Legislación

Orde do 7 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economia social e de promocion do cooperativismo e se procede a sua convocatoria para o ano 2007. - Diario Oficial de Galicia, de 19-03-2007

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Ambito: Galicia

Órgano emisor: CONSELLERIA DE TRABALLO

Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 55

F. Publicación: 19/03/2007

Esta norma es una reproducción del texto publicado en el Diario Oficial de Galicia Número 55 de 19/03/2007 y no contiene posibles reformas posteriores

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7º do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, dispoñendo que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

Por outra banda, e tendo en conta o marco establecido no artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e a Declaración institucional polo diálogo social en Galicia, asinada o 5 de novembro de 2005, entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais e empresariais, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego.

Segundo o establecido no artigo 29 do Estatuto de autonomía de Galicia e de conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos transferidos, correspóndelle á comunidade autónoma a xestión de calquera tipo de axudas, subvencións e préstamos que realizaba o Fondo nacional de protección ao traballo e, segundo a disposición adicional única da Orde TAS/3501/2005, do 7 de novembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o fomento do emprego e mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, a xestión das axudas dos programas para a creación e o mantemento do emprego recollidas nela.

De acordo co disposto no Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, correspóndelle a esta o exercicio das anteditas competencias e funcións.

Reforzando a visión integral do apoio á economía social na Comunidade Autónoma de Galicia esta orde agrupa os programas de promoción, divulgación e difusión do cooperativismo e o programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais que se adecua á orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais 3501/2005, do 7 de novembro (BOE número 270, do 11 de novembro).

As distintas axudas e subvencións establecidas nesta orde, intégranse dentro das accións que a Consellería de Traballo pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, tanto no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade como á promoción das cooperativas, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

O programa de fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais, establece un conxunto de axudas orientadas a facilitar a incorporación das persoas desempregadas, como socios e socias traballadores/as ou de traballo nas cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar as distintas fórmulas de autoemprego colectivo como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio. Así mesmo, preténdese mediante incentivos para o financiamento dos investimentos en inmobilizado material e inmaterial, aumentar a competitividade destas empresas co obxecto último de manter o seu emprego.

Os programas de promoción do cooperativismo establecen axudas para o impulso de proxectos empresariais cooperativos, incluso na fase previa á súa constitución formal, foméntase especificamente o acceso a condición de socios e socias traballadores/as para incentivar a plena integración na empresa cooperativa e establécense axudas para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras destes programas axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, en especial, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas públicas, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, oídos o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade, ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria das axudas e subvencións establecidas pola Consellería de Traballo, coa finalidade de promover a incorporación de persoas desempregadas ás entidades de economía social, apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación e modernización deste tipo de empresas, mediante unha mellora da súa competitividade, así como a promoción do cooperativismo a través dos seguintes programas:

-Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

-Programa II: mellora da competitividade en cooperativas e sociedades laborais.

-Programa III: impulso de proxectos empresariais cooperativos.

-Programa IV: fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a.

-Programa V: actividades de promoción do cooperativismo e adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións.

2. As bases reguladoras de cada un dos programas incorporaranse como anexo desta orde, que forma parte integrante dela.

3. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

-Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

-Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

-Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Persoas e entidades beneficiarias.

1. Poderán acollerse ás subvencións recollidas nesta orde:

a) As cooperativas e sociedades laborais tanto para as actuacións previstas no programa I de fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais, como para as axudas previstas no programa II relativas á contratación de directores/as xerentes.

b) As cooperativas con socios/as traballadores/as ou de traballo e as sociedades laborais para as actuacións previstas no programa II relativas á realización de investimentos.

c) Os promotores e promotoras de proxectos cooperativos, nos termos e para as actuacións previstas no programa III de impulso de proxectos empresariais cooperativos.

d) As persoas desempregadas e asalariados/as das cooperativas, nos termos e para as axudas previstas no programa IV de fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a.

e) As cooperativas para as actuacións previstas no programa V de actividades de promoción do cooperativismo e adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións.

2. Con carácter xeral os beneficiarios e as beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia ou no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais, ambos dependentes da Xunta de Galicia, así como no Rexistro Mercantil, se é o caso.

b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

3. Esta orde non será de aplicación ás solicitudes formuladas por empresas pertencentes ao sector do transporte ou para o desenvolvemento de actividades que se relacionan a continuación:

a) Actividades relacionadas coa produción, primeira transformación ou comercialización por xunto dos produtos que figuran no anexo I do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

b) Actividades de exportación, entendéndose como tales as vinculadas directamente ás cantidades exportadas, ao establecemento ou explotación dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes relacionados coa actividade exportadora.

Artigo 3º.-Financiamento e normativa reguladora.

1. A concesión das axudas previstas nos programas desta orde estarán suxeitas á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás aplicacións 16.04.324A 471.0 e 16.04.324A 770.0 dos vixentes orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega, cunha contía inicial de 1.613.273 euros e 1.190.059 euros, respectivamente.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polos fondos europeos.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nesta orde.

Capítulo II

Normas comúns, solicitudes, documentación e procedemento

Artigo 4º.-Competencia.

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas no programa I, II, III e IV corresponderalle por delegación do conselleiro de Traballo:

a) O/A delegado/a provincial da Consellería de Traballo cando a actividade pola que se solicita subvención se vaia desenvolver no respectivo ámbito provincial.

b) A directora xeral de Relacións Laborais cando a actividade pola cal se solicita subvención se vaia desenvolver en máis dunha provincia desta comunidade autónoma.

2. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas no programa V corresponderalle ao conselleiro de Traballo.

Artigo 5º.-Solicitudes, prazo e documentación.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nos distintos programas desta orde deberán formalizarse por separado para cada un deles, dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A presentación da solicitude de subvención pola entidade comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 43 da da Lei 14/2006, do

28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

3. O prazo xeral para a presentación de solicitudes de axudas do programa I, II, III e IV finalizará o 15 de setembro de 2007, respectando en todo caso os prazos específicos previstos para cada tipo de axuda.

O prazo de presentación de solicitudes da axuda pola incorporación de socios e socias traballadores/as ou de traballo será de tres meses contados desde a data de alta na Seguridade Social. No suposto dos traballadores e traballadoras con vinculación á empresa por un contrato temporal, o prazo de tres meses computarase dende a data de incorporación como socio/a traballador/a ou de traballo, comunicada á Seguridade Social. Non obstante, deberá ser respectado o prazo xeral establecido anteriormente aínda que nesta data non transcorresen tres meses desde a data de alta na Seguridade Social.

4. O prazo de presentación de solicitudes para o programa V rematará o 31 de maio de 2007

5. As actuacións subvencionables realizadas entre o 16 de setembro do ano 2006 e a data de publicación desta orde poderán acollerse ás axudas previstas nesta, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a incorporación, a contratación ou se tivese iniciado a execución do proxecto de investimento. O prazo para a presentación destas solicitudes remata o 31 de maio de 2007.

6. As solicitudes presentaranse no modelo que figura como anexo II desta orde e deberán ir acompañadas da documentación, xeral e específica, que se establece no anexo III.

Artigo 6º.-Instrución.

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas ao órgano competente para resolver, para que a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o/a interesado/a para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido/a da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de Relacións Laborais, así como as certificacións indicadas no número 2º do artigo 5.

Artigo 7º-Resolución e recursos.

1. Os programas I, II, III e IV, tramitaranse polo procedemento de concorrencia non competitiva. En

consecuencia e logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, o órgano competente ditará a resolución debidamente motivada que se lle deberá notificar ao/á interesado/a.

2. A concesión das axudas previstas no programa V realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que unha vez instruídos os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación que aplicará os criterios de valoración sinalados nas bases reguladoras e informará o órgano instructor. Este órgano elevaralle proposta ao conselleiro de Traballo, quen resolverá poñendo fin á vía administrativa.

A comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros: a directora xeral de Relacións Laborais, que actuará como presidenta, a subdirectora xeral de Cooperativas e Economía Social, o xefe do servizo de Cooperativas e Economía Social, que actuarán como vogais, e un funcionario ou funcionaria designado/a pola directora xeral, que actuará como secretario ou secretaria. Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela a presidenta ou persoa en que delegue, un/unha vogal e o/a secretario/a. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a directora xeral de Relacións Laborais.

3. O prazo para resolver e notificar será de seis meses. En todo caso, para as solicitudes do programa V, o antedito prazo non comezará a computarse ata que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As resolucións que se diten neste procedemento relativas aos programas I, II, III e IV non esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Traballo no prazo de un mes e calquera outro que se considere pertinente. As resolucións relativas ao programa V esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse con carácter potestativo recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia e de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas e entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

Artigo 8º.-Forma de pagamento e xustificación.

1. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención e previamente ao seu pagamento, o/a beneficiario/a terá que facer constar por escrito a aceptación expresa da subvención concedida.

2. O pagamento efectuarase de forma nominativa e pagamento único, pola súa totalidade, a favor dos/as beneficiarios/as e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

3. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, antes do 15 de novembro de 2007, da documentación xeral e da específica que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

3.1. Documentación xeral:

a) Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión.

b) No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

3.2. Documentación especifica para cada programa:

a) No caso das axudas para a elaboración do plan empresarial, proxectos técnicos e estudos en xeral, deberá presentarse unha copia deles, previamente ao seu pagamento.

b) Cando se trate da subvención financeira, xuntarase copia do contrato do préstamo, facturas do total do investimento en inmobilizado material e inmaterial realizado e xustificantes dos pagamentos realizados, alta na Seguridade Social dos socios ou socias traballadores/as por quen se solicita subvención e alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Economía e Facenda, de non telo presentado con anterioridade. Con posterioridade, a persoa ou entidade beneficiaria, no prazo de trinta días desde a data de pagamento da subvención, deberá presentar certificación da entidade financeira acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

c) No caso de subvención directa, facturas do total do investimento en inmobilizado material e inmaterial realizado, xustificantes dos pagamentos realizados, alta na Seguridade Social dos socios ou socias traballadores/as por quen se solicita subvención e alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Economía e Facenda, de non telo presentado con anterioridade.

d) Cando se trate da axuda pola contratación de directores/as ou xerentes, xuntarase copia do contrato e alta na Seguridade Social.

e) Cando se trate da axuda excepcional de inicio da actividade, facturas xustificativas da realización do total destes gastos e xustificantes dos pagamentos realizados.

f) Nas axudas da base cuarta (programa IV) e co obxecto de acreditar a adquisición da condición de socio/a e o recoñecemento do desembolso das achegas e cotas de ingreso, se é o caso, deberá presentarse certificado da cooperativa relativo ás anotacións realizadas no libro de achegas ao capital social así como no libro de socios e socias.

4. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación exixida para a fase de pagamento, xeral ou específica, poderá presentarse xunto coa solicitude a opción do/a interesado/a; neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

5. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación.

6. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención mentres o/a beneficiario/a non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedor/a en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

Artigo 9º.-Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia.

1. A persoa ou entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo II desta orde.

2. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria, en que se incluirán todos os custos directamente derivados dela, tales como custo total do activo e os custos de persoal calculados sobre o período que deban manterse os postos de traballo creados, de ser o caso.

3. As axudas e subvencións establecidas nesta orde serán incompatibles, agás a axuda pola adquisición

da condición de socio ou socia traballador/a, coas axudas establecidas nos programas de apoio a iniciativas de emprego, de iniciativas de emprego de base tecnolóxica, de promoción do emprego autónomo, de centros especiais de emprego e de promoción do emprego autónomo das persoas afectadas por diversidade funcional, convocados pola Consellería de Traballo.

4. Ademais, as axudas pola incorporación de socios e socias traballadores/as ou de traballo serán incompatibles con outras axudas ou subvencións que se poidan conceder pola mesma causa e concepto ao abeiro doutros programas de fomento do emprego, agás as bonificacións de cotas á Seguridade Social que se establezan na normativa estatal.

5. Así mesmo, a axuda para contratación de directores/as ou xerentes poderá ser compatible coas bonificacións de cotas á Seguridade Social que se establezan na normativa estatal.

6. As subvencións para o financiamento de proxectos de investimento serán incompatibles con calquera outro tipo de axuda para igual finalidade.

7. As axudas previstas no programa III: impulso de proxectos empresariais cooperativos, serán compatibles co resto das previstas nesta orde.

8. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos nesta orde.

9. O importe máximo das axudas para cada finalidade deberá respectar os límites que se establecen nas bases reguladoras dos distintos programas.

Artigo 10º.-Obrigas dos/as beneficiarios/as.

Son obrigas dos/as beneficiarios e beneficiarias das axudas e subvencións:

a) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, ou cinco no caso das axudas aos investimentos do programa II desta orde, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar fidedignamente.

As cooperativas e sociedades laborais beneficiarias destas axudas están obrigadas a manter, polo menos durante tres anos, como socio ou socia traballador/a ou de traballo á persoa pola que se concede a subvención. No suposto de baixa na sociedade no dito período, teñen a obriga de substituílo/a por outra persoa e polo período que reste ata completar os tres anos, ou a reintegrar as cantidades percibidas, cos seus xuros de demora, estando obrigadas a lle comunicar a baixa ao órgano concedente no prazo dun mes contado desde aquel en que esta se producise. Cando a axuda se concedese pola incorporación dunha persoa pertencente a un colectivo determinado, a substitución

deberá ser realizada por outra persoa pertencente a algún dos colectivos polos que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior á da persoa que causase baixa. Esta substitución deberá realizarse no prazo máximo de seis meses desde a data da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ao órgano competente que concedese a subvención, no mes seguinte á substitución. Esta nova incorporación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda.

c) Manter, polo menos, durante un período de cinco anos unha forma xurídica de entre as elixibles para resultar beneficiaria da subvención concedida.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos/as beneficiarios/as e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo ou polo Feder, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1159/2000, da Comisión, do 30 de maio de 2000, sobre actividades de información e publicidade.

f) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 12º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido

da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 13º.-Seguimento e control.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Traballo levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos os/as beneficiarios/as deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 14º.-Axudas baixo condicións de minimis.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo tanto non poderán exceder os límites cuantitativos (100.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOCE nº L10, do 13-1-2001).

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquelas que de acordo co artigo 35.

f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración actuante.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo nas delegacións provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, e na Dirección Xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Terceira.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

O pagamento das axudas e subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente.

Cuarta.-Se, unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resultase remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2007.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

ANEXO I

Bases reguladoras dos programas de promoción e divulgación do cooperativismo e de fomento do emprego en empresas de economía social

Base primeira.-Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

1. Finalidade.

Este programa está dirixido a fomentar a incorporación do persoal desempregado e traballadores/as con carácter temporal, como socios e socias traballadores/as ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido.

2. Beneficiarios/as.

2.1. Poderán acollerse ás axudas previstas neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como socios e socias traballadores/as ou de traballo as persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego pertencentes a algún dos seguintes colectivos:

a) Mocidade menor de 25 anos.

b) Persoas maiores de 25 anos e menores de 30 que finalizaran a súa educación a tempo completo nos dous anos anteriores á súa incorporación e que non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado.

c) Persoas desempregadas maiores de 45 anos.

d) Traballadores e traballadoras a quen se lles recoñecese o aboamento da prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único.

e) Mulleres desempregadas que se incorporen como socias tras unha ausencia do mercado de traballo non inferior a 24 meses.

f) Mulleres desempregadas que se incorporen como socias nos 24 meses seguintes á data do parto, adopción ou acollemento.

g) Mulleres desempregadas cando se incorporen para prestar servizos en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino, de acordo co disposto na orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de setembro de 1998 (BOE do 29 de setembro).

h) Persoas titulares de familias monoparentais e con responsabilidades familiares. Terá esta consideración, aquela persoa solteira, viúva, separada ou divorciada que teña ao seu coidado fillos ou fillas menores de 21 anos ou persoas maiores incapacitadas que non obteñan ingresos de calquera natureza superiores ao 75% do salario mínimo interprofesional vixente no momento da solicitude.

i) Mulleres maiores de 25 anos e menores de 45.

j) Persoas desempregadas que realizasen, no ano da presentación da solicitude ou nos dous anos naturais anteriores, cursos de formación profesional ocupacional do Plan FIP directamente relacionados co posto de traballo a que se incorporan.

k) Persoas desempregadas que participasen, no ano de presentación da solicitude ou nos dous anos anteriores, como alumnado en escolas obradoiro, casas de oficio ou en obradoiros de emprego directamente relacionadas no seu contido co posto de traballo ao que se incorporan; ou ben, que traballasen no ano da presentación da solicitude ou no ano natural anterior en obras ou servizos de interese xeral realizados en virtude doutros programas de fomento do emprego.

l) Persoas en situación de desemprego de longa duración que estivesen sen traballo e inscritas na oficina de emprego durante polo menos 12 dos anteriores 16 meses, ou durante 6 dos anteriores 8 meses, se fosen menores de 25 anos.

m) Persoas desempregadas afectadas por diversidade funcional cun grao de minusválidez non inferior ao 33%.

n) Persoas desempregadas en situación de risco de exclusión social pertencentes a algún dos seguintes colectivos:

-Perceptores/as da renda de integración social de Galicia ou aqueles/as que non poidan acceder a ela, ben por falta do período exixido de residencia ou empadroamento, ou ben por ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecido, ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

-Persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes coa debida acreditación ou autorización.

-Internos/as de centros penitenciarios cuxa situación penitenciaria lles permita acceder a un emprego, así como liberados/as condicionais ou exreclusos e exreclusas que non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

-Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral.

-Mulleres que abandonasen o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral.

-As persoas que teñan acreditada pola administración competente a condición de vítima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.

-Menores internos/as incluídos/as no ámbito de aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, cuxa situación lles permita acceder a un emprego, así como os que estean en situación de liberdade vixiada e os/as exreclusos/as.

-A mocidade que estea ou estivese ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autonómica.

-Traballadores e traballadoras inmigrantes que pasen a ser residentes da comunidade cuxas características condicionen a súa integración social.

-Emigrantes retornados e retornadas con graves necesidades persoais ou familiares. Terán a consideración de retornados/as aqueles/as emigrantes que cumpran coa condición de que non transcorresen máis de dous anos entre a data do retorno e a data da alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

-Persoas que formen parte de colectivos ou minorías cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.

ñ) Traballadores e traballadoras desempregados/as por mor dalgunha das causas previstas nos artigos 50, 51 e 52 b) e c) do Estatuto dos traballadores ou que procedan de empresas inmersas nalgún outro proceso de reestruturación ou reconversión, ou do peche da empresa de procedencia, polas causas previstas no artigo 49.1º g) do Estatuto dos traballadores, agás no caso de que na empresa a que se incorporen participe o empresario/a ou persoas que participasen no capital social da extinta empresa, directa ou indirectamente, ou persoas da súa familia ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

2.2. Para os efectos desta axuda, o requisito de estar desempregado/a e inscrito/a como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego deberá cumprirse na data de alta do socio ou socia traballador/a no correspondente réxime da Seguridade Social.

2.3. Poderán resultar, así mesmo, beneficiarios e beneficiarias os traballadores ou traballadoras vinculados/as á empresa por un contrato de traballo temporal non superior a 24 meses, cunha vixencia mínima de 6 meses á data da súa incorporación.

2.4. A incorporación deberá supoñer incremento do emprego fixo e do número de socios e socias traballadores/as ou de traballo da entidade beneficiaria da axuda, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias por quen se percibe a axuda. Para os efectos do incremento do emprego non se terán en conta os traballadores e traballadoras temporais.

Non poderá concederse esta axuda cando se trate da incorporación de socios ou socias traballadores/as ou de traballo que tivesen tal condición na mesma empresa nos dous anos anteriores a súa incorporación como socios/as.

3. Modalidades e contía das axudas.

3.1. Pola incorporación de socios e socias traballadores/as ou de traballo a cooperativas ou sociedades laborais, a contía da axuda será:

-De ata 5.500 euros por cada persoa desempregada que se incorpore a xornada completa como socio ou socia traballador/a ou de traballo nunha cooperativa ou sociedade laboral pertencente aos colectivos das letras a, b, c, d, h, j, k, l, ñ do número 2 anterior, así como no suposto da incorporación como socio ou socia traballador/a ou de traballo das persoas vinculadas á empresa por un contrato temporal. Este incentivo incrementarase en 300 euros se a persoa incorporada é menor de 30 anos. Se a persoa incorporada pertence a calquera destes colectivos e é muller a contía da subvención será de ata 7.000 euros.

-De ata 7.000 euros, no suposto das letras e), f), g) e i).

-De ata 8.000 euros, no suposto da letra n).

-De ata 10.000 euros, no suposto da letra m).

No suposto de que a xornada de traballo do socio ou socia traballador/a ou de traballo incorporado/a sexa a tempo parcial, a contía da axuda será proporcional ao tempo efectivo de duración da xornada.

Base segunda.-Programa II: mellora da competitividade en cooperativas e sociedades laborais.

1. Finalidade.

Este programa esta dirixido a apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación e modernización das empresas de economía social, mediante unha mellora da súa competitividade, facilitando así a súa consolidación, mediante subvencións financeiras e subvencións directas para financiamento e adquisición de inmobilizado e mediante axudas para a contratación de director/a ou xerente.

A subvención financeira e a subvención directa teñen por obxecto facilitar o financiamento dos investimentos realizados por cooperativas ou sociedades laborais en inmobilizado material ou inmaterial, que sexan necesarios para a súa posta en funcionamento ou ampliación así como para a incorporación de novas tecnoloxías da información e as comunicacións.

A contratación de director/a ou xerente oriéntase a mellorar a xestión empresarial cara a procurar a viabilidade da empresa e a boa fin do proxecto de investimento.

2. Beneficiarios/as.

Poderán acollerse ás subvencións para a realización de investimentos previstos neste programa as cooperativas con socios e socias traballadores/as ou de traballo e as sociedades laborais. No caso das axudas para a contratación de director/a ou xerente, poderán resultar beneficiarias as cooperativas de traballo asociado e as sociedades laborais.

A solicitude deberá formalizarse con anterioridade ao inicio da execución dos proxectos de investimento ou á contratación do persoal de dirección ou xerencia, segundo o caso.

3. A subvención financeira.

Consistirá na redución de xuros de préstamos para financiar investimentos en inmobilizado material e inmaterial, concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Traballo.

Esta subvención, pagadoira dunha soa vez, será, como máximo de catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo, sen que en ningún caso, o tipo de xuro que deba satisfacer o/a beneficiario/a, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto. A contía calcularase como se a subvención se devengase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia.

A contribución do/a beneficiario/a ao financiamento dos investimentos deberá ser como mínimo do 25 por cento; sendo, en todo caso, o importe máximo desta subvención de 3.000 euros por socio ou socia traballador/a ou de traballo, integrante da cooperativa ou sociedade laboral cun posto de traballo que non se tivese en conta con anterioridade para a concesión de axudas para financiar investimentos.

4. A subvención directa para a adquisición de inmobilizado material e inmaterial.

Poderá concederse para a realización de investimentos que contribúan á creación, consolidación ou mellora da competitividade de cooperativas e sociedades laborais, cun importe máximo de ata o 50 por cento do custo de adquisición dos activos, excluídos impostos.

A contribución do/a beneficiario/a ao financiamento dos investimentos deberá ser como mínimo do 25 por cento; sendo, en todo caso, o importe máximo desta subvención de 3.000 euros por cada socio ou socia traballador/a ou de traballo integrante da cooperativa ou sociedade laboral cun posto de traballo que non fose tido en conta con anterioridade para a concesión de axudas para financiar investimentos. No suposto de que a adquisición dos activos se financie parcialmente mediante préstamos para os cales se solicitase subvención de xuros, a determinación da subvención directa realizarase a partir do importe non financiado polos ditos préstamos.

5. Normas comúns á subvención financeira e a subvención directa para adquisición de inmobilizado material e inmaterial.

5.1. Poderán ser obxecto de subvencións os investimentos en terreos, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, útiles, mobiliario, elementos de transporte e equipamentos para procesos de información, así como os activos inmateriais vinculados coas novas tecnoloxías da información e as comunicacións. O investimento obxecto de subvención deberá manterse durante un período mínimo de 5 anos, agás bens amortizables cun período inferior, en cuxo caso deberá manterse polo menos polo dito período.

5.2. Os investimentos realizaranse mediante a compra de activos novos. Non obstante, naqueles casos en que os investimentos se realicen mediante a compra de equipamentos de segunda man deberán cumprirse os requisitos seguintes:

a) Vendedor ou vendedora do equipamento deberá facilitar unha declaración sobre a orixe do dito equipamento, confirmando que durante os últimos sete anos non se comprou con subvencións nacionais ou comunitarias.

b) Acreditar, mediante un certificado expedido por un perito/a independente, que o prezo dos equipamentos non é superior ao valor de mercado nin ao custo dun equipamento novo similar, que reúnan as características técnicas requiridas para a operación e que cumpran as normas aplicables.

5.3. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto nesta orde e no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto do custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo, o/a beneficiario/a deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores/as, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6. Axuda para a contratación de directores/as ou xerentes.

Poderanse subvencionar os gastos ocasionados pola contratación de directores/as ou xerentes que sexan necesarios para a viabilidade da empresa ou a boa fin do proxecto de investimento de que se trate. Dado o seu carácter excepcional para a súa concesión a sociedade deberá xustificar a súa necesidade e a dificultade da cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral para facer fronte ao custo correspondente cos seus propios recursos.

Esta contratación subvencionarase por un período máximo dun ano ata o 50% do seu custo total, sen que poida superar a contía de 20.000 euros por cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral. Deberase respectar o disposto para a contratación de persoal asalariado pola lexislación vixente de cooperativas e sociedades laborais e asumir a obriga de manter no cadro de persoal da entidade ao director/ra ou xerente, como mínimo, polo tempo subvencionado.

Base terceira.-Programa III: impulso de proxectos empresariais cooperativos.

1. Finalidade.

Este programa ten como finalidade esencial fomentar e promover o cooperativismo no ámbito da comunidade autónoma, concedendo axudas económicas que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais que se articulen baixo a fórmula cooperativa, tanto para aqueles que sexan de nova creación como para os xerados polas entidades existentes. Poderán ter a consideración de proxectos subvencionables, entre outros, a constitución de novas cooperativas ou o lanzamento de novas áreas funcionais ou territoriais de actividade polas cooperativas en funcionamento.

Procúrase, así mesmo, facilitar a incorporación de socios e socias traballadores/as procedentes de procesos de reestruturación, reconversión ou peche de empresas, aos devanditos proxectos.

2. Beneficiarios/as.

Poderán ser beneficiarios/as das axudas previstas neste programa, os/as promotores/as de proxectos cooperativos que realicen as actividades obxecto da axuda desde o 16 de setembro de 2006 ata o 15 de setembro de 2007. Unicamente se poderá presentar unha solicitude por cada proxecto empresarial.

Consideraranse como promotores/as para os efectos desta orde, as persoas físicas ou xurídicas que promovan a constitución dunha cooperativa para incorporarse como socios/as de pleno dereito, as cooperativas de nova creación ou as que acometan novos proxectos empresariais.

No caso de procesos previos á constitución da cooperativa, os/as promotores/as deberán designar de entre eles/as a quen posúa a representación conxunta e teña a consideración de beneficiario/a para efectos da tramitación da axuda.

3. Modalidades e contía das axudas.

Poderán ser obxecto de subvención ata o 75% dos gastos ocasionados con motivo de:

3.1. Realización de actividades previas ao inicio da actividade, tales como asistencias técnicas para a orientación e acompañamento do proxecto e accións formativas e informativas dos promotores ou promotoras, así como asistencias técnicas para a elaboración do plan empresarial da cooperativa, e o seu seguimento e asesoramento na execución, ata un máximo de 2.000 euros por promotor/a co limite de 30.000 euros por proxecto.

A asistencia técnica prevista neste punto, unicamente poderá ser prestada por persoas físicas, asociacións de cooperativas e outras entidades que subscriban o convenio marco de colaboración para a mellora da xestión, promovido pola Consellería de Traballo, e cumpran os requisitos establecidos nel.

3.2. Asistencia técnica consistente na elaboración de estudos de viabilidade, de organización, de comercialización, auditorías e outros informes económicos, así como no asesoramento para a elaboración dos estatutos sociais, formalización e inscrición da escritura pública e demais trámites derivados do proceso de constitución da cooperativa ata un máximo de 2.000 euros.

A asistencia técnica poderá ser prestada por persoas físicas, asociacións de cooperativas, e outras entidades, que acrediten a súa solvencia profesional por medio de titulación académica oficial suficiente para a prestación do servizo. No caso de persoas xurídicas, o/a posuidor/a da titulación debera acreditar o seu vínculo coa entidade.

3.3. Cando se trate de promotores/as de proxectos empresariais cooperativos procedentes de procesos de reconversión, reestruturación ou peche de empresas, tamén poden ser obxecto de subvención ata o 75% dos gastos en que incorran para a súa adaptación ás características do novo proxecto empresarial, derivados da mobilidade xeográfica ou funcional, da incorporación a novos procesos e tecnoloxías, ou do cambio de estrutura xurídica empresarial, ata un máximo de 2.000 euros por promotor ou promotora.

Para acceder a esta modalidade, deberá acreditarse que os/as promotores/as están desempregados/as por algunha das causas previstas nos artigos 49.1º g) 50, 51 e 52 b) e c) do Estatuto dos traballadores, ou que procedan de empresas inmersas nalgún outro proceso de reestruturación ou reconversión.

3.4. Axuda excepcional para o lanzamento de actividade de cooperativas de traballo asociado ou que asocien traballadores/as. O importe desta axuda que se concederá por unha soa vez a entidades de nova creación, consistirá nunha subvención de ata o 50% dos gastos necesarios para o inicio da actividade, cun máximo de ata 3.000 euros por cada socio ou socio traballador/a que, no momento da súa alta na Seguridade Social, fose desempregado/a con inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego.

Entenderase por entidade de nova creación aquela que inicie a súa actividade con posterioridade ao 30 de setembro de 2006, considerando como data de inicio a de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, a de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda. Serán subvencionables, a través desta axuda, os gastos pola compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local e maquinaria, publicidade, subministracións, sempre que se realicen no primeiro ano desde o inicio da actividade.

Base cuarta.-Programa IV: fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a.

1. Finalidade

Este programa ten como obxectivo o fomento do acceso á condición de socios e socias traballadores/as de cooperativas, como xeito de promocionar o cooperativismo facilitando a participación e plena integración na empresa, mediante a concesión de axudas económicas destinadas a financiar, parcialmente, a achega ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socia ou socio.

2. Beneficiarios/as.

Persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que accedan á condición de socio/a dunha cooperativa de traballo asociado e persoas asalariadas das sociedades cooperativas que accedan á condición de socio/a traballador/a. En ambos os casos cando a incorporación se produza no período comprendido entre o 16 de setembro de 2006 e o 15 de setembro de 2007 e sempre que non percibisen axuda para incorporación como socio/a traballador/a nos catro anos inmediatamente anteriores.

Será necesario acreditar o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, respecto aos topes máximos de traballadores/as por conta allea, así como establecer un plan específico que contemple medidas que aseguren a progresiva incorporación dos/as asalariados/as á condición de socios/as, se é o caso.

3. Contía das axudas.

A contía das axudas poderá ascender ata 4.000 euros, sen que en ningún caso poda ser superior á contía que corresponda subscribir en concepto de achega de capital social e cota de ingreso, pola incorporación como socio ou socia traballador/a. A contía máxima da axuda, no momento do seu pagamento, non poderá ser superior aos importes efectivamente desembolsados en concepto de achega ao capital social e cota de ingreso.

O importe das axudas será recoñecido como achegas obrigatorias desembolsadas da nova socia ou do novo socio ao capital social e non poderá ser obxecto de reembolso nin transmisión por actos inter vivos, durante un período mínimo de cinco anos. Non obstante, o socio ou socia que cause baixa obrigatoria poderá transmitir a súa achega a favor da persoa que se incorpore para a súa substitución nas mesmas condicións e ata o final do referido período, como mínimo. Igualmente poderá ser recoñecido como cota de ingreso, incorporándose ao Fondo de reserva obrigatorio da entidade.

Base quinta.-Programa V.-: actividades de promoción do cooperativismo e adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións.

1. Finalidade.

Este programa ten como finalidade apoiar o desenvolvemento de actividades para o fomento do cooperativismo e a incorporación das cooperativas ás tecnoloxías da información e as comunicacións, subvencionando parcialmente os gastos necesarios para a súa realización e para o desenvolvemento dos procesos de adaptación necesarios.

2. Beneficiarios/as.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as sociedades cooperativas, legalmente constituídas e inscritas nos rexistros de cooperativas dependentes da Xunta de Galicia, que realicen as devanditas actividades desde o 1 de xaneiro ata o 15 de novembro do ano 2007.

3. Modalidades e contía das axudas.

3.1. Na modalidade de fomento do cooperativismo, as actividades obxecto de subvención poderán consistir na organización de cursos, xornadas, conferencias e simposios; na elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos de investigación, manuais e folletos divulgativos; na elaboración de proxectos de intercooperación e integración; na asistencia a feiras, mostras e congresos, así como calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo.

A contía das axudas previstas neste programa non poderá superar o 75% dos gastos necesarios para a súa realización, ata un máximo de 20.000 euros por beneficiario/a. Establécense, así mesmo, os seguintes límites subvencionables para as actividades que se indican a continuación:

-Actividades divulgativas ou formativas de duración inferior a 10 horas: ata 2.000 A.

-Actividades divulgativas ou formativas de duración superior a 10 horas: ata 3.000 A

-Asistencia a feiras e mostras: ata 5.000 A.

3.2. Na modalidade de adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións, poderán ser obxecto de subvención os programas que recollan algunha das seguintes actuacións:

-Elaboración da paxina web da entidade cooperativa e a súa incorporación a redes informáticas, ata un máximo de 3.000 A.

-Implantación de sistemas telemáticos para a xestión empresarial e comercio electrónico, ata un máximo de 6.000 A.

En todo caso, a contía das axudas previstas nesta modalidade non poderá superar o 75% dos gastos necesarios para a súa realización, ata un máximo de 6.000 euros por beneficiario/a.

4. Criterios de avaliación.

A concesión e contía das axudas, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:

1º) Pola adecuación aos obxectivos e liñas de actuación do Plan estratéxico para o cooperativismo, ata un máximo de 30 puntos. No caso da modalidade 3.2 esta puntuación outorgarase en función do carácter integral do proxecto presentado que fomente a inmersión da cooperativa nas tecnoloxías da información e as comunicacións.

2º) Por propostas innovadoras ou que pola súa singularidade acheguen novos enfoques e perspectivas ao cooperativismo ou á súa promoción, ata un máximo de 25 puntos. No caso da modalidade 3.2 esta puntuación outorgarase polo establecemento de canles áxiles e estables de comunicación interna cos socios e socias da cooperativa.

3º) Pola solvencia da entidade solicitante para levar a cabo a actividade, acreditada mediante memoria específica, e o cumprimento dos compromisos derivados de actividades subvencionadas anteriormente, de ser o caso, ata un máximo de 20 puntos.

4º) Pola, adecuación dos medios previstos e viabilidade do proxecto presentado, ata un máximo de 15 puntos.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI

ANEXO III

Documentación xeral e específica

1. Documentación xeral para todos os programas.

a) Fotocopia compulsada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da ou do solicitante.

b) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, de ser o caso.

c) Alta no IAE ou, de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda. No suposto de que se solicite subvención financeira e/ou subvención directa para a adquisición de inmobilizado material e inmaterial con anterioridade ao inicio da actividade, deberá achegarse na fase de xustificación do pagamento.

d) No suposto de cooperativas ou sociedades laborais de nova creación deberá presentarse unha memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo que se van crear, un breve currículo das persoas promotoras, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. A memoria deberá axustarse aos modelos tipo que facilite a Consellería de Traballo.

e) Certificación da entidade bancaria acreditativa de que quen solicita é titular da conta que indica na ficha de solicitude da transferencia bancaria (segundo o modelo do anexo IX).

f) Declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras subvencións (segundo o modelo do anexo VIII). Na mesma declaración deberán indicarse todas as axudas de mínimis recibidas durante os tres anos anteriores á data da solicitude, así como das solicitadas e que se atopen pendentes de resolver.

As entidades que soliciten máis dun programa dos previstos nesta orde, unicamente deberán xuntar un exemplar da documentación xenérica coa primeira das solicitudes presentadas, facendo constar tal circunstancia nas posteriores. En todo caso, todas as solicitudes deberán presentarse acompañadas da documentación específica para o programa respectivo.

2. Documentación específica.

Programa I.-Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

Documentación específica para a axuda pola incorporación de socios e socias traballadores/as ou de traballo.

a) DNI, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos socios e socias traballadores/as ou de traballo por quen se solicita subvención, agás cando o traballador ou traballadora vinculado/a á empresa cun contrato laboral de carácter temporal se incorpore como socio ou socia traballador/a ou de traballo, que non deberán presentar as devanditas certificacións.

b) Documentos acreditativos da concorrencia das circunstancias recollidas no número 2 da base terceira, se é o caso. A comprobación da condición de persoa afectada por diversidade funcional realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 1.2º da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, no suposto de pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez acreditarase mediante certificación do Instituto Nacional da Seguridade Social da condición de pensionista na data da incorporación. No suposto de pensionistas de clases pasivas mediante certificación da condición de pensionista por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade por clases pasivas do Ministerio de Economía y Hacienda ou do órgano de procedencia do funcionario/a na data de incorporación.

c) Certificado de alta e permanencia como socio ou socia traballador/a ou de traballo emitido pola cooperativa ou sociedade laboral e documentos de alta na Seguridade Social. No certificado de incorporación deberá constar expresamente a declaración de que o traballador ou traballadora que se incorpora como socio ou socia non tivo nos dous últimos anos na entidade tal condición (segundo o modelo do anexo IV).

d) Certificación da relación nominal dos socios ou socias traballadores/as ou de traballo e do persoal asalariado fixo no ano inmediatamente anterior á data da nova incorporación, con indicación das altas e baixas no dito período (segundo o modelo do anexo V).

e) No suposto de traballadores ou traballadoras vinculados/as á empresa por contrato laboral de carácter temporal, copia do contrato de traballo, documento de alta inicial na Seguridade Social, así como xustificante da comunicación á Seguridade Social dos cambios producidos.

f) Cando se trate da incorporación dun socio ou socia que vaia realizar unha xornada a tempo parcial, unha copia do contrato de traballo no caso de sociedades laborais. De tratarse de cooperativas, certificado en que conste a duración da xornada que ten fixada a persoa que se incorpora.

Programa II.-Mellora da competitividade en cooperativas e sociedades laborais.

1. Documentación específica para a subvención financeira e para a subvención directa para a adquisición de inmobilizado material ou inmaterial:

a) Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimento e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da axuda e xustificación da súa necesidade e na cal deberán constar necesariamente, entre outros, os seguintes extremos: sector de actividade económica, número de empregos creados, número de empregos mantidos, tipo de proxecto e se está relacionado coa sociedade de información así como se o proxecto necesita declaración de impacto ambiental.

b) Compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo no cal figuren as súas características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (segundo modelo do anexo VII) ou, de ser o caso, o contrato de préstamo.

c) Certificación da relación nominal de socios ou socias traballadores/as ou de traballo, con indicación daquelas persoas que hai que ter en conta para o cálculo da subvención e copia do DNI destas (segundo modelo do anexo VI).

d) Facturas pro forma ou orzamentos dos activos do inmobilizado material e inmaterial e, cando proceda, xustificacións das ofertas solicitadas e memoria da proposta seleccionada.

2. Documentación específica para a axuda para a contratación de directores/as ou xerentes:

a) O curriculum vitae da persoa que se vaia contratar.

b) Memoria xustificativa da necesidade da contratación do persoal cualificado e da dificultade para facer fronte ao seu pagamento cos seus propios medios e con indicación, desagregada por conceptos, do custo total da contratación.

c) No suposto de non ser unha sociedade de nova creación, balance de situación e conta de resultados dos dous últimos exercicios.

Programa III.-Impulso de proxectos empresariais cooperativos.

a) Memoria da actividade para a cal se solicita a subvención na cal consten as liñas xerais do proxecto, o resto de actividades previstas para a súa posta en marcha, a relación de promotores ou promotoras e o investimento previsto.

b) Factura ou orzamento individualizado correspondente a cada concepto subvencionable, e cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes, acompañado da documentación que acredite a habilitación legal e a debida cualificación para a prestación do servizo, nos termos previstos no número tres da base terceira.

c) No suposto de promotoras ou promotores que aínda non constituísen a sociedade cooperativa, acta de designación da persoa solicitante como beneficiaria debidamente asinada polas persoas promotoras, acompañada de fotocopia compulsada dos documentos de identidade de todas elas.

d) Para as persoas promotoras procedentes de empresas en proceso de reconversión, reestruturación ou peche que soliciten a subvención para a adaptación, debe acreditarse a súa procedencia nos termos previstos no número tres da base terceira, e presentar os documentos orixinais ou copias autenticadas acreditativos dos gastos realizados, xunto coa memoria explicativa do seu caracter imprescindible.

e) Documentación específica para a axuda excepcional de inicio da actividade:

a. Certificación da relación nominal de socios e socias traballadores/as e copia do DNI de cada un deles/as, con indicación daquelas persoas polas cales se solicita subvención (segundo modelo do anexo VI).

b. Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego, dos socios e socias traballadores/as por quen se solicita a subvención.

c. Certificado de alta e permanencia como socio ou socia traballador/a emitido pola cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral e documentos de alta na Seguridade Social.

d. Orzamento total dos gastos necesarios para o inicio da actividade, con indicación daqueles a que se vai destinar a subvención, así como das fontes de financiamento, xunto coas facturas, facturas pro forma, orzamentos ou declaración da previsión de gastos.

Programa IV.-Fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a.

a) Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesouraría Xeral da Seguridade Social, de ser o caso.

b) Certificación da incorporación á cooperativa de traballo asociado e documentos de alta na Seguridade Social.

c) Certificación emitida pola cooperativa de traballo asociado do importe das achegas subscritas para adquirir a condición de socio ou socia traballador/a.

d) Certificación do número de persoas asalariadas da cooperativa que acredite o cumprimento das previsións sobre número máximo de persoas asalariadas e, de ser o caso, plan específico de incorporación de persoal asalariado.

e) Certificación do acordo da asemblea xeral da cooperativa relativo á aprobación da contía das achegas obrigatorias dos/as novos/as socios/as e da conta de ingreso, se é o caso.

f) Certificación do acordo do consello reitor da cooperativa relativo á admisión como socios/as e a inexistencia de impugnacións ao respecto.

Programa V.-Actividades de promoción do cooperativismo e adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións.

a) Memoria das actividades da entidade solicitante con especial referencia ás de fomento do cooperativismo.

b) Proposta das actividades para as cales se solicita a subvención especificando a súa finalidade, os/as destinatarios/as e os medios previstos para a súa realización, así como informe relativo á capacidade profesional das persoas intervenientes e un orzamento detallado, cuantificado economicamente en todos os seus puntos, que concrete a achega que realizará a entidade solicitante no seu financiamento.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI