocultural, relixioso, deportivo, recreativo e servizos públicos. Considérase que a documentación é suficiente para o alcance e finalidade da modificación e que as razóns fundamentadas para xustificar o interese público, se poden incluír entre as recollidas polo artigo 94.1º da LOUG.
b) De conformidade cos artigos 89 e 93.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 188/2008, do 28 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.
III. Resolución.
Visto canto antecede
RESOLVO:
1º De acordo co punto 5.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual nº 5 do Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Baiona.
2º Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
3º De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.
4º Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2009.
María José Caride Estévez
Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas
e Transportes
