Orde do 22 de outubro de 2010 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Sanxenxo (Pontevedra) no ámbito da ordenanza 10 de espazos libres de uso e dominio público., - Diario Oficial de Galicia, de 03-11-2010
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Ambito: Galicia
Órgano emisor: CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 211
F. Publicación: 03/11/2010
O Concello de Sanxenxo remite o proxecto de modificación puntual en solicitude de aprobación definitiva, conforme o establecido artigo 85.7º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
I. Antecedentes.
1.1. O Concello de Sanxenxo conta con Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente polo Concello en Pleno en sesión do 27 de febreiro de 2003 (BOP do 20 de marzo).
1.2. A modificación puntual, formulada polo concello, ten por obxecto establecer de forma clara as condicións de uso dos espazos libres de uso e dominio público regulados pola ordenanza 10, especificamente o uso das áreas de deporte non regrado previsto nesa ordenanza.
1.3. Aínda non sendo preceptivo, a modificación conta con informe previo a aprobación inicial da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 24 de marzo de 2009.
1.4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da CMATI, decidiu coa data do 24 de xuño de 2009, non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica establecido na Lei 9/2006, do 28 de abril.
1.5. O Concello en Pleno de Sanxenxo aprobou inicialmente a modificación en sesión do 29 de setembro de 2009.
1.6. Consta realización do trámite de información ao público, mediante a inserción de anuncios no BOP do 6 de novembro; no DOG do 3 de decembro; e nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia do 4 de novembro de 2009; formulándose unha alegación.
1.7. Constan no expediente os seguintes informes favorables:
-Arquitecto municipal, en datas 7-8-2009 e 6-4-2010.
-Secretaría Xeral Municipal do 17-8-2009.
-Asesoría Xurídica Municipal de datas 17-8-2009 e 24-5-2010.
-Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar, do Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, de datas 11-11-2009, 10-5-2010 e 1-6-2010.
-Deputación Provincial de Pontevedra, do 11-11-2009.
-Dirección Xeral de Infraestruturas da CMATI, do 16-11-2009.
-Augas de Galicia, de data 17-11-2009.
-Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 29-1-2010.
-Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas, con data do 19 de novembro de 2009.
-Informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo, na súa sesión do 7 de outubro pasado, preceptivo ao abeiro do disposto no artigo 94.4º da LOUG.
1.8. O Concello Pleno de Sanxenxo aprobou provisionalmente a modificación o 31-6-2010.
II. Análise da modificación puntual e informe.
Examinado o documento, o seu propio contido; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose observar:
A redacción orixinal da ordenanza 10 no PXOM vixente, define como uso permitido no ámbito dos espazos libres de uso e dominio público os «xogos ao aire libre e áreas de deporte non regrado».
Na nova redacción da ordenanza 10 admítense, ademáis, as instalacións deportivas cos correspondentes servizos necesarios para a súa práctica (vestiarios, aseos, ximnasio, etc.) sempre que esta estea xustificada axeitadamente a súa implantación dentro do espazo libre de uso e dominio público; sen que se autoricen instalacións deportivas propias das dotacións deportivas (pavillóns, piscinas cubertas, etc.).
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións de planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4º da LOUG, e no artigo 1 de Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
III. Resolución.
Visto canto antecede,
RESOLVO:
1º Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM do Concello de Sanxenxo, no ámbito da ordenanza 10 de espazos libres de uso e dominio público.
2º Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2010.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas
