Legislación

Orde do 20 de outubro de 2010 de aprobación definitiva da modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Arzúa (A Coruña) relativa á ordenanza de solo industrial., - Diario Oficial de Galicia, de 03-11-2010

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Ambito: Galicia

Órgano emisor: CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 211

F. Publicación: 03/11/2010

Esta norma es una reproducción del texto publicado en el Diario Oficial de Galicia Número 211 de 03/11/2010 y no contiene posibles reformas posteriores

O Concello de Arzúa remite a modificación puntual referida solicitando a súa aprobación definitiva por esta consellería, conforme o disposto no artigo 85.7º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Arzúa dispón na actualidade dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado definitivamente por Orde da CPTOPT do 6-10-2008.

2. A modificación redactada polo arquitecto Isidro López Yáñez en febreiro de 2009 non foi sometida a informe previo á súa aprobación inicial (artigo 85.1º da Lei 9/2002) por canto non supón reclasificación de solo nin incremento da intensidade de uso.

3. O concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 13-5-2009. Sometida a información pública polo prazo dun mes (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 3-6-2009 e DOG do 16-6-2009) e notificados os propietarios afectados, non foron presentadas alegacións, segundo o certificado incluído para o efecto no expediente.

4. No expediente figuran informes técnicos (arquitecto redactor do 17-4-2009 e 18-12-2009; arquitecto técnico municipal do 8-5-2009 sobre a legalidade e corrección técnica do proxecto) e xurídicos (Secretaría do Concello do 19-2-2009 e do 10-12-2009) sobre a proposta de modificación (artigo 85.4º da LOUG).

5. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 24-8-2009 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

6. No expediente constan os seguintes informes sectoriais:

a) Augas de Galicia, do 22-7-2009, con indicacións.

b) Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, do 31-8-2009, favorable.

c) Deputación da Coruña, do 13-8-2009, favorable en canto ao viario provincial.

d) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 2-11-2009, favorable.

7. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno de 30-12-2009.

II. Obxecto da proposta.

A modificación afecta ao número 8.7.4º da normativa do PXOM que regula a Ordenanza 6 Zona Industrial, no relativo á altura máxima de edificación que pasa de 7 a 9 m.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar o documento, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, obsérvase:

1. Tramitación da modificación.

A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno de 30-12-2009, con anterioridade á Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. Razóns de interese público da modificación (artigo 94.1º da LOUG).

A xustificación consiste na constatación, segundo o punto 1.1.2º da memoria, de que a altura permitida é insuficiente para certas instalacións interiores dos edificios, como as pontes guindastre, necesarias para actividades de transporte interior e almacenaxe.

A facilitación da acollida de usos permitidos polo planeamento mediante a alteración dos parámetros edificatorios, que se favoreza a concentración dos usos industriais nos terreos expresamente cualificados para iso, pode ser unha razón de interese público para a modificación do plan, conforme o artigo 94 da LOUG.

3. Análise da repercusión urbanística da modificación.

A modificación proposta non supón aumento da superficie edificable permitida, nin se alteran os usos permitidos, polo que non resulta de aplicación o artigo 94.3º da LOUG.

O ámbito territorial da zona 6 cuxa ordenanza se modifica é o das parcelas lucrativas do ámbito do Plan parcial industrial, recollido no plano CU-2 do PXOM. A ordenanza prevé recuamentos á fronte de parcela de 7 m (que non se modifican) e os largos da rede viaria de 10 e 16 m permiten considerar que o aumento de altura de 7 a 9 m en cornixa resulta admisible en canto á calidade dos espazos públicos.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións de planeamento xeral lle corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4º da LOUG, e no artigo 1 de Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM do Concello de Arzúa (A Coruña) relativa á Ordenanza do Solo Industrial.

2º Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas